Orde do 9 de xuño de 2009 pola que se determinan os servizos minimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confedereracion Intersindical Galega (CIG) e a Central Unitaria de Traballadores (CUT) na empresa publica Seaga, S.A. que tera lugar o dia 11 de xuño de 2009. - Diario Oficial de Galicia, de 10-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 112
  • Fecha de Publicación: 10/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopan a extinción de incendios e os bombeiros, así como a sanidade.

O exercicio público da extinción de incendios non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Central Unitaria de Traballadores (CUT) na empresa pública Seaga, S.A., que terá lugar o día 11 de xuño de 2009 desde as 00.00 ata as 24.00 horas e que afectará o persoal que presta os seus servizos na empresa pública Seaga, S.A. e todas as quendas, outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A convocatoria de folga realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Central Unitaria de Traballadores (CUT) na empresa pública Seaga, S.A., deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga abrangue toda a xornada laboral e afecta todas as quendas e todos os centros de traballo da empresa pública Seaga, S.A, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Por tanto, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de prevención e loita contra os incendios e de alerta sanitaria animal, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos.

Con eses mínimos trátase de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa prestación de servizos de prevención e loita contra os incendios e de alerta sanitaria animal, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos polas propias características do servizo dispensado, xa que un aprazamento na súa prestación pode supoñer graves prexuízos; é por iso que se manteñen uns servizos mínimos que se consideran necesarios para garantir un correcto funcionamento tanto dos servizos de extinción de incendios como de alerta sanitaria animal.

Tendo en conta que se trata dunha folga que dura 24 horas, co obxecto de evitar a posibles prexuízos, para a determinación e mantemento durante a folga dos servizos mínimos establécense como base para a súa determinación unha cobertura do 100% no ámbito de prevención e loita contra incendios forestais nas bases helitransportadas de Lomba e Toén, así como o mantemento dos rexistros de cada provincia co obxecto de garantir o servizo de entrada e rexistro, ao atoparse a sociedade en pleno proceso de selección de persoal para a campaña de incendios en época de alto risco.

Ademais, no ámbito de sanidade animal, no Centro de Información ao Agro Galego (CIAG) manterase un traballador por quenda ata un máximo de tres durante a xornada de traballo co fin de garantir a prestación de servizos de alerta sanitaria animal, comunicación e autorización de queimas e identificación de gando. Así mesmo, garantirase o cumprimento da alerta sanitaria animal nos servizos veterinarios de cada provincia.

Artigo 2º.-A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar adecuadamente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia nel dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas. Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación suficiente ao comezo da folga.

Coas premisas precedentes, determinarase por centro de traballo e por grupo profesional o número de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos durante a xornada de folga.

Artigo 3º.-A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada aos profesionais designados de xeito nominal. O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4º.-Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 5º.-O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prevención e loita contra incendios forestais

-Helitransportada de Lomba:

100% do persoal da base.

-Helitransportada de Toén:

100% do persoal da base.

-Rexistro de cada provincia:

1 traballador por cada rexistro.

Sanidade animal

-Centro de Información ao Agro Galego (CIAG):

Un traballador por quenda ata un máximo de tres durante a xornada de traballo.

-Servizos veterinarios:

1 veterinario en cada unha das provincias.


No hay versiones para esta norma