BASES DA CONVOCATORIA DE AXUDAS POR GASTOS DE GARDERÍA, DENDE O 1 DE SETEMBRO DE 2015 A 31 DE AGOSTO DE 2016 - Boletín Oficial de Lugo de 20-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Lugo
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 20/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

CONVOCATORIA DE AXUDAS POR GASTOS DE GARDERÍA DENDE O 1 DE SETEMBRO DE 2015 A 31 DE AGOSTO DE 2016

De acordo cos artigos 59 do Convenio Colectivo Único para Persoal Laboral e do 56 do Acordo Marco Único para Persoal Funcionario da Excma. Deputación Provincial de Lugo, publicados no BOP en datas 30/08/1990 e 31/01/1991, respectivamente, convócase o seguinte concurso para a adxudicación de axudas por gastos derivados da estancia en garderías dos fillos ou orfos dos empregados públicos da Excma. Deputación Provincial, correspondente ao período que vai dende o día 1 de setembro de 2015 ó 31 de agosto de 2016, que se rexerá polas seguintes bases:

PRIMEIRA.- AXUDAS PARA CONCEDER

CONCEDERANSE AXUDAS POR GASTOS DERIVADOS DA ESTANCIA EN GARDERÍAS DE FILLOS OU ORFOS DOS EMPREGADOS PÚBLICOS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO, INCLUÍDOS NO ÁMBITO DE APLICACIÓN DOS VIXENTES ACORDO MARCO ÚNICO PARA PERSOAL FUNCIONARIO E CONVENIO COLECTIVO ÚNICO PARA PERSOAL LABORAL, SEMPRE QUE AQUELES NON ESTEAN EN IDADE DE ESCOLARIZACIÓN OBRIGATORIA (6 ANOS) E ATA O INICIO EFECTIVO DESTA, SALVO MINUSVÁLIDOS, AOS QUE NON SE LLES APLICARÁ LÍMITE DE IDADE. SE O TRABALLADOR NON PRESTARA SERVIZOS DURANTE O PERÍODO QUE CORRESPONDE AO ANO ESCOLAR, A AXUDA SERÁ PROPORCIONAL AO TEMPO TRABALLADO.

Segunda.- Período e xustificación

As devanditas axudas concederanse por ano escolar vencido, é decir, desde o 1 de setembro de 2015 ó 31 de agosto de 2016.

Os solicitantes deberán presentar xustificación do gasto ocasionado nos períodos que se sinalan, excluíndo gastos de comida ou transporte.

Terceira.- Presentación de solicitudes

As solicitudes para poder optar a estas axudas presentaranse no Rexistro Xeral de Entrada da Deputación Provincial, no modelo que se facilitará na antedita unidade ou na Unidade de Admón. de Recursos Humanos desta Entidade, durante o prazo de UN MES, contados a partir do día seguinte ao da publicación da Convocatoria do Concurso no Boletín Oficial da Provincia.

Presentarase unha solicitude por cada fillo.

As solicitudes deberán ir acompañadas de:

a) Xustificación do gasto ocasionado nos termos que se sinalan no apartado anterior.

b) Fotocopia compulsada do Libro de Familia, partida de nacemento ou documento de valor análogo onde consten a filiación e a data de nacemento do neno/a polo que se solicita a axuda.

c) Certificación orixinal ou fotocopia compulsada do recoñecemento de minusvalía, se fose o caso.

d) Documentación acreditativa oficial dos ingresos por pensión de xubilación, invalidez, viudedade ou orfandade nos casos de solicitantes que non estean en situación administrativa de servizo activo. Nestes supostos, se non se achega a citada documentación coa solicitude, entenderase de aplicación a contía básica.

Cando se observe que algún requisito esixido nas presentes bases non está suficientemente acreditado, poderáselle pedir ao solicitante que achegue, a maiores do sinalado nos apartados 'a', 'b' e 'c' anteriores a xustificación que se estime conveniente, expresando na notificación o motivo da petición e outorgándolle un prazo non inferior a cinco días.

Cuarta.- Motivos de denegación

Constitúen motivos para negar a axuda ou suspendela unha vez concedida:

a) Presentar a solicitude fóra do prazo establecido nestas bases.

b) Non presentar os documentos sinalados na base terceira.

c) O incumprimento de calquera outro requisito establecido nas presentes bases.

No caso de que se aprecie no solicitante intención fraudulenta, ou este cometera calquera tipo de acción tendente a confundir, ocultar ou aparentar circunstancias, a Comisión de Valoración propoñerá a Xunta de Goberno que esixa o reintegro das cantidades percibidas dende a comisión do acto fraudulento, quedando inhabilitado durante cinco anos para percibir calquera outra axuda das reguladas nestas bases e outros regulamentos da Deputación, sen prexuízo das responsabilidades que, por outra vía, se poidan esixir.

Quinta.- Contía da axuda

A contía da axuda determinarase fixando unha cantidade equivalente ao gasto xustificado por cada fillo, ata un límite máximo de 681,11 euros, por neno, e ata o límite de autorización de crédito para o citado gasto.

O límite máximo sinalado verase incrementado ata un importe de 817,33 euros, por neno, cando sexa fillo dun empregado provincial cuxa retribución ordinaria anual estea comprendida entre os 20.000 e os 30.000 euros; e ata 885,44 euros por neno cando a citada retribución sexa inferior aos 20.000 euros anuais, tomando como referencia as retribucións do exercicio económico 2014. A estes efectos entenderase como retribucións ordinarias a suma dos importes das retribucións polos conceptos de soldo base, trienios, complemento de destino, complemento específico e pagas extraordinarias.

No caso de exceder a consignación orzamentaria reducirase de xeito lineal a devandita asignación.

Sexta.- Comisión de Valoración

Para a determinación da contía das axudas constituirase unha Comisión de Valoración que, tras a comprobación das solicitudes e documentación presentada, formulará proposta de adxudicación de axudas na contía correspondente.

Composición:

a) A Comisión de Valoración do concurso estará integrada polos seguintes membros:

PRESIDENTE: O deputado delegado da Área de Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación ou membro da Corporación que o substitúa.

VOGAIS:

- A deputada delegada de Economía, Recadación e Facenda ou membro da Corporación que a substitúa.

- O xefe do Servizo de Recursos Humanos ou funcionario que o substitúa.

- Un membro da Xunta de Persoal.

- Un membro do Comité de Empresa.

SECRETARIO:

- O da Corporación, con voz e voto, podendo ser substituído por funcionario con Habilitación Estatal que preste servizos nesta entidade ou por funcionario que regulamentariamente o substitúa.

b) Incorporación de asesores e persoal de colaboración.

A Comisión de Valoración do concurso poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores naqueles casos nos que se demande oír a opinión de técnicos especialistas, así como dos colaboradores en tarefas de asistencia e colaboración.

c) Pagamento de asistencias aos membros da Comisión de Valoración.

Os membros da Comisión de Valoración, así como os asesores ou persoal de colaboración que se incorporen, terán dereito, pola súa concorrencia ás sesións, ao pagamento de asistencias na contía establecida no RD 462/2002 de 24 de maio, tendo en conta as actualizacións desta vixentes na data do feito causante, na categoría primeira.

Sétima.- Resolución

Á vista da proposta de adxudicación de axudas formulada pola comisión de valoración, conforme ó punto anterior, a xunta de goberno resolverá definitivamente o concurso.

Pazo provincial de Lugo a 12 de setembro de 2016.- O Secretario, Manuel Castiñeira Castiñeira

R. 2751

Escuelas
Escolarización
Transporte
Familia
Formación
Empresa