Resolucion do 12 de maio de 2009 de modificacion da Resolucion do 31 de xullo de 2007 sobre delegacion de competencias en determinados organos universitarios. - Diario Oficial de Galicia, de 26-05-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 101
  • Fecha de Publicación: 26/05/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

En virtude das resolucións de 1 e 3 de abril de 2009, modificouse o número e denominación das vicerreitorías da Universidade de Santiago de Compostela, modificando a Resolución do 14 de xuño de 2006.

Deste xeito, suprímese a Vicerreitoría de Relacións Institucionais e créase a de Política Internacional, así como a Vicerreitoría de Economía e Financiamento pasa a denominarse de Economía, Financiamento e Infraestruturas, asumindo as competencias que tiña a anterior Vicerreitoría de Infraestruturas.

Cómpre, en consecuencia, modificar a resolución de delegación de competencias do 31 de xullo de 2007, publicada no DOG do 19 de setembro, e adecuala á nova estrutura organizativa.

Por todo o anterior, esta reitoría resolveu:

Primeiro.

Modificar o punto I da delegación de competencias a prol de vicerreitores/as e vicerreitores/as adxuntos/as. En concreto modificase o artigo 4, letra A) da Resolución do 31 de xullo de 2007, no seguinte sentido:

«A) Vicerreitoría de Política Internacional.

O/a vicerreitor/a de Política Internacional será competente para:

1. A xestión de convenios con administracións, universidades e outras institucións, sexan públicas ou privadas,

2. As relacións internacionais, así como a xestión de convenios con outras administracións, universidades ou institucións estranxeiras, sexan públicas ou privadas.

3. A xestión de programas de intercambio nacional e internacional.

4. As convocatorias de axudas para mobilidade de estudantes, profesores e persoal de administración e servizos.

5. A representación da USC nos procesos selectivos das bolsas relacionadas coa mobilidade de estudantes.

6. A convocatoria de bolsas pre e posdoutorais para estudantes estranxeiros.

7. A dirección operativa da Oficina de Relacións Exteriores.

8. A dirección operativa da Área de Información e Comunicación Universitaria».

Segundo.

Modificar o punto I.4.

f) referido á delegación de competencias a prol de vicerreitores/as e vicerreitores/as adxuntos/as. En concreto, modifícase o artigo 4, letra F), da Resolución do 31 de xullo de 2007, atribuíndo as seguintes competencias:

«F) Vicerreitoría de Economía, Financiamento e Infraestruturas.

1. Os actos administrativos que en materia de contratación administrativa lle correspondan legalmente ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela (pregos, presidencia da mesa de contratación, etc.).

2. A formalización dos contratos administrativos e patrimoniais.

3. En materia económico-financeira e orzamentaria:

a) A elaboración do proxecto de programación plurianual.

b) A elaboración de plans de financiamento.

c) A elaboración do proxecto de orzamento anual en colaboración coa xerencia.

d) A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas na lexislación vixente en colaboración coa xerencia.

e) O exercicio das funcións de proposta ou aprobación de modificacións orzamentarias atribuídas ao reitor.

Exceptúanse da delegación outorgada neste punto:

a) A resolución das impugnacións que se presenten contra os procedementos de adxudicación.

b) O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos,tras o procedemento instruído para o efecto.

4. A coordinación das obras de infraestruturas que se realicen na USC.

5. A planificación e aprobación das obras de reforma, renovación e mellora dos edificios e de mantemento das instalacións, sen prexuízo das competencias delegadas na Vicerreitoría adxunta de Infraestruturas e Servizos.

6. A supervisión da xestión das infraestruturas, sen prexuízo das competencias delegadas na Vicerreitoría de Economía e Financiamento.

7. A xestión de espazos da universidade, sen prexuízo das competencias delegadas a outras vicerreitorías.

8. O seguimento das axudas e subvencións para adquisición de infraestruturas, sen prexuízo das competencias da Vicerreitoría de Economía e Financiamento e da Vicerreitoría adxunta de Infraestruturas e Servizos.

9. A solicitude de licenzas e outros actos de tramitación perante outras administracións públicas, contratistas ou terceiros en materias de infraestruturas».

Terceiro.

Elimínase da citada Resolución do 31 de xullo de 2007 toda a alínea I) do artigo 4 do punto I referido á Vicerreitoría de Infraestruturas.

Cuarto.

Modificar o punto III, artigo 12, no seguinte sentido:

«Décimo segunda- Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores, que continúan atribuídas ao reitor, as seguintes competencias:

a) Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, agás os de mero trámite.

b) Os que teñen relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello de Goberno.

c) Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva, establecida no artigo 57.3 da LRXAP-PAC.

d) Os actos sancionadores e os referidos ao exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os que dean lugar á adopción de resolucións reitorais de carácter xeral.

f) A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

g) A supervisión da aplicación da imaxe corporativa da USC.

En caso de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído polo vicerreitor que designe mediante resolución ditada para o efecto».

Disposición derrogatoria

Se derroga a Resolución do 25 de marzo de 2009, sobre avocación de competencias e delegación de sinatura en favor de varios órganos administrativos.

Disposición adicional

Esta resolución entrará en vigor na data de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2009.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela


No hay versiones para esta norma