Aprobación definitiva da Ordenanza específica reguladora das bases de concesión de axudas ás familias para a adquisición de material escolar. Curso Escolar 2017-2018 - Boletín Oficial de A Coruña de 31-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Ordenanzas
  • Plazo: Ver Detalles , 31/05/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

Aprobación definitiva da Ordenanza específica reguladora das bases de concesión de axudas ás familias para a adquisición de material escolar. Curso Escolar 2017-2018. Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria do Concello de Pontedeume.

Na sesión ordinaria do Pleno do Concello de Pontedeume celebrada o 28 de marzo de 2018 adoptouse o acordo relativo á aprobación inicial da Ordenanza específica reguladora das bases de concesión de axudas ás familias para a adquisición de material escolar. Curso Escolar 2017-2018. Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria do Concello de Pontedeume.

Someteuse o expediente a información pública por un prazo de trinta días, en cumprimento do disposto nos artigos 49 e 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, e no artigo 56 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local e no artigo 196.2 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, aprobado polo Real Decreto 2.568/1986, de 28 de novembro, mediante a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia nº 64 de xoves 5 de abril de 2018.

Unha vez transcorrido o dito período sen que se tivera presentado alegación algunha, faise pública a súa aprobación definitiva publicándose o texto íntegro da ordenanza:

« ORDENANZA ESPECÍFICA REGULADORA DAS BASES DE CONCESIÓN DE AXUDAS ÁS FAMILIAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR. CURSO ESCOLAR 2017-2018. SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL, PRIMARIA E ESO.

Esta Ordenanza ten por obxecto regular a convocatoria para a concesión de axudas destinadas a adquisición de material escolar (todo tipo de material agás os libros de texto), co fin de promover o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e compensar ás familias para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos seus fillos matriculados nos cursos de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO, todo iso nos termos establecidos no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, no Regulamento de servizos das corporacións locais, na Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Pontedeume.

Artigo 1º.- Obxecto da convocatoria.

1.- A igualdade de oportunidades ante o ensino é un dos retos principais que deben afrontar os poderes públicos para facer efectivo o dereito á educación. Unha das medidas fundamentais é o establecemento dun sistema de becas e axudas que posibiliten o acceso e continuidade nos estudos.

Constitúe o obxecto das presentes bases convocar axudas para a adquisición de material escolar (todo tipo de material agás os libros de texto), destinadas ás familias que se atopen nunhas condicións socio-económicas menos vantaxosas.

2.- O importe global máximo que o Concello destinará á concesión destas axudas será de 11.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 326.48000, do orzamento do ano 2017 prorrogado ao 2018.

3.- As axudas concedidas en virtude da presente ordenanza serán compatibles con calquera outra axuda que se poida recibir coa mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo do material escolar subvencionado.

Artigo 2º.- Destinatarios das axudas.

1.- Poderá optar a estas axudas o alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria, durante o curso escolar 2017 - 2018, empadroados no Concello de Pontedeume.

2.- A unidade familiar non poderá superar o límite de ingresos anuais establecido na seguinte táboa. A efectos destas bases, teñen a consideración de ingresos, a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro, do Imposto sobre a Renda das Personas Físicas do exercicio 2016, de tódolos membros computables. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles ás que se fai referencia, obteranse como resultado de aplicarlle ós datos que consten na Axencia Estatal de Administración Tributaria os criterios da lexislación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.

Número de membros da unidade familiar

Límite de renda anual familiar

Unidade familiar de 2 membros

18.071,28€ (2,8 x IPREM)

Unidade familiar de 3 membros

22.589,10€ (3,5 x IPREM)

Unidade familiar de 4 membros

26.461,52€ (4,1 x IPREM)

Unidade familiar de 5 membros

29.688,53€ (4,6 x IPREM)

Unidade familiar de 6 membros

32.270,15€ (5 x IPREM)

A partir do sexto membro, engadiranse 1.936,20€ (0,3 x IPREM) por cada novo membro computable.

Os solicitantes que superen a renda anual fixada para cada unidade familiar segundo o seu número de membros, non terán dereito á axuda.

A estes efectos, considerarase unidade familiar: os núcleos de convivencia formados polos pais/nais ou titores e os fillos/fillas menores de 18 anos, na data de publicación desta convocatoria.

No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos proxenitores, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva cos fillos ou fillas.

Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou parella de feito, e as rendas incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

Nos supostos de custodia compartida incluiranse ambos proxenitores dentro do cómputo da renda familiar.

3.- As solicitudes que cumpran o requisito establecido no punto anterior, serán avaliadas segundo os criterios fixados no artigo 4. As axudas adxudicaranse por estrito orde de puntuación, ata esgotar a consignación orzamentaria dispoñible á que se fai referencia no artigo 1. En caso de empate, atenderase ó maior número de fillos escolarizados e se o empate persiste terase en consideración a renda per cápita máis baixa.

Artigo 3º.- Procedemento da solicitude.

3.1.- Lugar. As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación correspondente, no Rexistro xeral do Concello.

3.2.- Prazo. As solicitudes presentaranse no prazo de quince días hábiles a contar dende o seguinte á publicación desta ordenanza específica no BOP.

Este prazo entenderase sen prexuízo do prazo de dez días hábiles, que se concederá no caso de presentación de documentación incompleta ou defectuosa para a súa rectificación, quedando apercibido que de non facelo así, terase por desistido e arquivaranse as actuacións sen máis trámite, conforme ao previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas.

3.3.- Documentación a presentar:

1.- Solicitude, segundo o modelo establecido.

2.- Fotocopia do D.N.I. da/do solicitante, cónxuxe/parella e fillas/os.

3.- Fotocopia do Libro de Familia (completo) ou no caso de familias numerosas, fotocopia do título.

4.-Fotocopia da Declaración do IRPF do exercicio 2016 (completa) da/do solicitante e cónxuxe, ou no caso de non presentala, Certificado de imputacións expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

5.- Certificación da conta bancaria da/do solicitante.

6.- Copia da matrícula do presente curso.

7.- Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a dita finalidade das distintas administracións públicas ou organismos privados competentes, segundo o modelo establecido.

8.- Declaración xurada de atoparse ó corrente nas obrigas tributarias en xeral (Estado e Comunidade Autónoma) e, en concreto, co Concello de Pontedeume, e coa Seguridade Social, e de estar ó corrente no cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o modelo establecido.

9.- Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición para obter subvencións que se establecen no artigo 13.2 da Lei 38/2003 xeral de subvencións, e do non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello de Pontedeume, segundo o modelo establecido.

10.- Se é caso, documentación acreditativa da ausencia do fogar familiar dalgún dos proxenitores: familia monoparental, separación/divorcio, viuvez, orfandade, etc.

11.- Certificado do grao de discapacidade, no caso de que algún membro da unidade familiar teña recoñecida unha discapacidade.

12.- No caso de que algún membro da unidade familiar se atope en situación de desemprego dende polo menos un mes anterior á data desta convocatoria, Certificado do servizo Público de emprego que acredite a antigüidade como demandante de emprego.

Artigo 4º.- Criterios de avaliación.

As solicitudes que cumpran o requisito establecido no artigo 2.2., valoraranse pola comisión avaliadora, e puntuaranse en función dos seguintes conceptos:

1.- Número de membros da unidade familiar.

2.- Condicións familiares da/o solicitante.

3.- Ingresos familiares.

A ponderación destas situacións é a seguinte, para cada un dos criterios anteriores.

1.- Número de membros da unidade familiar.

Por cada membro da unidade familiar do solicitante: 0,5 puntos.

Enténdese por unidade familiar a formada polos pais/nais e fillas/os menores de 18 anos.

2.- Condicións familiares da/o solicitante.

- Por ausencia do fogar familiar dalgún dos proxenitores (orfandade, separación, familia monoparental, viuvez, etc.): 1 punto.

- Por cada membro da unidade familiar con discapacidade: 1 punto.

- Por cada membro da unidade familiar en desemprego: 1 punto.

- Por familia numerosa (título): 1 punto.

3.- Ingresos familiares:

Ponderaranse do seguinte xeito, segundo o número de membros da unidade familiar:

- Ingresos, entre 0 e o 24,99% do límite de renda anual familiar: 4 puntos.

- Ingresos, entre 25% e o 49,99% do límite de renda anual familiar: 3 puntos.

- Ingresos, entre 50% e o 74,99% do límite de renda anual familiar: 2 puntos.

- Ingresos, entre 75% e o 100% do límite de renda anual familiar: 1 punto.

Artigo 5.- Obrigas da/o beneficiaria/o.

Son obrigas da/o beneficiaria/o:

a) Presentar debidamente cuberta a documentación requirida no prazo sinalado.

b) Xustificar ante o Concello de Pontedeume o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello de Pontedeume.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que sexan debidamente requiridas polos órganos municipais, proporcionando canta información lles sexa requirida no exercicio de ditas actuacións.

e) Comunicar ó órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada ós fondos percibidos

f) Acreditar, no momento da xustificación á que se refire o artigo 7, que está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e no cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións, ou autorizar ó Concello de Pontedeume a obter esta información.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

h) Proceder ao reintegro dos fondos públicos percibidos nos supostos contemplados no artigo 37 da LXS.

Artigo 6.- Outorgamento de subvencións.

