RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2011 pola que se convoca un curso de formación específica para obter a habilitación BTP., - Diario Oficial de Galicia, de 15-07-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 136
  • Fecha de Publicación: 15/07/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias, como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de formación específica para obter a habilitación BTP, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: curso.

Denominación: formación específica para obter a habilitación BTP.

Horas lectivas: 24, estimadas en función dos contidos e preparación da proba presencial.

Modalidade: poderase optar por formación a distancia ou en liña, con proba presencial. Na modalidade de formación a distancia o alumnado recibirá unha carpeta coa guía e os materiais do curso; no caso da formación en liña o curso desenvolverase a través da plataforma de formación en liña da Agasp.

Edicións: 1.

Obxectivos: facilitarlle ao persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, a formación específica necesaria para obter un certificado que acredite a suficiencia dos coñecementos exixidos para a habilitación que faculte para conducir os vehículos prioritarios, a que se refire o artigo 7.3 do Regulamento xeral de condutores, certificado que substituirá as probas que o mencionado regulamento prevé no seu artigo 51.3.º e que permitirá que a Xefatura Provincial de Tráfico lles expida os correspondentes permisos de condución.

Contido: os contidos do curso comprenderán necesariamente, por requirilo así a normativa de referencia nesta temática, ás seguintes materias:

1. Os vehículos que autoriza a conducir a autorización BTP no tráfico. O permiso por puntos.

2. Requisitos administrativos para circular, relativos ao condutor, ao vehículo, á carga e ás persoas transportadas.

3. O condutor e as súas aptitudes psicofísicas. O alcohol.

4. O condutor e as súas actitudes. Comportamento cara aos demais usuarios.

5. O vehículo: seguridade activa e pasiva. O cinto de seguridade. Sistemas de iluminación. Inspeccións técnicas periódicas. Sinais nos vehículos.

6. Normas e sinais reguladoras da circulación especificamente relacionados cos vehículos que habilita a conducir a autorización BTP:

Utilización de carrís. Velocidade. Circulación en sentido contrario.

Condutores de vehículos de transporte escolar, de taxis e de prioritarios.

Paradas e estacionamentos.

Sinais específicos. Semáforos reservados a taxis.

7. Factores relativos á carga do vehículo e ás persoas transportadas. Transporte escolar en vehículos de ata nove prazas. Transporte público de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas. Transporte de persoas en vehículos de asistencia sanitaria.

8. A condución segura e os accidentes de circulación: comportamento e primeiros auxilios en caso de accidente.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: este curso, que ten carácter extraordinario, vai dirixido ao persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Requisitos: as persoas interesadas deberán posuír o permiso de clase B con polo menos un ano de antigüidade.

Prazas ofertadas: sen límite.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp, http:/agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, de acordo co disposto na base 4.ª desta resolución.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Será necesario consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil ou un enderezo de correo electrónico operativo co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http:/agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á epígrafe Actividades formativas, Cursos con inscrición aberta e premer no enlace Formulario. Unha vez cubertos os datos, debe seleccionar Enviar.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

Para facilitar as posibles notificacións ou avisos telefónicos, se a persoa solicitante ten teléfono móbil é conveniente que poña soamente ese número nos campos do formulario de solicitude destinados a ese fin.

Se o solicitante dispón dunha conta de correo electrónico é importante que a faga constar.

No campo do formulario de solicitude chamado Entidade debe describirse de xeito completo e resumido o colectivo a que pertence o solicitante.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax: 886 20 61 23 ou enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

Na selección empregaranse os criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Se non hai suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http:/agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resulten seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Desenvolvemento da actividade.

Data de comezo: 8 de agosto.

Data de remate: 24 de setembro.

Modalidade: a distancia ou a través da plataforma de formación en liña.

Na opción de formación a distancia, con guía de estudo e material en soporte físico, o alumnado terá ao seu dispor unha titoría individualizada, que poderá ser telefónica ou a través da internet.

Na opción de formación en liña, as indicacións, guía de estudo e material para o alumnado estarán ao seu dispor na plataforma da Agasp, dentro do propio curso, e as titorías serán a través dos foros e as ferramentas que se prevén para este tipo de actividade.

8. Proba final.

A proba final desenvolverase de acordo coas seguintes indicacións:

1. Proba ordinaria: poderase optar polo día 27 de setembro ás 17.30 ou ás 18.30 horas; e polo día 28 de setembro ás 11.00 ou ás 12.30 horas.

2. Proba extraordinaria: o alumnado que non superase a proba ordinaria terá a posibilidade dun exame extraordinario o día 18 de outubro, ás 17.00 horas, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

9. Certificado.

As persoas que superen o curso recibirán un certificado expedido pola Agasp con referencia á autorización da Dirección Xeral de Tráfico, reflectida no expediente EOP 3/08, que lles permitirá obter nas xefaturas provinciais de Tráfico a autorización BTP achegando este certificado xunto co resto da documentación que normalmente se precisa: certificado médico psicotécnico, fotografía, permiso clase B e pagamento de taxas.

No dito certificado figurará, por estar expresamente recollido na autorización da Dirección Xeral de Tráfico, o colectivo ou corpo de pertenza e a antigüidade mínima requirida en canto ao permiso tipo B.

10. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de xullo de 2011.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública


No hay versiones para esta norma