ORDE do 9 de novembro de 2011 pola que se dita a normativa para a pesca de lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, para o ano 2012., - Diario Oficial de Galicia, de 14-11-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 217
  • Fecha de Publicación: 14/11/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 8 da Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia, establece que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establecerá os réximes especiais que se consideren pertinentes.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradiconais que están prohibidos para o resto das especies.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Tea, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2012.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

É obxecto desta norma a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromizon marinus) nas augas do río Tea durante o ano 2012.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Artigo 3. Modalidade de pesca.

Os medios autorizados para a pesca da lamprea no Tea serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en voadizo sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non superará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

No caso de que a suxeición da estacada a terra sexa ás árbores de ribeira, deberán tomarse as medidas necesarias para que ditas árbores non resulten danadas.

As estacadas deberán cumprir as seguintes condicións:

• Deberán estar debidamente numeradas e situadas, de conformidade co recollido no anexo, onde as fixe sobre o terreo o persoal da Consellería do Medio Rural. En ningún caso se poderán montar fóra do lugar establecido, salvo por razóns excepcionais e logo de solicitude e autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra; e tampouco se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de dúas estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente, solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

• Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso as dimensións das estacadas superarán a metade do río.

* Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servizo de Conservación da Natureza, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial, e 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

• Na iluminación da estacada só se poderán utilizar lámpadas da mesma potencia, de forma que todo o tramo quede iluminado coa mesma intensidade e colocadas en liña paralela á estacada, prohibíndose focos ou similares.

• Finalizado o réxime especial o día 28 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retiraren as estacadas e demais instalacións, deixando o contorno libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas na oficina do Distrito Ambiental de Ponteareas, na rúa Paseo Matutino, n.º 25-1.º A-B ou no Servizo de Conservación da Natureza, rúa Fernández Ladreda, 43-2.º, en Pontevedra.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán todas as persoas autorizadas solidariamente.

Artigo 4. Período hábil.

O período hábil de pesca será desde o 16 de xaneiro ata o 28 de abril.

A pesca realizarase en días alternos, pescando aos luns, mércores e venres desde as estacadas impares e aos martes, xoves e sábados desde as pares.

Artigo 5. Horario hábil.

As persoas que pesquen aos luns, mércores e venres comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte.

As persoas que o fagan aos martes, xoves e sábados comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte.

Prohíbese a pesca desde as 8.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Artigo 6. Pescadores.

Todas as persoas que estean interesadas nesta pesca deberán participar no sorteo público que celebrará o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, na data, a hora e o lugar que se indica máis adiante, no cal se adxudicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas, para o cal deberán:

1. Presentar solicitude dirixida ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra en soporte papel, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, no rexistro da consellería, nos dos seus departamentos territoriais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, tamén se poderá obter na páxina web desta consellería:

http:/mediorural.xunta.es/areas/conservacion/pesca_fluvial/licenzas_e_outras_solicitudes/ Co fin de facilitar a súa formalización, a citada solicitude poderá cubrirse directamente nos formularios publicados na citada páxina web, imprimíndoa posteriormente para os efectos da súa presentación. Así mesmo, tamén poderán cubrilos á máquina ou á man, pero, neste último caso, con carácteres lexibles.

2. A presentación do NIF só será obrigada no caso de que o solicitante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do sistema de verificación de datos de identidade, do Ministerio da Presidencia.

Artigo 7. Período de solicitude.

Desde o día seguinte ao da publicación desta normativa ata as 14.00 horas do 30 de novembro de 2011.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores xuntándose na mesma solicitude. De se comprobar que o nome dun pescador aparece reflectido en máis dunha solicitude, procederase á súa anulación.

Artigo 8. Sorteo.

O sorteo para a adxudicación dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 13 de xaneiro de 2012, ás once horas.

Cada solicitante elixirá a estacada despois de presentar o DNI, pola orde obtida no sorteo.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Artigo 9. Permisos.

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de permisos de 4.ª categoría para toda a tempada, logo de pagamento do prezo público que corresponda e presentación da licenza de pesca.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non sexa o seu propio, nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas, que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición da gardaría de Conservación da Natureza e deberán ser entregados no prazo de 15 días unha vez rematada a temporada de pesca. O cumprimento destes requisitos será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Artigo 10. Limitacións e prohibicións.

Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licenza de pesca e autorizados cos permisos de 4.ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas ao de pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou espantar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.

Así mesmo, prohíbese atar as fisgas a calquera tipo de cordeis.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non podendo causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licenza especial para embarcación (licenza clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondeu no sorteo. En ningún caso estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza revisará cada estacada e, cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

O director xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido desta normativa adoptando as medidas adecuadas.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Estadacas do río Tea 2012.

Lonxitude total: 12.412 metros.

N.º estacada

Distancia (m)

Ponte do ferrocarril a 1

21

1 a 2

139

2 a 3

60

3 a 4

50

4 a 5

60

5 a 6

370 (ponte romana/ponte PO-412)

6 a 7

100

7 a 8

105

8 a 9

70

9 a 10

305

10 a 11

100

11 a 12

120

12 a 13

120

13 a 14

100

14 a 15

352

15 a 16

50

16 a 17

677

17 a 18

173

18 a 19

280 (ponte Cordeiro)

19 a 20

1.160

20 a 21

120

21 a 22

400

22 a 23

100

23 a 24

290

24 a 25

210

25 a 26

200

26 a 27

1.350

27 a 28

1.850

28 a 29

180

29 a 30

300 (ponte das Partidas)

30 a 31

100

31 a 32

100

32 a 33

100

33 a 34

590

34 a 35

100 (desembocadura Uma)

35 a 36

350

36 a 37

110

37 a 38

110

38 a 39

110

39 a 40

120

40 a 41

90

41 a 42

120

42 a 43

120

43 a 44

160

44 a 45

210

45 a 46

80

46 a 47

150

47 a 48

100

48 á praia da Moscadeira

120

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma