BASES BOLSA ERNESTO GODAY - Boletín Oficial de Pontevedra de 30-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 30/05/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

CONVOCATORIA

BOLSA 'ERNESTO GODAY'

Con fundamento na Lei 7/1985, de 2 de abril de bases de réxime local, a Xunta de Goberno Local do Concello do Grove acordou aprobar a convocatoria de 1 bolsa de investigación 'Ernesto Goday'.

Obxecto da convocatoria

O compromiso do Concello do Grove co recoñecemento da figura do pintor Ernesto Goday queda reflectido nas iniciativas postas en marcha nos últimos anos para manter viva a memoria do artista de máis proxección da nosa vila. Ao mesmo tempo, é responsabilidade do Concello do Grove a posta en valor do seu patrimonio artístico e cultural, colaborando con outras institucións públicas e particulares para conseguir lograr o obxectivo de manter o legado patrimonial e histórico da vila.

Por todo isto, resulta fundamental centrar os esforzos en iniciativas que contribúan ao indicado. Neste punto debemos incidir en que é preciso realizar accións de calidade e con proxección de futuro, permitindo non só a conservación do patrimonio cultural, se non que deben servir para xerar nova produción cultural.

Por todo isto, no ano 2018 o Concello do Grove decide poñer en marcha a primeira convocatoria da Bolsa de Investigación 'Ernesto Goday'. Trátase dun proxecto que nace con vocación de continuidade e que busca contribuír á creación de material patrimonial vinculado coa figura de Ernesto Goday, comezando polo catálogo da súa obra e continuando con materiais divulgativos que garantan o recoñecemento a este artista e, por extensión, a artistas futuros.

A concesión da bolsa efectuarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

BASES

1. Requisitos

a) Estar matriculado durante o curso 2017-2018 no último curso do Grao en Historia da Arte ou Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, ou nalgún máster vinculado con estes estudos de Historia da Arte ou Humanidades.

b) Ter coñecementos sobre catalogación e valoración de bens culturais.

2. Condicións da bolsa

a) A contía da bolsa é de 3.000 euros en total (aos que se aplicarán as retencións correspondentes polos conceptos legalmente establecidos) que se librará á persoa beneficiaria por períodos mensuais vencidos, durante a súa duración, con cargo ás aplicacións orzamentarias 334.48100 e 334.16001.

b) O período de execución da bolsa é do 1 de xullo ao 30 de setembro de 2018.

c) A persoa que participe neste programa incluirase no réxime xeral da Seguridade Social segundo o RD 1493/2011, de 24 de outubro.

d) Estes rendementos estarán suxeitos ás correspondentes retencións do IRPF seguindo a Lei 40/1998 do IRPF.

e) O desfrute desta axuda será incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada con fondos públicos ou privados, así como con salarios que supoñan vinculación contractual da persoa interesada.

f) A adxudicación desta bolsa non suporá ningunha relación laboral nin contractual con esta administración local.

3. Obrigas da persoa beneficiaria

a) A persoa beneficiaria da bolsa desempeñará o seu traballo no Concello do Grove, no lugar establecido pola Concellería de Cultura que garantirá a disposición de medios adecuados para o desenvolvemento da súa función.

b) A persoa beneficiar terá a obriga de dedicar 35 horas semanais de luns a venres ás tarefas de localización, identificación, catalogación e vertido de datos durante todo o período da bolsa.

c) Será cometido da persoa bolseira realizar traballo de campo para localizar obra do autor así como realizar os procesos correctos para a súa catalogación (fotografía, escaneado, procesado dixital).

d) Deberá desenvolver o seu traballo en lingua galega.

e) O bolseiro ou bolseira deberá realizar unha memoria final do seu traballo, que resumirá a catalogación conseguida, e que deberá entregar ao final do período da bolsa. A data límite establecida é o 15 de outubro de 2018.

f) A persoa beneficiaria estará sometida ás responsabilidades e ao réxime sancionador que, sobre infraccións administrativas en materia de subvencións, establecidos nos artigos 52 a 69 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. O Concello poderá suspender ou revogar a bolsa concedida cando exista incumprimento das obrigas, previo informe da Comisión e audiencia á persoa interesada, reintegrándose as cantidades percibidas.

4. Descrición dos traballos

a) Labores de localización da obra de Ernesto Goday pendente de catalogar.

b) Elaboración das fichas de catalogación da obra segundo criterios científicos.

c) Redacción de materiais relativos á obra de Ernesto Goday (tanto de carácter científico como con finalidade divulgativa).

d) Creación da adecuada base de datos de materiais.

e) Estruturación do material para a posible elaboración dun catálogo.

f) Colaboración directa na organización do Premio Ernesto Goday de pintura.

g) Colaboración directa co as actividades postas en marcha polo Concello vinculadas coa figura do pintor Ernesto Goday.

