Resolución do 1 de agosto de 2005 pola que se convoca o primeiro campionato autonómico de tiro policial. - Diario Oficial de Galicia, de 10-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 153
  • Fecha de Publicación: 10/08/2005

Dentro das actividades programadas para o ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a convocatoria do primeiro campionato autonómico de tiro policial, que deberá desenvolverse conforme as seguintes condicións:

Obxectivos.

-Favorecer a interrelación operativa entre os diversos colectivos de seguridade pública de Galicia, nunha área como é o tiro policial e de defensa.

-Estimular o manexo e capacidade individual de control da arma regulamentaria, de cara a unha efectividade e seguridade propia e de cara aos cidadáns.

Duración. Tres semanas, dúas clasificatorias e unha para as finais.

Participantes. Membros das policías locais, policía autonómica, Garda Civil, Corpo Nacional de Policía e Servizo de Vixilancia Aduaneira. A participación será de carácter voluntario e individual, aínda no caso dos seleccionados directamente polas xefaturas dos distintos corpos, por non ser esta unha actividade formativa nin de carácter oficial.

Requisitos dos participantes.

a) Ser funcionarios de carreira das forzas e corpos de seguridade ou do Servizo de Vixilancia Aduaneira.

b) Atoparse en activo e en situación de alta laboral.

c) Dispoñer dunha arma propia ou da institución e utilizala para o desenvolvemento habitual dos seus cometidos profesionais.

d) Compromiso persoal de axustarse ás bases do campionato e as normas do CEXESGA.

Sede. Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Lugar de celebración. Galería de tiro do CEXESGA. Número de prazas. Sen límite na primeira fase (selectiva para as policías locais) , e limitada na segunda e nas finais, como se determina no punto seguinte.

Sistema de inscrición.

a) Os membros dos corpos de policía local deberán achegar debidamente cuberta a instancia que sairá no DOG a comezos do mes de setembro, e participarán na fase de selección propia.

b) Os membros da policía autonómica, CNP, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira, serán inscritos segundo a relación que sexa remitida en cada caso pola xefatura de cada corpo, ata o máximo seguinte, aínda que non é necesario atinxir este tope:

-Policía autonómica: a xefatura achegará unha relación con 6 membros como máximo da UPA, seleccionados para a participación neste campionato.

-CNP: a xefatura superior achegará unha relación con 10 membros como máximo seleccionados no CNP.

-Garda Civil: a xefatura da XVª zona, achegará unha relación con 10 membros como máximo seleccionados na GC.

-SVA: a xefatura achegará unha relación con 6 membros como máximo seleccionados no SVA.

Calendario e datas. Para optimizar o uso da galería de tiro do CEXESGA, e poder compaxinalo co resto de actividades que nela se desenvolven a diario, o calendario previsto é o que aparece no cadro seguinte, sempre suxeito ás modificacións ou cambios que resulten obrigados.

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

Fases.

a) Primeira fase clasificatoria e eliminatoria. Nesta fase participarán os membros dos corpos de policía local de Galicia que cumpran todos os requisitos de inscrición e admisión.

A orde de participación nesta fase virá dada polo resultado dun sorteo que determinará a letra do primeiro apelido dos inscritos nela, seguindo a orde alfabética a partir desta.

Nesta fase clasificaranse só os 12 mellores tiradores que atinxisen as cualificacións máis altas nos seus exercicios, que consistirán nun percorrido de tiro por participante.

b) Segunda fase: eliminatoria e clasificatoria para a final.

Nesta fase participarán 44 tiradores como máximo: aos 12 clasificados na eliminatoria anterior engadiranse os seleccionados pola policía autonómica, Garda Civil, Corpo Nacional de Policía e Servizo de Vixilancia Aduaneira, segundo o número máximo que se permite a cada corpo, que figura no punto de sistema de inscrición.

Igual que na fase anterior, a orde de participación nesta fase virá dada polo resultado dun sorteo que determinará a letra do primeiro apelido dos inscritos nela, seguindo a orde alfabética a partir desta.

Nesta fase clasificaranse só os 15 mellores tiradores que atinxisen as cualificacións máis altas nos seus exercicios, que consistirán en dous percorridos de tiro por participante, obténdose a media individualizada de cada cualificación ou cociente de puntuación de cada exercicio.

c) Fase final. Os 15 tiradores clasificados para esta fase participarán pola orde que estableza un sorteo, igual que nos casos anteriores, e realizarán dous percorridos de tiro, obténdose a media da cualificación ou cociente de puntuación de cada un deles que determinará a clasificación final do campionato.

Trofeos.

a) Trofeos individuais: os cinco mellores tiradores clasificados na fase final terán dereito ao I Trofeo de tiro policial autonómico Galicia 2005, coa indicación en cada caso do posto obtido por cada un deles.

b) Trofeos por equipos: outorgaranse 3 trofeos de equipo por corpo de pertenza, obténdose esta clasificación polo resultado da suma dos cocientes ou cualificacións individuais dos 3 primeiros clasificados de cada corpo, non tendo dereito a optar a este trofeo aquel corpo que non estivese representado por menos de 3 membros na fase final.

Estes trofeos por equipos entregaránselle ás xefaturas do corpo respectivo, que poden estar representadas polos seus titulares ou polos mesmos tiradores noutro caso. No caso da policía local, de chegar a acadar este trofeo os seus representantes, entregaráselle ao concello ao que pertencese o primeiro clasificado de policía local.

