RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproban os novos modelos de comunicación de datos para a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 26-01-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 18
  • Fecha de Publicación: 26/01/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A nivel estatal o rexistro de establecementos industriais creouse ao amparo do título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, e o seu regulamento aprobouse mediante o Real decreto 697/1995, do 28 de abril. Na disposición derradeira primeira do Real decreto 697/1995 determínase o carácter básico da devandita norma, sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas para establecer rexistros industriais nos seus respectivos territorios. Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 115/2000, do 11 de maio, regula o Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

Recentemente incorporouse ao ordenamento xurídico español a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, tamén coñecida como Directiva de servizos. A incorporación levouse a cabo a través de dúas leis: a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que traspón a propia directiva, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Esta última modifica expresamente as leis vixentes afectadas pola directiva e en particular a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

A nova redacción do artigo 4 da Lei 21/1992, de industria, incide na menor intervención administrativa indicando que con carácter xeral existe unha plena liberdade de establecemento para a instalación, ampliación e traslado das actividades industriais que só se poderá excepcionar requirindo a presentación dunha comunicación ou unha declaración responsable do interesado mediante a que se manifeste, se é o caso, o cumprimento dos requisitos exixidos, que dispón da documentación que así o acredita e que se compromete a mantelos durante a vixencia da actividade.

Por outra parte, a modificación do título IV da Lei 21/1992 crea o Rexistro Integrado Industrial que substitúe o Rexistro de Establecementos Industriais de Ámbito Estatal e establece no seu artigo 21.2 que a súa creación se entenderá sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas para establecer rexistros industriais nos seus respectivos territorios. O regulamento do Rexistro Integrado Industrial aprobouse mediante o Real decreto 559/2010, do 7 de maio, que derroga o Real decreto 697/1995.

As diferentes tipoloxías de actividades e instalacións industriais agrúpanse no Rexistro Integrado Industrial en tres divisións, non especificándose no Real decreto 559/2010, do 7 de maio, se a remisión dos datos necesarios para a inscrición se realizará a través da presentación dunha comunicación ou dunha declaración responsable. Respecto da restante lexislación estatal de aplicación, soamente no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que regula as actividades da división C do rexistro, se especifica que as entidades que realicen actividades como entidade de certificación, auditoría e inspección, laboratorio de ensaio e calibración ou verificador ambiental deberán presentar unha comunicación ante o órgano competente da comunidade autónoma onde inicien a súa actividade ou radiquen as súas instalacións.

A Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, modificada pola Lei 13/2011, do 16 de decembro, dispón que os titulares das industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial que deban estar inscritas no Rexistro Industrial de Galicia, conforme o establecido no regulamento do dito rexistro, comunicaranlle os seus datos á consellería competente en materia de industria.

Neste novo contexto normativo e de simplificación administrativa, no que tamén incide a Lei 17/2009, do 23 de novembro, o obxectivo da presente resolución é que a comunicación dos datos básicos e complementarios para a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia se realice buscando as posibilidades que resulten menos gravosas para os administrados.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

1. Aprobar os novos modelos de comunicación de datos ao Rexistro Industrial de Galicia que figuran como anexo nesta resolución.

2. Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta resolución tramitaranse e resolveranse polo procedemento vixente no momento da presentación da solicitude. Malia o disposto no punto anterior, o interesado poderá, con anterioridade á resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación do novo procedemento.

3. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma