Resolucion do 14 de maio de 2010 da Escola Galega de Administracion Publica pola que se convocan novas Xornadas sobre a reforma da Lei de ordenacion urbanistica de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 20-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 94
  • Fecha de Publicación: 20/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2010 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, novas Xornadas sobre a reforma da Lei de ordenación urbanística de Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

A recente promulgación da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que entrou en vigor o 21 de abril deste ano, fai preciso unha actividade de divulgación das importantes innovacións normativas que introduce. En primeiro lugar, as reformas en materia de aprobación de plans urbanísticos, coas maiores competencias municipais, a simplificación de trámites e o acurtamento dos prazos, o que levará consigo unha maior flexibilidade e axilidade neste ámbito. En segundo lugar, e conforme as prescricións da normativa comunitaria, o procedemento de avaliación ambiental estratéxica pasa a formar parte do contido dos instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico, que ven reforzados os seus aspectos ambientais. En terceiro lugar, dótase dun novo estatuto o solo rústico e do núcleo rural para os efectos de lograr unha maior eficacia na súa xestión. Por último, articúlanse unha serie de medidas que pretenden dotar de maior seguridade xurídica e estabilidade o tráfico inmobiliario, en especial en materia de edificios fóra de ordenación e de determinadas tipoloxías de edificacións sen licenza.

O pasado día 4 tivo lugar a celebración dunha Xornada sobre a reforma da Lei de ordenación urbanística de Galicia realizada en Santiago de Compostela. Debido ao interese suscitado por esta, a Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, consideran oportuno reeditar esta acción formativa en diversas cidades de Galicia.

2. Contidos:

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A Lei 2/2010, de reforma da LOUG: un lugar para o encontro.

-Principios e bases da reforma operada pola Lei 2/2010.

-Innovacións en materia de planeamento e avaliación ambiental.

-O estatuto xurídico do solo rústico e do solo do núcleo rural tras a Lei 2/2010.

-A reposición da legalidade urbanística na Lei 2/2010.

3. Destinatarios:

Persoal das diferentes administracións públicas, Administración autonómica e local, vinculado co urbanismo, arquitectos, enxeñeiros, profesionais do dereito e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

Lugar e data: as xornadas terán lugar o:

-26 de maio, na Coruña, na aula magna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, situada no Campus de Elviña, s/n.

-2 de xuño, en Lugo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia situado na rolda da Muralla, nº 70, planta baixa.

-9 de xuño, en Ourense, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, situado na avenida da Habana, nº 79.

-16 de xuño, en Pontevedra, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, situado na rúa Fernández Ladreda, nº 43.

-23 de xuño, en Vigo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, situado na rúa Concepción Arenal, nº 8.

Duración: 6 horas lectivas en xornada de mañá e tarde.

5. Número de prazas:

Limitado polas capacidades dos locais.

6. Solicitudes:

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, dás 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo:

O prazo de presentación de solicitudes finalizará:

-O 24 de maio, para a xornada da Coruña.

-O 31 de maio, para a xornada de Lugo.

-O 7 de xuño, para a xornada de Ourense.

-O 14 de xuño, para a xornada de Pontevedra

-O 21 de xuño, para a xornada de Vigo.

8. Modificacións:

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia:

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que asistisen a elas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma