Resolucion do 10 de maio de 2010, da Direccion Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se da publicidade ao texto refundido do vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco, polo que se regulan o acceso e as condicions de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Conselleria de Educacion e Ordenacion Universitaria da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias. - Diario Oficial de Galicia, de 19-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 93
  • Fecha de Publicación: 19/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O día 27 de abril de 2010 as organizacións sindicais CC.OO., FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF asinaron unha addenda ao acordo de vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco. Na disposición adicional cuarta desta addenda establécese que «para unha mellor comprensión, as partes asinantes desta addenda acordan que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria efectúe unha refundición do Acordo do 20 de xuño de 1995 e todas as súas modificacións posteriores».

En aplicación desta disposición adicional cuarta e do artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, procede ordenar a publicación deste texto refundido no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2010.

José Manuel Pinal Rodríguez

Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias

O vinte de xuño de mil novecentos noventa e cinco a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI-CSIF e FETE-UGT asinaron un acordo sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino ou substituto, en que o profesorado que realizou interinidades e substitucións ten prioridade para ser novamente nomeado sempre que non renunciase a unha interinidade ou substitución que se lle tivese ofertado.

O 30 de setembro de 2002 as organizacións sindicais CC.OO., CSI-CSIF e FETE-UGT asinaron unha addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995, en que se recolleron algunhas melloras referidas á opción de non realizar interinidades ou substitucións no suposto de alegar e xustificar que se ten un contrato de traballo ou que se prestan servizos noutro posto do sector público, ou para atender o coidado dun fillo menor de tres anos ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Ademais, os números 5 e 6 da base décimo primeira da Resolución do 26 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional para o curso académico 2005-2006, entre profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, complementaron a addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995, no sentido de que o profesorado interino e substituto que non obtivese praza na adxudicación de destinos podería acollerse a prestar servizos nunha provincia, ampliar a idade do coidado dun fillo de 3 a 6 anos e estender esta posibilidade a outros supostos.

O 11 de xullo de 2006 as organizacións sindicais ANPE, CC.OO. e CSI-CISF asinaron unha nova addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995, que introduciu diversas melloras, prevendo unha única lista cando exista a mesma especialidade en máis dun corpo, a lista da especialidade de primaria no corpo de mestres, determinadas prazas de aceptación voluntaria, a toma de posesión nos centros educativos, o cómputo como servizos efectivos prestados a aquelas persoas que non puidesen tomar posesión como consecuencia dun permiso maternal e dereitos retributivos do profesorado substituto que preste servizos efectivos durante polo menos cinco meses e medio durante o curso académico.

A partir do 1 de outubro de 2009 entrou en vigor a obrigatoriedade de estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica regulada no artigo 100.2º da LOE para acceder a todas as especialidades do corpo de profesores de ensino secundario e de profesores de escolas oficiais de idiomas. Por outra parte, unha sentenza obriga a elaborar unha lista da especialidade de economía e outra recolle a posibilidade de que unha persoa permaneza en máis dunha lista.

Por estas razóns, o 27 de abril de 2010, as organizacións sindicais CC.OO., FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF asinaron unha nova addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995 que regula unha moratoria de tres anos para a obtención do máster, a posibilidade de que o persoal aspirante forme parte de máis dunha lista e a incorporación a estas do persoal que resultou excluído a partir do curso académico 2007-2008, entre outras cuestións. Na disposición adicional cuarta desta addenda establécese que «para unha mellor comprensión, as partes asinantes desta addenda acordan que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria efectúe unha refundición do Acordo do 20 de xuño de 1995 e todas as súas modificacións posteriores».

Na aplicación desta disposición adicional cuarta dáse publicidade ao seguinte texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995:

Regulación do acceso e das condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

Considerando que o artigo 19 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a selección de persoal interino se efectuará observando os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade a través dun procedemento que deberá posibilitar a máxima axilidade na selección, en razón á urxencia requirida para cubrir transitoriamente os postos de traballo.

Considerando que o procedemento máis axeitado para esta selección é o que a propia Administración utiliza para seleccionar funcionarios de carreira, respectando a prioridade daquelas persoas que prestaron servizos como interinos ou substitutos.

Considerando que resulta necesario adaptar o Acordo asinado o 20 de xullo de 1992 pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e determinadas organizacións sindicais á nova situación producida pola realización dos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos distintos corpos docentes de ensino non universitario convocados no ano 1994 e a posterior convocatoria do ano 1995, establecendo un procedemento de selección de persoal interino que, tendo en conta a prioridade daquelas persoas que prestaron servizos como interinos ou substitutos considere, para cubrir as novas necesidades do sistema educativo, a cualificación obtida nos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos distintos corpos docentes de ensino non universitario.

Acadan o seguinte acordo sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesorado interino ou substituto, que se aplicará desde o inicio do curso 1995-1996.

Primeiro.-Oferta de emprego público.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece como obxectivo que o número de interinos dos corpos docentes que imparten docencia distinta da universitaria sexa ao redor do 5% dos cadros de persoal.

Para acadar este obxectivo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará, durante o período previsto na disposición transitoria décimo sétima da Lei orgánica de educación, amplas ofertas de emprego, logo de negociación na mesa sectorial docente non universitaria.

No proceso de negociación das ofertas de emprego teranse en conta, ademais das xubilacións que se produzan e as novas necesidades derivadas das políticas educativas, os resultados producidos no relativo ao acceso do persoal interino docente á condición de funcionario de carreira, no desenvolvemento dos concursos-oposicións inmediatamente anteriores.

Segundo.-Orde de prioridade no nomeamento do profesorado interino e substituto.

O nomeamento de profesores interinos e/ou substitutos dos corpos docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias realizarase pola seguinte prioridade:

1. Profesorado que prestou servizos como interino ou substituto, pola mesma orde en que elixiu no último curso, sempre que non renunciasen a unha interinidade ou substitución que se lles ofertase ou se acollesen ao previsto no punto décimo cuarto deste acordo.

2. Persoal participante nos procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que non estea incluído nas listas do persoal aspirante que superou o procedemento selectivo, sempre que posúan a titulación que, para cada especialidade, determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, para as especialidades dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores de escolas de idiomas, estean en posesión da formación pedagóxica e didáctica prevista no artigo 100.2º da LOE.

Estarán exceptuados do requisito de titulación previsto no parágrafo anterior os que superen todos e cada un dos exercicios da fase de oposición.

Este colectivo ordenarase, para os efectos de prioridade na elección, por especialidades e dentro de cada especialidade por bloques, de acordo co número de exercicios superados; dentro destes bloques, pola puntuación resultante da fase de oposición, unha vez realizada a ponderación prevista no Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro.

Para que o persoal participante nos procedementos selectivos pase a formar parte das listas de interinos e substitutos deberá acreditar o coñecemento da lingua galega no propio procedemento, a través da superación da proba ou por estaren exentos da súa realización.

Cando exista a mesma especialidade en máis dun corpo e se convoque no mesmo ano concurso-oposición nos dous corpos, elaborarase unha lista única integrada polos opositores que non superaron os procedementos selectivos, intercalándose pola orde de puntuación, conforme o previsto no parágrafo anterior.

3. Mentres non se cree e se convoque concurso-oposición da especialidade de primaria do corpo de mestres, para cubrir as necesidades de educación primaria ou, se é o caso, outras prazas sen perfil, elaborarase unha lista xeral ordenada conforme os criterios previstos no parágrafo anterior.

Convocado o concurso-oposición na especialidade de primaria, manterase a dobre lista de especialidade e xeral para aquelas persoas que accedesen a unha interinidade ou substitución con carácter previo á resolución da dita convocatoria.

4. O colectivo citado no parágrafo 2 deste punto segundo renovarase cada ano que teñan lugar procedementos selectivos tendo en conta que o persoal que chegase a prestar servizos quedará integrado no parágrafo 1 do mesmo punto segundo.

5. O profesorado interino procedente dos centros dependentes do Instituto Social da Mariña integraranse nas listas no corpo e especialidade correspondente, coa antigüidade que acrediten nestes centros.

