APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA 'TECENDO LAZOS' PARA O ANO 2018 - Boletín Oficial de Pontevedra de 21-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 21/05/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Administraciones públicas, Empresas y autónomos, Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO RELATIVO Á APROBACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA 'TECENDO LAZOS' PARA O ANO 2018

A Xunta de Goberno, na súa sesión de 11 de maio de 2018, adoptou, entre outros, o acordo de aprobar as Bases reguladoras do programa 'Tecendo lazos' 2018.

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA 'TECENDO LAZOS' 2018

No artigo 2 da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, defínense os servizos sociais como un conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega mediante intervencións que permitan lograr os obxectivos marcados nesta lei.

Con ese fin a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha distintas accións e programas dirixidos a entidades, a asociacións e á cidadanía para garantir os principios establecidos pola lei.

Polo exposto, convócase a terceira edición do programa interxeracional 'Tecendo lazos', que se rexerá polas seguintes

BASES

Primeira. Obxecto

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública por parte da Deputación de Pontevedra relativa ao programa 'Tecendo lazos' 2018, que ten por finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e o tempo libre a través dos cales se pretende poñer en marcha estratexias, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio mutuo, intencionado, comprometido e voluntario de recursos, aprendizaxes, ideas e valores encamiñados a producir entre as distintas xeracións lazos afectivos, cambios e beneficios individuais, familiares e comunitarios, entre outros, que permitan a construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Nas persoas maiores fomentarase o envellecemento activo, que mellore a súa actividade física, cognitiva e social, e nas persoas máis novas impulsaranse as habilidades sociais e a empatía cara ao resto das xeracións.

Todos os obradoiros contarán, ademais, cun módulo obrigatorio denominado 'A historia do meu municipio', a través do cal se recompilarán historias, lendas, contos e/ou fotografías dos concellos que se adhiran. O obxectivo deste módulo non é outro que promover a transmisión de coñecementos entre as persoas de distintas xeracións, dando a coñecer as tradicións ou os novos relatos de cada un dos municipios a través das achegas do alumnado participante e elaborando un proxecto final de forma conxunta no que se plasme o aprendido.

Segunda. Condicións do programa

2.1. As actividades deberán contar cun mínimo de 10 persoas participantes e cun máximo de 30, das cales un 40 % serán menores. Se non se consegue o número mínimo de participantes valoraranse as opcións existentes antes de anular o curso.

2.2. O programa desenvolverase unha vez aprobadas pola Xunta de Goberno as solicitudes de adhesión presentadas polos Concellos e formalizado o contrato coa empresa adxudicataria.

O horario e as datas das sesións serán propostos por cada concello adherido, dependendo das súas necesidades e da dispoñibilidade de locais.

2.3. Terán prioridade na adxudicación dos obradoiros as solicitudes presentadas por varios concellos de forma conxunta.

2.4. Os obradoiros terán unha duración de 16 horas lectivas, nas que se incluirá o módulo denominado 'A historia do meu municipio', cunha duración mínima de 4 horas, que recollerá actividades enfocadas á procura de fotografías, historias, lendas, contos etc. co obxectivo de recompilar información para a elaboración dun proxecto que reúna os datos máis significativos do concello no que teña lugar cada un dos obradoiros, en relación coas temáticas sobre as que se trabase ou investigase.

Os proxectos realizados no módulo 'A historia do meu municipio' deberán axustarse aos formatos e contidos mínimos esixidos na base terceira.

2.5. Premiarase o mellor proxecto de entre os presentados polos diferentes concellos e o alumnado participante será galardoado pola Deputación cun premio consistente nun lote de produtos SmartPeme e 50 copias do traballo gañador.

O premio será entregado nun acto institucional organizado conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a empresa adxudicataria, nas datas e o lugar que determine esta institución.

2.6. As diferentes temáticas figuran no catálogo do programa, publicado en www.depo.gal.

2.7. Os obradoiros serán impartidos por unha empresa especializada na materia, responsable da execución, coordinación e avaliación do programa.

2.8. Os obradoiros deberán finalizar antes do 31 de decembro de 2018. Non obstante, previa solicitude por escrito por parte do concello adherido e previo acordo da Xunta de Goberno, poderanse prorrogar ata o 15 de xaneiro de 2019.

2.9. Os concellos organizarán un acto de entrega de diplomas, conxuntamente coa empresa adxudicataria, unha vez finalizado cada obradoiro.

Terceira. Condicións dos proxectos

Os proxectos realizados no marco do módulo 'A historia do meu municipio' poderán presentarse nun dos seguintes formatos:

1. Dossier: texto escrito e/ou anexo fotográfico

O proxecto presentarase en formato dixital como un único arquivo, preferiblemente en PDF, cunha extensión mínima de 4 páxinas A4 co interliñado a 1,5 cm, marxes (superior, inferior, dereita e esquerda) de 2 cm e con letra Times New Roman a tamaño 12. De incluír un anexo fotográfico, este deberá conter un mínimo de 8 imaxes.

Ademais, débese elaborar un informe descritivo do proxecto, cunha extensión mínima de 1 páxina A4, que inclúa os seguintes apartados:

DOSSIER

Breve descrición do porqué do proxecto

Breve descrición dos resultados obtidos

2. Vídeo

O proxecto presentarase como un único arquivo de vídeo cunha duración mínima de 1 minuto e 30 segundos e máxima de 3 minutos.

Ademais, débese elaborar un informe descritivo, cunha extensión mínima de 1 páxina A4, co interliñado a 1,5 cm, marxes (superior, inferior, dereita e esquerda) de 2 cm e con letra Times New Roman a tamaño 12, que inclúa os seguintes apartados:

VÍDEO

Breve descrición do porqué do proxecto

Breve descrición dos resultados obtidos

Outras evidencias gráficas (fotografías etc.) se procede

3. Audio

O proxecto presentarase como unha única pista de audio cunha duración mínima de 2 minutos e 30 segundos e máxima de 5 minutos.

Ademais, débese elaborar un informe descritivo, cunha extensión mínima de 1 páxina A4, co interliñado a 1,5 cm, marxes (superior, inferior, dereita e esquerda) de 2 cm e con letra Times New Roman a tamaño 12, que inclúa os seguintes apartados:

AUDIO

Breve descrición do porqué do proxecto

Breve descrición dos resultados obtidos

Outras evidencias gráficas (fotografías etc.) se procede

4. Maqueta ou mural

Ademais do proxecto físico débese elaborar un informe descritivo, cunha extensión mínima de 2 páxinas A4, co interliñado a 1,5 cm, marxes (superior, inferior, dereita e esquerda) de 2 cm e con letra Times New Roman a tamaño 12, que inclúa os seguintes apartados:

MAQUETA/MURAL

Breve descrición do porqué do proxecto

Descrición dos materiais empregados e do proceso de elaboración

Breve descrición dos resultados obtidos

Outras evidencias gráficas (fotografías etc.) se procede

Cuarta. Adhesión dos concellos

4.1. Poderán participar no programa todos os municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra que o soliciten.

4.2. Lugar e forma

Os concellos deberán cubrir o modelo de acordo de adhesión, que estará dispoñible no Rexistro xeral da Deputación, na oficina de Vigo e en www.depo.gal.

O acordo de adhesión deberá presentarse a través do Rexistro electrónico (sede.depo.es), de conformidade co establecido no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.3. Publicación das bases

As bases reguladoras publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e, posteriormente, remitirase a convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que será a que traslade o seu extracto ao BOPPO, sen prexuízo da súa inserción en www.depo.gal.

4.4. Prazo

O prazo de presentación dos acordos de adhesión será de 20 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación do extracto destas bases no BOPPO.

4.5. Ao adherirse ao programa os concellos terán a obriga de cumprir as bases do programa en todo o seu contido, así como a de poñer a disposición as súas instalacións e a proporcionar os medios materiais que se lles requiran para o correcto desenvolvemento do obradoiro escollido, nos termos que se recollan no catálogo, e a organizar, conxuntamente coa empresa adxudicataria, un acto de entrega de diplomas ao finalizar cada obradoiro.

4.6. O catálogo conta cos seguintes títulos:

1. Risas en Familia

2. Xogos e Xoguetes Tradicionais: Xogando en Familia

3. O noso Son: Bailes e Cancións de Agora e de Sempre

4. Faino Ti

4.7. O acordo de adhesión de cada Concello irá acompañado dunha proposta onde se indique que contidos ou que enfoque desexa darlle cada entidade local á temática do curso elixido, adaptándoo así ás necesidades específicas e peculiaridades do municipio.

4.8. Unha vez notificada aos concellos adheridos a aprobación pola Xunta de Goberno do acordo de adhesión, estes deberán abrir o prazo de inscrición para as persoas participantes nun prazo máximo de 15 días naturais, así como publicitar o programa segundo as indicacións proporcionadas pola Deputación.

O prazo de presentación de solicitudes de inscrición deberá estar aberto un mínimo de 20 días naturais.

Quinta. Persoas beneficiarias

5.1. Os obradoiros interxeracionais ofertados terán como destinatarias principalmente as familias dos concellos que se adhiran ao programa.

5.2. Poderán participar persoas de entre 6 e 99 anos.

5.3. Terán preferencia aquelas persoas que formen parte da mesma familia, se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións (netas e netos, avoas e avós, fillas e fillos, nais e pais etc.).

5.4. As nenas e nenos de menos de 12 anos deberán acudir sempre en compañía dunha persoa adulta.

As nenas e nenos de entre 12 e 17 anos (ambos incluídos) que queiran acudir sós deberán presentar o consentimento por escrito da nai ou pai ou da titora ou titor.

5.5. Tamén poderán ser beneficiarias do programa persoas doutros municipios sempre que presenten a correspondente solicitude no Rexistro do concello escollido e que non se cubrisen todas as prazas.

Sexta. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As persoas participantes deberán cubrir o formulario de solicitude, que poderán obter no Concello ou ben a través de www.depo.gal.

Os membros dunha mesma familia deberán inscribirse nunha mesma solicitude.

As solicitudes deberán presentarse dentro dos prazos de inscrición establecidos no Rexistro do concello no que se oferte o obradoiro escollido pola persoa interesada.

Sétima. Documentación que deben presentar as persoas participantes

7.1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

- Fotocopia do DNI das persoas participantes inscritas na solicitude

- Autorización da nai, pai ou persoa responsable da ou do menor (necesaria unicamente para menores de idade de 12 a 17 anos que acudan sós aos obradoiros)

- Fotocopia do volante e/ou certificado de empadroamento

7.2. En caso de querer participar en diferentes concellos deberase cubrir unha solicitude para cada un e presentar, en cada caso, a documentación correspondente dentro dos prazos de inscrición de cada concello.

Oitava. Documentación que deben achegar os concellos

Os concellos adheridos deberán remitir a seguinte documentación ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude:

8.1. Unha vez que o concello estableza o prazo de inscrición deberá remitirlle á institución provincial o cartel de difusión que elabore conxuntamente coa empresa adxudicataria do programa, respectando as indicacións previas proporcionadas pola Deputación e incluíndo a imaxe corporativa do programa que esta facilite.

Unha vez conformado e debidamente cuberto, o cartel de difusión deberá remitirse a través de correo electrónico ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude (cohesionsocialexuventude@depo.es) para a súa validación e a posterior publicación das datas do prazo de inscrición que figuren nel en www.depo.gal.

8.2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa responsable do programa no concello deberá remitir ao Servizo de Cohesión Social e Mocidade, cun mínimo de 10 días de antelación respecto da data prevista de inicio do obradoiro, a seguinte documentación:

a) Relación de participantes debidamente cuberta no modelo de táboa de Excel, facilitado polo Servizo de Cohesión Social e Mocidade, ao correo electrónico cohesionsocialexuventude@depo.es

b) Conxunto de solicitudes de participación debidamente cubertas, así como a documentación anexa escaneada (DNI, autorizacións de participación de menores, volantes de empadroamento etc.), adxuntas a unha instancia xeral presentada a través do Rexistro electrónico (sede.depo.es)

8.3. A empresa adxudicataria será a encargada de contactar coas persoas participantes seleccionadas para todas as comunicacións relativas ao programa.

Novena. Procedemento de concesión dos obradoiros

9.1. A instrutora dos expedientes será, de acordo coa competencia para coñecer e resolver as solicitudes, a xefa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude.

9.2. O Servizo de Cohesión Social e Xuventude elaborará a relación definitiva de participantes por concello tendo en conta os seguintes criterios:

1. Persoas da mesma familia que estean empadroadas no concello

2. Persoas menores que acudan en compañía dunha persoa adulta da mesma familia e non estean empadroadas no concello

3. Persoas que participen de forma individual e estean empadroadas no concello

4. Persoas que participen de forma individual e non estean empadroadas no concello

9.3. Cando se supere o número máximo de 30 persoas por obradoiro atenderase á orde de entrega no rexistro para elaborar as listas e crearase unha lista de espera con aquelas persoas participantes que presenten a súa solicitude en prazo.

9.4. Nun prazo máximo de 3 días hábiles desde a recepción da relación de participantes e o conxunto de solicitudes de participación, o Servizo de Cohesión Social e Xuventude comunicaralle á persoa responsable do programa no concello a relación definitiva de participantes aprobada, así como a autorización para a realización do obradoiro solicitado.

9.5. No caso de que a relación de participantes non reúna os requisitos establecidos nas bases, por proposta do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, o concello poderá optar por:

- Ampliar o prazo de presentación de solicitudes

- Elixir unha nova temática de entre as ofertadas, establecendo novos prazos

En ambos os casos deberase comunicar a decisión ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude a través do correo electrónico cohesionsocialexuventude@depo.es

Décima. Obrigas dos concellos

- Enviar a documentación solicitada dentro dos prazos establecidos

- Aceptar as obrigas específicas dos obradoiros solicitados e proporcionar as instalacións debidamente acondicionadas e os medios materiais esixidos para o seu bo desenvolvemento. A empresa adxudicataria informará ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude e aos concellos da idoneidade das aulas para garantir a boa marcha do obradoiro (segundo o catálogo)

- Organizar, conxuntamente coa empresa adxudicataria, un acto de entrega de diplomas unha vez finalice o obradoiro asignado

- No caso de que non puidese impartirse o obradoiro adxudicado, por ausencia de persoas inscritas ou por calquera outro motivo que impida a súa realización, presentar a renuncia expresa a través do Rexistro electrónico (sede.depo.es)

- Autorizar a institución provincial a publicar os datos de contacto e a dirección na que se deberán presentar as solicitudes, co fin de que as persoas que non sexan do municipio poidan realizar a súa solicitude

- Dar rexistro de entrada ás solicitudes das persoas interesadas, co fin de elaborar a lista de prelación

- Consentir, ao adherirse a este programa, que os datos da súa solicitude e a relación de participantes queden incorporados aos ficheiros informáticos da Deputación. Os datos persoais recollidos serán incorporados e tratados en ficheiros coa finalidade de conter os datos das persoas que participan en programas financiados polo organismo provincial, inscritos na Axencia Española de Protección de Datos

- Consentir, ao adherirse a este programa, que os datos da adhesión poidan ser incluídos en www.depo.gal

- Autorizar a Deputación e a empresa adxudicataria a obter imaxes das instalacións para comprobar que estas cumpren os requisitos esixidos para a correcta realización do obradoiro escollido, así como imaxes durante a execución do programa para a súa difusión e promoción

Décimo primeira. Orzamento

A contía consignada para o programa 'Tecendo lazos' ascende, no ano 2018, a a cincuenta e nove mil novecentos noventa e nove con sesenta e oito (59.999,68) euros, con cargo á aplicación 18/231.2311.227.07 do Orzamento común desta institución provincial.

A Deputación establece a convocatoria do programa 'Tecendo lazos' no marco de obradoiros interxeracionais e oferta inicialmente un total de 52, que poderán incrementarse segundo o prezo definitivo da empresa adxudicataria para cada un deles.

No caso de que o número total de obradoiros ofertados nesta convocatoria non quedase cuberto, este organismo provincial resérvase o dereito a cubrilos con concellos que teñan a suficiente demanda para realizar un segundo obradoiro e que o soliciten mediante escrito motivado, dirixido á Deputación de Pontevedra e presentado no Rexistro electrónico sede.depo.es, previo acordo da Xunta de Goberno.

Décimo segunda. Prazo de vixencia

As bases que regulan este programa terán vixencia ata o 31 de decembro de 2018.

Décimo terceira. Lexislación aplicable

- Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións

- Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións

- Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

- Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local

- Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais

- Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

- Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal

- Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público

- Orzamento provincial e Bases de execución

Pontevedra, 14 de maio de 2018

A deputada delegada O secretario

Digna Rosa Rivas Gómez Carlos Cuadrado Romay

Empresa
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Familia
Alumnado
Participación social
Tercera edad