Resolución do 29 de xullo de 2005 pola que se convoca a décimo sexta edición do curso superior de relacións laborais. - Diario Oficial de Galicia, de 08-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 151
  • Fecha de Publicación: 08/08/2005

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias atribuídas pola Lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudos, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Conscientes da demanda, pola sociedade galega, de ensinanzas do máis alto nivel no marco das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis concorrente, a adaptación da xestión das empresas ao novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos e, en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da Orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro de 1995 (DOG do 2 de marzo) , pola que se establece o prezo privado para satisfacer, en concepto de matrícula, polos alumnos que realicen o curso superior de relacións laborais, procédese a convocar a décimo sexta edición do curso superior de relacións laborais que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

1. Obxecto: o curso pretende ser un foro de exposición e debate sobre os profundos cambios producidos anualmente na lexislación laboral, que afectan, ademais de ao mercado de traballo (formas de contratación, organización do traballo, extinción do traballo) , a negociación colectiva, a representación dos traballadores na empresa, a Seguridade Social e a seguridade e hixiene no traballo. Así mesmo, non cabe esquecer a incidencia que está a ter o dereito social comunitario sobre as lexislacións sociais dos distintos estados membros da Unión Europea.

2. Destinatarios: o curso diríxese o curso a todos aqueles interesados en adquirir unha formación e/ou actualización nas materias laborais en xeral, facilitando a súa capacitación para resolver as cuestións suscitadas polas relacións laborais e a xestión de recursos humanos e, en especial, aos licenciados en dereito, ciencias económicas e empresariais, ou a diplomados en relacións laborais, responsables de recursos humanos, xefes de relacións laborais, asesores e cadros das organizacións sindicais e empresariais, etc.

3. Contido e horas lectivas: o curso contará cun total de 200 horas lectivas distribuídas nos seguintes módulos formativos:

Módulo I Política e xestión integrada dos recursos humanos: 40 horas.

Módulo II Relación individual de traballo: 50 horas.

Módulo III Relacións colectivas de traballo: 40 horas.

Módulo IV Dereito administrativo do traballo. Saúde laboral. Dereito penal do traballo: 24 horas.

Módulo V Seguridade Social: 20 horas.

Módulo VI Dereito social comunitario: 8 horas.

Para as sesións de inauguración e clausura, así como para as mesas redondas e outras actividades lectivas, está previsto un total de 18 horas.

4. Calendario: a inauguración do curso terá lugar o 16 de setembro de 2005 e rematará o 16 de marzo de 2006. Os días lectivos figuran detallados no programa que se lle entregará aos alumnos.

As clases impartiranse nas aulas da facultade de dereito de Santiago de Compostela e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, dende as 16.30 ata as 20.30 horas.

A dirección do curso poderá modificar o programa de desenvolvemento por circunstancias eventuais que afecten a súa organización. Estas variacións seranlles anunciadas aos asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se vaian impartir e dos seus correspondentes relatores.

5. Inscrición e solicitudes:

a) Información: os alumnos que desexen matricularse no curso deberán poñerse en contacto coa Secretaría Técnica, no Consello Galego de Relacións Laborais, A Algalia de Abaixo, 24, 15781 Santiago de Compostela, Teléfono: 981 54 16 06/7.

Telefax: 981 54 16 10 e-mail: maria. luisa. pena. babio* xunta. es, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude. Poderán tamén acceder á información a través da web:

http://cgrl. xunta. es.

b) Prezo: o prezo que deberán satisfacer os interesados concepto de matrícula será de mil douscentos noventa e dous euros con dezaoito céntimos (1.292,18) , segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG do 2 de marzo de 1995) , que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.

O importe da matrícula poderá ser satisfeito nos prazos e contías que a continuación se dispón:

1º prazo: 691,16 euros, antes do 16 de setembro de 2005, día sinalado para a inauguración oficial do curso.

2º prazo: 601,02 euros, antes do 2 de decembro de 2005.

c) Número de prazas: o número de prazas que se convocan pola presente resolución é de 50.

d) Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ao Consello Galego de Relacións Laborais, acompañadas do xustificante de ter efectuado o pagamento total ou parcial do correspondente importe da matrícula.

e) Prazo de admisión: o prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de setembro de 2005 ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.

6. Asistencia, avaliación e diploma: é obrigatoria a asistencia regular a todas as actividades do curso, así como a súa puntualidade. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ao comezo e ao remate de cada sesión.

Ao remate de cada módulo o alumno deberá realizar un test sobre os contidos mínimos das materias impartidas naquel. O dito test terá como finalidade verificar o aproveitamento das ensinanzas recibidas e potenciar o debate nas sesións.

A matrícula do curso, a asistencia regular ás ensinanzas programadas e a realización dos test dará dereito á expedición do oportuno diploma pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, en máis do 20% das sesións académicas privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que concorrese.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2005. Demetrio Fernández López Presidente do Consello Galego de Relacións

Laborais


No hay versiones para esta norma