Anuncio da convocatoria: subvencións para a rehabilitación en edificios e vivendas na área de rexeneración e renovación urbana do casco histórico de Corcubión (A Coruña) - Boletín Oficial de A Coruña de 02-12-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 02/12/2015 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO DA CONVOCATORIA: SUBVENCIÓNS PARA A REHABILITACIÓN EN EDIFICIOS E VIVENDAS NA ÁREA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA DO CASCO HISTÓRICO DE CORCUBIÓN (A CORUÑA)

Mediante resolución desta alcaldía núm. 462/2015 do día 25.11.2015, acordouse efectuar a convocatoria e aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións en materia de rehabilitación de edificios e vivendas na área de rexeneración e renovación urbana do Casco Histórico de Corcubión (A Coruña), que se insire a continuación:

BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA A REHABILITACIÓN EN EDIFICIOS E VIVENDAS NA ÁREA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA DO CASCO HISTÓRICO DE CORCUBIÓN (A CORUÑA)

O Concello de Corcubión foi pioneiro en Galicia en materia de Rehabilitación e conservación do seu Conxunto Histórico, sendo declarado 'Conxunto Histórico Artístico' o 31 de Xaneiro de 1985. Para paliar o deterioro que o seu Conxunto Histórico viña sufrindo dende a década dos anos 70, decidiuse acometer o PLAN ESPECIAL DO CONXUNTO HISTÓRICO DE CORCUBIÓN, que foi o primeiro Plan Especial de Galicia, obtendo a aprobación definitiva da Comisión Provincial de Urbanismo en data 9 de Abril de 1991.

Consciente do estado de degradación que estaba sufrindo o Conxunto Histórico, o Concello de Corcubión formulou no ano 2003 unha política de axudas para paliar dita situación e impulsar a revitalización do ámbito máis antigo e representativo do carácter da vila.

Ao amparo da normativa estatal e autonómica vixente no momento (Real Decreto 1/2002 de 11 de Xaneiro e Decreto 199/2002, do 6 de Xuño), o Pleno do Concello en sesión celebrada o 27 de Novembro de 2003, acordou solicitar á entonces Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a delimitación da 'Área de Rehabilitación Integral' e a firma dos pertinentes convenios co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a realización e financiamento das actuacións de rehabilitación e urbanización en dita área. Con data 15 de Decembro de 2003, polo entonces Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, acordouse declarar a 'Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico de Corcubión'.

Dende que con data 26 de febreiro de 2004 se formalizase por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Corcubión o 'Convenio de colaboración en materia de actuacións na Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico de Corcubión, lª fase', téñense asinado diversos convenios de financiamento de obras de rehabilitación de vivendas e edificios situados no ámbito delimitado da Área de Rehabilitación.

As presentes bases reguladoras e convocatoria de subvencións xorden da necesidade de adecuar ás actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas, e demais aspectos específicos da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico de Corcubión (A Coruña), ao Acordo da Comisión Bilateral celebrada o 27 de outubro de 2.015, relativa a esta ARRU; ao Plan Estatal de fomento de aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, regulado no Real Decreto 233/2013, de 5 de abril; ao Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento de aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; e á Orde do 9 de marzo de 2.015, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento de aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

1: Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións destinadas a financiar os gastos derivados das actuacións de rehabilitación dos edificios e vivendas situados na Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico de Corcubión, en relación ao convenio asinado polo Concello para tal obxecto, no marco do Plan Estatal de fomento de aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

A convocatoria realízase polo disposto no Acordo da Comisión Bilateral celebrada o 27 de outubro, relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico de Corcubión (A Coruña). Comunidade Autónoma de Galicia. Plan Estatal de fomento de aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

A concesión de subvencións a través desta convocatoria será en réxime de concorrencia, consonte aos criterios de selección dispostos no artigo 5 destas bases reguladoras e convocatoria de subvencións.

No suposto de que non se cubra a oferta de axudas, o órgano competente municipal poderá habilitar un novo prazo para a presentación de solicitudes.

