Resolucion do 15 de decembro de 2009 pola que se da publicidade ao Plan de inspeccion urbanistica para o ano 2010. - Diario Oficial de Galicia, de 31-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 254
  • Fecha de Publicación: 31/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Visto o acordo adoptado polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, na súa reunión do 14 de decembro de 2009, polo que se aprobou o Plan de inspección urbanística para o ano 2010, e de conformidade co disposto no artigo 18 f) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2009.

Hipólito Pérez Novo

Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

ANEXO

Plan de inspección urbanística para o ano 2010

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este Plan de inspección urbanística ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da axencia.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este plan de inspección estará vixente durante o ano 2010 e ata a entrada en vigor do seguinte plan de inspección anual.

Artigo 3º.-Obxectivos principais.

Os obxectivos principais deste plan de inspección urbanística son:

1º Promover o dereito dos cidadáns a un medio urbano e rural adecuado para o desenvolvemento da persoa, consonte o disposto no artigo 45 da Constitución, na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e na Lei 22/1988, de costas.

2º Evitar que se leven a cabo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas, obras de construcción de novas edificacións ou de reconstrucción, rehabilitación ou ampliación das existentes.

3º Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Artigo 4º.-Actuacións prioritarias.

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desenvolverá, entre outras, as seguintes actuacións prioritarias:

Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos.

A vixilancia e inspección do territorio.

O asesoramento xurídico-urbanístico aos concellos.

A formación do persoal.

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos.

A investigación de infraccións urbanísticas.

A tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

A execución das ordes de demolición.

A tramitación de expedientes sancionadores.

A impugnación de licenzas ilegais.

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por infraccións da Lei de costas.

A investigación de infraccións da Lei de costas.

A tramitación de expedientes sancionadores.

A execución das ordes de demolición.

Capítulo II

Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos

Artigo 5º.-Vixilancia e inspección do territorio.

1. Actuación.

Desenvolver operacións de vixilancia e inspección do territorio para detectar as obras en curso de execución en calquera clase de solo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

2. Prioridades.

As operacións de vixilancia e inspección serán realizadas por orde do director da axencia, e prestarase especial atención aos seguintes territorios:

O territorio dos municipios integrados na axencia.

O territorio dos municipios costeiros.

O territorio dos municipios con planeamento xeral suspendido polo Consello da Xunta de Galicia ou anulado por sentenza xudicial firme.

O territorio dos municipios limítrofes aos das cidades con máis de 50.000 habitantes.

O territorio dos municipios con espazos naturais integrados na Rede Natura 2000.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 6º.-Formación do persoal.

1. Actuación.

Dar formación especializada ao persoal da axencia e dos concellos integrados nela, para mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística.

2. Prioridades.

Durante o ano 2010 desenvolveranse, como mínimo, dous cursos sobre disciplina urbanística.

3. Unidade responsable: a subdirección da axencia.

Capítulo III

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos

Artigo 7º.-Investigación de infraccións urbanísticas.

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción urbanística, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades de reposición da legalidade e sancionadoras previstas na LOUG.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución en calquera clase de solo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses como máximo, por acordo do director da axencia, logo de petición do xefe do servizo provincial.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 8º.-Tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística de conformidade co disposto nos artigos 209 a 215 da LOUG.

2. Prioridades.

Deberán incoarse e tramitarse con carácter prioritario e urxente os expedientes de reposición da legalidade urbanística en relación coas obras en curso de execución en calquera clase de solo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de incoarse varios expedientes de reposición da legalidade urbanística de carácter prioritario, na orde de incoación atenderase aos seguintes criterios:

1º As obras en execución situadas en municipios integrados na axencia.

2º As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística.

Artigo 9º.-Execución de ordes de demolición.

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 209.6º da LOUG.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá ser realizada polo suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente de reposición da legalidade.

O obrigado a demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición por razóns cumpridamente xustificadas.

En todo caso, deberá quedar suficientemente garantida a execución da demolición dentro do prazo que fixe a axencia, que en ningún caso poderá ser superior a dous anos contados desde a data en que a resolución que ordena a demolición é executiva.

Para estes efectos, o interesado presentará a solicitude xunto coa seguinte documentación:

DNI do solicitante.

Proxecto de execución das obras de demolición e restauración da realidade física alterada ao estado anterior á actuación ilegal, que deberá ser redactado por técnico competente e visado polo seu correspondente colexio profesional.

Programa de execución das obras de demolición.

Resgardo do depósito de aval bancario na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda, a favor da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, por importe suficiente para cubrir os gastos de execución das obras de demolición e restauración.

Declaración responsable do obrigado, en que se compromete a executar ao seu cargo as obras de demolición, de acordo co proxecto técnico e o programa de execución aprobados pola axencia.

No caso de incumprimento dalgún dos prazos parciais ou do prazo final, acordarase a execución subsidiaria pola axencia á costa do obrigado e a liquidación provisional do importe dos gastos de demolición, en reserva da liquidación definitiva que se efectúe despois da execución material da demolición. Se o obrigado non aboase a cantidade fixada na liquidación provisional ou definitiva dentro do prazo conferido para o efecto, procederase á inmediata execución do aval.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, que serán reiteradas periodicamente cada 4 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.

No caso de que existan fondos suficientes na correspondente partida orzamentaria, acordarase a execución subsidiaria pola axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1º As resolucións xudiciais que ordenan á axencia a execución subsidiaria da demolición.

2º As ordes de demolición respecto das que os interesados se comprometeron a executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

3º As resolución firmes en vía administrativa e, se é o caso, na contencioso-administrativa, que ordenan a demolición de edificacións en solo rústico de especial protección de costas, agás as de escasa entidade.

3. Unidades responsables: o servizo técnico e os servizos de inspección urbanística.

Artigo 10º.-Tramitación de expedientes sancionadores.

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes sancionadores por infracción urbanística, de conformidade co disposto nos artigos 216 a 223 da LOUG.

2. Prioridades.

Deberá incoarse o expediente sancionador inmediatamente despois de que sexa firme en vía administrativa a resolución ditada no expediente de reposición da legalidade urbanística.

Non obstante, no suposto de que os feitos poidan ser constitutivos de delito urbanístico, poñeranse en coñecemento do Ministerio Fiscal, consonte o disposto no artigo 42 do texto refundido da Lei de solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño.

3. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística.

Artigo 11º.-Impugnación de licenzas ilegais.

1. Actuación.

Instar a anulación licenzas urbanísticas que se consideren incursas nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito establecidas na lei.

2. Prioridades.

A proposta de exercicio da acción correspondente deberá realizarase con carácter de urxencia e no prazo máis breve posible a partir do momento en que se teña coñecemento do outorgamento da licenza ilegal.

3. Unidade responsable: os servizos provinciais e a subdirección da axencia.

Capítulo IV

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por infraccións da Lei de costas

Artigo 12º.-Investigación de infraccións da Lei de costas.

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción da Lei de costas, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades sancionadora e de reposición da legalidade previstas na Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución dentro da zona de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses como máximo, por acordo do director da axencia, logo de petición do xefe do servizo provincial.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 13º.-Tramitación de expedientes sancionadores.

1. Actuación.

Incoar e tramitar expedientes sancionadores por infraccións graves da Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán incoarse e tramitarse con carácter prioritario e urxente os expedientes sancionadores en relación coas obras en curso de execución dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de incoarse varios expedientes sancionadores de carácter prioritario, na orde de incoación atenderase aos seguintes criterios:

1º As obras en execución situadas en municipios integrados na axencia.

2º As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidade responsable: o Servizo de Inspección do Litoral.

Artigo 14º.-Execución de ordes de demolición.

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 107 da Lei de costas.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá realizarla o suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente sancionador ou de reposición da legalidade.

O obrigado a demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición, nos termos e condicións que se establecen no número 2 do artigo 10º deste plan de inspección.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que serán reiteradas periodicamente cada 4 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.

Unicamente se impoñerán as multas coercitivas nos supostos en que o seu importe, fixado segundo o establecido na Lei de costas, sexa superior a 1.000 euros.

4. Unidade responsable: Servizo de Inspección do Litoral.

Capítulo V

Execución e seguimento do Plan

Artigo 15º.-Execución do plan.

1. O director da axencia poderá ditar as instruccións e ordes de servizo que resulten necesarias para a mellor execución deste plan de inspección.

2. De conformidade co disposto nos artigos 50 e 74 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o director da axencia poderá acordar a tramitación de urxencia e alterar a orde de prioridades sinaladas neste plan de inspección, por razóns de interese público.

Artigo 16º.-Colaboración coas administracións públicas.

1. A axencia colaborará activamente con todas as administracións públicas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En particular, a axencia coordinará a súa actuación cos municipios integrados nela, así como coa unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A axencia comunicaralles aos correspondentes concellos o inicio e a resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

Artigo 17º.-Subinspectores urbanísticos.

Para a execución deste plan de inspección, os subinspectores urbanísticos desenvolverán as seguintes funcións:

Levar a cabo as actuacións de inspección e vixilancia que lle sexan encomendas e levantar as correspondentes actas de inspección.

Denunciar os actos de edificación e uso do solo que sexan constitutivos de infracción urbanística ou de infracción da Lei de costas.

Investigar os feitos que poidan ser constitutivos de infracción urbanística ou de infracción da Lei de costas e recompilar as probas que resulten necesarias para acreditar os feitos investigados.

Elaborar o correspondente informe técnico sobre o resultado das investigacións realizadas.

Levar a dirección técnica das obras de demolición cando lle sexan encomendadas.

E calquera outra función asesora, inspectora e de control urbanístico que lle sexa encomendada polo xefe do servizo ou pola dirección da axencia.

Artigo 18º.-Seguimento da execución do plan.

Semestralmente o director da axencia dará conta ao Consello Executivo dos resultados da execución deste plan de inspección.


No hay versiones para esta norma