Abprobación das bases de convocatoria das axudas de estudos do persoal desta Deputación Provincial para o curso 2016-2017 - Boletín Oficial de A Coruña de 08-06-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 08/06/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

Aprobación das Bases de Convocatoria das axudas de estudos do persoal desta Deputación Provincial para o curso 2016-2017

ANUNCIO

Resolución nº 17434/2017 do 31/05/2017, POLA QUE SE APROBAN AS BASES DE CONVOCATORIA DAS AXUDAS DE ESTUDOS O PERSOAL AO SERVIZO DESTA DEPUTACION PROVINCIAL PARA O CURSO 2016-2017

Con data 31 de maio de 2017, o Presidente da Deputación ditou a seguinte resolución:

Logo de ver os informes dos Servizos de Planificación e Xestión de RRHH e Fiscalización, e a proposta de Bases que ten a conformidade dos representantes sindicais segundo o acordado na Comisión Mixta de seguimento do Acordo negociado de funcionarios e do Convenio Colectivo do Persoal laboral do 24/05/2017,

RESOLVO:

Aprobar a convocatoria de Axudas para estudos do persoal ao servizo desta Deputación Provincial para o curso 2016-2017, de conformidade coas seguintes Bases:

1.- Persoas beneficiarias:

Poderán solicitar as axudas económicas para estudos obxecto da presente convocatoria todo o persoal funcionario de carreira en propiedade, persoal laboral fixo, e persoal temporal (funcionarios interinos, persoal laboral temporal e persoal eventual cun ano de servizos prestados de forma ininterrompida dende o seu nomeamento até a data da convocatoria, coa excepción do persoal incluído en proxectos ou convenios subvencionados pola Unión Europea ou outras Administracións Públicas), e que estean en servizo activo nesta Excma. Deputación provincial na data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria. O persoal xubilado ou pensionista e orfos/as deste persoal terán igual dereito.

2.- Alcance:

As axudas obxecto da presente convocatoria van destinadas aos seguintes estudos :

-Escolas infantís (1º ciclo de educación infantil)

-Educación infantil e Primaria

-Educación secundaria: ESO, bacharelato e formación profesional ciclos de grao medio

-Graduado en ESO (ou equivalente) para adultos

-Acceso á universidade

-Formación profesional ciclos de grao superior

-Educación universitaria: Graos, Mestrados e doutoramento

-Educación especial: procederá no caso de que o alumnado para o que se solicite reciba unha educación especial con motivo de diversidade funcional física ou psíquica acreditada co certificado de minusvalía oficial e estea matriculado nalgún dos estudos sinalados na presente base.

-Estudos en Conservatorios Oficiais de Música e Danza

-Escolas Oficiais de Idiomas

-Ensinanzas especiais superiores que teñan unha regulación especial con equivalencia de Grao

Non se aboarán estudos con titulacións non homologadas oficialmente nin másters ou cursos de postgrao, agás os estudos de mestrados universitarios oficiais orientados a especialización académica ou profesional ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras (1 ou 2 cursos académicos) conforme o sinalado no Real decreto 1393/2007 e demais lexislación vixente.

Soamente se aboarán taxas de cursos de universidade que convaliden créditos das carreiras que estudien os alumnos/as e que estean directamente relacionados.

Tendo en conta o novo mapa de titulacións xurdido tras a aplicación do chamado 'Plan Bolonia' que inclúe a homologación de 138 novas titulacións así como un novo modelo de formación por 'graos' tomarase como referencia o establecido na lexislación reguladora deste proceso.

3.- Consignación:

Do importe total consignado no Orzamento xeral da Corporación para o exercicio 2017 no capítulo correspondente a 'Acción social en favor do persoal funcionario e laboral ' na aplicación orzamentaria 0710/221/162.04 destinaranse para as axudas de estudos 384.507 euros.

No caso de existir economía na cantidade destinada as axudas para a adquisición de vivenda habitual do persoal funcionario e laboral fixo, poderase destinar ao pagamento das axudas para estudos, se unha vez aplicadas as bases 7ª e 8ª da presente convocatoria fose preciso.

4.- Condicións xerais:

Son condicións xerais para obter a axuda á que se refire esta convocatoria, e pola seguinte orde de preferencia:

a) Que o alumno ou alumna sexa fillo/a ou persoa a cargo (sempre que os seus ingresos non excedan do IPREM anual referenciado a 14 pagas e que non perciban ningunha axuda para a mesma fin) do persoal cos requisitos sinalados anteriormente na base 1ª, que presten servizos nesta Excma. Deputación.

b) Que o alumno/a sexa funcionario/a de carreira, persoal laboral fixo ou persoal laboral temporal cos requisitos sinalados anteriormente na base 1ª, que presten servizos nesta Excma. Deputación.

c) Que o alumno/a para o que se solicite a axuda sexa cónxuxe ou parella de feito (sempre que os seus ingresos non excedan do IPREM anual referenciado a 14 pagas e que non perciban ningunha axuda para a mesma fin) do persoal cos requisitos sinalados anteriormente na base 1ª, que presten servizos nesta Excma. Deputación.

d) Non percibir outra bolsa que supoña axuda económica para a mesma ou análoga finalidade académica. No suposto de percibir unha axuda por un importe menor o sinalado na base 8ª poderase solicitar a diferencia

e) Non repetir curso, coa excepción dos estudos de primaria e ESO. No caso de estudos medios e universitarios nos que se lle permite ao alumnado a posibilidade de matricularse por créditos, entenderase referida a repetición os créditos das que se matriculara en cursos anteriores.

No graduado en ESO para adultos aboaranse un máximo de catro módulos

f) Pola limitación orzamentaria existente non se aboará segunda carreira/titulación agás ás persoas que posúan diplomatura universitaria anterior o Plan Bolonia e que desexen conseguir estudos de grado universitario, ás que se lles aboarán soamente os créditos necesarios para obter a citada titulación.

g) A bolsa de escolas infantis concederase só até os dous anos (inclusive) e deberase facer constar na solicitude a data de nacemento. Neste apartado será de aplicación a vixente normativa reguladora da admisión nos estudos de educación infantil.

h) Nos estudos universitarios, ciclos medios e superiores de FP e bacharaleto terán dereito a percibir a axuda pola residencia as persoas solicitantes que teñan que residir fóra do domicilio habitual obrigatoriamente por motivo de estudos. Xustificarase documentalmente con certificado de residencia universitaria, contrato de alugamento ou recibos xustificativos do aboamento da residencia durante o curso escolar obxecto da convocatoria a nome da persoa solicitante ou do alumnado.

A residencia aboarase dunha soa vez por curso, aínda que se matriculen de disciplinas soltas e non volverá a pagarse até que se matricule doutro curso distinto.

i) A axuda por desprazamento diario entre o domicilio e o centro de estudos procederá sempre que supere a distancia mínima de 1 Km. Poderá solicitarse no caso de estudos de bacharelato, ciclos formativos de grao medio e superior e estudos universitarios e deberá acreditarse na solicitude a distancia en Km dende o seu domicilio ata o centro donde realiza os estudos e indicar o medio de transporte utilizado polo alumno/a solicitante.

5.- Solicitudes:

As instancias coa documentación sinalada deberán de ter entrada no Rexistro Xeral da Deputación no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP, segundo a regulamentación vixente na Lei de procedemento administrativo.

No caso das persoas solicitantes que non presenten a documentación completa no prazo de dez días posteriores, conforme ao estabelecido na lexislación vixente, ou xustifiquen documentalmente a imposibilidade de presentala dentro dos prazos sinalados, seralles desestimada a súa solicitude.Serán denegadas as solicitudes no caso de non as poder tramitar por causas imputábeis aos solicitantes.

6.- Documentación:

A petición formularase inescusabelmente, no modelo oficial que facilitará o Rexistro Xeral. O feito de presentar a solicitude entraña a aceptación de todas e cada unha das condicións da convocatoria.

Sen prexuízo dos datos consignados, achegaranse a esta, inescusabelmente, os seguintes documentos:

a) Fotocopia completa e compulsada da última declaración da renda de cada un dos membros da unidade familiar referida ao exercicio inmediato anterior do ano da convocatoria (exercicio 2015).No caso de existir declaracións complementarias deberán achegarse.