Terceiro.-As especialidades que veñen funcionando para os efectos de cobertura de interinidades e substitucións como unha lista única divídense nas que a continuación se relacionan:

-Lista de clásicas, en latín e grego.

-Lista de administración de empresas, en administración de empresas e economía.

-Lista de procesos de diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos en procesos de diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos e procesos sanitarios.

-Lista de procedementos de diagnóstico clínico e produtos ortoprotésicos en procedementos de diagnóstico clínico e produtos ortoprotésicos e procedementos sanitarios e asistenciais.

Cuarto.-As persoas que figuran nas listas únicas relacionadas no número anterior incluiranse de oficio nas listas en que se dividen sempre que posúan a titulación exixida para ingresar no corpo e especialidade correspondente, respectando o número de orde que tiñan na lista única da cal proceden.

Quinto.-O persoal aspirante a prestar servizos como persoal interino e substituto poderá figurar en máis dunha lista, na orde de prelación que lle corresponda en cada unha.

As persoas que figuren en máis dunha lista poderán solicitar praza na adxudicación de destinos provisionais nunha ou en máis dunha lista, sen prexuízo de que poidan renunciar no prazo de reclamacións á resolución provisional.

Sexto.-O persoal funcionario interino ou substituto docente que non estivese prestando servizos e reunise os requisitos para estar gozando do permiso de parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terá dereito a ser chamado para as interinidades e substitucións que lle correspondan, tomando posesión coa finalidade de que os servizos que lle corresponderían prestar lle sexan recoñecidos para os efectos administrativos e os económicos cando non tivese dereito ás prestacións correspondentes. No suposto de que no momento da finalización do permiso estivese vixente o nomeamento de interinidade ou substitución, terá dereito a optar pola incorporación á praza. No caso contrario cesará nela tamén para os efectos administrativos.

Sétimo.-A orde de adxudicación de corpos será o seguinte:

Mestres.

Profesorado de relixión de primaria.

Profesores de escolas oficiais de idiomas.

Profesores de artes plásticas e deseño.

Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Profesores de ensino secundario.

Profesores técnicos de formación profesional.

Profesores de música e artes escénicas.

Profesorado de relixión de secundaria.

Dentro de cada corpo a adxudicación será realizada por orde de código das especialidades.

Oitavo.-A adxudicación dun destino provisional a unha persoa suporá o seu decaemento nas restantes solicitudes.

Noveno.-As persoas que figuren en máis dunha lista, mentres estean prestando servizos nalgunha delas, non poderán ser chamadas por ningunha outra.

Décimo.-Convocatorias de listas de interinidades e substitucións.

Se unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicarase o baremo publicado na fase de concurso do último concurso-oposición convocado e será requisito imprescindible a acreditación de coñecementos de lingua galega a través da presentación do curso de perfeccionamento da lingua galega ou da correspondente validación ou equivalencia.

Décimo primeiro.-Convocatorias de listas específicas de interinidades e substitucións e de profesorado especialista.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar convocatorias específicas, para cubrir temporalmente prazas de profesorado especialista, de profesorado de artes plásticas e deseño, para a impartición das ensinanzas superiores e nas especialidades relativas á escola de arte dramática, e aplicarase o baremo que previamente se negocie na mesa sectorial docente non universitaria.

Décimo segundo.-Obrigatoriedade de presentarse aos procedementos selectivos.

1. O profesorado interino e substituto terá a obriga de presentarse aos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos corpos correspondentes, convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que se convoque a súa especialidade.

2. Decaerá dos seus dereitos e será excluído das listas o profesorado interino ou substituto que non se presente aos procedementos selectivos, agás causa xustificada, libremente apreciada pola comisión de seguimento deste acordo.

En todo caso, enténdese por causa xustificada a acreditación de enfermidade no día do exame.

3. Cumprirán o requisito de participar nos procedementos selectivos a que fai referencia o parágrafo 1 deste punto quinto aquelas persoas que se presenten:

-A unha especialidade distinta da que están impartindo.

-A unha especialidade dun corpo distinto do que están impartindo docencia.

-En calquera convocatoria de concurso-oposición de acceso á función pública docente realizada polo Ministerio de Educación ou outra comunidade autónoma.

