Bases de axudas para transporte durante o curso 2015-2016 - Boletín Oficial de A Coruña de 11-09-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 12/09/2015 hasta 11/10/2015
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

O alcalde, con data vintetrés de agosto de dous mil quince, ditou a resolución número 1728/2015, que literalmente se transcribe:

Vista a proposta de bases reguladoras das axudas para transporte durante o curso académico 2015-2016, realizada pola concelleira delegada de educación, que conta co visto e prace da Intervención municipal,

No uso das competencias atribuídas segundo o establecido no artigo 21.1 f), da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, RESOLVO:

PRIMEIRO.-Aceptar integramente a devandita proposta e proceder á aprobación das bases das axudas para transporte de estudantes durante o curso académico 2015-2016, nos seguintes termos:

Primeira.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto establecer as normas reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o transporte daqueles alumnos que cursen estudos universitarios ou de formación profesional en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo; ou se despracen para a realización de calquera tipo de actividade formativa en asociacións ou centros dirixidos a persoas con discapacidade durante o curso 2015/2016.

O inicio do curso académico considerarase no mes de outubro e o remate no mes de xuño (tres trimestres).

Dita subvención materializarase a través de ingresos trimestrais na conta bancaria que indique o beneficiario, conta na que deberá figurar como titular.

As presentes bases dítanse de conformidade co establecido no artigo 8 e concordantes da Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Noia.

Segunda.-Finalidade das subvencións.

Constitúe a finalidade das axudas económicas que se convocan favorecer o desprazamento dende Noia dos alumnos que cursen estudos universitarios ou de formación profesional nas cidades enumeradas.

Terceira.-Dotación orzamentaria.

As axudas concedidas mediante as presentes bases serán imputadas á partida 326 48000 'Servizos complementarios educ. Axuda libros/comedor/transporte', dado que a subvención se irá pagando de xeito progresivo durante todo o curso 2015-2016, resultan afectados dous exercicios diferentes. Para o exercicio 2015, a consignación inicial existente ascende a 4.000,00 €, debéndose consignar no exercicio 2016 a cantidade de 8.000,00 €, a fin de completar unha bolsa anual para esta finalidade de 12.000,00 €.

Cuarta.-Contía das axudas.

As axudas ascenderán a unha cantidade trimestral fixa, segundo a cidade na que se desenvolvan os estudos dos beneficiarios, que se relaciona no seguinte cadro:

DESTINO

AXUDA

Santiago

44.40

Pontevedra

114.60

A Coruña

115.80

Vigo

140.40

Ourense

152.40

Lugo

157.80

Ferrol

166.80

Dita cantidade calcúlase aplicando o 50% sobre o custe de cada viaxe, considerando que se realizan dúas viaxes semanais (ida e volta).

Quinta.-Beneficiarios.

Para ser beneficiario da subvención, o solicitante deberá reunir os seguintes requisitos mínimos:

A. Estar empadroado no Concello de Noia, cun mínimo de 6 meses de antigüidade.

B. Cursar calquera das actividades formativas que sexan obxecto da presente convocatoria (base 1ª), mantendo a matrícula todo o curso académico 2015-2016.

C. Non superar os ingresos brutos per cápita da unidade familiar en que estea integrado a cantidade de 1,5 veces o salario mínimo interprofesional.

Sexta.-Solicitude e documentación necesaria.

A. Presentación de solicitudes

As solicitudes para participar na presente convocatoria axustaranse ao modelo establecido que se facilitará no Rexistro Xeral do Concello.

A presentación de solicitudes, unha vez cumprimentadas polos interesados, farase no Rexistro Xeral do Concello ou na forma establecida no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, e deberá acompañarse da seguinte documentación:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) do solicitante.

2. Fotocopia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do ano 2013. No caso de non estar obrigado pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) a presentala, deberá achegar certificación emitida ao respecto pola AEAT; de non constar ningún dato, deberá xustificar os ingresos familiares mediante a presentación dalgún dos seguintes documentos, todos eles referidos ao exercicio 2013:

Certificado do INEM, no caso de recibir prestación ou subsidio de desemprego.

Certificación do Instituto da Seguridade Social ou organismo correspondente no caso de percibir pensión contributiva de xubilación, invalidez, viuvez ou orfandade.

