Resolución do 2 de decembro de 2010 pola que se dá publicidade ao Plan de inspección urbanística para o ano 2011., - Diario Oficial de Galicia, de 20-12-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Fecha de entrada en vigor: 20/12/2010
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 242
  • Fecha de Publicación: 20/12/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Visto o acordo adoptado polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística na súa reunión do 1 de decembro de 2010, polo que se aprobou o Plan de inspección urbanística para o ano 2011, e de conformidade co disposto no artigo 18 f) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2010.

María Martínez Allegue

Directora da Axencia de Protección da Legalidade

Urbanística

ANEXO

Plan de inspección urbanística para o ano 2011

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

EstePlan de inspección urbanística ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da axencia.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este Plan de inspección estará vixente durante o ano 2011 e ata a entrada en vigor do seguinte plan de inspección anual.

Artigo 3º.-Obxectivos principais.

Os obxectivos principais deste Plan de inspección urbanística son:

1) Promover o dereito dos cidadáns a un medio urbano e rural adecuado para o desenvolvemento da persoa, consonte o disposto no artigo 45º da Constitución, na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e na Lei 22/1988, de costas.

2) Evitar que se leven a cabo sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas obras de construción de novas edificacións ou de reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes.

3) Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Artigo 4º.-Actuacións prioritarias.

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desenvolverá, entre outras, as seguintes actuacións prioritarias:

a) Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos.

-A vixilancia e inspección do territorio.

-O asesoramento xurídico-urbanístico aos concellos adheridos no ámbito das competencias propias da axencia.

-A formación do persoal.

b) Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos.

-A investigación de infraccións urbanísticas.

-A tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

-A execución das ordes de demolición.

-A tramitación de expedientes sancionadores.

-A impugnación de licenzas ilegais.

c) Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por infraccións da Lei de costas.

-A investigación de infraccións da Lei de costas.

-A tramitación de expedientes sancionadores.

-A execución das ordes de demolición.

Capítulo II

Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos

Artigo 5º.-Vixilancia e inspección do territorio.

1. Actuación.

Desenvolver operacións de vixilancia e inspección do territorio para detectar as obras en curso de execución, en calquera clase de solo, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas, que consistan en novas construcións e instalacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

2. Prioridades.

As operacións de vixilancia e inspección serán realizadas por orde da dirección da axencia e prestarán especial atención aos seguintes territorios:

a) O territorio dos municipios integrados na axencia.

b) O territorio dos municipios costeiros.

c) O territorio dos municipios con planeamento xeral suspendido polo Consello da Xunta de Galicia ou anulado por sentenza xudicial firme.

d) O territorio dos municipios limítrofes cos das cidades con máis de 50.000 habitantes.

e) O territorio dos municipios con espazos naturais integrados na Rede Natura 2000.

f) O territorio dos municipios en que o número de vivendas aumente considerablemente.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 6º.-Formación do persoal.

1. Actuación.

Dar formación especializada ao persoal da axencia e dos concellos integrados nela, para mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística.

Así mesmo, propiciarase a formación destinada a profesionais de diversos ámbitos e interesados en xeral, co obxecto de dar unha formación urbanística máis especializada, facendo fincapé na importancia do cumprimento da legalidade urbanística, así como as consecuencias da súa transgresión.

2. Prioridades.

Durante o ano 2011 desenvolveranse, como mínimo, dous cursos sobre disciplina urbanística.

3. Unidade responsable: a subdirección da axencia.

Capítulo III

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos

Artigo 7º.-Investigación de infraccións urbanísticas.

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción urbanística, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades de reposición da legalidade e sancionadoras previstas na LOUG.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución en calquera clase de solo, así como as de obras rematadas cuxo prazo de caducidade de reacción estea próximo a vencer, sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses como máximo, por acordo do/a director/a da axencia, logo da petición do/a xefe/a do servizo provincial.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 8º.-Tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística de conformidade co disposto nos artigos 209º a 215º da LOUG.

2. Prioridades.

Deberán paralizarse e/ou incoarse con carácter prioritario e urxente as obras en curso de execución en calquera clase de solo, sen a preceptiva licenza urbanística ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida pola LOUG, agás as de escasa entidade.

Seguidamente incoaranse con carácter prioritario as obras rematadas cuxo prazo de caducidade estea próximo de cumprirse.

No caso de que estean pendentes de paralizarse e incoarse varias obras en curso de execución de carácter prioritario, atenderase aos seguintes criterios:

1) As obras en execución situadas en municipios integrados na axencia.

2) As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística.

Artigo 9º.-Execución de ordes de demolición.

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 209º.6 da LOUG.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá ser realizada polo suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente de reposición da legalidade.

O obrigado de demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición, por razóns cumpridamente xustificadas.

En todo caso, deberá quedar suficientemente garantida a execución da demolición dentro do prazo que fixe a axencia, que en ningún caso poderá ser superior a seis meses desde a resolución da ampliación correspondente e, como máximo, un ano contado desde a data en que a resolución que ordena a demolición sexa executiva.

Para estes efectos, o interesado presentará a solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) DNI do solicitante.

b) Proxecto de execución das obras de demolición e restauración da realidade física alterada ao estado anterior á actuación ilegal, que deberá de ser redactado polo técnico competente e visado polo seu correspondente colexio profesional.

c) Programa de execución das obras de demolición.

d) Resgardo do depósito de aval bancario na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda, a favor da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, por importe suficiente para cubrir os gastos de execución das obras de demolición e restauración.

e) Declaración responsable do obrigado, comprometéndose a executar ao seu cargo as obras de demolición, de acordo co proxecto técnico e o programa de execución aprobados pola axencia.

No caso de incumprimento dalgún dos prazos parciais ou do prazo final, acordarase a execución subsidiaria pola axencia á conta do obrigado, e a inmediata incautación do aval, sen prexuízo da liquidación definitiva do importe dos gastos de demolición.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, que serán reiteradas periodicamente cada 3 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado. Transcorrido un ano desde que a data en que a resolución que ordena a demolición sexa executiva, acordarase a execución subsidiaria pola axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1) As resolucións xudiciais que ordenan á axencia a execución subsidiaria da demolición.

2) As resolución firmes en vía administrativa e, se é o caso, na contencioso-administrativa, que ordenan a demolición de edificacións en solo rústico de especial protección de costas, agás as de escasa entidade.

3) As ordes de demolición respecto das cales os interesados se comprometeron a executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

4) As restantes ordes de demolición segundo a importancia da infracción e a antigüidade das obras.

En calquera caso, o acordo de execución subsidiaria quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes.

3. Unidades responsables: o servizo técnico e os servizos de inspección urbanística.

Artigo 10º.-Tramitación de expedientes sancionadores.

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes sancionadores por infracción urbanística, de conformidade co disposto nos artigos 216º a 223º da LOUG.

2. Prioridades.

Deberá incoarse o expediente sancionador inmediatamente despois de que sexa firme en vía administrativa a resolución ditada do expediente de reposición da legalidade urbanística.

Non obstante, no suposto de que os feitos poidan ser constitutivos de delicto urbanístico, poñeranse en coñecemento do Ministerio Fiscal, consonte o disposto no artigo 42º do texto refundido da Lei de solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño.

3. Unidades responsables: os servizos de inspección urbanística.

Artigo 11º.-Impugnación de licenzas ilegais.

1. Actuación.

Velarase pola vixilancia do cumprimento polas entidades locais do deber de revisar licenzas contrarias ao ordenamento urbanístico que establece o artigo 212º.2 da LOUG. Este control exercerase requirindo o cumprimento do referido deber e acudindo aos órganos xudiciais no caso de que se rexeite o requirimento ou ante falta de resposta.

2. Unidade responsable: os servizos provinciais e a subdirección da axencia.

Capítulo IV

Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por infraccións da Lei de costas

Artigo 12º.-Investigación de infraccións da Lei de costas.

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción da Lei de costas, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades sancionadora e de reposición da legalidade previstas na Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución dentro da zona de protección do dominio público marítimo-terrestre sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses como máximo, por acordo do/a director/a da axencia, logo da petición do xefe do servizo provincial.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 13º.-Tramitación de expedientes sancionadores.

1. Actuación.

Incoar e tramitar expedientes sancionadores por infraccións graves da Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán incoarse e tramitarse con carácter prioritario e urxente os expedientes sancionadores en relación coas obras en curso de execución dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas, que consistan na construción de novas edificacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de incoarse varios expedientes sancionadores de carácter prioritario, na orde de incoación atenderase aos seguintes criterios:

1º) As obras en execución situadas en municipios integrados na axencia.

2º) As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidade responsable: o Servizo de Inspección do Litoral.

Artigo 14º.-Execución de ordes de demolición.

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 107º da Lei de costas.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá ser realizada polo suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente sancionador ou de reposición da legalidade.

O obrigado que ten que demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición, nos termos e condicións que se establecen no número 2 do artigo 9º deste Plan de inspección.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que serán reiteradas periodicamente cada 3 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado. En todo caso, transcorrido un ano desde que a data da resolución que ordena a demolición é executiva, acordarase a execución subsidiaria pola axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1) As resolucións xudiciais que ordenan á axencia a execución subsidiaria da demolición.

2) As ordes de demolición respecto das cales os interesados se comprometeron que ían executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

3) As restantes ordes de demolición segundo a importancia da infracción e a antigüidade das obras, dando prioridade a edificacións completas.

En calquera caso, o acordo de execución subsidiaria quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes.

4. Unidade responsable: Servizo de Inspección do Litoral.

Capítulo V

Execución e seguimento do plan

Artigo 15º.-Execución do plan.

1. A dirección da axencia poderá dictar as instrucións e ordes de servizo que resulten necesarias para a mellor execución deste Plan de inspección.

2. De conformidade co disposto nos artigos 50º e 74º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a dirección da axencia poderá acordar a tramitación de urxencia e alterar a orde de prioridades sinaladas neste Plan de inspección, por razóns de interese público.

Artigo 16º.-Colaboración coas administracións públicas.

1. A axencia colaborará activamente con todas as administracións públicas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e o litoral, nos termos establecidos no artigo 4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En particular, a axencia coordinará a súa actuación cos municipios integrados nela, así como coa Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

No primeiro trimestre do ano 2011, a directora da axencia presentará ao Consello Executivo un procedemento de coordinación e actuación entre os concellos adheridos e a axencia.

3. A axencia comunicará aos correspondentes concellos o inicio e a resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

Artigo 17º.-Subinspectores urbanísticos.

Para a execución deste Plan de inspección, os subinspectores urbanísticos desenvolverán as seguintes funcións:

a) Levar a cabo as actuacións de inspección e vixilancia nos concellos adheridos seguindo a orde cronolóxica de incorporación á axencia referenciada na data de publicación do correspondente convenio no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos serán coordinadas as actuacións debidas cos representantes municipais.

b) Levar a cabo as actuacións de inspección e vixilancia que lles sexan encomendas e levantar as correspondentes actas de inspección.

c) Denunciar os actos de edificación e uso do solo que sexan constitutivos de infracción urbanística ou de infracción da Lei de costas.

d) Investigar os feitos que poidan ser constitutivos de infracción urbanística ou de infracción da Lei de costas e recompilar as probas que resulten necesarias para acreditar os feitos investigados.

e) Elaborar o correspondente informe técnico sobre o resultado das investigacións realizadas.

f) Recadar os datos, medicións, información precisa e realizar os planos con cotas para a elaboración dos proxectos de demolición.

g) Calquera outra función asesora, inspectora e de control urbanístico que lles sexa encomendada polo xefe do servizo ou pola dirección da axencia.

Artigo 18º.-Seguimento da execución do plan.

Semestralmente o/a director/a da axencia dará conta ao Consello Executivo dos resultados da execución deste Plan de inspección.


No hay versiones para esta norma