Décimo terceiro.-Prazas de aceptación voluntaria.

Cando as prazas ofertadas sexan de itinerancia, ou de tempo parcial, ou para desempeñar nos cárceres, ou outras de réxime especial que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oída a comisión de seguimento deste acordo, o aspirante poderá non efectuar solicitude destas prazas, sen que iso implique a renuncia ás listas e aos próximos chamamentos que lle correspondan. Ademais, poderán rexeitar estas prazas nos chamamentos que se produzan.

Décimo cuarto.-Renuncias.

1. O persoal docente interino e substituto terá dereito a non aceptar as interinidades ou substitucións que se lle ofrezan, sen perder o número de orde na lista correspondente, por un período mínimo dun curso académico ou polo que reste de curso académico, desde a súa solicitude, polas seguintes causas:

-Para atender o coidado dun fillo menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.

-Para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

-Por enfermidade grave.

-Por ter concedida unha bolsa de estudos.

-Por ampliación de estudos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realiza o doutorado ou estudos para obter un título superior ou do mesmo nivel ao que se posúe, un máster, así como a formación no estranxeiro de linguas ou nas ensinanzas de réxime especial.

-Por ser vítima de violencia de xénero.

-Por calquera das circunstancias que permiten aos funcionarios públicos a concesión dos servizos especiais.

Esta decisión deberá adoptarse, en todo caso, no prazo de reclamacións á adxudicación provisional de destinos para o curso académico que proceda, agás que teña a súa orixe en causa sobrevida con posterioridade.

2. O persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado para as prazas que puidesen corresponderlle, por un período máximo e improrrogable de tres cursos académicos, que non terán que ser necesariamente consecutivos, sempre que alegue e xustifique que ten un contrato de traballo de carácter temporal ou presta servizos, tamén con carácter temporal, noutro posto do sector público.

3. Este prazo empezará a computarse a partir do curso académico 2006-2007.

4. Non será posible efectuar esta opción unha vez producido o nomeamento de interino ou substituto, agás causa sobrevida ao nomeamento.

5. O profesorado a que se fai referencia neste punto décimo cuarto poderá optar, durante os períodos máximo e mínimo previstos nel, por realizar substitucións nunha zona educativa.

Décimo quinto.-Prazo de cobertura das substitucións.

As substitucións cubriranse cunha antelación máxima de tres días lectivos.

Décimo sexto.-Toma de posesión.

1. As tomas de posesión das interinidades e substitucións que non coincidan co comezo do curso, serán realizadas no centro educativo no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento. O centro remitirá á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de vinte e catro horas desde a toma de posesión, esta toma de posesión e os documentos asinados polo interino ou substituto que estableza a propia xefatura territorial.

2. A falta de toma de posesión implicará o decaemento do dereito ao nomeamento realizado e á permanencia nas listas.

3. A aquelas persoas que non poidan tomar posesión por encontrarse de baixa por enfermidade reservaráselles o posto ata que se encontren en situación de alta, e nomearase mentres outro profesor substituto. No caso de permiso de parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento será de aplicación, ademais, o establecido no punto sexto deste acordo.

Décimo sétimo.-Elección de provincia ou provincias.

O persoal docente interino e substituto que non obteña praza na adxudicación de destinos provisionais para un curso académico poderá acollerse, sen necesidade de causa xustificada, a prestar servizos como persoal docente interino ou substituto nunha ou en máis dunha provincia. O que non efectúe petición enténdese que opta por prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma.

Décimo oitavo.-Dereitos retributivos do profesorado substituto.

1. A partir do inicio do curso académico 2006/2007, o profesorado substituto que preste servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio terá dereito a que se lle efectúe un nomeamento polos días do mes de agosto que procedan, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

2. A partir do inicio do curso académico 2007/2008, o profesorado substituto que preste servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio terá dereito a que se lle efectúe un nomeamento polo mes de xullo e polos días do mes de agosto que procedan, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

3. Para os efectos do cómputo dos cinco meses e medio de servizos efectivos non se terán en conta os días aboados por vacacións non gozadas e os días que non se prestaron servizos sen causa xustificada.

4. Si será computable para os efectos da determinación dos cinco meses e medio de servizos efectivos o tempo transcorrido en baixa maternal, tanto para a nai como para o pai, se este gozou dunha parte do permiso.

5. Para ter dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto que procedan será preciso acreditar non estar dado de alta no réxime da seguridade social ou de autónomos nos ditos meses.

6. Non terán dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto aqueles substitutos que soliciten non ser chamados nalgún momento do curso académico, en virtude do previsto no número oitavo deste acordo e os que perdesen o dereito ao chamamento, segundo o disposto no número seguinte.

Décimo noveno.-Causas de perda do dereito á permanencia nas listas de chamamentos.

Decaerán no seu dereito a estar nas listas e aos chamamentos os candidatos e candidatas:

a) Que non acepten unha praza de interinidade ou substitución que se lles oferte, agás que exista unha das causas xustificadas que se citan no punto oitavo deste acordo.

b) Que sexan sancionados ou sancionadas con suspensión de funcións en razón de expediente disciplinario.

c) Que non tomen posesión da praza adxudicada no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento, agás causa xustificada libremente apreciada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo de informe á comisión de seguimento.

d) Por falta de capacidade para o desempeño do posto, manifestada por rendemento insuficiente, que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funcións atribuídas, logo de expediente contraditorio e oída a comisión de seguimento prevista no punto décimo cuarto.

e) Non concorrer aos procedementos selectivos agás causa xustificada.

Vixésimo.-Comisión de seguimento.

Para facilitar o cumprimento e interpretación deste acordo constituirase unha comisión de seguimento formada por representantes da Administración e das organizacións sindicais asinantes, que se reunirá polo menos unha vez ao ano ou por petición de calquera das partes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de organización e xestión comercial, as interinidades e substitucións das especialidades de administración de empresas e organización e xestión comercial cubriranse cunha única lista.

Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de procesos comerciais, as interinidades e substitucións das especialidades de procesos de xestión administrativa e procesos comerciais cubriranse cunha única lista.

Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de operacións de proceso, as interinidade e substitucións das especialidades de laboratorio e operacións de proceso cubriranse cunha única lista.

Segunda.-O persoal aspirante a prestar servizos como persoal interino ou substituto que tivese dereito a prestar servizos en máis dunha lista nos cursos académicos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010 poderá solicitar a incorporación á lista ou listas en que resultou excluído no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da sinatura desta addenda.

Terceira.-O persoal que prestou servizos nas listas de interinidades e substitucións do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e que tivo que cambiar de lista por falta de titulación ou manterse nunha lista dunha especialidade inexistente poderá incorporarse á lista segundo a correspondencia que a continuación se relaciona, na mesma orde de prelación que proceda en función dos servizos prestados nas ensinanzas de artes plásticas e deseño, sempre que obteña a correspondente titulación, no prazo de tres anos que se computarán desde o 1 de setembro de 2010. As especialidades afectadas e a súa correspondencia son as seguintes:

 

Especialidade antiga:

Nova especialidade:

Decoración

Deseño de interiores

Deseño gráfico asistido por ordenador

Medios informáticos

 

Deseño gráfico

Fotografía e procesos de reprodución

Fotografía

Disposición transitoria

O profesorado interino ou substituto de especialidades correspondentes ao corpo de profesores de ensino secundario ou ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas que non estea en posesión da formación pedagóxica ou didáctica a que fai referencia o artigo 100.2º da LOE ou non estea exento da súa posesión de acordo co previsto no punto 3 da Circular informativa da Dirección Xeral de Formación Profesional e da Dirección Xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación sobre o máster universitario que habilita para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, terá un prazo de tres anos contados desde o 1 de setembro de 2010 para realizar o mencionado máster.

Os que non obteñan o máster no dito prazo decaerán dos seus dereitos a manterse nas listas e non serán chamados para realizar interinidades nin substitucións.

O previsto nos parágrafos anteriores non resultará de aplicación ao profesorado que, por razóns derivadas da súa titulación, non poida acceder aos estudios de máster, mentres o Ministerio de Educación non regule a formación equivalente á exixida no artigo 100.2º da LOE.


No hay versiones para esta norma