RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2012-2013., - Diario Oficial de Galicia, de 01-06-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 104
  • Fecha de Publicación: 01/06/2012
  • PDF de la disposición

A Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regula o acceso e admisión ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, establece o proceso de admisión para quen non reúna os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a dirección xeral competente en materia de ensinanzas de réxime especial, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

Na súa virtude, esta dirección xeral

resolve:

Convocar as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2012-2013 que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Modalidades de acceso.

1. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio os aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de graduado en educación secundaria ou equivalente para efectos académicos, e superar unha proba específica.

b) Os aspirantes que non dispoñan do título de graduado en educación secundaria ou equivalente para efectos académicos, deberán ter cumpridos os dezasete anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou pola proba de madureza de grao medio de ensinanzas deportivas.

2. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior os aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de bacharel ou equivalente para efectos académicos, e superar unha proba específica.

b) Os aspirantes que non dispoñan do título de bacharel ou equivalente para efectos académicos, deberán ter cumpridos os dezanove anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou pola proba de madureza de grao superior de ensinanzas deportivas.

Tanto nun como noutro caso a idade mínima establecida deberá cumprirse dentro do ano natural de realización da proba.

Aquelas persoas que teñan pendente algunha materia de bacharelato ou ESO poderán presentarse á proba de acceso, ben que no momento de formalizar a matrícula no prazo extraordinario, no mes de setembro, deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida. En calquera caso, poderán presentarse á proba de madureza.

3. Acceso directo.

3.1. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

b) Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos plans de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

3.2. Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño quen estea en posesión dun título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

3.3. Estará exento de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.

b) Título superior de artes plásticas e/ou título superior de deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

c) Título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades.

d) Licenciatura en belas artes.

e) Arquitectura.

f) Enxeñaría técnica en deseño industrial.

3.4. Así mesmo, estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de artes plásticas e deseño quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder, presentando a seguinte documentación:

-Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral en que conste a natureza concreta da actividade realizada.

Segundo. Inscrición para as probas.

1. A inscrición farase na secretaría das escolas públicas en que se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño no prazo comprendido desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o día 22 de xuño para os ciclos de grao superior, e ata o 18 de xullo para os ciclos de grao medio. Para tal fin, as escolas de arte e superiores de deseño deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño onde se impartan estas ensinanzas facilitarán ás persoas interesadas os modelos que se xuntan como anexos I e II a esta resolución. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na secretaría da escola, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

-Título de ESO ou bacharel, ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións de ESO ou de bacharelato, ou ben o certificado de estudos en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

-Certificado da proba de acceso ao ciclo formativo, se for o caso.

-Certificado da proba de madureza de ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou ensinanzas deportivas, se for o caso.

3. As persoas solicitantes da exención prevista no punto 5 do artigo 5 da Orde do 25 de xuño de 2007 xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención corresponde ao tribunal avaliador.

4. As persoas que aleguen experiencia laboral xuntarán o documento acreditativo emitido pola empresa correspondente.

5. Os aspirantes que deban realizar a proba de madureza farano constar no punto correspondente da inscrición. No caso de non superaren esta proba, non serán admitidos na proba específica.

6. As escolas de arte e superiores de deseño onde se realice a inscrición remitirán o día 25 de xuño de 2012 á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través de correo electrónico, a relación de persoas inscritas para realizaren as probas de acceso, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, así como as probas a que se presentan, e ciclos formativos da mesma familia profesional que se oferten na Comunidade Autónoma de Galicia, ordenados segundo a preferencia do aspirante, se for o caso, e escolas de arte e superiores de deseño de Galicia en que desexa cursar os seus estudos, ordenadas segundo a preferencia da persoa aspirante.

7. A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da escola onde se realizase a inscrición o día 25 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http:/www.edu.xunta.es

Terceiro. Desenvolvemento das probas.

a) Probas de acceso ao grao medio.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao medio realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño en que se inscribisen os alumnos e alumnas nos días e horas que se indican a seguir:

1.1. Proba de madureza: 3 de setembro.

• Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: lingua galega, lingua castelá, área científico-tecnolóxica e área sociocultural. O alumnado seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para responder as cuestións de cada materia será de sesenta minutos.

• Segunda parte: das 16.30 ás 19.30 horas.

Versará sobre contidos relacionados coa educación plástica e visual.

1.2. Proba específica: 6 de setembro.

A proba específica realizarase de acordo co establecido no anexo IV desta resolución e terá lugar en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño, nas horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

b) Ciclos de grao superior.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao superior realizaranse na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, nos días e horas que se indican a seguir:

1.1. Proba de madureza: 26 de xuño.

A proba de madureza realizarase de acordo co establecido no anexo III desta resolución e nas horas que se indican a seguir:

• Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, lingua estranxeira (inglés ou francés), historia de España, historia da filosofía, filosofía e cidadanía, e ciencias para o mundo contemporáneo.

O alumnado seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a realización desta proba será de tres horas.

• Segunda parte: das 17.00 ás 18.00 horas.

Versará sobre contidos relacionados coa historia da arte.

1.2. Proba específica para todas as familias profesionais: día 2 de xullo.

A proba específica realizarase segundo figura no anexo IV desta resolución e nas horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

2. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cuarto. Tribunais das probas.

Os tribunais tomarán como criterios de avaliación os que se indican no anexos III e IV desta resolución.

a) Grao medio.

1. Para a administración das probas de grao medio constituirase tribunal avaliador en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño en que se imparta algún ciclo formativo de grao medio, coa composición que figura no anexo V desta resolución.

O tribunal avaliador de cada escola de arte e superior de deseño é o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado. Nos centros públicos, a dirección será a responsable do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e corresponde á xunta de escola garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e corresponde ao consello escolar garantir o seu cumprimento.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, cada tribunal avaliador publicará, o día 7 de setembro, a listaxe de aspirantes admitidos e non admitidos, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. Contra a resolución dos tribunais os aspirantes poderán presentar reclamacións segundo se establece no punto oitavo desta resolución.

b) Grao superior.

1. Para a administración das probas de grao superior constituirase un tribunal avaliador, coa composición que figura no anexo V desta resolución.

2. Unha vez concluídas as probas de madureza, os tribunais publicarán a listaxe de aspirantes admitidos e non admitidos o día 29 de xuño, ordenados por puntuación e en orde decrecente.

3. Unha vez concluído o proceso de cualificación das probas específicas, os tribunais publicarán a listaxe de aspirantes admitidos e non admitidos en cada ciclo formativo, o día 6 de xullo, ordenados por puntuación e en orde decrecente; esta listaxe tamén se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, os tribunais tamén publicarán a listaxe de persoas aspirantes que están en lista de espera.

Quinto. Criterios de selección de prazas.

De acordo co disposto no artigo 6.3 da Orde do 25 de xuño de 2007, establécese a seguinte orde de preferencia entre as solicitudes de reserva establecidas no punto 6.1 da mesma orde:

1. Ensinanzas profesionais de grao medio.

1.1. Para os/as aspirantes que accedan directamente ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando non existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño por experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior a que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexe cursar ou teña superados os cursos de materias comúns de artes aplicadas e oficios artísticos.

d) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

e) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

f) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

g) Estea en posesión do título de enxeñaría técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada pola maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. En caso de empate efectuarase por sorteo público.

1.2. Para os/as aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) En caso de empate, por sorteo público.

1.3. Para os/as aspirantes que accedan mediante proba de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sexa obxecto de exención.

b) En caso de empate, por sorteo público.

2. Ensinanzas profesionais de grao superior.

2.1. Para os/as aspirantes que accedan directamente ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando non existan prazas suficientes terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño por experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior a que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou títulos declarados equivalentes.

d) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

e) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

f) Estea en posesión do título de enxeñaría técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada pola maior cualificación final, no caso dos ciclos formativos de artes plásticas e deseño, calculada segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de setembro). No resto dos casos, pola maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. En caso de empate, efectuarase por sorteo público.

2.2. Para os/as aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) En caso de empate, por sorteo público.

2.3. Para os/as aspirantes que accedan mediante proba de acceso e madureza ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sexa obxecto de exención.

b) En caso de empate, por sorteo público.

3. Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos, aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias, en cuxo caso, serán as que se teñan en conta:

-Suficiente/aprobado: 5,5.

-Ben: 6,5.

-Notable: 7,5.

-Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou nas cales estivese exento.

4. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. As condicións, criterios e probas de acceso serán as mesmas que as reguladas para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderán ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas, a través dos cursos monográficos que oferte a escola. Neste caso as prazas cubriranse por estrita orde de chegada, e o alumnado poderá obter unha certificación de capacidades.

Sexto. Relación de persoas admitidas.

a) Grao medio.

As escolas de arte e superiores de deseño farán pública, o día 7 de setembro, a resolución de persoas admitidas e a adxudicación de prazas.

b) Grao superior.

A relación de persoas aprobadas será exposta nos taboleiros de anuncios das escolas o día 12 de xullo; así mesmo, tamén se publicarán a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sétimo. Reclamacións e recursos.

1. Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polos tribunais avaliadores poderán ser obxecto de reclamación ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo dun día hábil.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polos tribunais, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada nos termos que figuran no artigo 16 da Orde do 25 de xuño de 2007.

Oitavo. Matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos.

1. Os aspirantes que obteñan praza adxudicada por resolución dos tribunais avaliadores deberán formalizar a súa matrícula entre os seguintes días:

-Grao medio: do 13 ao 14 de setembro de 2012, ambos inclusive.

-Grao superior: do 13 ao 24 de xullo de 2012, ambos inclusive.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas facilitarán ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I e II a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2012-2013.

3. Os aspirantes que tivesen pendente de superar algunha das materias de bacharelato ou de ESO deberán acreditar a súa superación no momento de formalizaren a matrícula, entre os días 7 e 14 de setembro de 2012.

4. Para a correcta asignación de prazas, os tribunais terán en conta criterios de admisión establecidos na Orde do 25 de xuño de 2007.

5. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por escola. O número de alumnos/as de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e escola en particular, e non deberá superar en ningún caso os 30 alumnos/as, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa do departamento territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos/as, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2012.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma