Orde do 9 de febreiro de 2010 sobre a aprobacion definitiva do Plan Xeral de Ordenacion Municipal do Concello de Touro (A Coruña). - Diario Oficial de Galicia, de 26-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 39
  • Fecha de Publicación: 26/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello de Touro remite o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. Na actualidade o Concello de Touro carece de planeamento urbanístico municipal, polo que son de aplicación subsidiaria as normas provinciais do ano 1991.

2. Con data do 3 de novembro de 2005 a CPTOPT emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1º da LOUG.

3. O Concello de Touro aprobou inicialmente o PXOU na sesión plenaria do día 8 de xuño de 2006, someténdoo a información pública e solicitando os informes sectoriais correspondentes.

4. O Concello Pleno aprobou provisionalmente o PXOM o 7 de novembro de 2007, logo dos informes emitidos polos servizos xurídico e técnico.

5. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) resolveu, con data do 27 de outubro de 2008, declarar a inviabilidade do sometemento do PXOM de Touro aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

6. A CPTOPT mediante Orde do 9 de febreiro de 2009 acordou, de conformidade co disposto no artigo 85.5º b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Touro, instando á introdución das modificacións necesarias para corrixir certas deficiencias.

7. O Pleno do Concello de Touro, en sesión do 23 de outubro de 2009, adoptou acordo de aprobación do documento do PXOM coas rectificacións exixidas pola orde da CPTOPT do 9 de febreiro de 2009.

8. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI resolveu, con data do 26 de novembro de 2009 facer extensiva a Resolución do 27 de outubro de 2008, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, ao PXOM aprobado no Pleno municipal do 23 de outubro de 2009.

9. Con data do 11 de decembro de 2009 recíbese informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento sobre o PXOM de Touro.

II. Consideracións e fundamentos.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo eleva nesta mesma data unha proposta, que se subscribe integramente, en que se fan as seguintes consideracións ao respecto da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Touro:

1. Púidose comprobar que no PXOM aprobado polo Pleno do Concello de Touro o 23 de outubro de 2009 aparecen corrixidas as deficiencias sinaladas na Orde do 9 de febreiro de 2009.

2. As limitacións establecidas para a instalación de torretas e bases de telefonía no territorio municipal suxeitaranse ás consideracións indicadas no informe preceptivo previsto no artigo 26 da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións.

III. Resolución.

Con base no antedito,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Touro, de acordo co punto 5 a) do artigo 85 da LOUG, nos termos sinalados nos puntos II.1 e II.2 anteriores.

Segundo.-De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma