RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Matamá, no concello de Gomesende., - Diario Oficial de Galicia, de 12-02-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 29
  • Fecha de Publicación: 12/02/2015
  • PDF de la disposición

O Concello de Gomesende eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da delimitación de solo de núcleo rural de Matamá, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Gomesende, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Gomesende non conta con ningunha figura de planeamento xeral, sendo de aplicación as normas complementarias e subsidiarias provinciais (AD 3.4.1991).

O Concello está a tramitar un Plan xeral de ordenación municipal, que foi obxecto de informe previo á aprobación inicial por esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no 14.4.2010; aprobación inicial polo Pleno en data 19.4.2010; e exposición pública no Diario Oficial de Galicia de 4.6.2010.

2. Constan os informes técnico e xurídico municipais do 16.12.2013.

3. O Pleno do Concello do 19.12.2013 aprobou inicialmente a delimitación de solo de núcleo rural de Matamá; e someteuna a información pública durante un mes, nos xornais La Voz de Galicia do 30.12.2013 e Faro de Vigo do 31.12.2013; e no Diario Oficial de Galicia do 3.2.2014.

4. Consta certificado da secretaria municipal do 20.3.2014, sobre a inexistencia de alegacións.

5. O 19.9.2014, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable cunha serie de consideracións.

6. O Concello Pleno do 28.11.2014 aprobou provisionalmente a delimitación de núcleo rural de Matamá, logo dos informes municipais: técnico do 30.10.2014 e xurídico do 24.11.2014.

II. Análise e consideracións.

1. O obxecto da delimitación do asentamento tradicional de Matamá adaptada á LOUG consiste na aplicación do establecido na disposición adicional segunda da LOUG.

2. O asentamento está identificado administrativamente no Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense.

3. Delimítase o asentamento como núcleo rural histórico tradicional, cunha superficie de 21.829 m2, conforme o establecido no artigo 13 da LOUG e 3.1.7 das determinacións das directrices de ordenación do territorio (Decreto 19/2011, do 10 de febreiro).

4. No estudo do medio rural xustifícase que o núcleo delimitado responde a un trazado lineal sobre un camiño antigo de certa importancia, cun peto de ánimas sobre un muro.

5. O asentamento está constituído por 50 edificacións tradicionais, das cales 32 están destinadas a uso residencial, 14 en ruínas, 3 vivendas recentes e 1 capela; así como construcións complementarias e auxiliares como alpendres, hórreos e un lavadoiro, cunha consolidación edificatoria dun 89,65 %, segundo o cálculo gráfico e dun 125,06 % segundo o cálculo numérico ou simplificado.

6. O documento fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados, define o trazado viario, asumindo nalgunhas partes as aliñacións existentes, e identifica dez elementos de valor cultural (entre os que se atopan a capela de San Ramón, unha fonte con lavadoiro, varios hórreos, un esmoleiro, e lintel con inscrición e unha casa con patio) e dous equipamentos existentes (unha fonte cun lavadoiro e a capela de San Ramón).

7. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación do solo de núcleo rural cumpre cos requisitos establecidos no artigo 13.3.a) da LOUG. O réxime xurídico aplicable será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural tradicional.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural tradicional de Matamá, no concello de Gomesende.

Segundo. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de (2) dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2015

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma