Resolución do 11 de agosto de 2005, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan con carácter extraordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica para o curso 2005-2006. - Diario Oficial de Galicia, de 19-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 159
  • Fecha de Publicación: 19/08/2005

Segundo o artigo 2 da Orde do 1 de abril de 2002, pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos

formativos de formación profesional específica, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ao ano, unha proba para o acceso aos ciclos formativos que na comunidade se impartan. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo aos ciclos formativos.

Tendo en conta a existencia de prazas vacantes en ciclos formativos de grao medio de formación profesional nalgunhas localidades para o curso 2005-2006 e coa finalidade de facilitar o acceso a elas ao maior número de persoas interesadas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Convocatoria. Convocar, con carácter extraordinario, unha proba de acceso para ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica, que se celebrará o día 19 de setembro nos centros que oportunamente se determinen.

Os delegados provinciais nomearán os presidentes das comisións de realización, establecerán os lugares onde se celebrarán as probas e os centros adscritos a estes, antes do 5 de setembro.

Segundo.-Contidos da proba. A proba de acceso acreditará que o aspirante posúe coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. É común para todos os ciclos formativos de grao medio. O seu contido atenderá aos aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria:

-Parte sociocultural: Comprensión e expresión de textos escritos con propiedade, autonomía e creatividade en galego e castelán.

Coñecemento da historia, xeografía e actitudes da nosa tradición e patrimonio cultural, así como análise dos mecanismos e valores que rexen o funcionamento das sociedades.

-Parte científico-tecnolóxica: Resolución de problemas nos campos das matemáticas e da tecnoloxía, mediante procedementos de razoamento lóxico.

Realización de exercicios que utilicen códigos científicos e técnicos. Aplicacións do desenvolvemento científico e tecnolóxico e a súa incidencia no medio físico e social.

A valoración de cada unha destas partes expresarase mediante a cualificación de apto ou non apto. Para a superación da proba será necesario obter a cualificación de apto en ámbas as dúas partes.

Terceiro.-Probas de acceso adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades.

Os solicitantes de proba adaptada deberán cubrir o modelo de solicitude que figura como anexo I desta resolución e presentarán o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polos equipos de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, acompañado do seu ditame técnico facultativo. O tribunal único da avaliación de probas, nomeado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, avaliará o grao de discapacidade e, de ser o caso, adaptará a proba de acceso que deban superar os aspirantes que, en todo caso, deberán respectar o esencial dos obxectivos fixados nos decretos que regulan os currículos das materias de proba.

Cuarto.-Exencións das probas de acceso. As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizaren esta proba de acceso aos ciclos formativos.

1. A exención da parte sociocultural será automática coa certificación de ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Para a exención da parte científico-tecnolóxica deberá constar expresamente, no devandito certificado, a materia de matemáticas cunha puntuación igual ou superior a 5.

A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador que se indica no número sexto, punto dous, da Orde do 1 de abril de 2002. A persoa que a solicita, xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada en cada unha das materias. Deberáselle incorporar ao expediente académico do alumno unha copia da resolución de exención (anexo IV da devandita orde) .

2. Exención da proba de lingua galega e literatura: de acordo co Decreto 79/1994, do 8 de abril (DOG do 15 de abril) , sobre exención da materia de lingua galega, e coa Orde do 30 de xuño de 1994 (DOG do 4 de agosto) , que o desenvolve, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia procedente doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro poderá obter a exención das probas de avaliación da materia de lingua galega.

En virtude do Decreto 239/1997, do 10 de setembro (DOG do 12 de setembro) , sobre desconcentración e delegación de competencias en determinados procedementos para a implantación do Servizo de Resposta Inmediata (creado e regulado polo Decreto 216/1997, do 30 de xullo) , delegaranse nos directores dos centros públicos de ensino primario e secundario as competencias sobre exención da materia de lingua galega que ata o de agora lles correspondían aos delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con base na normativa anteriormente exposta, o alumnado que se presente ás probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica e que solicite a exención de lingua galega, deberá facelo constar expresamente no momento de realizar a inscrición ás probas e presentar a seguinte documentación:

-Anexo I da Orde do 30 de xuño de 1994, asinado polo alumno ou polo seu representante legal, se é menor de idade, no que se exporán as razóns polas que se solicita a exención.

-Fotocopia compulsada do expediente académico ou do libro de escolaridade do alumno, correspondente aos catro últimos anos académicos nos que estivo matriculado, ou informe da dirección do centro no que se explique a situación do alumno durante ese período.

-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de escolaridade onde consten as altas e as baixas nos diferentes centros nos catro últimos anos académicos cursados, ou informe da dirección do centro que acredite tal aspecto.

-Acreditación do traslado de residencia do alumno e dos seus pais ou titores para fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, se a solicitude se basea no establecido no artigo 2.4º do Decreto 79/1994.

-Certificación do organismo oficial correspondente na que se acredite o grao de deficiencia do alumno, se a solicitude se basea no disposto no artigo 4 do Decreto 79/1994 e no artigo 12.1º da Orde do 30 de xuño de 1994.

O director do centro no que se presentou a documentación deberá resolver a concesión desta exención e enviala xunto co resto das solicitudes de exención á Subdirección Xeral de Formación Profesional nos prazos previstos para a súa incorporación á aplicación informática de xestión das probas de acceso.

Quinto.-Inscrición e calendario de celebración das probas de acceso aos ciclos de grao medio.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporanlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, antes do día 5 de setembro, o seguinte:

-Os lugares nos que se realizarán as probas e os centros adscritos, para que se fagan públicos nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realiza a inscrición, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp, antes do día 14 de setembro.

-Os inspectores provinciais responsables do proceso das probas de acceso.

2. A inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio presentarase na secretaría de calquera dos institutos de educación secundaria en que se impartan ensinanzas de formación profesional específica, no prazo comprendido entre o día 1 e o día 7 de setembro de 2005, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo VI recollido na Orde do 1 de abril de 2002.

Na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp pódese realizar a preinscrición nas probas. A folla de preinscrición deberase presentar na secretaría dun dos centros anteriormente citados para lle dar validez á inscrición.

3. As persoas solicitantes de proba adaptada deberán cubrir o modelo de solicitude que figura como

anexo I desta resolución e presentarán o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polo equipo de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, acompañado do seu ditame técnico facultativo.

4. A relación provisoria de persoas inscritas á proba será exposta no taboleiro de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp, a partir do día 9 de setembro de 2005. Poderase presentar documentación complementaria e reclamacións á listaxe provisoria durante os dous días seguintes. A relación definitiva de inscritos farase pública a partir do día 14 de setembro nos mesmos lugares onde se publicou a relación provisoria.

5. Na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp poderase consultar información personalizada en calquera momento do proceso, cunha identificación previa.

6. De detectárense erros no número do documento de identificación (DNI ou pasaporte) , poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través dunha reclamación, segundo o modelo de solicitude dispoñible no anexo II desta resolución e na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp. Esta solicitude deberá ir acompañada dunha fotocopia do documento de identificación e estar validada polo director ou a directora do centro, quen enviará por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Isto non require trámite ningún coa aplicación informática no centro.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará as probas de acceso aos ciclos formativos, de acordo co establecido na Orde do 1 de abril de 2002.

8. As probas de acceso aos ciclos de grao medio celebraranse o día 19 de setembro de 2005 no horario que se indica a seguir:

Ás 9.00 horas: presentación. Das 10.00 ás 12.00 horas: parte científico-tecnolóxica.

Das 12.30 ás 14.30 horas: parte sociocultural. Sexto.-Tramitación de solicitudes.

1. Os institutos de educación secundaria en que se impartan ensinanzas de formación profesional específica tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

2. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais establecerá, a través dunha circular que se enviará aos institutos de educación secundaria en que se impartan ensinanzas de formación profesional específica, o procedemento e as datas onde se debe realizar a tramitación de cada unha das fases das probas de acceso.

Sétimo.-Resolución de exencións, proba adaptada, cualificación da proba e reclamacións.

1. A resolución provisoria de exencións á proba e de proba adaptada farase pública nos institutos de educación secundaria onde se realicen as probas, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp, o día 13 de setembro de 2005.

2. Contra a resolución provisoria de exención poderase presentar reclamación ante o presidente do tribunal único durante os dous días seguintes á súa publicación. A resolución definitiva farase pública antes do día 19 de setembro nos centros onde se realicen as probas, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp.

3. O resultado das cualificacións provisorias das probas de acceso a ciclos formativos deberase facer público o 26 de setembro de 2005 nos institutos de educación secundaria nos que se impartan ensinanzas de formación profesional específica, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp.

4. O alumnado poderá presentar reclamación contra a cualificación provisoria da proba de acceso ante o presidente do tribunal único durante os dous días seguintes á súa publicación, no centro onde se realizou a proba ou no centro onde realizou a inscrición.

5. A cualificación definitiva publicarase o 4 de outubro no taboleiro de anuncios dos institutos de educación secundaria onde se realizaron as probas, así como na páxina web http://www.edu. xunta. es/fp.

6. Contra a resolución de exención e as cualificacións definitivas da proba de acceso poderase interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, no xeito previsto no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) . A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

7. A superación da proba acreditarase mediante unha certificación, segundo o modelo que figura no anexo II da Orde do 1 de abril de 2002, que será expedida pola secretaría do centro en que se realizou a proba. A certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, e manterá a súa vixencia sempre que non se modifique o título nin as ensinanzas correspondentes ao ciclo formativo.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2005. María Luisa Castro Casas Directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma