Anuncio da aprobación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbanas declaradas ARIS nos barrios da Magdalena-Ferrol Vello, A Graña e Esterio Vello - Boletín Oficial de A Coruña de 03-12-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 03/12/2015 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

Con data de 23/11/2015 ditouse resolución pola Concelleira delegada de Obras, Vivenda e Rehabilitación, Medio Ambiente e Sanidade, aprobada pola Concelleira titular da área de Urbanismo, Medio Ambiente e Servizos, no que se aprobaron as Bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbanas declaradas ARIS nos barrios de A Magdalena-Ferrol Vello, A Graña e Esteiro Vello, redactadas pola Oficina Municipal de Rehabilitación o 13-11-2015, aos efectos de dar cumprimento aos Convenios asinados nesta materia entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Concello de Ferrol aprobados no Pleno do 29-10-2015.

O texto íntegro da convocatoria publícase no BOP e na páxina Web do Concello e poderá consultarse nas dependencias de Urbanismo do Concello de Ferrol, Rúa María 52-54, 5º andar, en horario de 9 a 14 horas. Os anuncios da convocatoria publicarase no DOG, no taboleiro de anuncios e en dous periódicos de maior difusión da provincia (La Voz de Galicia e Diario de Ferrol).

O prazo de achega das solicitudes é de trinta e cinco dias hábiles (35 días), a presentar xunto coa documentación preceptiva descrita na convocatoria mediante o impreso normalizado no Rexistro do Concello ou por calquer medio dos admitidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 do 26 novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e procedemento administrativo común. O dito prazo comenzará a computar dende o día seguinte á data da última publicación.

A continuación publícase o texto íntegro das devanditas Bases:

'Bases reguladoras e convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana dos barrios históricos da Magdalena e Ferrol Vello, do barrio da Graña e do barrio de Esteiro Vello de Ferrol.

En desenvolvemento dos acordos da Comisión Bilateral celebrada o 27 de outubro do 2015, relativo ás Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana dos Barrios Históricos da Magdalena e Ferrol Vello, do barrio da Graña e do barrio de Esteiro Vello en Ferrol (A Coruña). Comunidade Autónoma de Galicia. Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e en relación co papel xestor do Concello de Ferrol para a execución do plan e o seu compromiso na elaboración dunha convocatoria para a concesión das subvencións previstas neste acordo.

1. OBXECTO.

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións destinadas a financiar os gastos derivados das actuacións de rehabilitación dos edificios e vivendas dentro do ámbito definido da Área de Rexeneración e Renovación Urbana dos Barrios Históricos da Magdalena e Ferrol Vello, do Barrio da Graña e do Barrio de Esteiro Vello en Ferrol, con cargo aos convenios asinados polo Concello para tal obxecto, no marco do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

A convocatoria realízase polo disposto nos acordos da Comisión Bilateral celebrada o 27 de outubro do 2015, relativo ás Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana dos Barrios Históricos da Magdalena e Ferrol Vello, do Barrio da Graña e do Barrio de Esteiro Vello en Ferrol (A Coruña). Comunidade Autónoma de Galicia. Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

A concesión de subvencións, a través desta convocatoria, será en réxime de concorrencia, consonte cos criterios de selección dispostos no apartado 5 da convocatoria.

2. BENEFICIARIOS.

a) Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 6.2 e 28.1 do Real decreto 233/2013, de 5 de abril, de Plan estatal de fomento de alugamento de vivenda, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbana, 2013-2016.

Os/as propietarios/as de vivendas, as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas, as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e os consorcios e entes asociativos de xestión respecto dos edificios e vivendas incluídos nos ARIS declarados da Magdalena-Ferrol Vello, Esteiro e A Graña,

Para poder ser beneficiario é necesario que os edificios das vivendas obxecto das axudas conten co correspondente Informe de avaliación do edificio con anterioridade á formalización da petición da correspondente axuda, sempre que o dito informe sexa preceptivo segundo a Ordenanza de inspección técnica de edificacións adaptada á vixente lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas e o establecido na disposición transitoria primeira, 1 b) da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana e no artigo 21.1.a) do Real decreto 233/2013.

Cando a execución da actuación lles corresponda a varios beneficiarios, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada un deles.

Non poderán obter financiamento os que se beneficiasen das axudas do programa de rehabilitación edificatoria, programa do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

b) Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, ou fosen suxeitas dunha revogación dalgunha das axudas contemplados neste Plan ou en anteriores plans estatais de vivenda por causas imputables ao solicitante.

c) As persoas interesadas ao formalizar unha solicitude sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións da convocatoria e demais normativa reguladora que sexa de aplicación ao obxecto das axudas.

3. OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.

As obrigas das persoas beneficiarias son as seguintes:

a) Realizar as actuacións de rehabilitación subvencionables previstas no punto 4 desta convocatoria.

b) Comunicarlle ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen ter cobradas indebidamente.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Oficina de Rehabilitación Municipal de Ferrol e o Instituto Galego da Vivenda e Solo consideren pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Cubrir os datos necesarios para a tramitación da axuda que sexan esixibles segundo o acordo de financiamento específico asinado.

g) As demais obrigas recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 do decembro, xeral de subvencións, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES.

De acordo co disposto polo artigo 26.1. a/ do citado Real decreto 233/2013, é subvencionable a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares establecidos pola normativa vixente.

Poderanse acoller ás axudas as actuacións xa iniciadas pero que non estean finalizadas á data da presentación das solicitudes formuladas segundo a presente convocatoria.

Poderanse incluír os honorarios dos profesionais, o custo da redacción de proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, así coma os gastos derivados da tramitación administrativa, sempre que todos eles estean debidamente xustificados, excluídos impostos, taxas e tributos.

5. CRITERIOS DE SELECCIÓN DAS AXUDAS.

O Concello, en función da dispoñibilidade económica para as axudas, do número máximo delas que se poidan conceder e dos criterios de selección, determinará as actuacións subvencionables.

O Concello aprobará unha selección previa de solicitudes candidatas a seren subvencionadas en función dos seguintes criterios:

a) Mellora das condicións de habitabilidade das vivendas e edificios (0-13 puntos): aquelas intervencións que melloran considerablemente as condicións de habitabilidade, para alcanzar ou aproximarse ás establecidas no Decreto 29/2010 normas de habitabilidade de vivendas de Galicia.

b) Condición social (3 puntos): considérase esta condición a das unidades familiares con renda das persoas físicas inferiores a 1.2 veces o IPREM calculado polo artigo 6.2b do RD 233/2013, as persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecida e as familias que as teñan ao seu cargo.

c) Fixación de poboación na Área de Rehabilitación (0-3 puntos): aquelas intervencións que se realizan para favorecer a ocupación das vivendas ou edificios ben polos propietarios ou ben por inquilinos. Priorizaranse as intervencións destinadas a ocupación das vivendas baleiras ou dos edificios non ocupados na súa totalidade.

d) Presenza significativa da unidade de edificación no espazo público (0-3 puntos): valórase a capacidade de mellora da imaxe urbana e así fomentar a recuperación dos edificios do contorno.

e) Nivel de catalogación da unidade de edificación (0-3 puntos): nos ámbitos do Plan especial de protección e rehabilitación do barrio da Magdalena e do Plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello, obterán 3 puntos os edificios de especial significación arquitectónica, 2 puntos os de significativa presenza no contorno e 1 punto os edificios característicos do conxunto. Os edificios non incluídos nun ámbito de protección obterán 2 puntos se o edificio está incluído de forma individualizada no catálogo do Plan xeral de ordenación ou está incluído no Catálogo de bens do patrimonio cultural de Galicia, 1 punto se ten máis de 50 anos de antigüidade e non forma parte dun catálogo. Mentres non estea en vigor o Plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello, aplicarase a mesma forma exposta para os que non están nos ámbitos de Plan especial de protección e rehabilitación.

