Resolucion do 28 de outubro de 2009 pola que se convoca un curso sobre delitos contra o patrimonio e a orde socioeconomica. - Diario Oficial de Galicia, de 04-11-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 216
  • Fecha de Publicación: 04/11/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello de Vigo, anúnciase a convocatoria dun curso sobre delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Coñecer os principais tipos delitivos contra o patrimonio e a orde socioeconómica e comprender os seus elementos esenciais, diferenciando as figuras delitivas próximas.

-Identificar, con base en supostos de feitos concretos, o tipo delitivo aplicable e as diferentes consecuencias xurídico-procesuais.

Contido:

Módulo I.

-Furto: delito e falta. O furto cualificado. O furto de posesión.

-Roubo. Os conceptos de forza nas cousas e violencia ou intimidación nas persoas. Tipos cualificados.

-A extorsión.

-Subtracción e utilización sen autorización de vehículos de motor e ciclomotores.

-Usurpacións.

-Defraudacións: estafas, apropiacións indebidas, utilización fraudulenta de enerxía eléctrica, auga, gas, etc.

-Roubo, extorsión, subtracción ou utilización indebida de vehículo de motor ou ciclomotor alleo. Usurpación. Defraudacións. Estafas. Apropiación indebida. Defraudacións do fluído eléctrico e análogas.

-Os danos: en especial, determinados danos cualificados.

-As escusas absolutorias nos delitos contra o patrimonio. A participación do estraño.

-As formas de resolución criminal meramente manifestada nos delitos contra o patrimonio.

Módulo II.

-Delitos contra a propiedade intelectual.

-Delitos contra a propiedade industrial.

-Delito contra os consumidores: facturar cantidades superiores por produtos ou servizos cuxo custo ou prezo se mida por aparellos automáticos. Requisitos de perseguibilidade.

-Receptación e condutas afíns.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal do corpo de policía local, funcionarios de carreira, do Concello de Vigo, para os que se reservan 13 prazas, cubrindo o resto destas (9 prazas) con solicitantes doutros corpos de policía local que cumpran os mesmos requisitos, tendo preferencia os dos concellos próximos a Vigo.

Prazas ofertadas: 22.

3. Solicitudes de participación.

-Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 13 de novembro de 2009.

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello de Vigo deberán facer a súa solicitude a través da Academia de Formación de Policía Local do Concello de Vigo.

Os solicitantes que non pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello de Vigo cumbrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http:/agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello da que dependa, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

-Selección e obrigas das persoas seleccionadas:

Os membros do corpo da Policía Local do Concello de Vigo serán seleccionados pola Xefatura da Policía Local do Concello de Vigo, e aos restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da Agasp previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009; DOG número 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

As persoas seleccionadas pola Agasp, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

-Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 16 de novembro de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http:/agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: aula de formación da Policía Local do Concello de Vigo, praza do Rei s/n.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 23 de novembro de 2009.

Data de remate: 26 de novembro de 2009.

Certificado de aproveitamento: ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este e superen as correspondentes probas de coñecementos.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,500 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello de Vigo poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de outubro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública


No hay versiones para esta norma