ACORDO PLENARIO RELATIVO A BASES REGULADORAS DO PLAN PROVINCIAL DE OBRAS E SERVICIOS 2015 (PPOS 15) - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

O Pleno, na súa sesión do 28 de novembro de 2014, aprobou as Bases reguladoras do Plan Provincial de Obras e Servizos 2015 (PPOS 15)', cuxo texto é o seguinte:

BASES REGULADORAS DO PLAN PROVINCIAL DE OBRAS E SERVIZOS 2015

O Plan provincial de obras e servizos 2015 (en adiante PPOS 2015) é un plan propio da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2015 que se elabora no marco do previsto no artigo 36.2.a da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, tendo en conta as modificacións introducidas pola Lei 27/2013 e polos artigos 32 e 33 do R. d. l. 781/86, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, no que se regula a obriga das deputacións de aprobar anualmente un plan de cooperación cos concellos das súas provincias.

O PPOS 2015 elabórase nun momento de cambio do ciclo económico no que a Deputación quere colaborar cos concellos na prestación dos servizos públicos segundo a súa poboación. Trátase, polo tanto, de garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal, asegurando para o conxunto dos veciños unha prestación axeitada e íntegra dos servizos de competencia municipal pero desde a base dunha maior eficacia, eficiencia e coordinación, tal e como se dispón na Lei 7/85, de 2 de abril.

Este cambio de ciclo supuxo, entre outros aspectos, unha importante redución dos recursos económicos dos concellos, que nalgúns casos teñen serias dificultades para atender os seus gastos correntes. Por iso, a finalidade do PPOS 2015 é dobre: en primeiro lugar contribuír á realización dos investimentos necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais e, en segundo lugar, axudar ó financiamento do gasto corrente no que incorren os concellos na súa actividade como xestores públicos; de feito, os concellos que se acollan a este programa de axudas poderán destinar ata o 30 % da subvención concedida á amortización anticipada da súa débeda financeira e ó financiamento do gasto corrente.

Por último, en congruencia co principio de autonomía municipal consagrado nos artigos 137 e 140 da Constitución e que a Deputación de Pontevedra promove nos límites das súas propias competencias, a prol dunha maior axilidade e eficacia na execución das obras e sempre dentro da cobertura de legalidade que contén a normativa legal aplicable, delégase a contratación dos investimentos nos concellos. En todo caso, corresponderalle á institución provincial, cando lle sexa solicitado, a contratación dos investimentos daquelas entidades que carezan de capacidade de xestión e medios técnicos para asumila.

En relación ó exposto confecciónanse as seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para financiar a realización de investimentos e gastos correntes das entidades locais da provincia.

As propostas estarán relacionadas coas materias que os municipios han de exercer como competencias propias ou, en todo caso, atribuídas por delegación segundo o disposto no artigo 7 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local, na redacción dada pola Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local. Ademais, terase en conta a viabilidade futura do investimento, en función dos gastos correntes de funcionamento que poida xerar e dos posibles ingresos que se poidan obter, coa finalidade de conseguir así unha maior rendibilidade social das obras que se executen.

Por iso, se algún proxecto non se axustase ó obxecto destas bases a Deputación poderíao rexeitar, acordando neste caso co concello un novo proxecto para realizar.

As axudas deste plan poderán destinarse a:

1. Investimentos que executará o concello

- Financiados na súa integridade pola institución provincial

- Confinanciados entre o propio concello, a Deputación e/ou outra Administración

2. Amortización do endebedamento con entidades financeiras

3. Pagamento de débedas a acredores de investimentos

4. Débeda do Estado

5. Gastos correntes e gasto corrente novo: luz, auga, electricidade, recollida de residuos e, excepcionalmente, outro tipo de gastos correntes

Poderase ós puntos 2, 3, 4 e 5 destinar ata o 30 % do que lle corresponde a cada concello no plan, unha vez compensadas as débedas.

Excepcionalmente poderanse destinar as subvencións a outras situacións problemáticas debidamente motivadas.

Non se subvencionará a adquisición de terreos e demais bens inmobles, nin tampouco os intereses que se poidan derivar dos puntos 2 ó 4.

Segunda. Natureza xurídica

As axudas que se concedan ó abeiro desta convocatoria teñen a natureza xurídica de subvencións, de acordo cos criterios establecidos na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Terceira. Beneficiarios

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria por concorrencia competitiva os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito de entre 1.000 e 50.000 habitantes, segundo a correspondente certificación expedida polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referida á última actualización do censo, que desexen acollerse a este plan e que non se atopen incursos nas causas de prohibición para obteren a condición de beneficiarios establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro.

Todas as entidades locais da provincia de ata 50.000 habitantes que o soliciten poderán optar á concesión directa de axudas. Neste caso primaranse aqueles proxectos ou investimentos presentados polos concellos que se adhiran ós plans provinciais de xestión de servizos municipais.

Cuarta. Financiamento

Para o financiamento deste plan existe consignación dispoñible nas aplicacións orzamentarias 15/942.942.762.45 para financiar investimentos, 15/942.942.462.45, para financiar gastos correntes, e tamén na aplicación 15/942.942.652.45, cun crédito inicial total de doce millóns (12.000.000,00) de euros.

O 80 % deste crédito, é dicir, nove millóns seiscentos mil (9.600.000,00) euros, repartirase por concorrencia competitiva e o 20 % restante, dous millóns catrocentos mil (2.400.000,00) euros, resérvase para a súa concesión polo procedemento de concesión directa.

A axuda económica poderá acadar ata o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito orzamentario autorizado para a convocatoria.

Quinta. Criterios de concesión

Un importe fixo de catro millóns oitocentos mil (4.800.000,00) euros repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que se adhiran a este plan, correspondéndolle a cada un deles oitenta e un mil trescentos cincuenta e cinco con noventa e tres (81.355,93) euros.

A cantidade restante, catro millóns oitocentos mil (4.800.000,00) euros, repartirase da forma seguinte:

Habitantes

Grupo 1

Grupo 2

Grupo 3

1.000-10.000

10.001-20.000

20.001-50.000

Porcentaxe

20 %

40 %

40 %

Cantidade por grupo

960.000,00 €

1.920.000,00 €

1.920.000,00 €

TOTAL

4.800.000,00 €

Ó grupo 1, de 1.000 ata 10.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 20 %, polo que lle corresponden novecentos sesenta mil (960.000,00) euros. Ó grupo 2, de 10.001 a 20.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 40 %, polo que lle corresponde un millón novecentos vinte mil (1.920.000,00) euros. Por último, ó grupo 3, formado por 7 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, correspóndelle un millón novecentos vinte mil (1.920.000,00) euros.

Estas cantidades repartiranse entre o número de concellos que forman o grupo en proporción ó 75 % da poboación e ó 25 % da superficie.

Para estes efectos a poboación da entidade local a considerar será a última publicada polo INE na data de publicación destas Bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

En consecuencia, cada concello coñecerá as cantidades que lle corresponden dentro dos cinco primeiros días hábiles seguintes ó da publicación destas bases no BOPPO. Ademais de recibiren a correspondente notificación poderán ser informados dirixíndose ó Servizo de Cooperación.

Unha vez feito o reparto e detraídas as débedas cada beneficiario presentará os investimentos ou indicará o tipo de gastos correntes ós que vai destinar o importe da axuda que lle corresponde.

Os beneficiarios poderán destinar, á súa elección, ata o 30 % da subvención concedida, unha vez descontadas as débedas coa Deputación e os seus organismos autónomos, a financiar as actuacións recollidas nos puntos do 2 ó 5 da cláusula primeira destas bases.

Non obstante, co obxecto de premiar a boa xestión dos concellos, reservarase o 50 % da cantidade correspondente á concesión directa (un 10 % da totalidade do plan) para aqueles concellos que destinen ó financiamento que lles corresponde por concorrencia competitiva, unha vez compensadas as débedas contraídas coa institución provincial, os gastos de investimentos reflectidos na base 1.1.

Aqueles proxectos ou investimentos presentados polos concellos que se adhiran ós plans provinciais de xestión de servizos municipais terán unha especial valoración á hora da distribución do 20 % de concesión directa.

Non poderá concederse subvención para un investimento que teña un orzamento inferior a vinte mil (20.000,00) euros, incluído o IVE.

Sexta. Retención para saldar débedas

Da cantidade que se lle asigne a cada entidade local detraeráselle ata a totalidade da débeda contraída coa Deputación. No caso do procedemento de concesión directa, cando se trate de mancomunidades, a detracción faráselle a cada concello proporcionalmente conforme á súa achega ó orzamento.

Sétima. Solicitudes e documentación

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación en Pontevedra, na súa sede de Vigo, no Servizo de Cooperación ou na páxina web www.depo.es.

A solicitude, correctamente cuberta, deberá subscribila o alcalde ou o representante legal da entidade local con personalidade xurídica propia que teña asumidas estas competencias. Esta deberá ser aprobada por acordo do órgano competente e presentarse de modo individualizado a través da correspondente certificación acreditativa, na que se deberá indicar expresamente a súa finalidade concreta e a cantidade que se solicita, polo que cada unha das axudas solicitadas deberá instrumentarse a través das certificacións independentes.

Con cada solicitude terá que se achegar a seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada, que deberá ser presentada polo funcionario debidamente habilitado facendo constar a súa identidade:

1. Investimentos que realizará o concello

- Proxecto técnico (un exemplar en formato papel e outro en formato dixital, sendo responsable o solicitante da equivalencia entre ambos os documentos) da actuación que se pretende levar a cabo, que se debe redactar segundo o establecido no artigo 123 do citado Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público. Na redacción dos proxectos débese ter en conta que a porcentaxe de gastos xerais será do 13 % e o beneficio industrial o 6 %.

- Replanteo do proxecto e certificación da dispoñibilidade dos terreos precisos para a súa normal execución.

- Resolución ou certificación do acordo do órgano competente da entidade local no que se determine o investimento ou a obra a realizar e se solicite a subvención para a súa execución (anexo II).

- Certificación da aprobación do proxecto polo órgano competente do concello (anexo II).

- Declaración de que o investimento ou finalidade subvencionable é competencia propia, delegada ou compatibilizada (artigo 7 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local)(anexo I).

- Declaración responsable na que conste se a entidade local obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento e o compromiso de lle comunicar á Deputación as que se obteñan nun futuro (anexo I).

- Declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas públicas e da aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de cumprir as condicións de concesión da subvención (anexo I).

- Cando participe outra Administración pública no financiamento da actuación a entidade subvencionada presentará un certificado acreditativo deste feito, no que se indiquen as achegas concedidas polo resto de organismos.

No caso de actuacións proxectadas sobre edificacións ou instalacións de uso administrativo, sanitario, relixioso, deportivo, docente ou cultural deberase acreditar a titularidade do ben en cuestión mediante a expedición da certificación en relación ó inventario ou mediante calquera outro documento con valor probatorio que acredite que o ben pertence ó concello. Tamén se exisirá esta acreditación cando existan dúbidas sobre a titularidade dos bens ou instalacións sobre os que se proxecta a actuación. Non se concederán subvencións se non queda debidamente acreditado que o beneficiario é o concello.

Se a obra non require proxecto achegarase un documento técnico que conteña como mínimo:

a) Unha memoria detallada que describa claramente a actuación

b) Un plano de situación e plano detallado da actuación

c) As medicións e o orzamento da actuación

En caso de que o investimento non sexa unha obra os concellos deberán presentar unha memoria cuns pregos técnicos e un orzamento co IVE incluído e detallado.

2. Amortización de débeda con entidades financeiras

- Certificación do interventor ou secretario-interventor de que a cantidade que se solicita se destinará a amortizar débeda pendente, indicando a entidade financeira e demais características da operación de crédito/préstamo cuxa débeda, total ou parcial, se pretende amortizar. Así mesmo, certificarase que esta amortización é a mais conveniente economicamente para a entidade local.

- Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos.

3. Pagamento de acredores de investimentos

- Certificación do interventor ou do secretario-interventor da relación de acredores, indicando a súa correcta identificación e tamén a identificación das certificacións (facturas), expresando a data de expedición e a data de rexistro, número, resumo dos conceptos e importe coa repercusión do IVE no seu caso. Tamén se indicará o órgano que aprobou cada factura ou xustificante de gasto.

- Certificación do interventor ou secretario-interventor na que se indique que non existen ata o momento outros acredores que teñan preferencia para o pagamento das súas débedas.

- Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención ó organismo provincial para afrontar os pagamentos.

4. Pagamento de débedas co Estado

- Certificación do interventor ou secretario-interventor na que s eindique que as débedas que se relacionan están pendentes de aboamento e que se corresponden con débedas co Estado, sinalando o seu concepto e importe.

- Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á institución provincial para afrontar os pagamentos.

5. Gasto corrente

5.1. Pagamento a acredores de gasto corrente

- Certificación do interventor ou secretario-interventor da relación de acredores, na que se indique a súa correcta identificación e tamén a identificación das certificacións (facturas) e se exprese a data de expedición e a de rexistro, o número, o resumo dos conceptos e o importe coa repercusión do IVE, no seu caso. Tamén se indicará o órgano que aprobou cada factura ou xustificante de gasto, xunto coa data dos mencionados acordos.

- Certificación do interventor ou secretario-interventor, na que se indique que as débedas que se relacionan están pendentes de aboamento. Así mesmo, certificarase que non existen, na data de expedición da certificación, outros acredores que teñan preferencia para o pagamento das súas débedas.

- Certificación do acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos.

5.2. Gasto corrente novo

- Memoria descritiva e valorada dos gastos que se pretenden financiar coa achega solicitada, identificando o terceiro ó que se lle encargará a realización do gasto corrente.

- Certificación do acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos.

Calquera falsidade nos datos presentados dará lugar á perda da subvención concedida, ademais doutras medidas que para o caso poida arbitrar o organismo provincial.

No caso de defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base ou de incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requiriráselle ó interesado que emende as faltas ou omisións no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, a través dunha resolución previa, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/92.

Cando haxa documentación que por algunha causa razoable e xustificada non poida ser achegada coa solicitude(por precisárense autorizacións sectoriais ou estar pendente de resolución cuestións relativas a augas, servidumes, etc.) presentarase, a ser posible, antes de que remate o procedemento de concesión de subvencións (o 31 de decembro do 2015) ou, necesariamente, antes de iniciar o tramite de xustificación da axuda económica concedida. Non se librarán subvencións se non obran no expediente de concesión todos os formularios e documentos preceptivos que se contemplan nas presentes bases.

As solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria quedarán sen efecto. No caso de pretender a súa inclusión neste plan deberán formular unha petición nova xunto coa documentación correspondente.

Oitava. Lugar e prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes de subvencións que se acollan a este programa é de trinta (30) días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

As solicitudes irán dirixidas ó presidente da Deputación e presentaranse no Rexistro xeral da institución provincial, no da súa sede de Vigo ou a través de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Novena. Compatibilidade

As axudas serán compatibles con outras para a mesma finalidade, tendo en conta que o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de acordo co previsto no artigo 19.3 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Para estes efectos, e de conformidade co disposto no artigo 14.1.d desta Lei 38/2003 e no artigo 33 do seu Regulamento, unha das obrigas do beneficiario é a de lle comunicar á Deputación a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

De calquera xeito deberase ter en conta que o conxunto total das axudas non deberá superar en ningún caso o 100 % do custo da actividade.

Todas as alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión e, en todo caso, a concesión concorrente de axudas por calquera entidade pública ou privada, nacional ou internacional, poderá dar lugar á modificación da subvención outorgada.

Décima. Instrución e procedemento

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle á xefa do Servizo de Cooperación, quen realizará de oficio as actuacións que estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos expedientes. Así mesmo, o instrutor poderá solicitar todos os informes que considere axeitados.

Unha vez efectuado o estudo das solicitudes recibidas, e en función da información dispoñible, elaborarase unha proposta, que para cada concello comprenderá os investimentos a executar e o importe asignado a cada proxecto así como, no seu caso, a porcentaxe de financiamento entre as anteditas entidades. Terán preferencia os investimentos asociados ás obras e servizos obrigatorios que se contemplan no artigo 26 da Lei 7/85, de 2 de abril, e, en segundo lugar, as demais obras de competencia municipal segundo o artigo 25 da referida lei.

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver aquelas solicitudes nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria, ata un 20 % do crédito total deste programa para a concesión directa, tal como se prevé na base 25.2 das de execución do vixente Orzamento provincial. As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previa fiscalización polo Servizo de Intervención.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte ó do remate do prazo de presentación da solicitude sen que os interesados obteñan unha resposta expresa entenderase a petición como desestimada.

Décimo primeira. Modificacións dos acordos ou resolucións de concesión.

Entenderase que as subvencións concedidas son aceptadas se os beneficiarios non as rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación.

Unha vez recaída a resolución de concesión, antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e sempre e cando non se prexudiquen intereses de terceiros, poderase solicitar o cambio ou a modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, xustificando por escrito as causas que a fundamentan e axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria.

As circunstancias excepcionais poden ser, entre outras, as seguintes:

- Recibir anteriormente axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados que cubran o importe do gasto

- Ter prioridade o financiamento doutro gasto urxente e non contar con crédito suficiente para levalo a cabo

- Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que non permita a súa realización

Décimo segunda. Proxectos

Os concellos e demais entidades locais encargarán a redacción dos proxectos e asumirán o seu custo, que se deberá axustar en canto ó seu contido ó establecido no artigo 123 do Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público, debendo identificarse cada investimento cun proxecto técnico, do que presentarán o orixinal e unha copia en formato dixital e que debe redactarse segundo o devandito artigo. Os autores do proxecto deberán ser técnicos competentes da materia obxecto do proxecto.

No caso de tratarse dun contrato menor de obras deberase incluír o seu orzamento, sen prexuízo de que deba elaborarse un proxecto cando as normas específicas o requiran e de modo especial se afecta á estabilidade, seguridade ou estanquidade da obra (artigo 111 do Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro).

O concello poderá solicitar, sempre que cumpra os requisitos do R. d. l. 3/2011, a execución da obra directamente polo sistema de administración. Neste caso o orzamento de execución do investimento será o de execución material e incrementarase, no seu caso, ata a porcentaxe necesaria para atender as percepcións que poidan ter lugar polo traballo ou xestión dos empresarios colaboradores ás que se refire o artigo 176.1 do Real Decreto 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas, incluíndo, como partida independente, o IVE que corresponda.

A Deputación procederá, en todo caso, á supervisión e ó control dos proxectos, tendo especialmente en conta os prezos das distintas unidades.

Décimo terceira. Aprobación dos proxectos e outorgamento de licenzas

Os proxectos deben ser aprobados polo órgano competente do concello ou entidade local. Se a obra necesitase, pola súa situación ou característica, permisos ou autorizacións doutros organismos, será o concello ou a entidade local quen as solicite. Se non se necesita ningunha autorización deberá indicarse expresamente.

No caso de que sexa necesario efectuaranse expropiacións para a realización do investimento, que serán por conta do concello solicitante.

Décimo cuarta. Licitación e modificación do proxecto

Por razóns de axilidade e operatividade delégase nos concellos a contratación dos investimentos e servizos que se inclúan neste plan.

En todo caso, corresponderalle á institución provincial, previa solicitude, a contratación dos investimentos e servizos daqueles concellos que carezan de capacidade de xestión e de medios técnicos para asumila.

Os concellos contratantes deberán incluír entre as cláusulas do prego de condicións ou nas bases de contratación unha na que conste a obriga do contratista de poñer, desde o inicio das obras ata a súa total terminación, un cartel informativo indicando que se trata dunha obra subvencionada pola Deputación.

Os concellos colocarán e faranse cargo dos carteis das obras que se realicen, debéndose certificar igualmente o cumprimento desta obriga.

O director das obras será designado pola entidade local contratante, dándolle conta da designación á Deputación. Calquera cambio de director técnico seralle igualmente comunicado a esta.

De se produciren baixas na adxudicación dos contratos a entidade local beneficiaria deberallo comunicar ó organismo provincial.

A baixa poderá aplicarse no mesmo investimento, con independencia do seu importe, ou reinvestirse noutra obra distinta. Neste último caso o montante do sobrante debe ser, polo menos, de 10.000,00 €.

Para a tramitación da baixa esixirase un proxecto ou memoria detallada no que se describa con claridade a actuación que se realizará, ademais do acordo correspondente. A súa tramitación realizarase conforme ó procedemento legalmente establecido.

Se durante a execución das obras xurde a necesidade de modificar o proxecto da obra o concello deberá tramitar o correspondente expediente de acordo co establecido no Texto refundido da Lei de contratos do sector público, e redactar un proxecto modificado que deberá ser aprobado polo Concello e pola Deputación. Non obstante, só se admitirán a trámite modificacións que se poidan financiar co importe das baixas de adxudicación.

As revisións de prezos, cando supoñan un incremento dos custos, correrán a cargo do crédito do Concello, do mesmo xeito que os maiores custos que poidan xerar as prórrogas e suspensións temporais na execución dos contratos.

Non se admitirán cambios de obra (aplicación ou finalidade), agás nos supostos contemplados na base décimo primeira, previa xustificación do antedito cambio e sempre que se faga co tempo suficiente para poder executar a obra no prazo establecido nestas Bases.

O presidente da Deputación será a persoa facultada para interpretar e resolver as dúbidas ou situacións excepcionais que puidesen xurdir no desenvolvemento do Plan, guiándose polos informes técnicos pertinentes.

Décimo quinta. Publicidade

As entidades locais beneficiarias deberán darlle a adecuada publicidade do financiamento por parte da Deputación para a actividade subvencionada do seguinte xeito:

- Deberase facer constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas ou páxina web, entre outras) o apoio que da institución provincial. Isto farase incluíndo o seu logotipo nun lugar visible, tal e como se indica no anexo de publicidade.

- Ó se iniciar o procedemento de xustificación deberase obrigatoriamente certificar o cumprimento desta cláusula xunto coa primeira certificación ou factura acreditativa do gasto efectuado, indicando as accións de comunicación realizadas, fotos e demais documentación que se considere necesaria

- No anexo de publicidade e na páxina web www.depo.es atópase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputación.

- Para dúbidas e/ou aclaracións poderase contactar co Servizo de Comunicación Institucional do organismo provincial a través do correo electrónico comunicacion@depo.es ou do teléfono 986 804 100.

O incumprimento desta obriga será causa de reintegro dos recursos recibidos con cargo a este programa.

Décimo sexta. Execución, xustificación, recepción e uso dos investimentos

As axudas que se outorgan ó abeiro deste Plan deben estar concedidas na súa totalidade o 31 de decembro de 2015.

Os investimentos, incluídos aqueles que se produzan como consecuencia da aplicación das baixas, deberán estar executados e xustificados, na súa totalidade, o 31 de decembro de 2016.

Os concellos remitirán as certificacións de obras supervisadas aprobadas polo órgano competente co conforme do contratista e asinadas polo director de obra.

