AXUDAS A FESTAS LOCAIS - Boletín Oficial de Lugo de 14-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Lugo
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 14/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Administraciones públicas, Particulares
  • Documento en formato PDF

BASES PARA A CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A CELEBRACIÓN DE FESTAS PARROQUIAIS, ANO 2016

1.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Estas normas teñen por obxecto establecer os criterios e os procedementos para a concesión de subvencións municipais do Concello de Folgoso do Courel, para a colaboración do Concello na celebracións das festas parroquiais ao abeiro do artigo 25.2 m) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local na redacción dada pola Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sostenibilidade da Administración Local: promoción da cultura.

Os principios ós que se suxeitarán os procedementos de outorgamento de subvencións son os seguintes: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, eficacia, eficiencia, voluntariedade e non vinculación para futuras subvencións.

2. OBXECTO DA CONVOCATORIA

A presente convocatoria ten por obxecto o establecemento de axudas económicas para a celebración das festas parroquiais.

3.- BENEFICIARIOS

Poderán solicitar as subvencións reguladas na presente convocatoria tódalas parroquias e lugares do Concello de Folgoso do Courel que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas e que cumpran as seguintes condicións:

a) Carácter tradicional dos actos para os que solicita a axuda

b) Non ser debedor do Concello por calquera tipo de débeda de dereito público.

c) Estar ao corrente das obrigas tributarias coa administración Estatal, autonómica e coa Seguridade Social.

d) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade ou prohibición das mencionadas no artigo 13 da Lei 38/2003 e concordantes da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia

4.- CONTÍA E LÍMITE DA SUBVENCIÓNS

O importe de cada subvención non poderá superar os 100,00 € por festa, e os 500,00 € no caso das celebradas nos dous núcleos de maior entidade: Folgoso do Courel e Seoane do Courel, en todo caso a achega será proporcional o número de solicitudes presentadas e aceptadas.

O importe máximo a subvencionar será de 2.000,00 €, importe consignado na aplicación 338.48 do orzamento municipal para o exercicio 2016

Serán actividades subvencionables ó abeiro das presentes Bases aqueles gastos derivados do fomento de actividades e programas relacionados coas festividades locais levadas a cabo no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016

O importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutros organismos públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada.

5. SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR

5.1 PRAZO: As solicitudes deberán presentarse nun prazo de 1 mes contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio de aprobación das presentes Bases no Boletín Oficial da Provincia.

5.2. LUGAR: Rexistro Xeral do Concello de Folgoso do Courel de 9:00 h a 14:00 h.

5.3 DOCUMENTACIÓN QUE SE DEBERÁ XUNTAR:

1. Solicitude, segundo modelos normalizados que se facilitará polo Concello, asinado por persoa física ou presidente/representante da entidade organizadora da actividade.

2. Fotocopia do CIF no caso de persoas xurídica e do NIF no caso de persoas físicas. No caso de que se trate dunha agrupación de persoas ou comisión de festas deberán facer constar o nome de tódolos membros e acompañarán do DNI de cada un deles.

3. Memoria explicativa do programa de actividades realizado ou que se pretende realizar, con especificación da data, lugar de realización, obxectivo e fins concretos a que se destinarán os fondos e orzamento de gastos da actividade.

4. Datos bancarios da conta á que se poderá transferir o importe da subvención, debidamente certificada pola entidade bancaria.

5. Declaración responsable da entidade solicitante na que conste as subvencións e/ou axudas solicitadas para a mesma finalidade, con expresión da súa contía, compremeténdose a comunicar ó Concello a concesión de calquera outra axuda de Entes públicos ou privados.

6. Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario e de non ser debedor á Facenda Estatal e Autonómica, nin á Seguridade Social.

7. Calquera outro documento que se considere de interese para a mellor avaliación da subvención.

No caso de que fosen apreciados defectos de forma ou documentación incompleta, requirirase a corrección ou rectificación no prazo de dez días hábiles, arquivándose o expediente sen máis trámites de non efectuarse a mesma.

6. CRITERIOS DE OUTORGAMENTO

Serán subvencionables os gastos derivados do fomento de actividades e programas relacionados cas festividades locais.

