Aprobación das Bases de convocatoria das axudas para adquisición de vivenda habitual do persoal desta Deputación Provincial, convocatoria 2016 - Boletín Oficial de A Coruña de 08-06-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 08/06/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Empresas y autónomos, Particulares
  • Documento en formato PDF

Aprobación das Bases de Convocatoria das axudas para adquisición de vivenda habitual do persoal desta Deputación Provincial, Convocatoria de 2016

ANUNCIO

Resolución nº 17432/2017 do 31/05/2017, POLA QUE SE APROBAN AS BASES DE CONVOCATORIA DAS AXUDAS PARA ADQUISICION DE VIVENDA HABITUAL DO PERSOAL AO SERVIZO DESTA DEPUTACION PROVINCIAL CONVOCATORIA DE 2016

Con data 31 de maio de 2017, o Presidente da Deputación ditou a seguinte resolución:

Logo de ver os informes dos Servizos de Planificación e Xestión de RRHH e Fiscalización, e a proposta de Bases que ten a conformidade dos representantes sindicais segundo o acordado na Comisión Mixta de seguimento do Acordo negociado de funcionarios e do Convenio Colectivo do Persoal laboral do 24/05/2017,

Aprobar a convocatoria de Axudas para adquisición de vivenda habitual para persoal funcionario e laboral da Deputación Provincial da Coruña, de conformidade coas seguintes Bases:

1.- Persoas beneficiarias:

Poderán solicitar a axuda para financiar a adquisición ou rehabilitación da vivenda, sempre e cando aquela constitúa a súa vivenda habitual e única, o persoal funcionario de carreira en propiedade, persoal laboral fixo e persoal temporal (funcionarios interinos e persoal laboral temporal con dous anos de servizos prestados de forma ininterrompida dende o seu nomeamento até a data na que finalize o prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria) e que estean en situación de servizo activo nesta Deputación Provincial.

A situación de servizo refirese a data na que finalize o prazo de presentación de solicitudes. O persoal que se xubilou ou foi declarado en situación de invalidez permanente non definitiva durante o ano obxeto de subvención por esta convocatoria poderá solicitar esta axuda. No suposto de que ambos cónxuxes presten servizos nesta Corporación, soamente un deles poderá solicitar esta axuda.

2.- Alcance:

A axuda terá como obxecto a adquisición ou a rehabilitación, mediante préstamos, hipotecario ou persoal, de vivenda habitual e única, determinándose o seu importe conforme ao sinalado na base 10ª. As actuacións de rehabilitación de vivienda subvencionables serán o conxunto de obras necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación dos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais e de seguridade:

-Elementos estructurais e constructivos

-Adecuación ou realización de instalacións en xeral

-Mellora das condicions de illamento

-Medidas de seguridade(incendios, sinistros, etc)

-Acabados de elementos común

b) Condicións de habitabilidade:

-Adecuación funcional da vivenda

-Dimensións da vivenda e as estancias

-Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións

-Condicións de ventilación, iluminación e aireación

-Mellora das condicións constructivas.

3.- Consignación:

Do importe total consignado no Orzamento xeral da Corporación para o exercicio de 2017 no capítulo correspondente a 'Acción Social en favor do persoal funcionario e laboral' na aplicación orzamentaria 0710/221/162.04 destinaranse para as axudas de vivienda a cantidade de 202.423 euros. Para a rehabilitación de vivienda destinarase como tope máximo o 15% desta cantidade.

4.- Prazo de Solicitudes e Documentación:

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación no prazo dun mes, que comezará a contar dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP, a instancia terá carácter de declaración xurada e irá acompañada da documentación que deseguido se relaciona:

a) Fotocopia compulsada da última declaración da renda da persoa solicitante e dos membros da unidade familiar referida ao exercicio inmediato anterior do ano da convocatoria (exercicio 2015). No caso de existiren declaracións complementarias deberán achegarse. No caso de non estar obrigada a persoa solicitante ou algún dos membros do núcleo familiar a presentar tal declaración, presentarase unha certificación expedida pola Axencia Tributaria na que consten detallados os ingresos e as retencións percibidas nese exercicio fiscal e tamén a certificación da empresa ou centro de traballo onde se fagan constar os ingresos percibidos, retencións de IRPF practicadas e cotizacións á seguridade social. No caso de que a persoa solicitante ou algún dos membros da unidade familiar non percibisen ingresos nese período presentarase unha certificación expedida pola Axencia Tributaria acreditativa desa circunstancia.

No suposto de parellas de feito deberá presentarse xustificante da inscrición nalgún dos rexistros de parellas existentes nas Comunidades Autonómas ou Concellos do lugar de residencia ou ben a formalización de documento público no que conste a constitución da dita parella a primeira vez que se solicite a axuda.

b) Fotocopia compulsada da póliza de préstamo hipotecario ou persoal. Se no préstamo persoal non figurase que o mesmo se destina a adquirir ou rehabilitar vivenda habitual e única, acompañarase declaración que acredite que a contía do dito préstamo está destinada para ese fin. En calquera caso deberá facerse constar o número de referencia do préstamo.

c) Escritura de compravenda ou xustificación documental do desembolso efectuado na compra ou rehabilitación da vivenda.

d) Todos os membros da unidade familiar que realicen traballos por conta allea, deberán presentar certificación negativa do seu centro de traballo ou empresa acreditativa de que non reciben outra axuda ou subvención para o mesmo fin. No suposto de que non perciba ningún tipo de ingresos farase constar expresamente na solicitude.

e) Xustificante bancario dos xuros pagados no ano 2015 no que deberán constar os datos de identificación do préstamo. No caso de solicitantes con préstamos superiores a 120.000 euros deberán especificar ademais o capital amortizado coa finalidade de facilitar os cálculos do importe da subvención.

f) Nos supostos de que a persoas solicitantes leven a cabo a construción ou rehabilitación da súa vivenda, deberán presentar facturas detalladas por un importe similar ou superior ao do préstamo hipotecario ou persoal destinado a dito fin e as correspondentes licenzas municipais que sexan esixíbeis conforme a lexislación vixente.

Nos supostos de rehabilitación deberán presentar unha memoria que conterá polo menos:

- Descrición do tipo de actuación que se vai levar a a cabo

- Superficie útil da vivenda ou inmoble

- Orzamento de execución asinado por técnico competente

- Prazo máximo de execución das obras

- Fotografías do edificio e das zonas que se van rehabilitar

Tamén presentaranse certificacións expedidas pola Comunidade Autonóma e o Concello onde esté situada a vivenda acreditativas de que o solicitante non percibiu axuda para rehabilitación da vivenda obxeto da solicitude

g) Declaración xurada asinada pola persoa solicitante de que ningún dos membros que integran a unidade familiar é titular doutra vivenda diferente da que constitúe a súa vivenda habitual e para a que solicitan axuda.

h) Os/as solicitantes que xa obtiveran axuda en convocatorias anteriores só deberán presentar a documentación indicada nos puntos a) d) e) e g).

No caso daqueles solicitantes que non presenten a documentación completa no prazo de 10 días posteriores conforme co establecido na lexislación vixente, ou xustifiquen documentalmente a imposibilidade de presentala dentro dos prazos sinalados, seralles desestimada a súa solicitude.

5.-Condicións xerais:

Ademáis das condicións sinaladas nas Bases 1ª e 2ª ,os solicitantes deberán acreditar que ningún dos membros que integran a unidade familiar tributan polo imposto sobre bens inmóbeis por vivenda distinta da que é obxecto da axuda en todo o territorio nacional, referido ao ano da convocatoria. A estos efectos:

-Aqueles solicitantes que estean en posesión do DNI dixital ou certificado dixital correspondente poderán obter o certificado catastral telemático (de ámbito nacional) accedendo a oficina virtual do catastro na seguinte dirección: https://ovc.catastro.meh.es/

-O resto dos solicitantes poden solicitalo directamente nas oficinas do catastro ou puntos de información catastral ou ben facer unha autorización firmada por todolos membros da unidade familiar para que dende as oficinas autorizadas desta Deputación Provincial se acceda á consulta dos seus datos catastrais.

Para os efectos de interpretación deste apartado terase en conta o sinalado na vixente lexislación reguladora do imposto sobre bens inmóbeis.

Cando da información anterior se derivase a propiedade de vivenda distinta da habitual:

a) Se a vivenda non pertence xa á persoa solicitante nin a ningún dos membros do núcleo familiar, deberá presentar fotocopia compulsada da documentación que acredite de forma fidedigna tal circunstancia.

b) Se a propiedade da vivenda é do cónxuxe e existe separación xudicial ou divorcio, fotocopia da resolución xudicial que acordou esa circunstancia. En caso de separación de feito, documento público que o acredite.

c) Se a vivenda non reúne as condicións de habitabilidade, deberá presentar fotocopia compulsada da documentación que acredite de forma fidedigna tal circunstancia.

d) Nos supostos nos que a propiedade da vivenda non aparece atribuída na súa totalidade ó solicitante (bens de herencias) deberá presentar fotocopia compulsada da documentación que acredite de forma fidedigna a relación de todos os propietarios e usufructuarios no seu caso, e a porcentaxe de participación de cada un.

Unha vez acreditadas estas circunstancias coa documentación correspondente o interesado terá dereito a percibir a axuda pola súa vivenda habitual

6.-Tramitación:

A concesión de axudas, así como a modificación, no seu caso, do réxime destas, haberá ser obxecto de ditame das Comisións Mixtas estabelecida no Acordo negociado do persoal funcionario e no Convenio Colectivo da persoal laboral . Por requirimento dos representantes das Comisións Mixtas poderán solicitarse informes daquelas persoas que presten servizos na Deputación e que pola súa capacidade profesional poidan servir como asesores en cuestións técnicas de posible controversia.

As Comisións Mixtas resérvanse o dereito de solicitarlles ás persoas peticionarias todos os documentos necesarios para a análise e estudo das axudas co fin de comprobar a veracidade dos documentos entregados, sendo causa de exclusión da axuda a presentación das solicitudes fóra de prazo, as que conteñan falsidade ou ocultación de datos en calquera das circunstancias incluídas na solicitude ou documentación que acompañan e que resultaran determinantes para a concesión de axudas e fixación da contía.

7.- Troco de vivenda:

No suposto de que a persoa solicitante vendese a vivenda na que residía e para a que obtivo axuda en anteriores convocatorias, e adquirise unha nova, poderá ser beneficiario de axuda para a segunda, pero tendo en conta as cantidades xa aboadas para a primeira que serán deducidas dos importes da axuda que se lle asignen á nova en sucesivas convocatorias até completar a súa totalidade, sendo a cantidade máxima do capital que financia 120.000 euros.

8.- Cesión ou alugamento:

As vivendas non poderán ser obxecto de alugamento ou cesión, segundo o estabelecido nas presentes bases. En caso de incumprimento do sinalado no parágrafo anterior, de comprobarse a inexactitude dos datos determinantes consignados na solicitude ou na documentación entregada con ela, a persoa beneficiaria da axuda deberá reintegrala nos prazos estabelecidos na lexislación vixente.

9.- Contía da axuda:

A) Determinación do importe inicial da axuda económica: A axuda irá destinada a financiar o 50% dos xuros anuais pagados no ano anterior a cada convocatoria. Se a suma de importes iniciais de axudas económicas dos solicitantes seleccionados fose inferior ou igual á cantidade consignada no orzamento da Deputación para este fin, os ditos importes dirixiranse como definitivos para que os aprobe a Presidencia da Corporación. Si existiran economías poderanse destinar ao pagamento das axudas para estudos, se fose preciso.

B) No caso contrario, é dicir, se a suma dos importes iniciais das axudas económicas fose superior á consignada no orzamento da Deputación, repartirase a cantidade, aplicando o criterio do 'nivel medio de renda familiar': Procederase a calcular o nivel de renda familiar de cada solicitante, que é o cociente que resulta de dividir os ingresos familiares polo número de membros da unidade familiar. A unidade familiar determinarase conforme o sinalado no art. 82 da Lei 35/2006 de 28 de novembro do IRPF. Obtidos estes datos, calcularase o nivel medio de rendas familiares que será a media aritmética daquelas.

Os solicitantes que teñan unha renda familiar inferior á media percibirán como importe a axuda inicial sinalada no apartado A).

Os solicitantes que teñan unha renda familiar superior á media percibirán o importe da axuda inicial sinalada no apartado A) minorada segundo as seguintes porcentaxes:

a) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano de até 9.182,66 euros percibirán a axuda ao 100%.(50% dos xuros anuais pagados no ano anterior)

b) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano dende 9.182,67 euros a 11.091,45 euros, percibirán a axuda ao 75%.

c) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano dende 11.0941,46 euros a 13.395,89 euros, percibirán a axuda ao 50%.

d) Unidades familiares con ingresos netos por membro da unidade familiar e ano que superen 13.395,90 euros, percibirán a axuda ao 25%.

Se unha vez aplicadas estas porcentaxes sobra ou falta remanente, repartirase ou deducirase proporcionalmente entre os solicitantes de axudas, non podendo superar a axuda concedida en ningún caso o 50% dos xuros anuais pagados no ano anterior.

Para estes efectos enténdese por ingresos familiares netos os que figuren como base liquidable xeral na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao último exercicio. No caso daqueles solicitantes que non tiveran a obriga de presentar a citada declaración percibirán as axudas ao 100% e no caso de que un dos membros da unidade familiar presente a declaración e outro non, practicaráselle de oficio unha estimación de base liquidable segundo os criterios que para a obtención desta establece a vixente lexislación do imposto sobre a renda cos datos das certificacións expedidas pola Axencia Tributaria

A concesión de axuda económica á que se refiren as presentes bases terá a limitación de que o importe máximo do préstamo que se financiará, será de 120.000 euros para os novos solicitantes. Para as persoas solicitantes de convocatorias anteriores terase en conta o saldo do préstamo a 01/01/2006, data na que se fai efectiva esta modificación. No caso de que o importe do préstamo sexa superior á dita suma, unicamente se financiarán os xuros correspondentes a tal cantidade de 120.000 euros.

10.- Aboamento das axudas:

Transcorrido o período fixado para a presentación de solicitudes no Rexistro Xeral, as Comisións Mixtas no menor prazo posíbel haberán de informar a totalidade daquelas, levando a cabo a distribución dos fondos entre todas as que teñan dereito, con independencia de que falte algún tipo de documentación que se lle requirirá aos interesados. Procederase ao aboamento por Resolución da Presidencia das solicitudes que teñan a documentación completa, e unha vez solucionadas as deficiencias de documentación nas restantes, no suposto de que sobrasen fondos da distribución inicial por denegarse algunha das solicitudes pendentes e non se chega á porcentaxe do 50% dos xuros aboados, farase unha nova resolución aboando proporcionalmente a cantidade sobrante entre eles.

11.- Xustificación do destino das axudas:

As axudas irán dirixidas a amortizar o principal do préstamo debendo realizarse a amortización extraordinaria por un importe igual ou superior ao da cantidade concedida, unha vez aboada a axuda, durante o ano natural e como máximo até o día que se fixe na Resolución da Presidencia que dispoña o aboamento das axudas, entregando xustificación documental desta amortización no Rexistro Xeral, dentro do referido prazo. No caso de non realizala no dito prazo a persoa beneficiaria da axuda estará obrigada ao reintegro da cantidade concedida, podendo procederse contra ela polos procedementos estabelecidos legalmente, no caso de que non proceda ao reintegro voluntariamente.

Nos supostos de producirse a amortización total do préstamo no momento do pagamento da axuda, a certificación á que se fai referencia no apartado anterior substituirase por unha certificación emitida pola entidade bancaria na que se acredite a dita circunstancia.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

I-As presentes bases continuarán vixentes mentres non se modifiquen a través dunha proposta da Comisión Mixta.

II-A percepción deste tipo de axudas para adquirir ou rehabilitar vivenda son incompatíbeis con calquera outra subvención de organismo público ou privado para o mesmo fin.

III-No suposto de que a persoa solicitante que xa obtivera axuda para adquirir a vivenda en anteriores convocatorias, cancelase o préstamo anterior e contraese un novo con outra ou a mesma entidade bancaria, deberá presentar ademais da documentación xeral, escritura de cancelación do préstamo anterior e escritura da nova hipoteca, así como certificación bancaria na que conste o importe do capital e xuros aboados no préstamo anterior até a data de cancelación deste. En ningún caso o importe do capital e os xuros do novo crédito poderán superar os pendentes do crédito anterior.

DISPOSICIÓN FINAL

O feito de presentar a solicitude implica directamente a aceptación das bases coas súas condicións e requisitos máis a autorización expresa á Deputación para pedir, no nome da persoa solicitante, os documentos e certificados que sexan precisos segundo as bases da convocatoria.

A Coruña, a 31 de maio de 2017

O PRESIDENTE/PDFR 1-10-2015/O DEPUTADO O SECRETARIO

Asdo. D. Antonio Leira Piñeiro Asdo. D. José Luis Almau Supervía

2017/4792

Vivienda
Hipotecas
Rehabilitación de vivienda
Empresa
Actuaciones contra incendios
Acción social
Alquiler de vivienda