Resolucion do 29 de abril de 2010, da Direccion Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, sobre as funcions dos medicos inscritos no censo establecido no artigo 43 da Orde do 23 de outubro de 1999, que regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autonoma de Galicia, e as dos formadores en materia de seguridade, no ciclo medio e na formacion requirida para a obtencion dos titulos, certificados e especialidades de mergullo profesional e extractivo. - Diario Oficial de Galicia, de 19-05-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 93
  • Fecha de Publicación: 19/05/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Real decreto 1377/1997, do 29 de agosto, traspasa funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo profesional, e o Decreto 287/1997, do 9 de outubro, asume as funcións e servizos transferidos en materia de mergullo, e a súa asignación á Consellería do Mar.

A Orde do 14 de outubro de 1997, modificada pola Orde do 20 de xuño de 2000, aproba as normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas.

O Decreto 152/1998, do 15 de maio, establece as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 23 de outubro de 1999, que regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 64/2008, do 27 de marzo, polo que se regula a certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 1 de outubro de 2008 pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 312/2009, do 23 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino e titulacións náutico pesqueiras e de lecer.

Esta resolución ten por obxecto desenvolver determinados aspectos da Orde do 23 de outubro de 1999, que regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e da Orde do 1 de outubro de 2008 pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia, concretando as funcións do médico e as dos formadores, así como as medidas de seguridade que estes deben aplicar na impartición da formación nesta materia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de cara a salvagardar a integridade física e psicolóxica dos alumnos.

No Instituto Galego de Formación en Acuicultura (en adiante Igafa), dependendo do Departamento de Mergullo Profesional, está instalada e en funcionamento, unha cámara hiperbárica correctamente equipada, destinada exclusivamente á realización de probas e prácticas da formación e ensino do mergullo profesional. É un criterio facultativo xeneralizado que, en caso de accidente de mergullo, os tratamentos sexan impartidos en centros hospitalarios dotados con cámaras hiperbáricas, nos que se pode dar a debida atención a todas as doenzas derivadas do accidente, coa presenza doutros especialistas médicos cuxa asistencia se poida necesitar, e a infraestrutura sanitaria axeitada.

No Igafa, en caso de accidente de mergullo garántese, mediante o plan de emerxencias e evacuación, o traslado do accidentado a un complexo hospitalario dotado de cámara hiperbárica operativa e dispoñible equipada con sistema de osixenoterapia, nun tempo inferior a dúas horas, tal e como exixe a normativa de seguridade na materia, sendo necesario darlle publicidade deste acordo aos instrutores e profesores de mergullo para que adecúen os seus plans de emerxencia e evacuación a este extremo.

A normativa estatal e a autonómica non mencionan a presenza do médico nas clases prácticas de piscina, foxo, mar ou augas doces, citando polo contrario, esta última e de maneira expresa, as probas, actividades e accións formativas nas que si debe estar presente, ou ser impartidas por el. As lexislacións doutras comunidades autónomas no territorio español, tampouco fan necesaria nin obrigatoria a presenza do médico nas clases prácticas de piscina, foxo, mar ou augas doces.

Á hora de aplicar estas normas tamén hai que ter en conta a sentenza nº 182/2004 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, no seu fallo, anula a expresión «ou un diplomado universitario en enfermaría, con experiencia en medicina subacuática», que consta no anexo VIII da Orde do 23 de abril de 1999, que regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista do exposto, e en aplicación do establecido na disposición derradeira segunda da Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e na disposición derradeira segunda da Orde do 1 de outubro de 2008, pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Determinar as funcións do médico no ensino e formación de mergullo profesional e extractivo. Este deberá estar inscrito no censo establecido no artigo 43 da Orde do 23 de abril de 1999, de facultativos habilitados pola Consellería do Mar para realizar exames médicos aos mergulladores profesionais, ademais dos incluídos na disposición adicional segunda da devandita orde.

Estas funcións serán as seguintes:

1. Realizar os exames médicos iniciais e previos a calquera curso de formación de mergullo profesional e extractivo, así como os anuais para o exercicio de actividades subacuáticas profesionais.

2. Estar presente e actuar en caso de lesión ou accidente na realización das probas físicas en terra e piscina, e nas probas de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico exixidas polo artigo 32 da Orde do 23 de abril de 1999, e o artigo 4 da Orde do 1 de outubro de 2008.

3. Impartir no ciclo medio de mergullo o módulo de «fisiopatoloxía do mergullo e asistencia sanitaria de urxencia a mergulladores», e os contidos de fisioloxía, fisiopatoloxía e primeiros auxilios aplicados a ambientes subacuáticos e hiperbáricos do programa formativo de mergullo profesional e extractivo, coa duración que, para cada titulación, curso, especialidade ou certificado de profesionalidade, ten establecido a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presenza do médico non será necesaria no desenvolvemento das actividades prácticas de piscina, foxo, mar, augas doces ou cámara, do ciclo medio e dos programas de formación requiridos para a obtención dos títulos, certificados e especialidades de mergullo profesional e extractivo, xa que, en aplicación da Orde do 14 de outubro de 1997, o responsable de dirixir as actuacións pertinentes en caso de accidente é o xefe de equipo. Cometido que, no caso das actividades formativas necesarias para a obtención dos títulos, certificados e especialidades profesionais de mergullo profesional e extractivas, recae no mergullador instrutor profesional responsable do curso e nos profesores dos módulos formativos no caso do ciclo formativo de mergullo profesional. Funcións que lles encomendan expresamente, tanto o artigo 41 da Orde do 23 de abril de 1999, o artigo 6.2º da Orde do 1 de outubro de 2008, e a norma estatal relativa á seguridade neste tipo de actividades, citada anteriormente.

Segundo.-No caso de lesión ou accidente de mergullo, a responsabilidade do instrutor ou profesor que actúe nesa práctica formativa concreta como xefe de equipo, consistirá en poñer en marcha o Plan de emerxencias e evacuación, facendo unha primeira avaliación das lesións do accidentado, aplicarlle as primeiras medidas de emerxencia e primeiros auxilios, e dispoñer o seu traslado a un centro de saúde, hospital ou centro hospitalario dotado de cámara hiperbárica operativa, equipada con sistema de osixenoterapia, segundo fora oportuno. A maiores destas, poderá aplicar outras medidas de seguridade que considere oportunas para garantir a seguridade dos alumnos.

Terceiro.-En todos os cursos de formación que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia, para a obtención dos títulos, certificados e especialidades de mergullo profesional e extractivo, o instrutor responsable do curso, en todo caso, será o xefe de equipo, que deberá ter un plan de emerxencias e evacuación convenientemente legalizado, e cumprir en todo momento a Orde do 14 de outubro de 1997.

Cuarto.-Os centros que impartan o ciclo medio de mergullo deberán contar cun plan de emerxencias e evacuación asinado polas persoas que actuarán de xefes de equipo, convenientemente legalizado que, en caso de accidente, protocolice a forma de actuación e garanta a adecuada prestación dos primeiros auxilios e se fora necesario, a evacuación e traslado de calquera usuario a un centro hospitalario ou asistencial.

Quinto.-Dadas as singularidades das prácticas dos módulos do ciclo medio de mergullo, nas que cada profesor coa titulación de mergullo profesional requirida, na súa calidade de xefe de equipo é responsable dunha acción formativa específica, e tendo o centro establecido un procedemento de emerxencias e un dispositivo de evacuación asinado por estes, cada xefe de equipo será o responsable da seguridade do grupo de alumnos cos que traballa, en coordinación co departamento de mergullo profesional. No desenvolvemento das ditas prácticas, deberán cumprir a Orde do 14 de outubro de 1997.

Sexto.-En cumprimento do artigo 20.8º da Orde do 14 de outubro de 1997, comunícase que a cámara hiperbárica instalada nas dependencias do Igafa será de utilización exclusiva para a formación, concretamente nas prácticas necesarias nos cursos para a obtención de títulos, especialidades e módulos de formación profesional en mergullo profesional e extractivo, simulación de ambientes hiperbáricos, realización das probas de acceso aos cursos e investigación, non estando operativa nin dispoñible para o tratamento de accidentes de mergullo.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2010.

Susana Rodríguez Carballo

Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro


No hay versiones para esta norma