RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2011, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se determina o inicio do sistema informático expedient-e, previsto no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade., - Diario Oficial de Galicia, de 20-07-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 139
  • Fecha de Publicación: 20/07/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Servizo Galego de Saúde prevé entre as súas directrices de política sanitaria dispor dos profesionais máis cualificados nos seus servizos á cidadanía, para o cal, na súa selección aplica o principio de prioridade no mérito e a igualdade no acceso. Cómpre, pola súa vez, que os sistemas de xestión de persoal se adapten ás novas tecnoloxías da información e comunicación e, con elas, axilizar os procesos selectivos, así como achegar a Administración á cidadanía.

Con estes obxectivos, ponse en funcionamento un novo aplicativo informático; o expediente electrónico do profesional (expendient-e), ferramenta que permite a xestión integral do currículo nun contorno propio, flexible, áxil e actualizable, tanto dos profesionais do sistema sanitario público de Galicia como das persoas que dexexen traballar nel. Esta resolución de inicio dítase sen prexuízo do desenvolvemento previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, pendente de desenvolvemento neste momento de acordo co previsto nas súas disposicións finais.

Así, no expedient-e incorpórase a información que consta nos actuais aplicativos de persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade: datos persoais -necesarios para a súa relación de servizos- e requisitos e méritos -titulación, experiencia profesional acreditada, expediente académico, información relativa á formación continuada recibida e impartida, coñecemento da lingua galega e outros idiomas, así como as actividades relacionadas coa súa categoría profesional que resulten de interese para o seu desenvolvemento profesional-.

Esta resolución dá resposta á previsión contida na epígrafe I.4.4 do pacto e iniciando o acceso ao dito sistema.

Xa que logo, a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, ao abeiro das facultades que lle confire o Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde (DOG n.º 109, do 5 de xuño), e a Orde do 15 de xuño de 2009, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG n.º 119, do 19 de xuño), logo de acordo na comisión central de seguimento do pacto citado,

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

Proceder ao inicio do expediente electrónico do profesional (expedient-e), previsto no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, publicado por Resolución do 26 de abril de 2011 (DOG n. º 89, do 9 de maio) para acceso do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade e interesado en prestar servizos no organismo.

Segundo. Expedient-e.

2.1. Os datos que figuran no expedient-e serán accesibles o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2.2. A visibilidade e accesibilidade será posible para o persoal que teña unha relación xurídica de servizos como persoal do Servizo Galego de Saúde ou entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, así como tamén para aqueles que dexexen tela no futuro, sendo o persoal máis interesado no acceso o que teña previsto participar nos procesos de selección temporal e promoción profesional temporal de acordo co pacto citado.

Terceiro. Acceso ao expediente electrónico (expedient-e) e normas de utilización do sistema informático.

O manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente e validación da documentación publicaranse na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) sinalada na citada sede constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os profesionais con que mantén unha vinculación, así como coas persoas interesadas en acceder aos procesos que se convoquen.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2011.

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos


No hay versiones para esta norma