Certificación acreditativa no caso de percibiren ingresos procedentes de pensións non contributivas, fondos de asistencia social, rendas de integración social de Galicia ou da lei de integración social de minusválidos.

De non ser posible a presentación de ningún destes documentos, deberase achegar informe ao respecto do departamento de Servizos Sociais.

3. Documento acreditativo de pago de aluguer ou hipoteca da vivenda habitual, se fose o caso.

4. Certificación bancaria que acredite a titularidade do solicitante da conta na que se efectuarán os ingresos correspondentes á axuda.

5. Acreditación da axuda para os fins previstos, a través da seguinte documentación:

Matrícula oficial de estudos.

Certificado ou similar de asistencia a actividades formativas en asociacións para persoas con discapacidades.

B. Prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán presentarse dentro do prazo de UN MES, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín oficial da provincia da Coruña, data na que se dará publicidade no taboleiro de anuncios e mediante un anuncio da Concellería de Educación.

Sétima.-Procedemento.

A. Exame e valoración das solicitudes.

1. O estudo e valoración das solicitudes realizarase pola Comisión de Valoración, integrada polos seguintes membros: a pedagoga de servizos sociais de atención primaria, a interventora municipal, a concelleira delegada de educación e o alcalde ou concelleiro/a no que delegue.

2. O exame das solicitudes implicará a comprobación previa tendente a verificar que os solicitantes reúnen os requisitos esixidos. No caso de que algunha das solicitudes tivese algún erro ou omisión emendable, seralle comunicado ao interesado para que no prazo máximo e improrrogable de cinco días naturais poida emendar a falta. Tal comunicación poderá realizarse por vía telemática ou telefónica, deixando constancia da mesma nunha dilixencia escrita. Se os erros non se corrixisen ou non se cumprisen os requisitos mínimos para ser beneficiario, non se admitirá a solicitude.

3. A valoración das solicitudes realizarase aplicando o seguinte baremo:

a) Ingresos económicos.-Para a súa ponderación tomarase como referencia o salario mínimo interprofesional (SMI), fixando como importe máximo de ingresos a cantidade resultante de multiplicar por 1,5 o SMI 2015 (13.620,60 €/ano).

A renda familiar relacionarase cos membros computables aplicándose a seguinte puntuación:

Ingresos anuais brutos per cápita

0.00 €

2,258.55 €

10 puntos

2,258.56 €

4,517.10 €

8 puntos

4,517.11 €

6,775.65 €

6 puntos

6,775.66 €

9,034.20 €

4 puntos

9,034.21 €

11,292.75 €

2 puntos

11,292.76 €

13.620,60 €

1 punto

A estes efectos enténdese por:

Ï RENDA FAMILIAR.-A suma da base impoñible xeral e a base impoñible do aforro (casillas 366 e 374, respectivamente, da declaración do imposto sobre a rendas das persoas físicas), correspondentes ao exercicio 2013 e a todos os membros computables.

Ï MEMBROS COMPUTABLES DA UNIDADE FAMILIAR:

- O solicitante.

- O pai, a nai, o titor ou persoa encargada da garda e protección dos menores que formen parte da unidade familiar.

- Irmáns solteiros menores de 25 anos que residan no domicilio familiar e que non teñan recursos económicos.

- Irmáns de maior idade cando se trate de discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais, acreditados mediante documentación.

- Os ascendentes dos pais que residan no mesmo domicilio que os anteriores.

No caso de divorcio ou separación legal ou de feito dos pais, non se consideraría membro computable aquel que non conviva co solicitante da axuda, sen prexuízo de que na renda familiar se inclúa a súa contribución económica.

b) Situación familiar.-Obterán tres puntos a unidade familiar na que exista algunha das seguintes situacións:

Ï Familia na que o seu sustentador principal se atope en situación de desemprego.

Ï Familia numerosa.

Ï Orfo absoluto.

Ï Familia na que o seu sustentador principal sexa viúvo/a, pai ou nai divorciado/a ou separado/a legalmente ou de feito.

Ï Familia na que calquera dos membros da unidade familiar estea afectado por

Ï Unha discapacidade legalmente cualificada, resida no mesmo domicilio e dependa economicamente dos ingresos familiares. A efectos do disposto neste parágrafo, terán a condición de persoas con discapacidade aquelas as cales se lles recoñecera un grado de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento.

c) Actividades formativas para persoas con discapacidade.-Cando a axuda teña como obxecto o desprazamento para a realización de actividades formativas en centros ou asociacións para persoas con discapacidade: 10 puntos.

