ORDE do 9 xuño de 2011 pola que se aproba o formato en que os colexios de avogados e procuradores de Galicia deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica establecida no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 15-07-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 136
  • Fecha de Publicación: 15/07/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, así como tamén á defensa e mais á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei, e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, a materia foi obxecto dunha fonda reforma, e Galicia, como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os que se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, realizou o desenvolvemento normativo da Lei 1/1996, primeiramente a través do Decreto 146/1997 e posteriormente coa pertinente reforma deste, para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

O devandito Decreto 269/2008, do 6 de novembro, establece no seu artigo 47 que dentro do mes natural seguinte á recepción por cada colexio de avogados e de procuradores dos libramentos trimestrais efectuados pola consellería competente en materia de xustiza, cada colexio profesional deberá xustificar, ante a Dirección Xeral de Xustiza, a aplicación da compensación económica percibida durante o trimestre inmediatamente anterior. A dita xustificación trimestral da aplicación dos fondos percibidos comprende a presentación ante a Dirección Xeral de Xustiza dos documentos establecidos no artigo 48, podéndose suspender os sucesivos pagamentos ata que se renda a conta consonte os termos recollidos no decreto.

Ademais, a disposición derradeira primeira do citado decreto autoriza a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación del. Cumprindo coa devandita previsión, esta orde incorpora a regulación do formato en que os colexios de avogados e procuradores de Galicia deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica consonte o anexo que acompaña esta orde, coa finalidade de facilitar o tratamento dos datos subministrados.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. A xustificación trimestral da aplicación dos fondos recibidos a que se refire o artigo 47 do Decreto 269/2008 será remitida trimestralmente polos colexios de avogados e procuradores de Galicia á Dirección Xeral de Xustiza nun ficheiro electrónico en formato XML.

2. Este ficheiro deberá cumprir coa estrutura definida no ficheiro XSD que estará dispoñible na seguinte URL: https:/www.xunta.es:444/sxpa/AXGnet

Segundo.

1. Cada ficheiro informático deberá conter a relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas ao detido efectuadas por cada letrado ou procurador, así como tamén dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada letrado, con indicación dos datos seguintes:

- Para as asistencias: período (ano, trimestre, data desde-ata); código do colexio; código do colexiado; data da actuación; expediente SOX (ano e número); expediente AXG (código da consellería, código do procedemento, ano, número e provincia); unidade (código e descrición); ano e número da dilixencia policial; causa da detención; centro da detención; órgano xudicial (código do órgano, código do número de sala/sección, código do partido xudicial); ano e número do procedemento xudicial; nome, primeiro apelido, segundo apelido e NIF do solicitante; importe bruto; e mais IRPF.

- Para os asuntos da quenda de oficio: período (ano, trimestre, data desde-ata); código do colexio; código do colexiado; data da actuación; expediente SOX (ano e número); expediente AXG (código da consellería, código do procedemento, ano, número e provincia); órgano xudicial (código do órgano, código do número de sala/sección, código do partido xudicial); ano e número do procedemento xudicial; procedemento (tipo de baremo, código do baremo, descrición do procedemento, ano e número do procedemento xudicial); nome, primeiro apelido, segundo apelido e NIF do solicitante; importe bruto; e mais IRPF.

2. Ademais do ficheiro informático, os colexios profesionais deberán achegar canda a xustificación trimestral os documentos establecidos nos puntos c), d), e) e f) do artigo 48.1 do decreto.

Terceiro.

1. O envío dos ficheiros informáticos deberá realizarse a través do servizo web, que permitirá aos sistemas informáticos dos colexios profesionais de avogados e procuradores comunicarse coa oficina virtual de asistencia xurídica gratuíta para o envío das xustificacións.

2. As instrucións técnicas, as táboas de códigos e mais a estrutura do ficheiro estarán dispoñibles para a súa descarga na seguinte URL: https:/www.xunta.es:444/sxpa/AXGnet/

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma