RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión., - Diario Oficial de Galicia, de 31-10-2013

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 209
  • Fecha de Publicación: 31/10/2013
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Os permisos de explotación para a pesca profesional serán expedidos especificamente para artes ou zonas determinadas e, en función do estado dos recursos, poderanse outorgar cambios nas artes ou nas zonas incluídas nos permisos de explotación, atendendo a criterios de obxectividade, equidade e transparencia, de conformidade co establecido no artigo 18.bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

O artigo 18.1 da Orde do 6 de abril de 2004 pola que se regulan os procedementos de expedición, renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións establece que, de conformidade co sinalado no artigo 10 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, no permiso de explotación, no traslado, na transmisión e na renovación, se farán constar as modalidades e as artes de pesca autorizadas, así como a zona de pesca, que virán limitadas en función do estado dos recursos.

A determinación das artes ou modalidades de pesca nos permisos de explotación das embarcacións e a alternancia entre elas é un dos obxectos da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, na que ademais se establece o número máximo de artes de pesca por embarcación. Non obstante, a elección da arte de marisqueo desde embarcación con vara está condicionada pola disposición adicional terceira desta orde, que establece que, dado o esforzo pesqueiro existente na actualidade sobre as diversas especies de moluscos bivalvos, non se poderán incrementar, ata que non se dispoña o contrario, o raño, a gancha e o angazo coas que tradicionalmente se vén exercendo o marisqueo desde embarcación.

Os plans de explotación marisqueira son unha ferramenta fundamental para acadar unha explotación sustentable dos bancos marisqueiros. Así, con base no estado dos recursos marisqueiros, establécense diferentes medidas de xestión, planifícase a actividade extractiva, os traballos de semicultivo e vixilancia dos bancos, e organízanse os recursos humanos e materiais necesarios para desenvolver as diferentes actuacións. O seguimento técnico do plan de explotación, en particular en canto ao esforzo pesqueiro, permite a adopción das medidas necesarias para unha explotación racional dos recursos marisqueiros.

O Plan xeral de explotación marisqueira, aprobado anualmente por orde da consellería, autoriza os plans de explotación en zonas de autorización e de libre marisqueo, logo de valoración do estado dos bancos marisqueiros e do esforzo pesqueiro potencial, entre outras cuestións. Polo tanto, é neste marco no que se pode autorizar o aumento do esforzo, xa sexa en cotas de captura asignadas ás embarcacións en función dos tripulantes cando estas xa participan en plans, ou ben incrementando o número de embarcacións que accedan á modalidade no marco dun plan.

A disposición adicional segunda da Orde do 28 de decembro de 2012 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2013 establece que, en virtude do disposto na disposición adicional terceira da Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, e durante a vixencia desta orde, naqueles plans de explotación en que os datos resultantes do seguimento da explotación, a situación social do sector e os estudos sobre o estado dos recursos así o permitan, poderase incrementar o número de embarcacións coa modalidade de marisqueo con vara, sen prexuízo das limitacións e condicións establecidas para cada un dos plans de explotación.

Determinada a posibilidade de incrementar o acceso á actividade de marisqueo con vara, cómpre desenvolver o mecanismo para o seu outorgamento entre as persoas solicitantes asociadas á entidade titular do plan de xestión.

Por outra banda, a experiencia acumulada na baremación de solicitudes para outras modalidades de marisqueo tanto a pé como desde embarcación, fai aconsellable que a valoración das actividades formativas sexa homoxénea, e que as persoas interesadas coñezan de antemán cales son consideradas como méritos e a puntuación que lle corresponde. Por este motivo, recoñeceranse as actividades formativas consideradas como mérito para o baremo e desenvolverase un catálogo no que se inscribirán, e que será público.

Na pesca extractiva as mulleres representan menos do 5 % do total da poboación ocupada. Trátase dunha presenza minoritaria, que tamén se reflicte no sector de marisqueo desde embarcación con vara. Polo tanto, para fomentar a incorporación das mulleres neste colectivo establécese que, no caso de empate entre varias das persoas candidatas, empregarase como criterio de desempate a preferencia da persoa do sexo infrarrepresentado.

A disposición derradeira segunda da Orde do 28 de decembro de 2012 autoriza a persoa titular da dirección xeral competente en materia de marisqueo para o desenvolvemento desta.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación e a protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, ten ao seu cargo a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensinanzas e titulacións náutico-pesqueiras.

En virtude do disposto, e unha vez consultado ao sector, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar o baremo que se aplicará na valoración de solicitudes e que figura no anexo I para:

a) Incrementar cotas de captura nas embarcacións que xa conten coa modalidade de marisqueo con vara, e están incluídas en plans de xestión.

b) Seleccionar embarcacións que accedan á modalidade de marisqueo con vara no seu permiso de explotación, no marco dun plan de xestión.

Segundo. Recoñecer as actividades formativas que serán consideradas como mérito no baremo para incluír a modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación, segundo figura no anexo II desta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o secretario xeral do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Susana Rodríguez Carballo

Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I

Baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión, e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión

A. Criterios xerais.

1. Terán preferencia á incorporación ao plan de xestión as embarcacións que posúan a modalidade de libre marisqueo no permiso de explotación, sempre e cando a persoa solicitante teña a condición de armador/a da embarcación cun mínimo de 2 anos á data da convocatoria do proceso selectivo.

As prazas cubriranse en función da maior antigüidade da embarcación nun porto base incluído no ámbito territorial da entidade titular do plan de explotación.Tamén se terán en conta as persoas asociadas á entidade cuxa embarcación teña un porto base fóra do ámbito territorial da confraría, segundo o establecido na disposición transitoria da Orde do 28 de xuño de 2004 pola que se regula a autorización de establecemento e cambio de porto base de buques.

2. En segundo lugar, terá preferencia o incremento do número de cotas en embarcacións que xa participan nun plan de xestión, que teña limitado o dito número por tripulante.

As prazas cubriranse entre os solicitantes, coa seguinte orde de preferencia:

Primeiro. Asignando unha nova praza ás embarcacións que conten cunha única cota de captura, non sendo preciso que acredite ter enrolado un novo tripulante coa solicitude.

Segundo. Asignando as prazas as embarcacións en función da media de tripulantes enrolados sen dereito a cota de captura durante 6 meses continuos ou 12 descontinuos, anteriores á data da convocatoria do proceso selectivo.

3. As prazas non cubertas unha vez aplicados os criterios anteriores, de ser o caso, distribuiranse entre o resto de embarcacións, é dicir, as que non dispoñan da modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación, as que teñan a modalidade de libre marisqueo pero sen a antigüidade mínima e as que xa están incluídas nun plan de xestión que ten limitado o número de cotas pero non cumpren os requisitos de preferencia.

4. Cando o número de solicitudes fose superior ao de prazas, a distribución realizarase en función da puntuación que resulte de aplicar o baremo establecido na letra B deste anexo I para o incremento de cotas en embarcacións que xa participan nun plan de xestión (criterio xeral 2), e o baremo establecido na letra C deste anexo I no caso do resto de embarcacións (criterio xeral número 3).

5. Nos plans de xestión nos que as embarcacións teñan asignadas un número determinado de cotas de captura, o número de prazas outorgarase con carácter xeral, en función dos tripulantes que teñan enrolados as embarcacións seleccionadas, sen poder superar o número máximo de prazas autorizadas.

6. O outorgamento de prazas quedará limitado ao máximo de tripulantes autorizados pola administración marítima.

7. No caso de que a embarcación sexa explotada por unha sociedade civil ou mercantil, ou conxuntamente por varios/as armadores/as, só poderán acreditarse os méritos dunha persoa que será a mesma para todas as letras do baremo.

8. Non se puntuarán os méritos de formación e experiencia profesional cando a persoa ou algunha das persoas solicitantes sexan armadoras doutras embarcacións que xa posúan as modalidades de marisqueo con vara ou de recursos específicos no permiso de explotación.

9. No caso de empate tras aplicar o baremo, terán preferencia, en primeiro lugar, as embarcacións cuxas persoas armadoras sexan mulleres, e en segundo lugar, as persoas armadoras de menor idade. De persistir o empate, resolverase por sorteo público.

B. Baremo para o incremento do número de cotas en embarcacións incluídas no plan de xestión.

1. A distribución de prazas realizarase tendo en conta os criterios da letra A.2.

2. As prazas distribuiranse segundo a orde que resulte de aplicar os seguintes criterios:

Primeiro. Dividirase o arqueo (GT) entre o número de cotas de captura asignadas á embarcación.

Segundo. A este resultado sumaráselle a puntuación que lle corresponda segundo o número de artes (C.1), vendas (C.2), período de actividade (C.3) e número de embarcacións (C.5), segundo se especifica na letra C deste anexo.

C. Baremo para a selección de embarcacións que accedan á modalidade de marisqueo con vara.

1. Número de artes ou modalidades incluídas no permiso de explotación da embarcación na data da convocatoria:

a) 1 arte/modalidade: 4 puntos.

b) 2 artes/modalidades: 3 puntos.

c) 3 artes/modalidades: 2 puntos.

d) 4 artes/modalidades: 1 punto.

2. Vendas en lonxa ou centro de venda autorizado da embarcación.

Cando nos dous anos anteriores á convocatoria, o volume de vendas da embarcación teña un importe superior ao salario mínimo interprofesional para cada un dos tripulantes: 2 puntos.

Á hora de computar as vendas descontaranse só os períodos de tempo nos que a embarcación estivo inactiva por causa de forza maior, e cando a/s persoa/s solicitante/s non fosen armadores/as da embarcación (segundo o permiso de explotación).

Para o cálculo do salario mínimo interprofesional terase en conta a información relativa ás vendas en lonxa ou centro de venda autorizado que conste en poder da consellería, así como o rol de despachos e dotación.

3. Período de actividade da embarcación (rexistro da actividade pesqueira).

Cando nos dous anos anteriores á convocatoria, a embarcación rexistrase actividade pesqueira e teña asociadas vendas en lonxa ou centro de venda autorizado:

a) Por un período superior a 18 meses: 1 punto.

b) Por un período comprendido entre 6 e 18 meses: 0,5 puntos.

c) Por un período inferior a 6 meses: 0 puntos.

Non se terá en conta o período de tempo no que a/s persoa/s solicitante/s non fosen armadores/as da embarcación (segundo o permiso de explotación).

4. Antigüidade da embarcación nun porto base incluído no ámbito territorial da entidade titular do plan de explotación.

Cando a embarcación teña un porto base incluído no ámbito territorial da confraría durante un período de 2 anos inmediatamente anteriores á convocatoria, sempre e cando as persoas solicitantes teñan a condición de armador/a da embarcación durante todo o período de tempo: 8,00 puntos.

Tamén se terá en conta ás persoas solicitantes asociadas a entidade cuxa embarcación teña un porto base fóra do ámbito territorial da confraría, segundo o establecido na disposición transitoria da Orde do 28 de xuño de 2004 pola que se regula a autorización de establecemento e cambio de porto base de buques.

5. Número de embarcacións do/a armador/a.

Ser armador/a dunha única embarcación: 3 puntos.

6. Formación da persoa armadora da embarcación.

A puntuación máxima total que se poderá obter neste punto será de 4 puntos.

Neste punto computarán as actividades de formación realizadas pola persoa armadora da embarcación, ao que se lle sumará a titulación académica que posúa.

a) Actividades de formación (cursos, seminarios e xornadas ou asimiladas).

1º. Valoraranse as actividades que foron recoñecidas como mérito para acceder á modalidade de marisqueo con vara, e que figuran inscritas no catálogo de actividades formativas, de conformidade co establecido no anexo II.

2º. Non se computarán as seguintes titulacións e certificados: mariñeiro-pescador, formación básica, certificado de mariscador, certificado de percebeiro e certificado para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

3º. Cando unha actividade formativa teña varios niveis, só computará aquela que permita acadar a maior puntuación.

b) Titulación académica.

1º. Graduado en ESO ou equivalente: 0,30 puntos.

2º. Bacharelato ou equivalente: 0,50 puntos.

3º. Diplomado universitario ou equivalente: 0,70 puntos.

4º. Licenciado universitario ou equivalente: 1 punto.

Valorarase só a titulación académica superior. Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Á puntuación obtida na letra b) engadiráselle 1 punto, no caso de que a persoa armadora estea en posesión dalgunha titulación profesional regrada de acuicultura ou náutico-pesqueira, así como a formación non regrada de patrón de pesca local, patrón costeiro polivalente e capitán de pesca.

7. Experiencia profesional no sector da persoa armadora da embarcación.

A puntuación máxima que se poderá obter neste punto será de 4 puntos.

Por estar enrolado nunha embarcación incluída nun plan de xestión de marisqueo con vara nos 2 anos anteriores á convocatoria: 0,01 puntos/día de actividade sempre que a embarcación tivese vendas.

Non computará o período de tempo no que a persoa armadora estivese en situación de incapacidade temporal.

ANEXO II

Recoñecemento de actividades formativas como mérito no baremo

1. As actividades formativas (cursos, seminarios, xornadas ou asimiladas), que pretendan ser consideradas como mérito no baremo para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación,deberán ter contidos nas seguintes materias:

a) Asociacionismo e fórmulas organizativas. Cooperativismo.

b) Habilidades sociais.

c) Habilidades de dirección, negociación. Xestión de organizacións. Responsabilidade social.

d) Lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola.

e) Cultivos e xestión das especies de interese marisqueiro en Galicia.

f) Comercialización de produtos pesqueiros.

g) Informática para a xestión de organizacións.

h) Manipulación de produtos pesqueiros frescos.

i) Prevención de riscos laborais no sector pesqueiro.

j) Turismo mariñeiro.

As actividades formativas, segundo a forma de participación, poden ser presenciais, en rede (mediante ferramentas electrónicas) ou mixtas.

2. As actividades formativas recoñecidas como mérito poderán ser:

a) As realizadas pola consellería competente en materia de marisqueo inscritas no catálogo de actividades formativas.

b) As promovidas por outras entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, que sexan recoñecidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

As entidades privadas deberán ter entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades formativas, así como expresar que non teñen ánimo de lucro.

3. Requisitos para o recoñecemento de actividades formativas, pola consellería competente en materia de marisqueo:

a) A persoa ou entidade interesada no recoñecemento deberá achegar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a documentación acreditativa da dita actividade. No caso de entidades a documentación incluirá unha memoria, informe ou programa de cada actividade, e no caso de persoas físicas, será un certificado acreditativo de participación.

Poderán recoñecerse de oficio as actividades formativas realizadas polas administracións, entidades do sector público e corporacións de dereito público.

b) As actividades serán susceptibles de recoñecemento segundo estableza o servizo con competencias en ensinanzas marítimo-pesqueiras, que en calquera momento, poderá solicitar á persoa interesada a información necesaria para avaliar a actividade que pretenda ser recoñecida.

c) As actividades de formación que pretendan ser recoñecidas deberán vir expresadas en horas e aquelas que teñan menos de oito horas non serán computables, nin poderán acumularse.

d) Nas actividades que se pretendan recoñecer deberán realizarase controis de asistencia.

e) Non se recoñecerán como actividades formativas as accións conducentes á obtención dunha titulación académica.

f) Os certificados acreditativos da participación en actividades formativas constarán dos seguintes datos:

1º. Institución ou entidade organizadora da actividade.

2º. Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

3º. Nome, apelidos e DNI da persoa á que se lle vai facer o certificado.

4º. Denominación da actividade.

5º. Lugar e datas de realización.

6º. Número de horas de duración.

7º. Lugar e data de expedición do certificado.

8º. Sinatura e selo.

Só se aceptarán os certificados que acrediten a superación íntegra da actividade. Non se aceptarán certificacións parciais.

4. Catálogo.

a) Todas as actividades formativas que se recoñezan como mérito no baremo para incluír á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación, inscribiranse nun catálogo.

b) O catálogo de actividades formativas dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e será responsable da súa levanza o servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.

c) O catálogo poderá ser consultado na páxina web http:/www.medioruralemar.xunta.es, e será actualizado cando se recoñezan novas actividades formativas.


No hay versiones para esta norma