Para os efectos desta selección consideraranse as intervencións exclusivamente en elementos comúns do edificio como unha única solicitude e a súa puntuación será referida ao edificio e non ás unidades de vivenda que o compoñen.

Unha vez obtidas as puntuacións e realizada a selección, pode resultar necesario o axuste das intervencións para obter un máximo aproveitamento das contías de subvención concedidas, ao que quedará obrigado/a beneficiario/a.

6. ORZAMENTO PROTEXIDO.

Constitúe o orzamento protexido da actuación o custo total de todas as actuacións que se subvencionen segundo o previsto no artigo 26.3 do citado Real decreto 233/2013, que non poderá superar os prezos medios de mercado que para tales actuacións correspondan.

7. CONTÍAS DAS SUBVENCIÓNS.

A contía das subvencións será do 35% do custo das actuacións subvencionables, ás que se refire o punto 6 da convocatoria, e cun máximo de once mil euros (11.000 euros) por vivenda.

8. COMPATIBILIDADE.

As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta, salvo o que se beneficiase, no mesmo ámbito de actuación, das axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016.

9. SOLICITUDE DA VISITA TÉCNICA PREVIA.

Deberá solicitarse, mediante impreso oficial normalizado, unha visita de inspección técnica previa á solicitude oficial das axudas.

Os técnicos da Oficina de Rehabilitación realizarán a visita para comprobar o estado da edificación e asesorar o particular sobre as posibilidades de mellora e rehabilitación dos inmobles.

Para os edificios que xa a fixesen con anterioridade non é necesario repetila, salvo que a oficina o considere oportuno.

10. PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN.

1. As solicitudes presentaranse en modelo normalizado no rexistro do Concello de Ferrol, nalgún dos seus rexistros auxiliares ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Con carácter xeral as solicitudes deberán presentar a seguinte documentación xenérica:

a) Se o promotor/a é unha persoa física;

a.1/ Copia compulsada do DNI do promotor e, de ser o caso, ademais, do DNI da persoa que posúe a representación do promotor.

a.2/ Orixinal ou copia compulsada do documento fehaciente acreditativo da representación que posúa de promotor.

a.3/ Copia compulsada do título de adquisición que acredite a propiedade por parte do promotor, acompañado de certificación literal de dominio e cargas expedido polo Rexistro da Propiedade.

b) Se o promotor/a é unha persoa xurídica;

b.1/ Copia compulsada do CIF da persoa xurídica, orixinal ou copia compulsada da escritura de constitución da entidade e da súa inscrición no Rexistro mercantil de ser o caso; do documento fehaciente acreditativo da representación que o solicitante posúe da entidade así como o DNI do representante.

b.2/ Copia compulsada do título de adquisición que acredite a propiedade por parte do promotor da actuación, acompañado de certificación literal de dominio e cargas expedido polo Rexistro da Propiedade.

b.3/ Acreditación ou declaración responsable de que están debidamente constituídas, segundo a normativa que lles resulta de aplicación.

c) Se o promotor/a é unha comunidade de propietarios, agrupación de comunidades, consorcios ou entes asociativos, se presentará :

c.1/ Orixinal ou copia compulsada acreditativa da constitución da comunidade, da agrupación de comunidades, consorcios ou entes asociativos e do seu respectivo CIF.

c.2/ Orixinal ou copia compulsada da representación coa que se actúe e do DNI do representante.(presidente/s da comunidade u órganos legais representativos ).

c.3/ Orixinal ou copia compulsada do acordo da comunidade de propietarios, agrupación de comunidades, consorcios ou entes asociativos, no que autorice a execución das obras e da solicitude de subvención así como certificado da persoa titular da secretaría referente aos ditos aspectos.

c.4/ Relación de todas as persoas integrantes da comunidade, agrupación de comunidades, consorcios ou entes asociativos co NIF/CIF de cada propietario, referencia catastral de cada vivenda e local e copia compulsada das títulos de dominio que acredite a propiedade dos posibles beneficiarios titulares das vivendas e locais así como certificacións literais de dominio e cargas expedido polo Rexistro da Propiedade sobre todas as vivendas e locais do edificio.

c.5/ En caso de ser solicitantes entidades ou comunidades que carezan de personalidade xurídica propia (comunidades de veciños, agrupación desas comunidades, etc) deberá achegarse declaración responsable en que conste expresamente o compromiso de execución da actuación subvencionable asumidos por cada membro da entidade así como o importe da subvención a aplicar a cada un deles.

d) Autorización do solicitante para que tanto o Concello de Ferrol como a Xunta de Galicia poidan reclamar toda a información necesaria, en particular a de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente para acreditar o cumprimento dos requisitos.

e) Calquera outra documentación que resulte necesaria e sexa requirida polo Concello de acordo co previsto no artigo 6 do citado Real decreto 133/2013 e os demais datos informativos que esixe o Ministerio no protocolo de información normalizado.

3. Declaración responsable das persoas beneficiarias das subvencións en que consten as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación, o importe da axuda solicitada ou obtida, así como a Administración, organismo ou entidade pública que concede a subvención.:

4. Acreditación de que o beneficiario non está incurso nas prohibicións para a obtención da condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o artigo 13 da lei 38/2003 de 17 de decembro xeral de subvencións. Tal acreditación poderá realizarse mediante testemuña xudicial ou certificación administrativa e, no seu defecto, mediante declaración responsable outorgada perante unha autoridade administrativa ou notario.. Esta documentación terá que ser achegada de novo para solicitar o pagamento da axuda de xeito que estea actualizada a este momento.

5. Certificacións.

Certificacións expedidas polas respectivas Administracións de que o que pretenda ser beneficiario está ao corrente dos pagos á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, á Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e á Administración local, No suposto de que non se dispuxese deste documento no momento da presentación da solicitude de subvención, a certificación deberá de presentarse en todo caso antes da proposta de resolución de concesión da subvención, consonte co disposto polo artigo 11. e) da Lei de subvencións de Galicia e o artigo 14.1.e) da Lei xeral de subvencións.

- Para a xustificación da condición social como criterio de avaliación das solicitudes, prevista no apartado 5 b) desta convocatoria, será necesario achegar os documentos oficiais acreditativos pertinentes xunto coa solicitude da axuda.

6. Documentación das obras e do edificio:

a) Informe de avaliación de edificios.-Os edificios incluídos nun ámbito deberán contar co correspondente informe de avaliación, sempre que sexa necesario segundo a Ordenanza de inspección técnica de edificacións adaptada á vixente lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas e demais lexislación que sexa de aplicación.

b) Proxecto ou memoria técnica redactados por técnico competente.-Nestes documentos expresaranse as obras que se van executar, a súa valoración, clasificándoas en capítulos segundo o disposto no artigo 26 do citado Real decreto 233/2013. O proxecto ou memoria técnica conterán os datos fundamentais do edificio: situación, número de vivendas e locais, superficie construída sobre rasante, superficie sobre rasante con uso residencial e unha reportaxe fotográfica das obras que se van realizar así como a referencia catastral da vivenda ou do edificio.. A memoria valorada substitúe o proxecto de obras cando se trate de obras menores e en todo caso deberá estar asinado por técnico competente. Tanto no proxecto coma na memoria técnica, se é o caso, se conterá, ademais, o orzamento por partidas e xustificación de que as obras supoñen unha adaptación á normativa vixente.

c) Licenza/comunicación previa e autorizacións sectoriais.- Para a tramitación da cualificación provisional será necesaria a presentación da licenza ou comunicación previa/ declaración responsable, de ser o caso, ou orde de execución e autorizacións sectoriais para a execución das obras.

d) Copia compulsada do título de división horizontal cando se trate de actuacións para realizar axustes razoables en materia de accesibilidade e/ou mellorar a calidade e sostibilidade do edificio ou edificios que acredite que estes suman, como mínimo, oito vivendas,. Non será necesario achegar a copia da división horizontal cando no inmoble se acometan simultaneamente obras de conservación ou cando habiten persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos, e así se acredite na solicitude.

e) Outros documentos que, se é o caso, o Concello considere necesarios e foran requiridos ao beneficiario para ditar resolución.