Non se tramitará ningunha certificación se non consta nesta Deputación toda a documentación necesaria, en especial:

- A certificación do acordo ou resolución de adxudicación do contrato.

- O proxecto (soamente nos casos nos que a concesión da subvención se realice en base a unha memoria, anteproxecto, documento técnico e sexa necesaria a redacción dun proxecto construtivo completo conforme ás disposicións contempladas no artigo 123 do R. d. l. 3/2011, de 14 de novembro).

- O nomeamento do director técnico.

- A acta de replanteo, un certificado sobre a dispoñibilidade dos terreos e un certificado relativo á aprobación do proxecto (soamente naqueles casos nos que esta documentación non obre no expediente de concesión ó estar pendente a resolución de permisos, licenzas, servidumes, augas ou autorizacións sectoriais, etc. por parte doutra Administración).

- A acta de comprobación de replanteo, no caso de que sexa necesaria.

- Nos casos nos que sexa obrigatorio, o contrato.

- Acordo municipal de aprobación da certificación de obra correspondente.

As certificacións de obras serán comprobadas polos servizos de Cooperación, Infraestruturas e Intervención da institución provincial.

A primeira certificación acompañarase do certificado do secretario e dunha proba gráfica que acredite a difusión do investimento subvencionado; sendo requisito indispensable para que esta Deputación lle transfira ó concello o importe da subvención.

Ó remate da obra, coa última certificación, achegarase a correspondente acta de recepción no modelo normalizado que se atopa na páxina web desta Deputación e que se axustará ó disposto nos artigos 52 e 235 do R. d. l. 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Tamén se deberá acreditar que o Concello non percibiu ningunha subvención doutras entidades para o financiamento do investimento ou, en caso de que existan axudas ou subvencións concorrentes para a súa execución, indicar o detalle de cada unha delas, certificando que a suma total non supera o 100 % do seu importe.

En todo caso, o organismo provincial, en virtude das facultades que ten atribuídas, resérvase as facultades de inspección e comprobación das obras.

Nos casos nos que contrate a Deputación, unha vez recibidas as obras e redactada a correspondente acta cederáselles o seu uso ós concellos respectivos, que se farán cargo dos gastos de explotación.

Mediante resolución presidencial ordenarase a entrega da acta de recepción dos investimentos ás entidades locais, xa que supón a saída do inmobilizado da esfera xurídico patrimonial da Deputación (pagamento da subvención), remitíndoa á Intervención para contabilizar a baixa no inmobilizado da institución provincial e ás entidades locais para que poidan contabilizar a entrada do seu inmobilizado. Na resolución presidencial deberanse facer constar os datos cuantitativos para a correcta contabilización da baixa na contabilidade da Deputación e a alta na contabilidade dos concellos (custo, dimensións e características, entre outras).

Décimo sétima. Xustificación e pagamento destinados á amortización, pagamento de débedas e gastos correntes aínda non realizados

As axudas concedidas para a amortización e o pagamento de débeda, así como de gastos xa realizados, deberán ser xustificadas antes do 31 de decembro de 2015.

Os demais gastos correntes deberán ser xustificados antes do 31 de marzo de 2016.

O pagamento da axuda económica efectuarase previa comprobación por parte dos servizos de Cooperación e Intervención de que se realizou o gasto para o fin e polo importe subvencionado e, ademais, de que se cumpriu coa finalidade e o obxecto da subvención, emitindo como resultado un informe con carácter previo á proposta de aprobación da xustificación.

A documentación xustificativa deberá ser orixinal ou copia compulsada.

Amortización de débeda con entidades financeiras

O pagamento farase anticipadamente unha vez que se aprobe a concesión da subvención. Posteriormente, deberase xustificar a realización do referido pago mediante:

- A certificación ou o acordo do órgano competente aprobando a amortización que se realizou ás entidades financeiras.

- Certificación do interventor ou secretario-interventor da realización do pagamento ás entidades financeiras indicando a data de pagamento.