A puntuación a asignar a cada solicitude virá dada pola suma da puntuación acadada nos tres apartados anteriores.

4. Informe de avaliación das axudas.

Practicada a valoración das solicitudes e clasificadas estas con arranxo ao establecido anteriormente, a Comisión de Valoración emitirá un informe no que se concrete a avaliación realizada, asignando as axudas segundo os solicitantes teñan máis ou menos puntos e co límite das dispoñibilidades orzamentarias existentes.

B. Órgano instrutor.

O órgano instrutor será a concelleira delegada de educación.

Segundo establece o artigo 13 da ordenanza de subvencións do Concello de Noia, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, formulará proposta de resolución provisional, que deberá notificarse aos interesados concedéndolles un prazo de dez días para presentar alegacións.

A notificación desta proposta poderase realizar por vía electrónica con acuse de recibo, na medida en que se dispoña da dirección electrónica do solicitante.

Examinadas as alegacións aducidas polos interesados e previo exame e informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva, quedando vinculado polo devandito informe.

C. Resolución.

O órgano municipal competente para resolver sobre a concesión ou denegación da axuda será o alcalde ou concelleiro no que delegue, sendo vinculante a tal efecto a proposta de resolución.

A resolución ditarase no prazo máximo de tres meses dende a data de finalización de presentación de solicitudes e deberá conter a relación de solicitantes que resultaran beneficiarios.

A resolución notificarase aos interesados que foran propostos como beneficiarios na fase de instrución, para que no prazo de dez días naturais comuniquen a súa aceptación.

Oitava.-Xestión.

Unha vez ditada a resolución e comunicada por parte do beneficiario a aceptación da mesma, o Concello ingresará na conta bancaria do solicitante a contía correspondente ao primeiro trimestre do curso, repetindo o proceso ao inicio do segundo e do terceiro trimestre, ata completar o total da axuda concedida.

Novena.-Xustificación do cumprimento da finalidade da axuda concedida.

Durante os meses de agosto e setembro de 2016, o Concello de Noia verificará o cumprimento da finalidade da axuda concedida para o que deberá quedar acreditado o feito de que o beneficiario asistiu ás actividades formativas que serviron de base para a concesión da axuda.

Así, o Concello, por unha banda, requerirá da Secretaría Xeral de cada unha das Universidades afectadas que acrediten que a matrícula de cada un dos beneficiarios non foi anulada durante o curso académica subvencionado.

Antes do remate do mes de setembro, o beneficiario deberá xustificar que ten superado o 25% dos créditos matriculados, quedando excluídos os créditos convalidados, recoñecidos ou adaptados.

No caso de non poder acreditar os devanditos extremos, procederá o reintegro das cantidades percibidas, máis os xuros de demora correspondentes.

Décima.-Compatibilidade da subvención.

A concesión destas axudas será compatible con calquera outro tipo de axudas ou subvencións, sempre e cando non supere o importe total do gasto, doutro xeito verase reducida.

Undécima.-Normativa de aplicación.

A presente convocatoria réxese pola Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Noia, de data 1 de febreiro de 2005 (BOP da Coruña, núm. 25, de 1 de febreiro de 2005), así coma pola Lei 38/2003, xeral de subvencións, o RD 887/20006, polo que se aproba o seu regulamento; a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/09, polo que se aproba o seu regulamento.

SEGUNDO.-Proceder á publicación das bases no boletín oficial da provincia da Coruña, contando o prazo para a presentación das instancias desde a data en que tal publicación sexa efectiva.

TERCEIRO.-A presente resolución pon fin á vía administrativa, polo que contra a mesma se poderá interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado desde o día de recepción da notificación da presente ou desde a súa publicación, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se estime pertinente.

CUARTO.-Dar traslado da presente resolución á intervención e ao Pleno da Corporación na próxima sesión que se celebre.

Noia, 04 de setembro de 2015.

O alcalde

Miguel Paz Barreiro

2015/9178

Transporte
Educación
Alumnado
Formación profesional
Inclusión social
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Familia
Discapacidad
Asistencia social
Alquiler de vivienda
Vivienda
Hipotecas
Familia numerosa