11. SOLICITUDE DE REDACCIÓN DA DOCUMENTACIÓN TÉCNICA E DIRECCIÓN DE OBRAS.

As persoas interesadas poderán solicitar da Oficina Municipal de Rehabilitación, mediante impreso oficial normalizado, a prestación dos servizos de redacción da documentación técnica precisa para obter a licencia/ comunicación previa de obra e a dirección ou seguimento das obras. Seleccionaranse as solicitudes atendendo os seguintes criterios:

a) De axudas solidarias

b) De promocións tuteladas que o Concello promova.

c) De obras que non supoñan variacións no sistema estrutural do edificio.

d) Doutras solicitudes consideradas de interese xeral.

Estas solicitudes de asistencia técnica serán aceptadas na medida dos medios e recursos dispoñibles

Os proxectos de obra maior requiren dirección de obra. A Oficina de Rehabilitación excepcionalmente poderá levar total ou parcialmente esta dirección. Neste caso será obrigatorio para os solicitantes beneficiarios pagar os custos dos seguros pertinentes da dirección.

A redacción do documento técnico e da dirección de obra que realice a Oficina de Rehabilitación nos casos anteriormente expostos non suporán custo adicional aos beneficiarios, salvo os custos do seguros pertinentes á dirección.

En todo caso, tanto a redacción da documentación para obter a licenza coma a dirección facultativa das obras serán realizadas por técnicos con capacitación profesional e habilitación legal suficientes e axustadas ás características das obras que se deban acometer, para o que deberán achegar a xustificación de estar habilitados polos seus respectivos colexios profesionais para estes traballos.

12. PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES.

Poderán presentarse solicitudes no prazo de 35 dias hábiles a contar dende o día seguinte á última publicación do anuncio e do texto desta convocatoria nos respectivos diarios oficiais.

13. PROCEDEMENTO DE TRAMITACIÓN DAS SUBVENCIÓNS.

a) Aprobación inicial das axudas. Cualificación provisional.

O Concello, no marco do procedemento da convocatoria de axudas, presentada a solicitude, revisará a documentación presentada, e logo dos requirimentos que considere oportunos para completar ou aclarar a documentación recibida dentro dos prazos previstos na Lei 30/1992 procederá a denegar as solicitudes que non cumpran os requisitos e a elaborar unha proposta de cualificación provisional que lle remitirá a Área Provincial do IGVS na Coruña.

A proposta de cualificación provisional conterá a identificación da persoa beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento protexido, o prazo de execución e a subvención máxima que se concederá e virá acompañada dunha certificación municipal do cumprimento dos requisitos do Plan 2013-2016, referida tanto ás actuacións, aos edificios e vivendas como ás persoas beneficiarias.

A cualificación provisional é requisito necesario para acadar o financiamento previsto no acordo específico.

O órgano competente para resolver sobre as cualificacións provisionais é a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que corresponda á provincia da Coruña.

b) Execución das obras.

O solicitante promotor das obras daralle conta ao Concello da data de comezo das obras mediante certificación de inicio de obra dirixido á Oficina Municipal de Rehabilitación.

As obras deberán executarse no prazo máximo establecido na cualificación provisional das axudas, é en todo caso deberán estar rematadas e comprobadas con toda a súa documentación antes do 30 de novembro do 2016.

As obras deberán axustarse ás prescricións contidas no proxecto técnico ou documentación que serviu de base para a concesión inicial das axudas, e non se admitirán máis modificacións na súa execución que as autorizadas por proposta da Dirección Facultativa conformada pola Oficina municipal de Rehabilitación e, en todo caso, deberán estar autorizadas pola correspondente licenza ou comunicación previa, orde de execución e autorizacións sectoriais para a execución das obras.

A Oficina Municipal de Rehabilitación poderá en todo caso supervisar as obras co obxecto de comprobar o correcto cumprimento das condicións a que estean sometidas en virtude das axudas concedidas.

Durante o período de execución das obras, o promotor deberá colocar o cartel informativo do programa de axudas para a rehabilitación de acordo co deseño proposto pola Oficina de Rehabilitación, elaborado de acordo cos convenios asinados, e até o cobro total de axudas solicitadas.

c) Remate das obras e cualificación definitiva.

Os promotores das actuacións comunicarán o seu remate de acordo co previsto na cualificación provisional por medio da documentación acreditativa da finalización de obra, e en todo caso con data anterior ao 30 de novembro do 2016, de xeito que o Concello conte con tempo suficiente para realizar as seguintes comprobacións con anterioridade a dita data:

1. As actuacións foron executadas dentro dos prazos e de acordo coa cualificación provisional.

2. Que para a súa execución se contan con todas as autorizacións necesarias.

3. As facturas compulsadas e os documentos bancarios de pagamento das anteditas actuacións e que estean pagados pola persoa beneficiaria que figure na cualificación provisional.

As facturas compulsadas emitidas pola empresa adxudicataria e xustificación de pagos mediante transferencia bancaria, talón ou calquera outro medio regulado pola Lei 38/2003 xeral de subvencións e Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Non se admitirán os pagos nin os ingresos en efectivo.

Ademais as facturas reunirán en todo caso os seguintes requisitos: nome da persoa beneficiaria que figure na cualificación provisional, razón social, enderezo e NIF de quen emite a factura, IVE desagregado, nome, enderezo, NIF do pagador titular da cualificación provisional e forma de pago. Deberá quedar claramente descrito o produto vendido ou o servizo prestado.

A cualificación definitiva supón a xustificación da execución de todas as actuacións cualificadas.

Será causa da denegación da cualificación definitiva a non execución das actuacións ou a súa execución fóra de prazo, así como o incumprimento por parte do/a promotor/a de calquera requisito para obter a condición de persoa beneficiaria.

O Concello elaborará unha proposta de cualificación definitiva que conterá a identificación da persoa beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento xustificado e a proposta de subvención final que se aboará e virá acompañada dunha certificación do Concello do cumprimento dos requisitos do Plan 2013-2016. O órgano competente para resolver sobre as cualificacións definitivas é a persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que corresponda á provincia da Coruña.

14. PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS.

Con carácter previo ao pagamento das subvencións, todas as persoas beneficiarias deberán achegar:

a) Certificado da titularidade, sempre a nome do beneficiario, da conta bancaria que designe para o pagamento.

b) Certificación acreditativa e expedida pola respectiva Administración de estar ao corrente dos pagos coa Axencia Estatal Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e co Concello.

c) Certificado de que o beneficiario non está incurso nas prohibicións para a obtención da condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de decembro, xeral de subvencións. Tal xustificación poderá realizarse mediante testemuña xudicial ou certificación administrativa e, no seu defecto, mediante declaración responsable outorgada perante unha autoridade administrativa ou notario.

A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS procederá a resolver o pagamento ao Concello atendendo ao previsto nos correspondentes acordos específicos asinados no seo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan 2013-2016.

O Concello aboaralles as correspondentes subvencións aos/ás promotores/as que resulten persoas beneficiarias e xustificará perante o IGVS os pagamentos realizados, para a súa comunicación ao Ministerio de Fomento.

Procederá á minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento xustificado teña unha contía inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión e sempre e cando se acredite que a actuación concreta está totalmente executada.

As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia.