5. Presentación e valoración das solicitudes

a) As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello do Grove empregando o Modelo 1, anexo a esta convocatoria coa correspondente documentación acreditativa segundo o apartado 7 destas bases.

b) As solicitudes serán valoradas por unha Comisión formada por:

Presidente/a: Funcionario/a do Concello do Grove.

Secretario/a: Persoal funcionario do Concello do Grove.

Vocais: 3 funcionarios (municipais e/ou profesor/a da Universidade de Santiago de Compostela).

Asesor/a: un representante da Comisión de Traballo Ernesto Goday.

c) A Comisión de valoración establecerá unha puntuación por candidato ou candidata en función dos criterios establecidos no apartado 6 destas bases, que deberá elevar á XGL, especificando o/a candidato/a e suplentes, para a súa aprobación e publicación na web municipal.

d) Contra esa resolución da XGL poderase interpoñer recurso potestativo de reposición (art. 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou, directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de 2 meses, contados dende o día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade coa Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

e) Estas bases e os anuncios sucesivos publicaranse integramente na web municipal (www.concellodogrove.es).

f) O prazo de presentación das instancias será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do estrato da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

g) No caso de producirse unha baixa, a vacante será cuberta sucesivamente polas seguintes persoas clasificadas.

6. Criterios de valoración

' Expediente académico (40%)

- Valorarase a cualificación media do expediente académico no caso de estudantes de Grao (Entre 0 e 4 puntos)

- Ter realizado un máster ou posgrao relacionado con Historia da Arte ou Humanidades (1 punto)

- Estar matriculado no doutoramento (2 puntos)

- No caso de contar con outros grados ademais do requirido (1 punto)

- No caso de contar con título de máster relacionado coa convocatoria (1 punto)

' Memoria- Plan de traballo (30%)

- A Comisión valorará as memorias que deberán demostrar coñecementos previos sobre a figura de Ernesto Goday e especialmente sobre a súa obra, así como a aportación de propostas novidosas á hora de abordar o traballo proposto nesta convocatoria de bolsa.

- A puntuación outorgada realizarase sobre 20 puntos.

' Formación complementaria (20%)

- Valóranse os cursos de formación ou especialización centrados nos seguintes contidos ou áreas de coñecemento.

' Catalogación de bens patrimoniais

' Historia, evolución e realidade actual da arte pictórica

' Panorama cultural galego

' Fotografía e edición de imaxe

' Documentación dixital e a través de novos medios.

- Establécense 2 puntos por curso de máis de 30 horas realizando un prorrateo desta valoración para períodos inferiores (ata un máximo de 20 puntos).

' Experiencia relacionada (10%)

- Valorarase a experiencia de carácter profesional ou investigadora adecuadamente demostrada no relativo a labores de catalogación e xestión do patrimonio.

Establecerase 5 puntos por ano a tempo completo realizando un prorrateo desta valoración para períodos inferiores (ata un máximo de 10).

7. Documentación requirida

A documentación cotexada (ou orixinais e copia para o seu cotexo) que deberán presentar as persoas solicitantes será:

' Solicitude segundo o modelo recollido no Anexo 1.

' Expediente académico do grao ou licenciatura actualizado.

' Fotocopia do título académico (para alumnos e alumnas de posgrao ou doutorado)

' Informes ou certificados que avalen a experiencia en traballo previos.

' Certificados de cursos de formación ou especialización.

ANEXO 1

(modelo de instancia)

D./Dna. _____________________________________________________________________________________________________

con núm. DNI _________________________________, e domicilio en ___________________________________________

do municipio de _________________________________________________, código postal _____________________

e teléfono de contacto núm. ____________________, e correo electrónico _______________________________.

EXPOÑO:

Que estou informado/a da próxima convocatoria dunha bolsa de investigación 'Ernesto Goday' por un período de 3 meses.

Que cumpro as condicións e requisitos dos aspirantes sinaladas nas bases da convocatoria e que, de ser o caso, me comprometo a realizar as tarefas descritas nas bases.

Polo que:

SOLICITO:

Ser admitido/a no proceso selectivo para optar á bolsa convocada.

O Grove, ________ de __________________________ de 2018

SR. ALCALDE DO ILMO. CONCELLO DO GROVE, D. Jose A. Cacabelos Rico.

O Grove, a 21 de maio de 2018.

Cultura
Cultura e idiomas
Investigación
Artes
Patrimonio cultural
Ciencia
Gallego
Formación
Pintura
Alumnado