Resolucion do 2 de maio de 2007 pola que se convocan estadias de tempo libre para mulleres soas con cargas familiares non compartidas. - Diario Oficial de Galicia, de 09-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 89
  • Fecha de Publicación: 09/05/2007
  • PDF de la disposición

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e a través do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto, e 454/2005, do 1 de setembro, establécese a estrutura orgánica dos seus departamentos. De conformidade cos referidos decretos, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asume o exercicio das competencias en materia de políticas autonómicas, de igualdade e xénero e as de benestar.

Así mesmo, ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, e creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspondelle, entre outras funcións, a de prestar servizos a favor daquelas persoas que, pola súa situación e dentro do ámbito desta lei, teñan especial necesidade de axuda (artigo 3.12º).

Polo exposto, e en exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto facilitarlles ás mulleres que teñan fillas ou fillos menores exclusivamente ao seu cargo un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no que poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun ambiente de lecer.

Artigo 2º.-Prazas.

Convócanse 100 prazas para mulleres con fillas e/ou fillos ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Duración.

As estadías serán de dez días (nove noites) en réxime de pensión completa, durante a primeira quincena do mes de xullo.

Artigo 4º.-Condicións económicas.

Os gastos de aloxamento, manutención, monitoras e transporte desde o seu concello de orixe serán gratuítos para as persoas beneficiarias, por conta do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Esta convocatoria está cofinanciada polo Instituto da Muller e o Fondo Social Europeo.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Poderán solicitar as prazas obxecto da presente convocatoria as mulleres que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter fillas e/ou fillos a cargo.

b) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Dispoñer dunha renda que, tendo en conta todos os ingresos do conxunto da unidade familiar, divididos polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional (SMI).

d) Non padecer ela, nin as fillas e/ou fillos que a acompañen, enfermidade que requira illamento e /ou que impida a normal convivencia.

2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/fillos menores, sempre que estas/es se atopen con idades comprendidas entre os dous e os doce anos, ambos inclusive.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Para a adxudicación das prazas aplicaranse os seguintes criterios de valoración:

1. Número fillas/os a cargo exclusivo da muller:

a) 4 ou mais fillas/os: 3 puntos.

b) 2 ou 3 fillas/os: 2 puntos.

c) 1 filla/o: 1 punto.

2. Número de persoas dependentes a cargo exclusivo da muller:

a) 2 ou máis persoas dependentes: 3 puntos

b) 1 persoa dependente: 2 puntos.

3. Contía dos ingresos mensuais (renda do conxunto da unidade familiar dividida polo número de membros que a compoñen)

a) Sen ingresos: 4 puntos.

b) Ingresos menores ou iguais ao salario mínimo interprofesional: 3 puntos.

c) Ingresos entre o salario mínimo interprofesional e o dobre: 2 puntos.

4. Mulleres que estean a residir nun centro de acollida: 4 puntos.

5. Mulleres que acrediten ser ou ter sido vítima de violencia de xénero nos últimos 3 anos: 4 puntos.

6. Mulleres que acrediten estar en situación de desemprego desde hai máis dun ano: 2 puntos.

7. Mulleres que non desfrutasen deste programa ou doutros similares: 3 puntos.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

Solicitudes: as solicitudes formalizaranse no modelo de instancia que figura como anexo da presente resolución.

Documentación: a solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación (orixinal ou copia cotexada):

1. Documento de identidade da solicitante.

2. Libro de familia ou documento en que figuren as fillas e/ou fillos da solicitante.

3. Certificado de empadroamento ou documento que acredite a residencia da solicitante na Comunidade Autónoma de Galicia e no cal conste, de ser o caso, as persoas dependentes que convivan coa solicitante.

4. Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao ano 2005. No caso de non terse realizado, por non ter a obriga de presentala, así como no suposto de que as circunstancias sexan distintas no momento da solicitude, certificado de rendas, expedido pola Axencia Tributaria, e declaración responsable da situación económica da interesada, acompañada dos documentos acreditativos que a xustifiquen (nómina, recibo de calquera tipo de subsidio, informe social, tarxeta de demanda de emprego...).

5. Informe médico do Servizo Galego de Saúde, referido tanto ás mulleres como as súas fillas e/ou fillos menores que vaian acompañala, no cal conste que non padecen ningunha enfermidade que requira illamento e/ou impida a normal convivencia.

6. Informe médico do Servizo Galego de Saúde ou, se é o caso, dos servizos sociais, referido ás persoas dependentes da solicitante.

7. Outra documentación acreditativa das situacións de especial necesidade, que permitan aplicar os criterios de valoración establecidos na convocatoria (informes e certificacións dos servizos sociais municipais, centros de información ás mulleres, responsable do centro de acollida, servizo de emprego...).

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación.

O prazo de admisión de solicitudes será de 10 días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, sito na praza de Europa, 15 A-1º, Área Central, Polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo. No caso de que se presenten noutros rexistros, deberá enviarse unha copia da solicitude por fax ao número 981 95 74 88 antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación remitida conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse as persoas interesadas para que, no prazo de 10 días, remitan os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Artigo 9º.-Procedemento de selección de beneficiarias.

A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará a comisión de selección encargada da valoración das solicitudes presentadas conforme os criterios establecidos nesta resolución. A citada comisión estará constituída por catro membros, que estará integrada por:

-A secretaria do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá.

-Vogais: a traballadora social e a xefa de servizo de cooperación, que actuará como secretaria, e unha representante do Instituto da Muller.

Unha vez valoradas as solicitudes, a comisión elevará a correspondente proposta de resolución á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, na cal se incluirá a relación das persoas beneficiarias titulares e suplentes, ordenadas de maior a menor, de acordo coas puntuacións obtidas na aplicación do baremo.

Artigo 10º.-Adxudicación das prazas.

1. A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, mediante resolución motivada, adxudicará as prazas tendo en conta o baremo obtido após o estudo das solicitudes por parte da comisión de valoración.

2. A citada resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa comunicación.

3. A resolución dos expedientes deberase producir no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 11º.-Renuncia das beneficiarias.

No caso de renuncia ás prazas adxudicadas, as beneficiarias deberán comunicalo por escrito, polo menos sete días antes do comezo das estadías. Para ocupar a praza ou prazas vacantes, comunicarase a dispoñibilidade á seguinte beneficiaria da lista de suplentes.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2007.

Ana Luísa Bouza Santiago

Directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma