Resolución do 15 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede ao recoñecemento da modalidade deportiva de Baile deportivo e de competición no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 21-03-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 56
  • Fecha de Publicación: 21/03/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Vista a proposición non de lei aprobada pola Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 2 de xuño de 2010, pola que: «O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover o baile deportivo na nosa comunidade, e insta o seu recoñecemento como modalidade deportiva, así como a creación dunha federación deportiva galega de baile deportivo».

Vista a existencia da correspondente Federación Internacional de Baile Deportivo recoñecida polo COI no ano 2007.

Visto o recoñecemento como modalidade deportiva do Baile deportivo e de competición por parte do Consello Superior de Deportes en maio de 2006, recoñecemento que xa supuxo o exame das condicións, criterios e parámetros técnico deportivos necesarios para que a citada actividade poida obter o status de modalidade deportiva.

Visto que o baile deportivo non aparece incardinado como especialidade en ningunha federación deportiva galega.

Vista a implantación real da modalidade deportiva en Galicia, cun elevado número de practicantes na nosa comunidade.

Visto o artigo 10º da Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia, que establece «Será tamén competencia exclusiva da Administración autonómica o recoñecemento de modalidades deportivas»

RESOLVO:

Primeiro.-Recoñecer como modalidade deportiva en Galicia o Baile deportivo e de competición e autorizar a inscrición da citada modalidade no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Xunta de Galicia.

Segundo.-Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos os interesados.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia (artigos 116º e 117º da Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2011.

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte


No hay versiones para esta norma