- Certificación do Concello de que s e lle deu difusión á subvención obtida facendo constar a colaboración da Deputación, indicando os medios onde se lle deu publicidade.

Pagamento de acredores de investimentos

Tratándose dun gasto realizado, a subvención aboarase anticipadamente unha vez que se aprobe a súa concesión. Posteriormente, deberase xustificar a realización do pagamento a través de:

- Certificación do acordo do órgano competente aprobando os pagamentos realizados ós acredores, indicando a data de pago.

- Certificación do interventor ou do secretario-interventor acreditativa de que a subvención se aplicou á finalidade proposta, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, de se considerar oportuno, os xustificantes correspondentes.

- Certificación do Concello de que s e lle deu difusión á subvención obtida facendo constar a colaboración da Deputación, indicando os medios onde se lle deu publicidade.

Débeda co Estado

O pago farase anticipadamente unha vez que se aprobe a concesión da subvención

Posteriormente, deberán xustificar a realización do pagamento mediante:

- Certificación do interventor ou secretario-interventor indicando que se fixo o aboamento e que se corresponde con débedas ó Estado, incluíndo o seu concepto e importe e con indicación da data de pago, quedando a disposición do organismo provincial para o seu exame, de se considerar oportuno, os xustificantes correspondentes.

- Certificación do órgano competente aprobando os pagamentos realizados.

- Certificación do Concello de que s e lle deu difusión á subvención obtida facendo constar a colaboración da Deputación, indicando os medios onde se lle deu publicidade.

Gasto corrente. Pagamento a acredores de gasto corrente.

O pago farase anticipadamente unha vez que se aprobe a súa concesión. Posteriormente, deberán xustificar a realización do pagamento a través de:

- Certificación do órgano competente aprobando os pagamentos realizados ós acredores, indicando a data de pago.

- Certificación do interventor ou secretario-interventor de que a subvención se aplicou á finalidade subvencionada, quedando a disposición da institución provincial para o seu exame, de se considerar oportuno, os xustificantes correspondentes.

- Certificación do Concello de que s e lle deu difusión á subvención obtida facendo constar a colaboración da Deputación, indicando os medios onde se lle deu publicidade.

Gasto corrente novo

No caso do gasto corrente novo só procederá pagar a subvención despois de presentar a xustificación, tal e como se establece deseguido:

- Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo (identificando acredor e documento, importe, data de emisión e, se é posible, a data na que se pagou).

- Certificación do interventor ou secretario interventor acreditativa de que os gastos que figuran na conta xustificativa son reais e se aplicaron ós gastos subvencionados, quedando a disposición do organismo provincial para o seu exame, de se considerar oportuno, os xustificantes correspondentes.

- Certificación do Concello de que s e lle deu difusión á subvención obtida facendo constar a colaboración da Deputación, indicando os medios onde se lle deu publicidade.

A este respecto, o Servizo de Inspección da institución provincial poderá comprobar, en calquera momento, se se fixo a publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non se procederá ó seu libramento.

Décimo oitava. Aprobación das bases

De acordo co establecido na base 16.3 das de execución do orzamento para o 2015 e cumprindo o establecido no artigo 17 da Lei xeral de subvencións o órgano competente para a aprobación destas bases é o Pleno da Deputación.

Décimo novena. Dereito supletorio

Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido nas de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2015, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais lexislación aplicable.

Vixésima. Reclamacións

Contra o acordo da aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro) ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante o correspondente xulgado de Pontevedra segundo o disposto no artigo 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, todo isto no prazo establecido no artigo 46 da citada lei, sen prexuízo de que poida utilizar calquera outro recurso que se estime conveniente.

Anexos da convocatoria e modelos de presentación de documentación

Todos os anexos referidos nestas bases e os modelos normalizados para as solicitudes destas subvencións facilitaranse no Rexistro xeral desta Deputación, no Servizo de Cooperación ou a través da páxina web www.depo.es.

2014020565

Gestión de residuos
Industrialización
Deporte
Cultura e idiomas
Cultura