Resolucion do 22 de febreiro de 2010 pola que se convoca un seminario sobre A discrecionalidade no exercicio das potestades de planificacion, xestion e disciplina urbanistica. - Diario Oficial de Galicia, de 26-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 39
  • Fecha de Publicación: 26/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2010 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística un seminario sobre A discrecionalidade no exercicio das potestades de planificación, xestión e disciplina urbanística, conforme ás seguintes bases:

1. Obxectivos.

As competencias en materia de urbanismo comprenden as potestades de planeamento, de xestión e execución de instrumentos planificadores, de intervención no mercado de solo, e de disciplina urbanística. No exercicio destas potestades as administracións públicas gozan dunha ampla marxe de discrecionalidade administrativa que lles permite optar entre varias opcións xuridicamente indiferentes. Non obstante, estas potestades urbanísticas non poden ser exercidas arbitrariamente, senón que están sometidas a limitacións e controis.

E así, a lei establece determinadas limitacións coa finalidade de garantir os dereitos constitucionais dos cidadáns en relación co territorio, sexan ou non propietarios do solo, en especial o dereito a un medio urbano e natural adecuado para o desenvolvemento da persoa (artigo 45 da CE), o dereito ao acceso a unha vivenda digna (artigo 47 da CE) e o dereito de participación nos asuntos públicos.

E tamén establece limitacións para garantir os dereitos dos propietarios do solo, determinando o seu estatuto xurídico básico e os dereitos de igualdade e de participación da comunidade nas plusvalías xeradas polo plan.

O obxectivo deste seminario é coñecer o alcance das potestades de planeamento, de xestión e de disciplina urbanística, as súas limitacións e os condicionamentos xurídicos.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-O sistema urbanístico de Galicia. Principios básicos: utilización racional do solo. Participación da comunidade nas plusvalías xeradas polo plan. Xusta distribución de beneficios e cargas. Participación cidadá.

-Os dereitos dos cidadáns en relación co territorio. O dereito a vivir nun medio adecuado para o desenvolvemento da persoa. O dereito ao acceso a unha vivenda digna. Os dereitos de participación e de información. A acción pública.

-A discrecionalidade no exercicio das potestades de planificación urbanística. Limitacións legais. Os mecanismos de control de legalidade e de calidade. Alcance da intervención da Administración autonómica. Garantías dos cidadáns e dos propietarios do solo.

-A discrecionalidade no exercicio das potestades de xestión urbanística, execución do planeamento e disciplina urbanística. Limitacións legais. Os mecanismos de control de legalidade e de calidade. Garantías dos cidadáns e dos propietarios do solo.

-O estatuto xurídico da propiedade do solo. Facultades urbanísticas: apropiación do aproveitamento urbanístico. Deberes e cargas urbanísticas: cesión, urbanización e equidistribución. O papel do empresario promotor da actividade urbanística.

-O control xurisdicional das potestades urbanísticas. Medidas preventivas. Execución de sentenzas.

-Os delictos urbanísticos. Outros delictos relacionados coa actividade urbanística.

-A corrupción urbanística. Apropiación indebida de aproveitamento urbanístico lucrativo. Consecuencias. Tipos de actuacións ilícitas.

-Mesa redonda: a limitación da discrecionalidade no exercicio das potestades urbanísticas.

3. Destinatarios.

Alcaldes/esas e concelleiros/as, secretarios/as de concellos, persoal das administracións públicas que desenvolva funcións de asesoramento en materia de urbanismo, e interesados/as en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 8 e 9 de marzo de 2010.

Duración: 9 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o xoves 4 de marzo de 2010.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste seminario, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final do seminario, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega

de Administración Pública

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma