Resolución do 7 de marzo de 2011 pola que se convoca un curso sobre prevención e loita contra incendios urbanos e forestais., - Diario Oficial de Galicia, de 16-03-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 53
  • Fecha de Publicación: 16/03/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 43º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44º da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme o establecido no artigo 46º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre a prevención e loita contra incendios urbanos e forestais con 8 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: prevención e loita contra incendios urbanos e forestais.

Horas lectivas: 40.

Modalidade: presencial.

Edicións: 8.

Obxectivos: dotar o persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, o que se refire o artigo 43º.3 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, da formación básica necesaria para obter a acreditación necesaria para o exercicio da súa función.

Contido:

O contido dos cursos sobre prevención e loita contra incendios urbanos e forestais divídese en catro partes:

a) Introdución. Conceptos xerais.

b) Incendios urbanos.

c) Incendios forestais.

d) Primeiros auxilios.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: os cursos van dirixidos ao persoal profesional de servizos relacionados coa xestión de riscos e emerxencias e persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas que teñen como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43º e 44º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

No caso de persoal voluntario deberá ter realizado o curso básico de protección civil antes de rematar o prazo de finalización de presentación de solicitudes.

Prazas ofertadas: 30 por edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http:/agasp.xunta.es, no punto Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Será necesario consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil ou un enderezo de correo electrónico operativo co fin de poder realizar as notificacións necesarias. En todo caso será obrigatorio incluír o enderezo de correo electrónico.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http:/agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse ao punto Actividades formativas, Cursos con inscrición aberta e premer no enlace Formulario. Unha vez cubertos os datos debe seleccionar Enviar.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas, en todo momento, polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax: 886 20 61 23 ou enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumno participante.

Na selección empregaranse os criterios de selección establecidos no artigo 20º da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37º.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http:/agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18º e 21º do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Data: confirmarase coa suficiente antelación ao seu inicio.

Certificado de aproveitamento: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

9. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

10. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 7 de marzo de 2011.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública


No hay versiones para esta norma