1.- O órgano competente para a instrución do procedemento, así como para a realización de cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos que debe pronunciarse a proposta de resolución, será a Concelleira de servizos sociais, educación e deportes. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión avaliadora, no que se concretará o resultado da avaliación das solicitudes, formulará a proposta de resolución provisional, ó Alcalde - Presidente, que será o órgano competente para a súa concesión, na que se expresará o cumprimento dos requisitos dos solicitantes para a concesión das axudas, a relación nominal e a contía individualizada da subvención que se propón para cada solicitante, con arranxo aos criterios de valoración establecidos no artigo 4 da presente ordenanza específica. Todo isto conforme ó establecido no artigo 14 da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Pontedeume (B.O.P. nº142 do 21/06/2008).

A valoración das solicitudes realizarase pola comisión avaliadora, que estará composta por:

- Presidenta: a concelleira de servizos sociais, educación e deportes.

- Vogais:

o A coordinadora do equipo de servizos sociais do Concello.

o A educadora social.

o O traballador social.

- Actuará como secretario da mesma, con voz pero sen voto, a secretaria da corporación ou persoa en quen delegue.

As solicitudes serán valoradas pola comisión mencionada e concedidas polo Alcalde - Presidente mediante decreto.

A resolución deberá conter a relación de solicitantes que resulten beneficiarios e o importe concedido, e a desestimación de solicitudes, se as houbese, e a súa causa.

No caso de que no expediente non fosen tidos en conta outros datos ou alegacións distintas aos presentados polos solicitantes a proposta de resolución terá o carácter de definitiva.

De acordo co previsto no artigo 45 da da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas, así como no artigo 15 da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Pontedeume, a resolución da concesión farase pública, mediante exposición no taboleiro de anuncios do Concello, durante un prazo de 15 días, para que os beneficiarios presenten a documentación xustificativa que se establece no artigo 7 da presente ordenanza específica.

2.- A contía da axuda, por alumna/o, será de 60,00 euros (de ser o caso, o importe sobrante distribuirase a partes iguais entre as/os beneficiarias/os).

3.- O importe da axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou privadas, supere o custo dos gastos acreditados pola/o beneficiaria/o.

Artigo 7.- Xustificación e pagamento.

1.- O prazo para presentar a documentación xustificativa será de 15 días, contado a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión no taboleiro de anuncios municipal.

O pagamento das axudas efectuarase ós representantes legais das/os beneficiarias/os, unha vez presentada a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou fotocopias cotexadas dos gastos orixinados pola adquisición do material escolar por importe igual ou superior á contía outorgada. Ademais, deberá acreditarse o pagamento das facturas que se presenten.

As facturas deberán cumprir os requisitos do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. As facturas deberán conter como mínimo, os seguintes requisitos:

- Nome, razón social, e NIF ou CIF de quen emite a factura.

- Nome, enderezo e NIF ou CIF da/o beneficiaria/o da subvención, debendo estar expedida a factura a nome da persoa solicitante da subvención.

- Número de factura e data de emisión.

- Detalle do IVE ou imposto correspondente; no caso de exención deberá facerse constar expresamente na factura.

- Relación detallada do que se adquiriu.

b) Declaración xurada de percepción ou non percepción doutras axudas das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados.

c) Certificados de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias en xeral (Estado e Comunidade Autónoma) e, en concreto, con Concello de Pontedeume, e coa Seguridade Social, e de estar ao corrente no cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións; ou autorizar ó Concello de Pontedeume a obter esta documentación.

2.- Os documentos xustificativos corresponderán ós gastos realizados dende o 01/09/2017 ata a data na que remate o prazo para presentar a documentación xustificativa, e só serán subvencionados os gastos que respondan de maneira indubitada á natureza da actividade subvencionada, e se realicen no prazo establecido.

3.- De non presentar a xustificación dentro do prazo establecido, entenderase que desiste da súa petición; o que dará lugar á incoacción, por decreto da Alcaldía, do expediente de anulación do correspondente compromiso que conlevará a perda do dereito de cobro da subvención.

4.- Este prazo.entenderase sen prexuízo do prazo de dez días hábiles, que se concederá no caso de presentación de documentación incompleta ou defectuosa para a súa corrección.

Disposición adicional.

Para o non previsto na presente ordenanza será de aplicación o que se dispón la Lei 38/2003 xeral de subvencións, no Real Decreto 887/2006 polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións, na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e na Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Pontedeume.

Disposición final.

Esta Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ao que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa.

Contra esta Ordenanza poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso - Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Esta ordenanza consta de 7 artigos, unha disposición adicional e unha disposición final.

Contra o presente Acordo, interporase recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede en A Coruña, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á publicación do presente anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

Todo iso sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que estime pertinente.

Documento asinado dixitalmente por D. Bernardo Fernández Piñeiro, Alcalde-Presidente, en Pontedeume a 25 de maio de 2018.

2018/3783

Material escolar
Educación
Escuelas Infantiles
Escuelas
Libros de texto
Familia numerosa
Empleo
Escolarización
Familia monoparental
Empleo y contratación
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Alumnado
Deporte
Deporte
Familia
Exposiciones