Artigo 2: PERSOAS Beneficiarias

a) Poderán ser persoas beneficiarias das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas as que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 6.2 e 28.1 do Real Decreto 233/2013; en resumo: os propietarios/as de vivendas, os propietarios/as únicos/as de edificios de vivendas, as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios, e os consorcios e entes asociados de xestión.

Cando a execución da actuación corresponda a varios beneficiarios, a axuda se distribuirá en proporción ao custo asumido por cada un deles.

Non poderán obter financiamento os beneficiados/as, dentro do ámbito de actuación, das axudas do programa de rehabilitación edificatoria, programa do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas, 2013-2016.

Ademais, os edificios de tipoloxía residencial colectiva incluídos no ámbito, para os que a comunidade de propietarios solicite a oportuna subvención para actuar nos elementos comúns do edificio, deberán contar co correspondente Informe de avaliación do edificio, con anterioridade á formalización da petición da correspondente axuda. Este informe é preciso sempre que sexa necesario segundo o establecido na disposición transitoria primeira, 1 b) da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana, e no artigo 21.1.a) do Real Decreto 233/2013. O citado Informe de avaliación do edificio non será esixible ás actuacións de propietarios de vivendas individuais.

b) Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na súa normativa de desenvolvemento ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións.

c) As persoas interesadas ao formalizar unha solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que cada concello estableza na convocatoria así como aos demais requisitos que se establezan nesta orde e demais normativa reguladora.

Artigo 3: OBRIGAS DAS PERSOAS Beneficiarias

As obrigas das persoas beneficiarias son as seguintes:

a) Realizar as actuacións de rehabilitación para as cales se establecen as axudas, debendo estar completamente rematadas con anterioridade ao 30 de novembro de 2.016.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Oficina Municipal de Rehabilitación do Concello de Corcubión e o Instituto Galego da Vivenda e Solo consideren pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Cubrir os datos necesarios para a tramitación da axuda que sexan esixibles segundo o acordo de financiamento específico asinado.

g) As demais obrigas recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 do decembro, xeral de subvencións, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4: ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

De acordo co disposto polo artigo 26.1. a) do Real Decreto 233/2013, é subvencionable a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos novos estándares establecidos pola normativa vixente, aínda nos casos en que dita normativa non obrigue a súa realización.

Poderanse acoller ás axudas as actuacións xa iniciadas pero que non estean finalizadas á data da presentación das solicitudes, sempre e cando se poda xustificar o estado anterior do edificio ou vivenda ás obras para as que solicita a correspondente axuda.

Poderanse incluír os honorarios dos profesionais, o custo da redacción de proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, así coma os gastos derivados da tramitación administrativa, sempre que todos eles estean debidamente xustificados; excluídos impostos, taxas e tributos.

Artigo 5: CRITERIOS DE SELECCIÓN DAS AXUDAS

O Concello de Corcubión, entre tódalas solicitudes presentadas que reúnan os requisitos para poder acceder a este tipo de axudas, dentro dos límites orzamentarios e do número máximo de actuacións subvencionables previstos no Convenio asinado cos órganos competentes en materia de vivenda da Xunta de Galicia e do Estado, realizará unha proposta motivada de selección en función dos seguintes criterios e coa ponderación que se indica:

1. Urxencia, necesidade ou conveniencia na realización das obras para paliar a perda ou deterioro do edificio: máximo 30 puntos

bo estado de conservación 0 puntos

bastante bo estado de conservación 5 puntos

regular estado de conservación 10 puntos

mal estado de conservación 20 puntos

moi mal estado de conservación 30 puntos

2. Maior nivel de protección do edificio segundo o P.E.C.H.C.: máximo 30 puntos

edificación non catalogada 0 puntos

edificación con protección ambiental 10 puntos

edificación con protección estructural 15 puntos

edificación con protección integral grao 3 20 puntos

edificación con protec. integral graos 1 e 2 25 puntos

edificación con protección monumental 30 puntos

3. Fixación de poboación na Área de Rehabilitación: máximo 20 puntos

vivenda usada como segunda residencia 0 puntos

vivenda con compromiso de aluguer por 5 anos 10 puntos

residencia habitual do propietario ou inquilino 20 puntos

4. Os solicitantes con menor capacidade económica: máximo 40 puntos

X igual ou superior a 3,5 IPREM 0 puntos

X maior a 2 SMIp e menor ou igual a 3,5 IPREM 20 puntos

X maior a 1 SMIp e menor ou igual a 2 IPREM 30 puntos

X igual ou inferior ao IPREM 40 puntos

Sendo:

X: Base impoñible xeral e de aforro da declaración do IRPF do último ano de todos os membros da unidade familiar de convivencia que a presentasen ou, en caso de non ter obriga de presentala, declaración xurada dos rendementos anuais percibidos, segundo o definido nos artigos 3.- e 4.- do Decreto 18/2014.

IPREM: definido no Real Decreto Lei 3/2004, tendo en conta o valor en vigor, e ponderado polo número de membros da unidade familiar de convivencia, segundo os coeficientes correctores establecidos no artigo 4º.- do Decreto 18/2014.

5. Vivendas para as que soliciten axudas e que non estean en situación de fora de ordenación: máximo 15 puntos.

Vivenda do solicitante en situación de fora de ordenación 0 puntos

Vivenda do solicitante en situación de dentro de ordenación, ou que trala realización das obras para as que solicita a axuda quede neste estado 15 puntos

6. Orde de presentación das solicitudes

Aos efectos desta selección consideraranse as intervencións exclusivamente en elementos comúns do edificio como unha única solicitude e a súa puntuación será referira ao edificio e non ás unidades de vivenda que o compoñen. Neste caso, a tramitación das actuacións deberá efectuala quen represente a comunidade de propietarios/as, logo de acordo, cando sexa preciso, de conformidade co establecido na súa lexislación aplicable.

Unha vez obtidas as puntuacións e realizada a selección, pode resultar necesario o axuste das intervencións para obter un máximo aproveitamento das contías de subvención concedidas.

Artigo 6: ORZAMENTO PROTEXIDO

Constitúe o orzamento protexido da actuación o custo total de todas as actuacións que se subvencionen segundo o exposto no artigo 4.- destas bases, e no previsto no artigo 26.3 e no Anexo I do Real Decreto 233/2013, que non poderá superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan (determinados por aplicación da base de prezos de construción de Galicia de 2011).

Considerarase por tanto o custe total da actuación, incluíndo custe de execución material, honorarios profesionais, beneficio industrial, custes notariais e de rexistro e gastos xerais e de xestión, excluídos impostos, taxas e tributos.

Artigo 7: CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS

A contía das subvencións será do 35% do custo das actuacións subvencionables, ás que se refire o punto 6 da convocatoria, e cun máximo de 11.000 euros por vivenda obxecto de rehabilitación.

Artigo 8: COMPATIBILIDADE

Sen prexuízo do establecido no artigo 28.3 do Real Decreto 233/2012, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta.

Artigo 9: SOLICITUDE DA VISITA TÉCNICA PREVIA

Deberá solicitarse, mediante impreso oficial normalizado, unha visita de inspección técnica previa ou xunto coa solicitude oficial das axudas.

Os técnicos da Oficina de Rehabilitación realizarán a visita para comprobar o estado da edificación e asesorar ao particular sobre as posibilidades de mellora e rehabilitación dos inmobles.

Para os edificios ou vivendas que xa a teñan feita con anterioridade non é necesario repetila, salvo que a Oficina o considere oportuno.

Artigo 10: PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude por escrito no Rexistro Xeral do Concello de Corcubión, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta deberá ir acompañada da seguinte documentación:

1.- Impreso de solicitude en modelo normalizado debidamente cuberto e asinado, no que se indiquen as obras que se ten pensado realizar.

2.- Copia compulsada do Documento Nacional de Identidade (DNI) do ou da solicitante.

2.1.- En caso de comunidades de propietarios:

' Documento acreditativo da constitución da comunidade.

' Copia compulsada do Documento Nacional de Identidade (DNI) do representante que realiza a solicitude.

' Documento acreditativo da representación coa que se actúa.

' Xustificación da titularidade do edificio (inscrición no Rexistro da Propiedade)

' Acta ou certificado da comunidade de propietarios que autorice a execución das obras e a solicitude da subvención ou certificado da persoa titular da secretaría da comunidade referente aos ditos aspectos.

' Relación de todas as persoas integrantes da comunidade, co NIF de cada unha, referencia catastral de cada vivenda e local.

* Cando o solicitante da actuación sexa unha comunidade de propietarios, tan só se tramitará un expediente con ela. Ao efecto do número de actuacións, computaranse tantas actuacións como o seu número de vivendas.

Outro caso son as axudas que se tramiten para o interior da súa vivenda por calquera propietario. Neste caso computarase como unha actuación por solicitante.

3.- Copia da documentación acreditativa da propiedade do edificio ou vivenda.

4.- Solicitude de visita de inspección técnica, a excepción de que a teñan feita con anterioridade.

5.- Certificados:

- Certificacións de cada persoa propietaria de estar ao día coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e a administración local; e de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6.- Declaración responsable das persoas beneficiarias das subvencións, onde conste:

- As axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación así como o importe da axuda solicitada ou obtida, así como a Administración, organismo ou entidade pública que concede a subvención.

- Que a vivenda se vai a usar como residencia habitual ou permanente da ou do solicitante ou dun determinado inquilino; que se vai a destinar ao aluguer, durante un prazo mínimo de 5 anos dende o remate das obras; que se trata dunha segunda residencia.

7.- Copia da declaración conxunta ou das declaracións individuais de tódolos membros da unidade familiar do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente ó exercicio inmediatamente anterior ó momento no que se solicita a axuda, sempre que o prazo estea vencido.

' Si o ou a solicitante non ten obriga de realizar declaración do IRPF, certificación orixinal do Ministerio de Economía e Facenda na que se faga constar o seu carácter de non declarante e unha fotocopia do Libro de Familia. Para xustificar os ingresos acompañará ademais copia do certificado de retencións practicadas pola empresa ou unha certificación da cantidade da pensión emitida polo organismo correspondente, cando se trate de xubilados ou pensionistas.

' Certificación de empadroamento e convivencia do número de membros que integran a unidade familiar.

Unha vez realizada a proposta de selección das axudas por parte da Oficina de Rehabilitación axuntarase nova documentación:

8.- Documentación relativa ás obras a realizar:

8.1.- OBRAS MENORES (esta documentación será realizada pola Oficina de Rehabilitación)

' Memoria valorada das actuacións a realizar en cada edificio ou vivenda.

' Reportaxe fotográfico descritivo da edificación onde se atopa a vivenda e das zonas obxecto das actuacións.

' Orzamento das obras, desagregado para cada vivenda e por partidas.

' No caso de que o edificio ou vivenda presente dúbidas de carácter estrutural, deberá achegarse Certificado orixinal de Solidez e Seguridade do edificio ou vivenda firmado por técnico competente.

8.2.- OBRAS MAIORES

' Proxecto técnico redactado por técnico competente, no que se expresen as obras que se van a executar, a súa valoración, clasificándoas en capítulos segundo o disposto no artigo 26 do Real decreto 33/2013. O proxecto ou memoria técnica deberá conter os datos fundamentais do edificio: situación, número de vivendas e locais, superficie construída sobre rasante, superficie sobre rasante con uso residencial e unha reportaxe fotográfica das obras que se van realizar.

' No caso de que as obras afecten a mais dunha vivenda establecerase a porcentaxe de participación de cada unha das vivendas no conxunto das obras.

8.3.- Os edificios de tipoloxía residencial colectiva incluídos no ámbito deberán contar co correspondente informe de avaliación, sempre que sexa necesario segundo o indicado no artigo 2º.- das presentes bases.

8.4.- Cando se trate de actuacións para realizar os axustes razoables en materia de accesibilidade e/ou mellorar a calidade e sostenibilidade do edificio ou edificios que pretendan acollerse ao programa, deberá presentarse un certificado de que estes sumen, como mínimo, 8 vivendas, ou excepcionalmente menos, cando no inmoble se acometan simultaneamente obras de conservación ou cando habiten persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

8.5.- Cando o importe do orzamento protexible das obras exceda de 50.000 euros, ou de 18.000 euros no suposto de servizos, deberán presentarse como mínimo tres orzamentos, de data anterior á contratación das obras ou servizos, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude. No caso de que non se optase pola oferta económica máis vantaxosa, deberá xustificarse razoadamente, por escrito, a elección realizada.

9.- Copia da licenza municipal / comunicación previa /orde de execución das obras.

10.- Aqueles outros que estime a Oficina de Rehabilitación e que sexan necesarios para a determinación da concesión das axudas.

ARTIGO 11: PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES.

Poderán presentarse solicitudes no prazo de 1 mes desde o día seguinte á publicación destas bases no BOP.

ARTIGO 12: PROCEDEMENTO DE TRAMITACIÓN DAS SUBVENCIÓNS

a) Aprobación inicial das axudas. Cualificación provisional

O Concello, no marco do procedemento da convocatoria de axudas, presentada a solicitude, revisará a documentación presentada, e logo dos requirimentos que considere oportunos para completar ou aclarar a documentación recibida, denegará as solicitudes que non cumpran os requisitos, e elaborará unha proposta de cualificación provisional para as solicitudes que si os cumpran, e que remitirá a Área Provincial do IGVS na Coruña.

A proposta de cualificación provisional conterá a identificación da persoa beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento protexido, o prazo de execución e a subvención máxima que se concederá, e virá acompañada dunha certificación municipal do cumprimento dos requisitos do Plan 2013-2016, referida tanto ás actuacións, aos edificios e vivendas como ás persoas beneficiarias.

A xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo das comprobacións que consideren oportunas, poderá cualificar provisionalmente as actuacións, e remitirá aos servizos centrais do IGVS un resumo das cualificacións provisionais outorgadas, tendo en conta os acordos específicos asinados no seo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan 2013-2016.

A cualificación provisional é requisito necesario para acadar o financiamento previsto no acordo específico.

Será causa de denegación das cualificacións provisionais non axustarse ás determinacións do Real decreto 233/2013 ou do acordo específico asinado.

b) Execución das obras

O solicitante promotor das obras daralle conta á Oficina Municipal de Rehabilitación da data do comezo das obras.

As obras deberán executarse no prazo máximo establecido na cualificación provisional das axudas, é en todo caso deberán estar rematadas antes do 30 de novembro do 2016.

As obras deberán axustarse ás prescricións contidas no proxecto técnico ou documentación que serviu de base para a concesión inicial das axudas, e non se admitirán máis modificacións na súa execución que as autorizadas por proposta da Dirección Facultativa, pola Oficina de Rehabilitación e, en todo caso, deberán estar autorizadas pola correspondente licenza ou comunicación previa / declaración responsable, orde de execución e autorizacións sectoriais para a execución das obras.

A Oficina Municipal de Rehabilitación poderá en todo caso supervisar as obras co obxecto de comprobar o correcto cumprimento das condicións a que estean sometidas en virtude das axudas concedidas.

Durante o período de execución das obras, o promotor deberá colocar o cartel informativo do programa de axudas para a rehabilitación de acordo co deseño proposto pola Oficina de Rehabilitación, elaborado de acordo cos convenios asinados, e até o cobro total das axudas solicitadas.

c) Remate das obras e Cualificación Definitiva

Os promotores das actuacións comunicarán o seu remate de acordo co previsto na cualificación provisional por medio da documentación acreditativa da finalización de obra, e en todo caso con data anterior ao 30 de novembro do 2016, de xeito que o Concello teña tempo suficiente para realizar as seguintes comprobacións con anterioridade a dita data:

1. Que as actuacións foron executadas dentro dos prazos e de acordo coa cualificación provisional.

2. Que para a súa execución se contan con todas as autorizacións necesarias.

3. As facturas cotexadas e documentos bancarios de pagamento das anteditas actuacións deberán estar pagadas pola persoa beneficiaria que figure na cualificación provisional.

As facturas cotexadas deberá estar emitidas pola empresa adxudicataria e a xustificación de pagos se realizará mediante transferencia bancaria, talón ou calquera outro medio regulado pola Lei 38/2003 xeral de subvencións e Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Non se admitirán os pagos nin os ingresos en efectivo.

Ademais as facturas reunirán en todo caso os seguintes requisitos: nome da persoa beneficiaria que figure na cualificación provisional, razón social, enderezo e NIF de quen emite a factura, IVE desagregado, nome, enderezo, NIF do pagador titular da cualificación provisional e forma de pago. Deberá quedar claramente descrito o produto vendido ou o servizo prestado.

4. No caso de ser obrigatorio deberá achegarse a certificación enerxética do edificio no que se reflicta unha mellora da cualificación enerxética total do edificio.

O Concello elaborará unha proposta de cualificación definitiva que conterá a identificación da persoa beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento xustificado e a proposta de subvención final que se aboará e virá acompañada dunha certificación do Concello do cumprimento dos requisitos do Plan 2013-2016.

A cualificación definitiva supón a xustificación da execución de todas as actuacións cualificadas.

Será causa da denegación da cualificación definitiva a non execución das actuacións ou a súa execución fóra de prazo, así como o incumprimento por parte do/a promotor/a de calquera requisito para obter a condición de persoa beneficiaria.

A área provincial do IGVS remitirá á Dirección Xeral do IGVS unha relación das cualificacións definitivas outorgadas para cada área de rehabilitación, logo das verificacións que consideren oportunas.

A competencia para resolver as cualificacións provisionais e definitivas corresponde á persoa titular da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

ARTIGO 13: PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS

A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS procederá a resolver o pagamento ao Concello atendendo ao previsto nos correspondentes acordos específicos asinados no seo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan 2013-2016.

O Concello aboará as correspondentes subvencións aos/ás promotores/as que resulten persoas beneficiarias e xustificarán perante o IGVS os pagamentos realizados, para a súa comunicación ao Ministerio de Fomento.

Procederá á minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento xustificado teña unha contía inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión e sempre e cando se acredite que a actuación concreta está totalmente executada.

As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia.

O abono realizarase pola contía que resulte de aplicar o disposto no punto 7 da convocatoria ao custo final efectivamente xustificado das actividades subvencionadas.

Con carácter previo ao abono das subvencións, todas as persoas beneficiarias deberán presentar:

a) Certificado da titularidade a nome do beneficiario da conta bancaria que designe para o pagamento.

b) Nova declaración orixinal do conxunto de tódalas axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas polas distintas administracións públicas ou entes públicos para a mesma finalidade.

c) Copia da factura ou facturas das obras que permitan a xustificación das actuacións realizadas.

d) Copia dos documentos bancarios que acrediten o pago da factura ou facturas e da taxa e do ICIO. correspondentes á licenza municipal ou comunicación previa.

e) En caso de contías inferiores ou iguales a 3000€: declaración xurada do beneficiario de estar ao corrente dos pagos da Seguridade Social e Facenda (Axencia Estatal da Administración Tributaria, Xunta de Galicia e administración local)

f) En caso de contías superiores a 3000€ : Certificados de que o beneficiario está ao corrente dos pagos da Seguridade Social e da Axencia Tributaria Galega. Autorizacións ao Concello para consultar os datos persoais de estar ao corrente coa administración Tributaria Estatal e Local.

