Resolucion do 11 de febreiro de 2010, da Direccion Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se fixan as datas para a realizacion dos exames ordinarios libres correspondentes a 2010, para a obtencion das titulacions de lecer na Comunidade Autonoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 25-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 38
  • Fecha de Publicación: 25/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro), establece as condicións e regula os requisitos para a obtención dos títulos habilitadores para o manexo das embarcacións de lecer.

Sendo necesario establecer as datas e as condicións de inscrición para as convocatorias ordinarias libres, reguladas no número 2º do artigo 4 da referida orde e de conformidade co establecido na Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro (BOE nº 264, do 3 de novembro), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Convocatoria de exames teóricos.

Os exames teóricos ordinarios libres para o ano 2010, nas convocatorias de maio e setembro realizaranse nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica (PNB).

-Día 4 de maio ás 16.30 horas.

-Día 7 de setembro ás 16.30 horas.

Estes exames realizaranse nos tres centros oficiais de ensino pesqueiro: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

2. Patrón de embarcación de lecer (PEL).

-Día 11 de maio ás 16.30 horas.

-Día 13 de setembro ás 16.30 horas.

Estes exames realizaranse nos tres centros oficiais de ensino pesqueiro: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

3. Patrón de iate (PI).

-Días 20 e 21 de maio ás 16.00 horas.

-Días 23 e 24 de setembro ás 16.00 horas.

Estes exames realizaranse nos tres centros oficias de ensino pesqueiro: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

4. Capitán de iate (CI).

-Días 24 e 25 de maio ás 16.00 horas.

-Días 27 e 28 de setembro ás 16.00 horas.

Os exames realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

5. Patrón de motos náuticas A e B.

-Día 4 de xuño ás 16.30 horas.

O exame realizarase no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

Segundo.-Convocatoria de exames prácticos.

Os exames prácticos ordinarios libres de navegación e seguridade para o ano 2010 nas convocatorias de maio e setembro realizaranse nas seguintes datas:

1. Patrón para a navegación básica, patrón de embarcacións de lecer, patrón de iate e capitán de iate, a partir do 30 de xuño e 31 de outubro, nas horas e lugares fixados polos centros nos seus taboleiros de anuncios para os candidatos inscritos e que reúnan as condicións establecidas no artigo 7 da Orde do 8 de xaneiro de 2009 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro).

2. Os exames prácticos de motos náuticas A e B realizaranse na data e hora que fixe o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo no seu taboleiro de anuncios.

Terceiro.-Documentación necesaria.

Xunto coa solicitude de admisión ao exame teórico que figura no anexo I da Orde do 8 de xaneiro de 2009 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro), os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Unha fotografía recente de tamaño carné.

-Xustificante do pagamento de taxas de exame.

-Certificado médico, se fose o caso.

-No caso de que algún candidato teña aprobado unha parte do programa da titulación de patrón ou capitán de iate, deberá presentar o certificado do último exame.

-Para as titulacións de patrón de iate e capitán de iate xustificante de estar en posesión ou en trámites da titulación anterior.

Os interesados en participar no exame práctico de navegación e seguridade, ademais da solicitude, fotocopia do DNI, fotografía e pagamento de taxas deberán cumprir co establecido no artigo 7 da referida Orde do 8 de xaneiro de 2009.

Cuarto.-Prazos para a presentación de solicitudes.

Os candidatos aos exames teóricos e prácticos deberán solicitar a súa admisión ao exame, mediante instancia dirixida ao presidente do tribunal do centro onde desexa examinarse, nos seguintes prazos:

a) Exames teóricos:

Para os exames da convocatoria de maio: do 5 ao 20 de abril.

Para os exames da convocatoria de setembro: do 5 ao 20 de agosto.

b) Exames prácticos:

Para os exames da convocatoria de maio: do 3 ao 18 de xuño.

Para os exames da convocatoria de setembro: do 5 ao 20 de outubro.

Quinto.-Recomendacións.

Recoméndase que a documentación requirida para o exame sexa entregada na secretaría dos centros onde se realice o exame.

Unha vez rematada a proba teórica, o tribunal deberá expoñer no taboleiro de anuncios do centro unha copia das preguntas do exame e o modelo coas respostas correctas, co fin de que os interesados poidan comprobar o resultado do exame, formular posteriores reclamacións ou impugnar as preguntas que consideren que están mal formuladas ou que non se corresponden co temario en vigor.

Sexto.-Esta convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados nos casos e nas formas previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2010.

Susana Rodríguez Carballo

Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro


No hay versiones para esta norma