No caso de que o proxecto se adecúe a finalidade da subvención percibiranse as seguintes cantidades:

Festas en Folgoso e Seoane do Courel: 500,00 €

Festas nos lugares do municipio: 100,00 €.

No caso de que o número de solicitudes sexa superior o importe establecido como máximo, reducirase proporcionalmente.

7. CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS

Analizada a documentación presentada a proposta pasará á Intervención Municipal para que realice a fiscalización da mesma.

A Alcaldesa concederá as subvencións mediante acordo no que se especifique os termos da concesión da subvención. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de solicitude de subvencións.

O outorgamento das subvencións notificarase ós interesados de acordo co establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992. A resolución da concesión farase pública mediante exposición no taboleiro de anuncios municipal.

8. OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Os beneficiarios das subvencións terán que aterse ás seguintes obrigas:

1. Cumprir o obxectivo, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da axuda de acordo coa memoria presentada. A subvención deberá ser destinada exclusivamente ós fins para os que foi concedida, quedando expresamente prohibida calquera alteración de destino non autorizada polo Concello.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, aportando, para elo, canta información lles sexa requirida.

3. Facer constar, naquelas actividades subvencionadas, que as mesmas contan con subvención do Concello de Folgoso do Courel, coa expresión 'Colabora Concello de Folgoso do Courel'.

4. Comunicar ó Concello a obtención doutras subvencións de calquera entidade pública ou privada.

5. Xustificar o gasto realizado antes do 20 de decembro do ano 2016 de acordo co previsto na presentes Bases.

9. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

O prazo de presentación da xustificación rematará o 20 de decembro de 2016 sendo necesario xustificar cando menos o importe da subvención concedida, en caso de que o importe xustificado sexa menor a subvención reducirase proporcionalmente.

1. Para poder percibir as subvencións concedidas, os beneficiarios presentará a documentación xustificativa indicada no seguinte punto, no Rexistro do Concello, mediante instancia dirixida á Alcaldesa, coa data límite do 20 de decembro de 2016.

2. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase mediante a presentación da conta xustificativa. A rendición da conta xustificativa constitúe un acto obrigatorio que deberá comprender o seguinte:

a) Xustificación do gasto subvencionado que deberá realizarse mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas das mesmas e demais documentación de valor probatorio ou equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil e eficacia administrativa, as facturas deberán estar seladas e firmadas constando o recibo da pagamento. En caso de que o pagamento se realice por transferencia bancaria deberá presentarse extracto ou xustificante bancario.

b) En todo caso, deberá acreditarse debidamente o pago das facturas e demais documentos presentados como xustificación dos gastos subvencionados.

c) Declaración xurada do beneficiario que acredite a realización da actividade e que as facturas que se presentan foron aplicadas á actividade subvencionada.

d) Calquera outra documentación que lle sexa solicitada polo Concello en relación co outorgamento da subvención.

O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria, previa presentación do certificado banario con número de conta do titular e xustificación nos termos sinaldos no presente apartado.

Non poderá realizarse o pago da subvención mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa Seguridade Social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

10. REINTEGRO DA SUBVENCIÓN

O incumprimento

parcial ou total das condicións establecidas, a desviación da subvención para actividades ou conceptos non estimados no proceso de tramitación e resolución, o incumprimento da obriga de xustificación, a duplicidade de subvencións para o mesmo programa, sempre que non sexan complementarias, constituirán causa determinante para a revogación da subvención concedida, co conseguinte devolución dos créditos obtidos.

Igualmente, o falseamento ou ocultación dos datos esixidos nas correspondentes convocatorias, dará lugar á cancelación de subvencións e á obriga do reintegro das cantidades recibidas.

As cantidades a reintegrar terán a condición de créditos de dereito público, resultando de aplicación para a súa cobranza o previsto no Regulamento Xeral de Recadación

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación do disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvención e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia así como o disposto nas bases de execución do orzamento municipal.

Folgoso do Courel, a 8 de setembro do 2016.- Dolores Castro Ochoa

R. 2717

Fiestas Populares
Cultura
Exposiciones