ARTIGO 14: DENEGACIÓN E REVOGACIÓN DAS SUBVENCIÓNS

a) Sen prexuízo das posibles incompatibilidades que legalmente foran aplicables en concorrencia coas axudas desta convocatoria, en ningún caso as subvencións concorrentes poderán ser de tal contía, que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada, de conformidade co disposto polo artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Segundo o artigo 13, da Orde do 9 de marzo de 2015, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

c) Consonte o artigo 14, da Orde do 9 de marzo de 2015:

1.- O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis un 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos do Estado estableza outro diferente.

2.- En particular será causa de reintegro a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

3.- Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4.- O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Tamén serán causas de denegación ou revogación das subvencións, ademais da de non reunir as condicións indicadas nos puntos 2 e 4 da convocatoria, as seguintes:

1.- Incorrer en falsidade nos datos tidos en conta na selección da axuda reflectido no apartado 5 desta convocatoria.

2.- Acometer infraccións urbanísticas graves ou moi graves nas obras de rehabilitación subvencionadas.

3.- O incumprimento dos prazos para a execución das obras ou para a xustificación dos gastos.

4.- A incorrecta execución das obras de rehabilitación apreciada polos técnicos da Oficina de Rehabilitación.

5.- O impedimento ou obstrución grave, por parte do promotor ou o contratista, á supervisión das obras por parte dos técnicos da Oficina de Rehabilitación.

6.- Calquera outra que establezan as normativas vixentes.

ARTIGO 15: CRÉDITO ORZAMENTARIO E CONTÍA

As contías máximas das citadas achegas por anualidades (2015 e 2016) para as obras de rehabilitación, segundo figura no Convenio, son as seguintes:

Área de Rexeneración e Renovación Urbana

Achega Ministerio de Fomento

Casco Histórico de Corcubión

57.800,00 €

ARTIGO 16: TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Os datos das persoas solicitantes serán incorporados aos ficheiros municipais, cuxa finalidade é a instrución do procedemento para a concesión das subvencións reguladas por estas bases, a práctica das publicacións, comunicacións e notificacións de obrigado cumprimento, o seguimento e comprobación das actividades subvencionadas e demais actuacións previstas na normativa legal para a conclusión do proceso de subvencións, polo que a súa achega é obrigatoria. Ditos datos serán tratados e protexidos de acordo co previsto na Lei 30/1992, de 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, sendo responsable do seu tratamento a Oficina de Rehabilitación do Concello de Corcubión, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

De conformidade co disposto polo artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, infórmase aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

ARTIGO 17: NORMATIVA DE APLICACIÓN

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación:

a) O Real Decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas, 2013-2016.

b) O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 9 de marzo de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de Rexeneración e Renovación Urbanas do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas, 2013-2016.

d) A Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

g) A Lei 8/2013, de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.

h) O convenio de colaboración asinado o 5 de setembro de 2014 entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas.

i) O acordo da Comisión Bilateral celebrada o 27 de Outubro do 2015, relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico de Corcubión (A Coruña). Comunidade Autónoma de Galicia. Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria, e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013 - 2016. Anualidade 2015.

j) Real Decreto 7/2015, 30 de outubro, texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

Prazo de presentación de solicitudes e documentación

De conformidade co disposto no artigo 11 das presentes Bases reguladoras das axudas para a Rehabilitación do Casco Histórico de Corcubión, faise pública a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a adxudicación das axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas do Casco Histórico de Corcubión.

As solicitudes presentaranse no Concello de Corcubión nun prazo máximo de 1 mes a contar dende o día seguinte á publicación no B.O.P. do presente anuncio.

As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación regulada no artigo 10 das bases reguladoras.

Corcubión, 25 de novembro de 2015

O Alcalde-Presidente

Manuel Insua Insua

2015/11551

Vivienda
Rehabilitación de vivienda
Alquiler de vivienda
Regeneración urbana
Obras de rehabilitación
Fomento obras públicas
Medio Ambiente
Artes
Empresa
Tercera edad
Industrialización
Familia