Coordinación e dirección técnica do campionato. A coordinación e dirección técnica deste I Campionato autonómico de tiro policial estará a cargo de José Manuel Zas Cabarcos, monitor e instrutor nacional de tiro do CNP e director técnico das actividades da galería de tiro do CEXESGA e do plan anual para o adestramento regulamentario e de tiro policial.

Tamén posúe a titulación de xuíz árbitro da Federación Galega de Tiro Olímpico, sendo ademais entrenador de tiro olímpico.

Será, polo tanto, quen adopte as decisións finais no caso de reclamacións ou controversias.

Información. Os interesados poderán obter a información relativa a esta actividade, así como dos cambios que resulten obrigados, chamando ao teléfono 986 59 00 21 ou ao propio director técnico do campionato. Tamén na páxina web do CEXESGA, a través de eido local.

Bases do campionato. Estas bases rexerán para este campionato e os participantes comprometen a súa participación coa suxeición a elas.

1. Tanto na primeira coma no segunda fase a proba consistirá nun percorrido de tiro policial, que se axustará ás normas seguintes:

a) Arma regulamentaria: pistola 9 mmP, propia ou de asignación do concello, pero sen que se permitan alteracións ou modificacións en ningún dos elementos da arma.

b) No caso de que algún dos solicitantes non dispoña en concreto deste tipo de arma, poderá utilizar unha propiedade do CEXESGA.

c) As armas, fundas e cargadores serán sometidos a un control previo ao exercicio.

2. O percorrido será do xeito que segue (ver descrición no anexo I) :

-Posición de saída desde a liña de albos. O tirador desprazarase coa arma na funda ata a liña de 25 m.

-A arma na funda, alimentada con 10 cartuchos, pero sen cargar, e con outro cargador no portacargadores coa mesma cantidade de munición.

-Posición de xeonllos con apoio: nesta liña, co xeonllo correspondente a man forte en terra e con apoio, desenfundará a arma nese momento e efectuará 4 disparos á silueta nº 1.

-Posición weaver: desprazarase, sempre coa arma dirixida ao teito e o dedo fóra do disparador, á liña de 20 m, efectuando desde esta distancia e na posición weaver 4 disparos á silueta nº 2.

-Posición tras parapeto: desprazarse, do mesmo xeito anterior, ata a liña 15 m, parapetándose e efectuando 2 disparos polo lado esquerdo do parapeto á silueta nº 3, sen que en ningún momento poida asomar outra parte do seu corpo, agás as mans e a cara, fóra do parapeto. Cambiará de cargador, sempre coa arma dirixida ao teito, e efectuará outros 2 disparos polo lado dereito á silueta nº 4.

-Posición crouch baixo: sairá do parapeto, sempre na mesma posición de desprazamento, e irá á liña de 12 m, onde, na posición de espera de 45º entre a vertical do corpo e a liña dos brazos empuñando a arma, agardará á apertura das siluetas, cun tempo de exposición de 3 segundos, efectuando neste tempo 1 disparo á silueta nº 6 e outro á nº 7, repetíndose este exercicio ou movemento despois de 7 segundos.

-Posición instintivo a unha man: desprazarase finalmente á liña de 7 m, onde repetirá o exercicio anterior ás siluetas 8 e 9, pero cunha soa man, e nas condicións propias do tiro instintivo.

-Rematado o exercicio, comprobado que a arma está aberta, procederase a contar sobre as mesmas siluetas na súa presenza o valor dos impactos, tendo en conta que se aplicará a seguinte fórmula:

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

-Sendo P os puntos totais obtidos, e-Sendo T o tempo que o tirador tardou no percorrido total.

A cualificación final de cada tirador será o cociente obtido da fórmula anterior.

3. Todo fallo non imputable ao tirador e si á arma ou á munición, permitirá que este repita por unha soa vez o exercicio.

4. Os tiradores clasificados para a segunda fase e para a fase final efectuarán 2 percorridos, sendo a súa cualificación a media dos 2 cocientes obtidos en cada tirada.

5. Penalizacións.

-Os fallos nas medidas de seguridade descalifican automaticamente o participante.

-Fallos técnicos de procedemento nas posicións indicadas ou no número de disparos estipulado para cada silueta serán penalizados con 10 segundos de incremento no tempo do exercicio por cada fallo.

-No caso de que nalgunha silueta apareza un número de disparos superior ao permitido, quedará fóra de valoración o impacto de máis puntuación, independentemente da penalización contida no punto anterior.

6. Control e arbitraxe dos exercicios. O coordinador e director técnico do campionato nomeará dous colaboradores, como mínimo, para o control dos exercicios. As condicións que deben reunir os designados son:

-Pertencer a algún dos corpos de seguridade ou do SVA que participan nel.

-Ter titulación policial como instrutor de tiro policial, ou alomenos como monitor de tiro policial.

-Experiencia como árbitro ou colaborador en campionatos deste tipo ou semellantes.

As decisións adoptadas polos controladores e refrendadas polo director do campionato serán definitivas para o desenvolvemento dos exercicios e do campionato mesmo, sen que caiba recurso a superior instancia ou órgano.

7. Modificacións. O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do campionato autonómico de tiro policial para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de agosto de 2005. José Antonio Vázquez Taín Director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma