APROBACIÓN BASES DA XXIII EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO MANUEL ORESTES RODRÍGUEZ LÓPEZ - Boletín Oficial de Lugo de 06-06-2017

TIEMPO DE LECTURA:


PARADELA

Anuncio

A Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria celebrada en data 25 de maio de 2017, aprobou as Bases da XXIII Edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López. Modalidade: narrativa e poesía, co seguinte tenor literal:

O Concello de Paradela, co afán de potenciar a creación literaria, convoca a XXIII Edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López. Modalidade: narrativa e poesía.

BASES DA XXIII EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO MANUEL-ORESTE RODRÍGUEZ LÓPEZ. MODALIDADE: NARRATIVA E POESÍA.

PRIMEIRA.- Participantes.

Poderán concorrer anualmente ao Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, todos os autores que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, admitíndose una soa obra por categoría e autor.

SEGUNDA.- Requisitos das obras.

Os relatos terán unha extensión máxima de vinte folios, sen mínimo. As obras de poesía terán unha extensión máxima de 100 versos.

En ambos casos, mecanografiadas (ou a ordenador) e a dobre espazo.

Deberán ser orixinais, inéditos, non premiados en calquera outro tipo de concurso e estar escritos en galego ou en castelán, debendo estar rematadas con carácter previo á convocatoria.

TERCEIRA.- Presentación das obras.

O prazo de entrega dos relatos e da obra poética iniciase o día un de outubro de 2017 e rematará o trinta de novembro de 2017.

Enviarase un único exemplar, sen sinatura e cun lema, ao seguinte enderezo:

CONCELLO DE PARADELA

Certame literario

(Modalidade Poesía/Narrativa)

Rúa Cabaleiros de Santiago, nº 15

27611 Paradela-Lugo

En sobre aparte e pechado, constará o lema que distinga o traballo, e no interior o nome e apelidos do autor/a, D.N.I. ou pasaporte, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda. Abriranse soamente os sobres dos traballos premiados.

No caso de que as obras se remitan mediante correo electrónico, á conta oix.paradela@eidolocal.es, deberán enviarse no mesmo correo electrónico, dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro onde constará o lema que distinga o traballo, no que conterá, no seu interior, o nome e apelidos do autor/a, D.N.I. ou pasaporte, domicilio, teléfono, poboación de residencia, dirección de correo electrónico (no seu caso) e declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda.

Os arquivos PDF referenciaranse do seguinte xeito:

- Datos persoais ou plica, co título da obra.

- O título da obra.

Os arquivos serán custodiados pola Secretaría do Concello, entregando unicamente ao Xurado a obra.

No caso de participación en ambos apartados; deberase concursar en cada modalidade por separado, utilizando un lema propio en cada caso e presentando a obra por separado.

Conforme ao disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, os seus datos serán tratados de forma confidencial. Poderán ser incorporados aos ficheiros do Concello de Paradela relacionados con este trámite, coa finalidade de utilizalos para as xestións municipais derivadas dos procedementos e consultas que inicia o interesado con esta solicitude. En calqueira momento poderá exercitar os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición comunicándoo mediante escrito que deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello.

CUARTA.- Premios.

Establécese un Premio de seiscentos euros (600,00 € ) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de poesía e outro de seiscentos euros (600,00 € ) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de narrativa.

O xurado reservase a facultade de conceder dous accesits (carentes de dotación económica), en cada categoría, asemade poderá conceder ata tres mencións de honra como máximo (carentes de dotación económica) en cada categoría.

O autor ou autores premiados convocaranse ao acto de entrega de premios, o día que estableza o xurado.

QUINTA.- Fallo do Xurado.

O Xurado designado polo Concello de Paradela emitirá o seu fallo no mes de maio de 2018 e farase público polos medios de comunicación e nas páxinas web do concello www.paradela.es e www.concelloparadela.es; comunicándose persoalmente aos gañadores.

O Xurado pode deixar deserto o premio nun ou nos dous apartados; e a súa decisión será inapelable.

SEXTA.- Dereitos sobre as obras presentadas.

O Concello de Paradela resérvase, en exclusiva, o dereito de edición das obras premiadas, accésits e mencións de honra durante o prazo máximo de doce meses, contados dende o momento do fallo.

Os autores que resulten galardonados cos premios, accésits e mencións de honra non poderán solicitar unha vez producido o fallo que non se publique a obra ao non haber obtido premio con dotación económica e haber concurrido a outros certames coa mesma obra.

As obras non premiadas, así como as súas correspondentes plicas, non serán devoltas, sendo destruídas despois da proclamación de gañadores do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López- XXIII Edición.

SÉTIMA.- Prerrogativas.

A resolución de todas as cuestións que poidan xurdir ou formularse nesta convocatoria son de exclusiva competencia do Concello de Paradela e do Xurado.

Paradela, 25 de maio de 2017.- O Alcalde-Presidente, José Manuel Mato Díaz

R. 1528

Literatura
Medios de comunicación