RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convoca a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril., - Diario Oficial de Galicia, de 11-07-2014

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 131
  • Fecha de Publicación: 11/07/2014
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación e á cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas exíxelles ás empresas de transporte de tales materias, así como ás que efectúan operacións de carga ou descarga ligadas ao dito transporte, respectar as regras establecidas en materia de prevención dos riscos inherentes a tal clase especial de transporte. Coa finalidade de facilitar a consecución deste obxectivo, a mencionada norma obriga tales empresas a designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE número 251, do 20 de outubro), sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable incorporou a citada directiva ao ordenamento xurídico interno, para cuxo efecto regulou a obriga das empresas de transporte e de carga e descarga de mercadorías perigosas de designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a estes, a cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida para garantir a posesión dun coñecemento adecuado das disposicións legais, regulamentarias e administrativas esenciais aplicables aos transportes de mercadorías perigosas.

O artigo 5 da mencionada norma regulamentaria establece que, para poder exercer as funcións encomendadas aos conselleiros de seguridade, os aspirantes deberán superar previamente un exame sobre as obrigas que lles corresponden e sobre as materias recollidas no anexo do dito real decreto. O contido, as modalidades e a estrutura destes exames, así como o modelo do certificado de formación que deberá expedirse unha vez superados estes, determinaranse por orde do ministro de Fomento.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE número 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado real decreto, determina as modalidades dos exames que se deben superar, así como as convocatorias, a estrutura dos exercicios e os correspondentes certificados de aptitude, dispoñendo igualmente que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde vaian ter lugar. Na súa virtude,

RESOLVO:

1. Aprobar a convocatoria para a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril. A dita convocatoria rexerase polas bases que se incorporan como anexo I a esta resolución.

2. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Indicar que contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014

María del Camino Triguero Salas

Directora xeral de Mobilidade

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto das probas e prazo de presentación das solicitudes

1. Esta convocatoria ten por obxecto a realización das probas dirixidas á obtención (código MT310A) do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, así como á renovación (código MT310B) dos certificados de conselleiro de seguridade.

2. O prazo de presentación das correspondentes solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. A data ou datas de realización das probas será determinada na resolución pola que se fixen os cadros de horarios e a relación definitiva de admitidos e excluídos.

Segunda. Modalidades de transporte, programa das probas e estrutura dos exercicios

1. Este proceso selectivo abrangue as seguintes modalidades de transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril:

- Todas as clases.

- Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

- Clase 2 (gases).

- Clase 7 (materias radioactivas).

- Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo Europeo para o Transporte Internacional de Mercadorías Perigosas (ADR) e no Regulamento relativo ao Transporte Internacional por Ferrocarril de Mercadorías Perigosas (RID).

- Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

2. De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.

3. A lexislación sobre a que versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais normativa estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril; todo isto, de acordo co previsto no referido anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro. A referida normativa será a vixente na data de realización das probas.

4. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE número 59, do 9 de marzo de 2004).

Terceira. Obtención do certificado de conselleiro de seguridade (código MT310A)

Os exercicios que deben superar os aspirantes a conselleiros de seguridade constarán de dúas probas:

a) A primeira delas, na que non se permitirá a consulta de textos, consistirá en responder a 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas. Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar esta proba. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para o desenvolvemento deste exercicio.

b) A segunda proba consistirá na realización dun estudo ou suposto que, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente, versará sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro. Os aspirantes disporán de 60 minutos para a realización deste exercicio e permitirase a consulta de textos normativos sempre que non figure neles a resolución de casos prácticos.

Ademais, para a realización desta proba, os aspirantes deberán ir provistos de máquina calculadora sen memoria RAM para a realización das operacións matemáticas que cumpran e de bolígrafo. Esta segunda proba puntuarase entre 0 e 100 puntos, sendo preciso acadar un mínimo de 50 para a súa superación.

Cuarta. Renovación do certificado de conselleiro de seguridade (código MT310B)

1. O certificado renovarase por períodos de cinco anos se, durante o último ano anterior á data de expiración do certificado, o seu titular supera un exame.

2. Nas mencionadas probas de renovación unicamente concorrerán as persoas que estivesen en posesión dos referidos certificados de conselleiro de seguridade.

3. O exame consistirá nunha proba de 50 preguntas tipo test; valorarase cada resposta acertada con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para superar este exercicio. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar esta proba.

Quinta. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,

https:/sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O interesado deberá satisfacer, no prazo que se indica na base primeira desta resolución, os correspondentes dereitos de exame. Para acreditar o dito cumprimento, os aspirantes deberán presentar, xunto coa solicitude, o pertinente impreso da taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

4. A presentación da solicitude ou o aboamento do ingreso correspondente aos dereitos de exame fóra dos prazos establecidos determinará a exclusión definitiva do aspirante.

5. De conformidade co que establece a Orde 605/2004, do 27 de febreiro, os aspirantes deberán ter a súa residencia habitual en Galicia.

6. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

7. No caso de que, na solicitude para concorrer ás probas (anexo II e anexo III), os interesados non autorizasen expresamente a Administración pública para a consulta dos seus datos de identidade e residencia, nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia, deberán presentar, ademais da solicitude e do impreso da taxa de autoliquidación, unha copia compulsada do seu DNI.

8. Cando o domicilio do interesado, que figura no DNI, non estivese incluído no ámbito territorial de Galicia, o solicitante deberá acreditar, mediante certificado de empadroamento, que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, 185 días naturais do último ano, contados ata o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas ou que, aínda no caso de ter o seu domicilio nun lugar distinto menos de cento oitenta e cinco días naturais do último ano, se vira obrigado, por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia. Esta última circunstancia non se entenderá cumprida cando se trate dunha estadía temporal nunha localidade para a realización dunha actividade determinada. A asistencia a unha universidade, escola ou centros docentes non implica o traslado da residencia habitual.

9. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para os efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

10. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes levará consigo a exclusión definitiva do interesado, sen prexuízo da adopción das demais medidas legais a que houber lugar.

11. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es

12. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Sexta. Dereitos de exame e relacións de admitidos e excluídos

1. De conformidade coa Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, os dereitos de exame fíxanse na contía de 21,40 euros por cada un dos exames aos cales a persoa interesada se presente.

2. Os mencionados dereitos de exame ingresaranse tras cubrir os correspondentes impresos de taxas (consellería de: MATI, código: 06, delegación de: SS.CC., código: 13, servizo de: Mobilidade, código: 02; denominación: dereitos de exame probas transportista; código: 31.01.06).

Os referidos impresos poderanse obter nos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos servizos de mobilidade ou nos departamentos territoriais da citada consellería.

Así mesmo, o ingreso da/s taxa/s poderase facer en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá á súa revisión. Ultimado o proceso, a relación provisoria de admitidos e excluídos, con indicación do motivo da súa exclusión, será publicada na páxina web da consellería http:/www.cmati.xunta.es/mobilidade e exposta nos taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade.

4. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da citada lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

En ningún caso serán obxecto de emenda as causas de exclusión consistentes na presentación das solicitudes ou no aboamento dos ingresos por dereitos de exame realizados fóra dos prazos establecidos.

5. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncie a exposición pública da relación definitiva de admitidos e excluídos nos lugares mencionados no punto 3 desta base sexta, así como a data ou datas e o cadro de horarios de realización dos exercicios.

6. Agás nos supostos previstos nos puntos 3 e 5 da base oitava, devolveránselles os dereitos de exame aos aspirantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten, de conformidade co modelo que figura como anexo IV desta resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución citada no punto anterior.

Sétima. Tribunal cualificador

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidenta: Mercedes López Caneda.

Presidente suplente: Antón García Río.

Vogais:

- Ana María Gómez Iglesias.

- María Inmaculada Carril Barco.

- Antonio Jesús Blas Fernández.

Vogais suplentes:

- Eva Lorenzo Queiro.

- María Mar Estévez Mosquera.

- David Conde Varela.

Secretaria: Elena Prado Veiga.

Secretario suplente: Pablo Alejandro Amenedo Bermúdez.

2. De conformidade co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), o referido tribunal cualificarase como de categoría primeira.

Oitava. Regras polas que se desenvolverá o proceso selectivo

1. A data ou datas e o lugar de realización das probas determinarase na resolución pola que se aproben os cadros de horarios e a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos. Nesta resolución, o tribunal poderá determinar as instrucións que considere adecuadas para a correcta realización dos exercicios, sen prexuízo das que se diten no mesmo momento de celebración das probas.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único, resultando excluído da súa realización quen non compareza no dito momento.

3. Os interesados excluídos por non comparecer no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

4. Os aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios a aqueles candidatos que se presenten e carezan da documentación que se acaba de indicar. Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

5. Os interesados excluídos por carecer da documentación precisa para acceder ao recinto onde teñan lugar as probas non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

6. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios.

7. Na realización das probas tipo test, os aspirantes responderán as diferentes preguntas marcando cun X no correspondente recadro da folla de respostas. No caso de pretender realizar algunha corrección, o interesado deberá tachar totalmente a resposta inicialmente escollida e marcar cun X a finalmente elixida.

8. O tribunal cualificador anulará aquelas respostas dos aspirantes en que, con incumprimento do sinalado no punto anterior, figuren marcadas cun X máis dunha resposta.

9. Concluídos os exercicios, as relacións de respostas que o tribunal estime correctas serán publicadas na páxina web da consellería http:/www.cmati.xunta.es/mobilidade

Unha vez publicadas consonte co anterior as relacións de respostas correctas, as persoas interesadas disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante a secretaria do tribunal as impugnacións que estimen procedentes; no caso de non presentalas directamente ante a secretaria, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico: control-transportes@xunta.es, dirixida á secretaria do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

10. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá, acto seguido, a corrixir os exercicios de acordo con ela. A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aspirantes aptos e non aptos, serán expostas no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como na páxina web http:/www.cmati.xunta.es/mobilidade

Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas interesadas fagan chegar á secretaria do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante a secretaria do tribunal deberán adiantárselle a esta, dentro do referido prazo de cinco días, mediante a remisión de copia delas ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico

control-transportes@xunta.es

11. Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas. No Diario Oficial de Galicia publicarase o acordo do tribunal polo que se determine a relación definitiva de aptos e non aptos, así como no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na páxina web http:/www.cmati.xunta.es/mobilidade

12. Unha vez concluído o proceso selectivo, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a dita relación definitiva de aprobados; todo isto para os efectos de que se proceda á expedición dos correspondentes certificados de conselleiros de seguridade.


No hay versiones para esta norma