Resolucion do 25 de marzo de 2009 pola que se ordena a publicacion do convenio de adhesion a Axencia de Proteccion da Legalidade Urbanistica do Concello de Begonte. - Diario Oficial de Galicia, de 02-04-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 64
  • Fecha de Publicación: 02/04/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O día 25 de marzo de 2009 a axencia e o Concello de Begonte asinaron o Convenio de adhesión dese concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

De conformidade co establecido no artigo 9.1º dos estatutos da axencia aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2009.

Hipólito Pérez Novo

Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Convenio de Adhesión á Axencia de Protección

da Legalidade Urbanística

En Santiago de Compostela o vinte e cinco de marzo de dous mil nove.

Interveñen:

Dunha parte, José Antonio Vázquez García, alcalde do Concello de Begonte, provincia de Lugo, en representación do concello, de conformidade co disposto no artigo 61 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

E doutra parte, Hipólito Pérez Novo, director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, en representación do ente público, de conformidade co disposto no artigo 18 dos estatutos aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

Expoñen:

1º A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, no seu artigo 226, establece que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os concellos que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

Así mesmo, establece que son membros da axencia a Administración autonómica e os concellos que voluntariamente se integren nela. A incorporación dos concellos realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a aprobación previa do Pleno da Corporación e do Consello da Xunta de Galicia e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística foron aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e publicados no Diario Oficial de Galicia número 222, do 16 de novembro.

2º O Concello de Begonte ten atribuídas competencias en materia de disciplina urbanística, en virtude do disposto no artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 209 e seguintes da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, no seu artigo 10, determina que a Administración local e as demais administracións públicas axustarán as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto polos ámbitos competenciais respectivos e que procederá á coordinación das competencias das entidades locais entre si e, especialmente, coas das restantes administracións públicas, cando as actividades ou os servizos locais transcendan o interese propio das correspondentes entidades, incidan ou condicionen relevantemente os das devanditas administracións ou sexan concorrentes ou complementarios dos destas.

O texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, no seu artigo 69, establece que as competencias compartidas ou concorrentes poderán ser exercidas conxuntamente pola Administración do Estado ou da comunidade autónoma e a local, mediante a constitución de entes instrumentais de carácter público ou privado.

3º En virtude do establecido nos artigos 222.2º e 226 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a axencia exercerá as competencias que lle sexan delegadas polos concellos consorciados.

Neste sentido, o artigo 9 dos estatutos da axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, dispón que a adhesión necesariamente producirá a atribución á axencia das competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio integrado voluntariamente na axencia, nos supostos que determinan os artigos 209, 210 e 211 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, segundo se estableza no convenio de adhesión.

4º Este convenio de adhesión obtivo a aprobación previa do Pleno da Corporación municipal de Begonte en sesión que tivo lugar con data do 13 de marzo de 2009, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación, de conformidade co disposto no artigo 226.2º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 215.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, obtivo a aprobación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de xaneiro de 2009, de conformidade co disposto no artigo 226.2º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Os intervenientes recoñecen mutua capacidade para o outorgamento do presente convenio de adhesión, de conformidade coas seguintes

Estipulacións:

Primeira.-Incorporación á axencia.

O Concello de Begonte, provincia de Lugo, incorpórase e adhírese como membro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, asumindo os dereitos e obrigas que disto derivan, de conformidade co estipulado neste convenio de adhesión e o establecido nos estatutos da axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segunda.-Delegación de competencias.

1. O Concello de Begonte delega na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística establecidas nos artigos 209, 210, 211 e 222 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgún dos seguintes ámbitos:

a) Solo rústico en calquera das súas categorías (artigos 15 e 32 e disposición transitoria primeira, punto 1.f), da Lei 9/2002).

b) Nos núcleos rurais tradicionais (artigo 13 da Lei 9/2002 e disposición transitoria primeira, punto 1.e) da Lei 9/2002).

c) Solo urbanizable delimitado e non delimitado, mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou plan de sectorización (artigo 14 da Lei 9/2002).

A axencia exercerá efectivamente estas competencias desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia.

2. Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

3. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderalle ao concello.

Para resolver o recurso deberá solicitarse informe da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Cando se reciba o escrito de interposición de recurso na axencia, esta deberá remitir ao concello co seu informe e unha copia completa e ordenada do expediente administrativo.

4. A delegación de competencias poderá ser revogada en calquera momento polo Pleno da Corporación, coa maioría exixida no artigo 215.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. A revogación será efectiva unha vez comunicada á dirección da axencia e publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Contribución ao sostemento da axencia.

1. O Concello de Begonte contribuirá ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coas seguintes achegas económicas:

a) O 50% do produto das multas coercitivas impostas pola axencia para a execución das ordes de reposición da legalidade ditadas no exercicio das competencias delegadas polo concello.

b) E o 50% do importe das sancións impostas pola axencia aos responsables de infraccións urbanísticas, en exercicio das competencias delegadas polo concello.

2. O importe das multas coercitivas e das sancións impostas pola axencia en exercicio de competencias delegadas polo concello serán ingresadas polos suxeitos obrigados directamente na conta xeral da axencia. No suposto de que non sexan aboadas en período voluntario, a axencia solicitará da Consellería de Economía e Facenda o seu cobramento pola vía de constrinximento.

Ao finalizar cada exercicio anual, a axencia transferiralle ao Concello de Begonte unha cantidade equivalente ao 50% dos ingresos percibidos polas sancións impostas en exercicio das competencias delegadas.

Cuarta.-Obrigas asumidas polo concello.

O Concello de Begonte asume as seguintes obrigas:

a) Prestar a cooperación e asistencia activa que a axencia lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencias.

b) Facilitarlle ao persoal da axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións.

c) Prestar o auxilio da policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precintaxe de obras e identificar os responsables de posibles infraccións.

d) Absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos cales a axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada.

e) Solicitar informe da axencia previamente á resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados en exercicio das competencias delegadas polo concello.

f) Contribuír ao sostemento económico da axencia nos termos establecidos no presente convenio de adhesión.

g) E respectar as estipulacións do presente convenio e o establecido nos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística aprobados por Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro.

Quinta.-Programa de incorporación.

A incorporación do concello á axencia será efectiva desde o día seguinte ao de publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia.

Os expedientes relativos ás obras en execución nas materias que son obxecto de delegación deberán ser remitidos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor deste convenio.

Sexta.-Prazo de vixencia do convenio.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de vixencia será indefinido.

A resolución do presente convenio producirase no suposto de que o Concello de Begonte perda a condición de membro da axencia por calquera das causas que se establecen no artigo 12 dos estatutos da axencia e cos efectos que o mesmo artigo dispón.

Sétima.-Interpretación do convenio.

As controversias que puideren xurdir na interpretación deste convenio e a súa aplicación serán resoltas polo Consello Executivo da axencia, de conformidade co disposto no artigo 10 dos estatutos da axencia aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

E para que así conste, asinan este convenio de adhesión, por duplicado exemplar, no lugar e data arriba indicados.


No hay versiones para esta norma