BASES DA CONVOCATORIA PARA A ADXUDICACIÓN DE AXUDAS DE VIVENDA, CORRESPONDENTE AO ANO 2015 - Boletín Oficial de Lugo de 20-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Lugo
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 20/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA VIVENDA ANO 2015

En cumprimento co establecido no artigo 58 do Convenio Colectivo Único para persoal laboral da Deputación Provincial e no artigo 55 do Acordo Marco Único para persoal funcionario da Deputación Provincial, publicados no BOP con data 30/08/1990 e 31/01/1991, respectivamente, convócase concurso para a adxudicación de axudas para adquisición ou rehabilitación de vivenda habitual, correspondente ao ano 2015, para os empregados públicos da Excma. Deputación Provincial incluídos no ámbito de aplicación do Acordo Marco Único e Convenio Colectivo Único, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.- As axudas que se poden conceder consistirán nunha cantidade que se determinará tendo en conta os seguintes criterios:

a) As axudas calcularanse sobre a contía do préstamo ou préstamos que se dediquen á compra de vivenda habitual sen que esta poida superar 60.101,21 euros. Desta cantidade inicial detraerase anualmente a cantidade amortizada, calculándose sobre esta os xuros anuais sobre os que se calculará a axuda.

b) A contía da axuda cuantificarase aplicando ata 2 puntos de xuro ao préstamo correspondente cuantificado conforme se determina no apartado anterior, a partir dun 1% inicial a aboar sempre polo solicitante.

Segunda.- Para solicitar o financiamento de xuros por compra ou rehabilitación de vivenda requirirase:

a) Ser empregado público (persoal funcionario ou laboral) desta Deputación Provincial e estar dentro do ámbito persoal de aplicación do Acordo Marco Único e o Convenio Colectivo Único. Se o traballador non prestara servizos durante o ano completo, a axuda será proporcional ao tempo traballado.

b) Estar xubilado ou ser pensionista desta Deputación, sempre que con antelación ó momento de percibir a pensión tiveran concedido un préstamo para compra ou rehabilitación de vivenda.

c) Ter concedido un préstamo por unha entidade financeira para adquisición ou rehabilitación de vivenda habitual e ter satisfeitos xuros no ano 2015. É requisito imprescindible que o préstamo estea destinado á adquisición de vivenda habitual, de xeito que a parte do mesmo que non se aplique á indicada finalidade, quedará excluída da presente axuda. No suposto de que a axuda este destinada a rehabilitación dunha vivenda que vaia servir como domicilio principal do solicitante, ademais da documentación do préstamo deberase aportar o proxecto que avale e documente tales obras como rehabilitación.

d) No caso de que ambos os dous cónxuxes sexan empregados desta Deputación, só se concederá unha axuda por vivenda.

Terceira.- As axudas deberán ser solicitadas polos interesados mediante instancia con declaración xurada de que son certos os datos consignados na devandita declaración, en modelo oficial que se facilitará no Rexistro Xeral, dirixida á Presidencia da Deputación Provincial.

A solicitude, a efectos de verificar o dereito da persoa solicitante a percibir esta axuda, estará acompañada obrigatoriamente da seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola entidade financeira que outorgou o préstamo no que consten os xuros aboados durante o ano 2015. No devandito certificado farase constar obrigatoriamente:

- Identificación do titular do préstamo e da vivenda para a que se concedeu, incluíndo o enderezo desta.

- Tipo ou tipos de xuro aplicado/s durante o exercicio de 2015, con especificación do período en que se aplicou cada un.

- Importe dos xuros aboados no período comprendido entre o 1.01.2015 e o 31.12.2015.

- Importe do capital pendente de amortización a 01.01.2015 (ou na data en que se formalice o crédito) e a 31.12.2015.

Facilitarase un modelo que reúna os datos anteriores e serán rexeitados os certificados que non reúnan todos os datos sinalados.

b) Nos casos de compras anteriores a 1 de xaneiro de 2013, fotocopia compulsada da declaración da renda correspondente ao exercicio de 2015, na parte en que consten a identificación do traballador e as cantidades polas que desgravou nese ano.

c) Nos casos de compras posteriores a 1 de xaneiro de 2013 a documentación da declaración da renda será substituída por aquela outra que permita verificar fehacientemente que o préstamo polo que se aboan xuros para os que se solicita a axuda é para o financiamento da vivenda habitual.

d) Cando se observe que algún requisito dos esixidos nas presentes bases non está suficientemente acreditado, poderáselle pedir ao solicitante que entregue, a maiores do sinalado nos apartados 'a','b' e 'c' anteriores, xustificación que se estime suficiente, expresando na notificación o motivo da petición e outorgándolle un prazo non inferior a cinco días.

Cuarta.- Constitúen motivos para negar a axuda :

a) Presentar a solicitude fóra do prazo establecido nestas bases.

b) Non presentar os documentos sinalados na base terceira.

c) Que a vivenda non se destine a residencia habitual e permanente.

d) O incumprimento de calquera outro requisito establecido nas presentes bases.

No caso de que se aprecie no solicitante intención fraudulenta, ou este cometera calquera tipo de acción tendente a confundir, ocultar ou aparentar circunstancias, o xurado propoñerá a Xunta de Goberno que esixa o reintegro das cantidades percibidas desde a comisión do acto fraudulento, quedando inhabilitado durante cinco anos para percibir calquera outra axuda das reguladas nestas bases e outros regulamentos da Deputación, sen prexuízo das responsabilidades que, por outra vía, se poidan esixir.

Quinta.- As solicitudes para optar a esta axuda presentaranse no prazo de UN MES, que contará dende o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP.

Sexta.- No suposto de resultar insuficiente a cantidade presupostada no Fondo Social para atender todas as solicitudes, as axudas adxudicaranse en función do nivel de renda familiar do solicitante, tendo preferencia os solicitantes con nivel de renda familiar máis baixo. Enténdese por renda familiar para estes efectos o cociente que resulta de dividir os ingresos familiares polo número de membros da unidade familiar.

Sétima.- Para a determinación da contía das axudas constituirase unha Comisión de Valoración que, trala comprobación das solicitudes e documentación presentada, formularán proposta de adxudicación de axudas na contía correspondente.

a) A Comisión de Valoración do concurso estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: o deputado delegado da Área Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación ou membro da Corporación que o substitúa.

Vocais:

- A deputada delegada da Área de Economía, Recadación e Facenda ou membro da Corporación que a substitúa.

- O xefe do servizo de Recursos Humanos ou funcionario que o substitúa.

- Un membro da Xunta de Persoal.

- Un membro do Comité de Empresa.

Secretario: o da Corporación, con voz e voto, podendo ser substituído por funcionario con Habilitación Nacional que preste servizos nesta Entidade ou por funcionario da escala Técnica.

b) Incorporación de asesores e persoal de colaboración.

A Comisión de Valoración do concurso poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores naqueles casos nos que se demande oír a opinión de técnicos especialistas, así como dos colaboradores en tarefas de asistencia e colaboración.

c) Pagamento de asistencias ao xurado.

Os membros da Comisión de Valoración, así como os asesores ou persoal de colaboración que se incorporen, terán dereito, pola súa concorrencia ás sesións, ao pagamento de asistencias na contía establecida no RD 462/2002 de 24 de maio, tendo en conta as actualizacións desta vixentes na data do feito causante, na categoría primeira.

Oitava.- A proposta de adxudicación das axudas, que non poderá exceder do crédito dispoñible para este fin, será remitida á Xunta de Goberno que resolverá definitivamente.

Pazo provincial de Lugo a 12 de setembro de 2016.- O Secretario, Manuel Castiñeira Castiñeira

R. 2749

Vivienda
Rehabilitación de vivienda
Formación
Empresa