O pagamento realizarase pola contía que resulte de aplicar o disposto no punto 7 da convocatoria ao custo final efectivamente xustificado das actividades subvencionadas.

15. DENEGACIÓN, REVOGACIÓN E REINTEGRO DAS SUBVENCIÓNS.

Sen prexuízo da posible incompatibilidade que legalmente fose aplicable en concorrencia coas axudas desta convocatoria, en ningún caso as subvencións concorrentes poderán ser de tal contía, que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada, de conformidade co disposto polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Segundo o artigo 13, da Orde do 9 de marzo de 2015, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Consonte o artigo 14, da Orde do 9 de marzo de 2015:

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, suporá, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis un 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos do Estado estableza outro diferente.

2. En particular será causa de reintegro a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

3. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén serán causas de denegación ou revogación das subvencións, ademais da de non reunir as condicións indicadas nos puntos 2 e 4 da convocatoria, as seguintes:

1. Incorrer en falsidade nos datos tidos en conta na selección da axuda reflectido no apartado 5 desta convocatoria.

2. Acometer infraccións urbanísticas graves ou moi graves nas obras de rehabilitación subvencionadas.

3. O incumprimento dos prazos para a execución das obras ou para a xustificación dos gastos.

4. A incorrecta execución das obras de rehabilitación apreciada polos técnicos da Oficina de Rehabilitación.

5. O impedimento ou obstrución grave, por parte do promotor ou o contratista, á supervisión das obras por parte dos técnicos da Oficina de Rehabilitación.

6. Calquera outra infracción que dispoña á normativa vixente

16. AS CONTÍA DO PROGRAMA DE REHABILIACIÓN.

As contías máximas das citadas achegas, segundo figura no convenio, son as seguintes:

Área de Rexeneración e Renovación Urbana

Achega Ministerio de Fomento

Barrios Históricos da Magdalena e Ferrol Vello

484.000,00 €

Barrio da Graña

27.500,00 €

Barrio de Esteiro Vello

94.500,00 €

17. TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL.

Os datos das persoas solicitantes serán incorporados aos ficheiros municipais, cuxa finalidade é a instrución do procedemento para a concesión das subvencións reguladas por estas bases, a práctica das publicacións, comunicacións e notificacións de obrigado cumprimento, o seguimento e comprobación das actividades subvencionadas e demais actuacións previstas na normativa legal para a conclusión do proceso de subvencións, polo que a súa achega é obrigatoria. Estes datos serán tratados e protexidos de acordo co previsto na Lei 30/1992, de 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, será responsable do seu tratamento a Oficina de Rehabilitación do Concello de Ferrol, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

De conformidade co disposto polo artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, infórmase aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

18. NORMATIVA DE APLICACIÓN.

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación:

a) O Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

b) O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 9 de marzo de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rexeneración e renovación Urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

d) A Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

g) Lei 8/2013, de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.

h) O convenio de colaboración asinado o 5 de setembro de 2014 entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas.

i) Os acordos da Comisión Bilateral celebrada o 27 de outubro do 2015, relativo ás Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana dos Barrios Históricos da Magdalena e Ferrol Vello, do Barrio da Graña e do Barrio de Esteiro Vello en Ferrol (A Coruña). Comunidade Autónoma de Galicia. Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a Rexeneración e renovación urbanas 2013 - 2016. Anualidade 2015.

j) Ordenanza municipal reguladora das axudas á rehabilitación dos barrios da Magdalena e Ferrol Vello.

k) Ordenanza de inspección técnica de edificacións adaptada á vixente lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.

l) Real decreto 7/2015, 30 de outubro, Texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

Ferrol, 24 de novembro de 2015.

A concelleira delegada titular da Área de Urbanismo, Medio Ambiente e Servizos

María Fernández Lemos

2015/11528

Vivienda
Rehabilitación de vivienda
Alquiler de vivienda
Regeneración urbana
Medio Ambiente
Obras de rehabilitación
Prensa
Patrimonio cultural
Familia
Dependencia
Empresa