Resolución do 4 de abril de 2005 pola que se convocan unhas xornadas sobre o contrato de arrendamento rústico e a modernización das explotacións agrarias. - Diario Oficial de Galicia, de 08-04-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 67
  • Fecha de Publicación: 08/04/2005
  • Este documento NO tiene versiones

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre o contrato de arrendamento rústico e a modernización das explotacións agrarias, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos. Coñecer a situación nas comunidades autónomas e, en especial, en Galicia, no que se refire á utilización do arrendamento como medio para o agrandamento das unidades económicas de explotación, analizando os exemplos existentes e propondo vías de reforma que poidan ser útiles.

2. Contido. Trataranse estes temas:

-O contrato de arrendamento rústico en Galicia.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización das estruturas agrarias en España.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización de explotacións agrarias en Cataluña e Aragón. Referencia especial á duración do contrato e ás súas eventuais prórrogas. Incentivos para prorrogar a duración.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización de explotacións agrarias nas comunidades autónomas de Murcia, Valencia e Baleares. Referencia especial á parzaría e ao agrandamento das explotacións.

-O contrato de arrendamento rústico e a superación do minifundio asturiano e cántabro. Especial referencia á eventual profesionalidade do arrendatario e ao tope de superficie arrendada.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización de explotacións agrarias nas dúas Castelas. Especial referencia aos dereitos de tanteo e retracto en relación con esa modernización.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización das estruturas agrarias en Navarra, A Rioxa e o País Vasco, con especial referencia ás melloras, incluída a modernización do regadío.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización de explotacións agrarias nas Canarias. Especial referencia a institucións consuetudinarias eventualmente aproveitables para a modernización.

-O contrato de arrendamento rústico e a modernización de explotacións agrarias en Andalucía e Estremadura. Especial referencia ao papel das sociedades de servizos e das arrendatarias.

3. Destinatarios. Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-O lugar e a data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, sita na Ronda da Muralla 70, da citada cidade, os días 28 e 29 de abril de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 26 de abril de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán se quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 27 de abril, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificasen a súa realización.

7. Certificación de asistencia. Ao remate das xornadas entregaráselles a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2005. Domingo Bello Janeiro Director da Escola Galega de Administración Pública

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


No hay versiones para esta norma