No caso de non estar obrigado a persoa solicitante ou algún dos membros da unidade familiar a presentar tal declaración, presentarase certificación expedida pola Axencia Tributaria na que consten detallados os ingresos e as retencións percibidas nese exercicio fiscal e tamén certificación da empresa ou centro de traballo onde se fagan constar os ingresos percibidos, retencións de IRPF practicadas e cotizacións á Seguridade Social.

No caso de que a persoa solicitante ou algún dos membros da unidade familiar non percibisen ingresos nese período presentarase unha certificación expedida pola Axencia Tributaria acreditativa desa circunstancia.

Ademais, no suposto de parellas de feito deberá presentarse xustificante da inscrición nalgún dos rexistros de parellas existentes nas comunidades autónomas ou concellos do lugar de residencia ou ben a formalización de documento público no que conste a constitución da dita parella a primeira vez que se solicite a axuda.

b) Para escolas infantis, educación infantil e educación primaria, entregarase a certificación acreditativa de teren a matrícula realizada no curso para o que se solicita a axuda. No caso de que se solicite axuda de gardería e o fillo/a non apareza relacionado na declaración da renda como membro da unidade familiar, presentarase documento acreditativo do nacemento (Libro de familia ou certificación de nacemento).

c) Para educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e acceso á universidade, entregarase: ou ben a certificación acreditativa de estar matriculado do curso para o que se solicita a axuda e de ter superado o curso anterior (agás nos estudos nos que se pode pasar de curso sen superar o anterior); ou ben os documentos de liquidación de taxas de matrícula e certificación de notas do curso anterior.

d) Estudos universitarios: fotocopia compulsada do documento de liquidación de taxas de matrícula correspondente ao curso para o que se solicita a axuda, así como do documento no que figuran relacionadas as disciplinas ou os créditos obrigatorios do curso en cada caso.

Tamén deberán presentar a información do expediente académico que comprenda as materias cursadas dende que se iniciaron eses estudos ata o curso actual. Naqueles supostos en que se aprecien discrepancias entre o contido do expediente, a solicitude de matrícula e os antecedentes que constan no Servizo de Recursos Humanos, poderá esixirse unha certificación académica orixinal da universidade.

e) Para o doutoramento ou mestrados universitarios: fotocopia compulsada do documento de liquidación de taxas de matrícula correspondente ao curso para o que se solicita a axuda e información do expediente académico que comprenda as materias cursadas dende que se iniciaron eses estudos ata o curso actual

f) Para educación especial, certificación acreditativa de estar matriculado nun centro durante o curso e ademais o certificado oficial que acredite a minusvalía, que só no caso de ser temporal a minusvalía terá que ser actualizado.

g) Todos os membros da unidade familiar que realicen traballos por conta allea, deberán presentar a certificación negativa do seu centro de traballo ou empresa acreditativa de que non reciben outra axuda ou subvención para a mesma fin.

h) A axuda por libros e material soamente se aboará nos estudos universitarios sendo preciso xustificar o desembolso efectuado coa correspondente factura e cubrir o impreso que se achega coa solicitude onde figurará o titular do dereito, alumnado, curso e importe correspondente a cada alumno/a, que deberá coincidir co das facturas que se presentan. En material informático soamente se aboarán consumibles, non se aboarán equipos, periféricos, compoñentes, CD, DVD, nin calquera outro dispositivo de memoria ou almacenamento de datos, nin tampouco a adquisición de software.

7.- Tramitación:

Correspóndelles ás Comisións Mixtas de Interpretación, Estudo e Seguimento do acordo negociado de funcionarios e do convenio colectivo do persoal laboral, a tramitación, estudo, interpretación, e resolución de dúbidas de feito ou de dereito das solicitudes presentadas; así como elevar a proposta de concesión das axudas económicas a que se refire esta convocatoria á Presidencia da Corporación, que as concederá por resolución.

As Comisións Mixtas resérvanse o dereito de solicitarlles aos peticionarios todos os documentos necesarios para a análise e estudo das subvencións co fin de comprobar a veracidade dos documentos entregados, sendo causa de exclusión da axuda a presentación das solicitudes fóra de prazo, as que conteñan falsidade ou ocultación de datos en calquera das circunstancias incluídas na solicitude ou na documentación que acompañan e que resultaran determinantes para a concesión de axudas e fixación da contía.

8.- Contía das axudas:

a) Escolas infantís: 566 euros

b) Educación infantil, e educación primaria: 412 euros

c) Educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ciclos de grao medio e acceso á universidade: 515 euros

d) Formación Profesional ciclos de grado superior: 765 euros

e) Estudos universitarios: medios, superiores e doutoramento:

1) Matrícula: importe variábel en función das taxas aboadas, co tope máximo das fixadas pola Consellería de Educación Universitaria para as Universidades Públicas de Galicia para o presente curso académico (DOG nº131 do 12/07/2016) ou decretos especifícos no caso de ensinanzas especiais

2) Libros e material: tras a xustificación documental previa até un máximo de 530 euros agás no doutoramento que non se aboan.

3) Residencia fóra do domicilio: 2.142 euros

4) A axuda para desprazamento diario fóra do domicilio: Procederá nos supostos sinalados na Base 4ª apartado i conforme se detalla:

-De 1 a 20 Km: 217 euros

-De 21 a 30 Km: 417 euros

-De 31 a 40 Km: 617 euros

-De 41 a 50 Km: 817 euros

-De 51 a 60 Km: 1.017 euros

-Máis de 61 Km: 1.217 euros.

g) Estudos en Conservatorios Oficiais de Música e Danza e Escolas Oficiais de Idiomas:

-Matrícula: importe variábel en función das taxas aboadas

-Libros e material:tras a xustificación documental previa até un máximo de 100 euros

f) Educación especial: 2.369 euros

9.- Porcentaxes:

As persoas solicitantes que cumpran estas condicións xerais poderán percibir a axuda nas contías establecidas no punto 7 (contía das axudas). De non ser suficiente a consignación orzamentaria para aboar todas as axudas solicitadas ó 100%, e no caso dos solicitantes de axudas para varios estudios no mesmo curso académico, percibirán unicamente a axuda de maior importe.

Non obstante, de non chegar a consignación orzamentaria estabelecida concederanse as axudas atendendo ás seguintes porcentaxes:

a) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano de até 9.182,66 euros percibirán a axuda ao 100%.

b) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano dende 9.182,67 euros a 11.091,45 euros, percibirán a axuda ao 75%.

c) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano dende 11.091,46 euros a 13.395,89 euros, percibirán a axuda ao 50%.

d) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano que superen 13.395,90 euros, percibirán a axuda ao 25%.

Para estes efectos a unidade familiar determinarase conforme o sinalado no art. 82 da Lei 35/2006 de 28 de novembro do IRPF e por ingresos familiares netos os que figuren como base liquidable xeral na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao último exercicio. No caso daqueles solicitantes que non tiveran a obriga de presentar a citada declaración percibirán as axudas ao 100% e no caso de que un dos membros da unidade familiar presente a declaración e outro non, practicaráselle de oficio unha estimación de base liquidable segundo os criterios que para a obtención desta establece a vixente lexislación do imposto sobre a renda cos datos das certificacións expedidas pola Axencia Tributaria

Se unha vez aplicadas estas porcentaxes sobra ou falta remanente, repartirase ou deducirase proporcionalmente entre as persoas solicitantes de axudas, non podendo superar o 100% de cada contía.

10.- Disposición final:

O xeito de presentar a solicitude implica directamente a aceptación das bases coas súas condicións e requisitos máis a autorización expresa á Deputación para pedir, no nome da persoa solicitante, os documentos e certificados que sexan precisos segundo as bases da convocatoria.

A Coruña, a 31 de maio de 2017

O PRESIDENTE/PDFR 1-10-2015/O DEPUTADO O SECRETARIO

Asdo. D. Antonio Leira Piñeiro Asdo. D. José Luis Almau Supervía

2017/4793

Educación
Alumnado
Escuelas Infantiles
Formación profesional
Idiomas
Música
Danza
Investigación
Acción social
Formación
Vivienda
Empresa
Alquiler de vivienda
Residencias universitarias
Escuelas
Transporte
Familia
Equipamiento informático
Estudios