Resolucion do 24 de marzo de 2009 pola que se convoca un curso de segundo nivel sobre patron para a navegacion basica (PNB), que se desenvolvera de forma mixta combinando duas clases presenciais co seguimento a traves da internet. - Diario Oficial de Galicia, de 03-04-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 65
  • Fecha de Publicación: 03/04/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de segundo nivel sobre patrón para a navegación básica (PNB), conforme as seguintes bases.

1. Datos da actividade:

Denominación: patrón para a navegación básica (PNB).

Tipo: segundo nivel.

Horas lectivas: 20

Modalidade: mixto, combina tres clases presenciais co seguimento a través da internet.

Obxectivos: con este curso preténdese conseguir que os/as integrantes dos servizos de emerxencias e protección civil adquiran coñecementos de navegación, así como a capacitación necesaria para poder pilotar unha embarcación no desenvolvemento das funcións encomendadas.

Contido: o contido do curso de patrón de navegación básica divídese en dúas partes:

Teoría:

-Nomenclatura náutica.

-Seguridade.

-Navegación.

-Propulsión.

-Convenio internacional para prever as abordaxes, no que afecta a estas embarcacións.

-Balizamento.

-Lexislación.

-Radiocomunicacións

Práctica:

12 horas de prácticas de seguridade e navegación na que se impartirán os seguintes temas:

Xeito de utilizar o chaleco salvavidas, extintores, sinais pirotécnicas, espello de sinais.

-Manexo de cabos.

-Preparativos antes de iniciar unha manobra.

-Comprobacións despois de arrancar: alarmas e instrumentos de control. Refrixeración.

-Aplicación das regras de rumbo e goberno, velocidade de seguridade, vixilancia e identificación de marcas e balizas.

-Manobras en dársena.

-Gobernar cunha referencia de terra.

-Manobra de home á auga.

2 horas de prácticas básicas de radiocomunicacións en simuladores homologados.

-Chamadas de socorro en radiotelefonía e LSD en VHF.

-Utilización práctica de VHF portátiles.

2. Desenvolvemento da convocatoria:

Destinatarios/as: os cursos van dirixidos aos membros dos servizos de emerxencias e protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico de protección civil, acrediten coñecementos de salvamento e socorrismo acuático e dispoñan de embarcacións de salvamento nos seus servizos.

Prazas ofertadas: 25.

3. Solicitudes de participación:

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 29 de abril de 2009.

Para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http:/agasp.xunta.es, na sección Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello ou organismo do que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 18 de maio de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http:/agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009, DOG nº 30, do 12 de febreiro).

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

4. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: clases presenciais das 10.00 ás 14.00 horas.

Datas: 6 e 20 de xuño, e o 4 de xullo clases presenciais. O 6 de xullo o exame na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira (A Coruña) ás 16.30 horas.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela. Para a obtención do título de patrón para a navegación básica é preciso superar un exame teórico na Escola Náutico-Pesqueira de Vigo, Ribeira ou Ferrol, aboando as taxas correspondentes, e realizar a práctica oficial.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de marzo de 2009.

P.S. (Disp. 1ª da Orde do 31 de xaneiro de 2008;

DOG nº 23, do 1-2-2008)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior


No hay versiones para esta norma