Bases da convocatoria de bolsas para deportistas do Concello de Sada para o ano 2018 - Boletín Oficial de A Coruña de 14-09-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 14/09/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

BASES CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA DEPORTISTAS DO CONCELLO DE SADA PARA O ANO 2018

I.-Bases reguladoras e financiamento.

Convócase a concesión de bolsas para axuda a deportistas do Concello de Sada, ao abeiro das bases reguladoras da concesión de bolsas para deportistas de sada 2018 aprobadas no marco das Bases de Execución do Orzamento Xeral para 2018.

As axudas otorgaranse con cargo á aplicación orzamentaria 334.48016 ata o límite de 10.500,00 euros.

II.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é establecer os criterios e o procedemento para a concesión de bolsas a deportistas de nivel do Concello de Sada, dacordo cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade coa intención de fomentar o deporte de nivel entre os veciños do municipio.

As axudas son individuais e serán concedidas exclusivamente para participar en competicións deportivas oficiais a nivel comunitario, nacional ou internacional cuxas disciplinas estean recoñecidas pola federación galega, nacional ou internacional da disciplina en cuestión e polo ConseJo Superior de Deportes.

Estas axudas serán compatibles con outras axudas, públicas ou privadas, que se concedan para a mesma finalidade. A dotación total da presente convocatoria é de 10.500,00 euros, cun límite máximo por bolseiro de 1.500,00 euros.

III.-Destinatarios.

Poderán participar nesta convocatoria os deportistas do Concello de Sada que reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter a idade mínima de dez anos cumpridos no ano da solicitude.

2. Estar empadroado no Concello de Sada cunha antigüidade de, polo menos, tres anos consecutivos, no ano da solicitude.

3. Estar en posesión de licenza deportiva, vixente no momento da convocatoria e expedida pola federación deportiva correspondente.

4. Acreditar nivel deportivo na especialidade, polo menos, o ano anterior ao da solicitude, e ter proxección nas previsións de futuro.

5. Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para obter a condición de beneficiario de subvencións (artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

IV.-Documentación a presentar no momento da solicitude.

As solicitudes de bolsas presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, no modelo normalizado, que se facilitará neste rexistro e no que constará:

1. Solicitude da subvención segundo modelo normalizado (anexo I).

2. Fotocopia do DNI ou NIF do solicitante ou do seu representante legal no caso dos menores de idade (pai, nai ou titor).

3. Resumo do historial deportivo, obtido durante o ano 2017, no que haberá de constar as participación e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición; este historial haberá de vir dilixenciado co visto e prace da federación deportiva correspondente en documento orixinal (anexo II).

4. Proxecto deportivo, desenrolado durante o ano 2018, no que se incluirá necesariamente (anexo III).

4.1. Detalle das competicións as que se asistiu ou as que se pretenden asistir no 2018, expresando a súa denominación, data, lugar, número e duración das competicións.

4.2. Nivel de competición (nacional, internacional, etc.).

4.3. Categoría da competición (absoluta, etc.).

4.4. Copia compulsada da licenza federativa para a tempada 2018.

4.5. Orzamento de gastos e ingresos estimados do ano 2018.

4.6. Xustificante do Padrón municipal no que conste a data de alta.

4.7. Certificado dun número de conta corrente do que sexa titular o solicitante (IBAN).

5. Declaración de responsabilidade (anexo IV).

A Concellería de deportes revisará os expedientes de solicitudes e verificará que conteñan a documentación esixida. Se resulta que a documentación está incompleta ou defectuosa, requiriráselle ao solicitante para que no prazo de DEZ días a partir da data de publicación, achegue a documentación necesaria ou corrixa os defectos observados, facéndolle saber que, no caso de incumprimento, se entenderá que desiste da súa solicitude.

V.-Prazo de solicitude.

O prazo para a presentación de solicitudes será de QUINCE DÍAS naturais dende o día seguinte da publicación da convocatoria das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

VI.-Comisión de avaliación.

As solicitudes das bolsas serán estudadas e valoradas por unha comisión de avaliación que estará formada por:

Presidente: a concelleira delegada de deportes.

Vogais: técnico de deportes xunto a outra persoa que forme parte do persoal do Concello de Sada.

Secretario: un funcionario de carreira.

VII.-Concesión das bolsas.

Previamente á concesión, comprobarase de oficio que os posibles bolseiros non teñen débedas tributarias pendentes. Tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, e resolverá o outorgamento das bolsas o Concelleiro delegado da área de Deportes, logo da proposta da comisión de avaliación segundo os seguintes criterios:

1. Proxecto deportivo do ano 2018 (nivel, categoría e número de competicións): ata 35 puntos divididos en tres subcriterios:

*Nivel máx de competición: 11,68 puntos campionato do Mundo/Olímpico; 7,77 puntos campionato de Europa; 3,88 puntos campeonato internacional.

Categoría: 11,66 puntos senior; 7,77 puntos xuvenil/junior (previo a senior)/veterano; 3,88 puntos resto de categorías.

Número de probas: 11,66 puntos de asistencia a 10 o máis probas federadas; 7,77 puntos asistencia entre 5 e 9 probas federadas; 3,88 puntos asistencia a menos de 5 probas federadas.

2. Implantación e importancia da modalidade deportiva no eido nacional: ata 20 puntos. Tomarase como referencia o número de licencias federadas, de cada deporte, do ano 2017 según a publicación do Consejo Superior de Deportes. Ao deporte de maior implantación se lle outorgarán 20 puntos e o resto proporcionalmente.

3. Resultados obtidos na tempada anterior á da solicitude: ata 20 puntos, que se repartirán: 20 puntos por clasificacións entre os tres primeiros do campionato do Mundo/Olimpiada/Europeo; 15 puntos por clasificacións entre o 4º e 10º do campionato do Mundo/Olimpiada/Europeo; 12 puntos por clasificacións (finais) entre os tres primeiros en campionato/copa de España: 10 puntos por clasificacións entre os tres primeiros en probas de rango internacional; 5 puntos por clasificacións entre o 4º e 10º en campionatos de España.

4. Achega económica propia para o desenvolvemento do proxecto/competición: ata 20 puntos. Tomarase como referencia a aportación económica propia que debe facer cada deportista para cubrir o seu proxecto 2018. Ao deportista con maior aportación económica se lle outorgarán 20 puntos e ao resto proporcionalmente.

5. Outros méritos que valorará a comisión: ata 5 puntos. Valoráranse outros méritos non contemplados nos criterios anteriores como concesión de becas deportivas de outras administración, convocatorias selección, estar becado en centros de alto rendimento, etc..

VIII.-Obrigas do beneficiario.

1. Realizar o proxecto deportivo obxecto da bolsa, é dicir, ter competido, no ano da convocatoria, en eventos/probas deportivas de relevancia nacional ou internacional organizados ou recoñecidos polas respectivas federacións e sempre que este acceso sexa por selección, por clasificación directa en probas menores ou por acreditar unha marca mínima.

2. Sinalar a súa condición de bolseiro deste programa nas competicións ou actividades nas que participe, e facer constar de maneira visible o escudo e lenda 'Concello de Sada'.

3. Acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concede a axuda, coa presentación da documentación xustificativa (art. X).

4. Someterse ás actuacións de comprobación do concello e ás de control financeiro que lle corresponde á intervención municipal.

5. Comunicarlle ao Concello, tan pronto como se coñeza, a concesión doutras subvencións concorrentes por parte doutras administración ou entidades privadas para a mesma finalidades.

6. Participar en actividades ou campañas de difusión/promoción do deporte que poida realizar a Concellaría de Deportes. O incumprimento dalgunga destas obrigas poderase resolver coa suspensión do pagamento ou coa apertura do expediente de reintegro da subvención indebidamente percibida.

IX.-Notificación e publicidade da resolución.

A resolución da concesión das bolsas dictarase pola concelleira delegada de Deportes nun prazo máximo de tres meses dende a finalización do prazo de solicitude, e procederase a dar publicidade no taboleiro de anuncios e na páxina web do concello (www.concellodesada.com), así como á notificación informativa individual aos beneficiarios, nun prazo máximo dun mes dende a data da resolución.

X.-Xustificación e pagamento.

Os bolseiros deberán xustificar a realización do proxecto deportivo mediante a presentación, no rexistro de entrada, da seguinte documentación referida o ano 2018.

* Formulario de xustificación normalizado (anexo V).

* Memoria descritiva da tempada realizada e dos resultados obtidos.

* Certificación da federación deportiva correspondente, acreditativa da participación nas probas e da clasificación obtida, no que consten as datas e lugar da súa realización.

* Documentación acreditativa da publicidade do Concello de Sada nas competicións obxecto da convocatoria (fotos, prensa, vídeo...).

* Relación detallada das subvencións ou axudas obtidas doutras Administracións Públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto ou ben, declaración de non ter outras axudas ou subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto.

* Relación dos gastos da actividade, con identificación respecto a cada factura do emisor e número de documento, concepto, importe, data de emisión e data de pagamento.

En particular, terase en conta as seguintes regras:

1. Se considerarán gastos subvencionables aqueles que sen lugar a dúbidas respondan á natureza da actividade deportiva subvencionada.

2. Non se admitirán facturas de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outro produto considerado lesivo para a saúde.

3. Nas viaxes que se realicen por mor da actividade e competicións, admitiranse como gastos subvencionables os de desprazamento, aloxamento e os de alimentación.

4. Cando o gasto xustificativo se presente a través de liquidacións por indemnizacións en concepto de desprazamentos efectuados, deberá aportarse certificado federativo ou certificado do club, segundo o caso, acreditativo da relación entre as datas dos desprazamentos efectuados e as actividades deportivas ou competicións.

* Facturas orixinais ou copias debidamente compulsadas referidas a gastos efectuados no exercicio 2018. As facturas deberán especificar de forma detallada, o número e características dos servizos prestados ou do material adquirido, os prezos unitarios así coma calquera outra información que facilite a comprobación de que estes documentos se axustan ao obxecto da subvención. Non se admitirán como xustificante de gasto, as facturas nas que non se detallen os anteditos aspectos.

No momento da súa presentación, antes de facer a fotocopia, sobre o orixinal deberá extenderase dilixencia na que se faga constar que a factura foi utilizada como xustificante de gastos para a obtención dunha subvención do Concello de Sada.

Para aqueles deportistas que non cumpran na súa totalidade o proxecto deportivo por mor de lesión derivada da práctica deportiva, entenderase cumprida a finalidade básica da subvención, aboándose un máximo do 40% da subvención concedida, previa valoración da Concellería de Deportes.

O prazo de presentación da documentación da xustificación comezará a contar dende o día seguinte ao da publicación da concesión da bolsa, e rematará aos 10 días hábiles seguintes.

Vista a documentación xustificativa presentada, a Concellería de Deportes valorará se se cumpriu a finalidade da subvención e proporá a aprobación da xustificación presentada, o recoñecemento das obrigas correspondentes, así como a aprobación do pagamento mediante transferencia bancaria, ao concelleiro delegado da área de Economía, Facenda, que ditará resolución ao respecto. A renuncia á bolsa por forza maior, deberá comunicárselle ao concello tan pronto como se produza. O importe da bolsa concedida en ningún caso poderá ser de tal contía que en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións Públicas ou entidades privadas supere o custo da actividade. En tal caso reducirase a aportación municipal de forma proporcional.

XI.-Incorporación ao Rexistro público de subvencións e publicacións da subvención concedida.

En cumprimento do disposto no artigo 20.1 da Lei 38/2003 (LXS) e demais normativa de desenvolvemento, os datos da subvención concedida e a identificación da persoa beneficiaria, serán remitidas á Intervención Xeral do Estado, para que sexan incorporados á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), coa exclusiva finalidade prevista en dito precepto. Disposición adicional primeira . Para o non previsto nesta convocatoria será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o R.D. 887/2006 polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e as bases para a execución do orzamento xeral do Concello de Sada, e demais normativa aplicable.

DILIXENCIA.-Para facer constar que a presente convocatoria foi aprobada mediante Decreto da Alcaldía núm. 1702, de data 05/09/2018.

O secretario: Emilio Seijo Frías

Sada, 11/09/2018.

O alcalde

Óscar Benito Portela Fernández

FORMULARIO DE SOLICITUDE (ANEXO I)

BOLSAS PARA DEPORTISTAS DE NIVEL DO CONCELLO DE SADA - 2018

DATOS INTERESADO

Nome e apelidos: NIF:

Data de nacemento:

Enderezo: C.P:

Tlf: Enderezo-electrónico:

DATOS REPRESENTANTE LEGAL (no caso de que o solicitante sexa un menor de idade)

Nome e apelidos : NIF:

Data de nacemento:

Enderezo: C.P:

Tlf: Enderezo-electrónico:

Municipio:

DATOS DEPORTIVOS

Especialidade deportiva:

Licencia federativa 2018 n.º:

Categoría:

Clube ó que pertence:

Enderezo do clube:

Sada, _______ de ___________________ de 2018.

Asinado.

ALCALDE DO CONCELLO DE SADA

HISTORIAL DEPORTIVO 2017 (ANEXO II)

BOLSAS PARA DEPORTISTAS DE NIVEL DO CONCELLO DE SADA 2018

Competición

Categoría/nivel

Datas/lugar

Clasificación

Selo e V.º e prace da Federación deportiva.

PROXECTO DEPORTIVO 2018 (ANEXO III)

BOLSAS PARA DEPORTISTAS DE NIVEL DO CONCELLO DE SADA 2018

Competición

Data/lugar

Categoría

Nivel (aut, nac...)

ORZAMENTO ESTIMADO DO ANO 2018

GASTOS INGRESOS

Licenzas: Achega propia:

Materias: Achega club:

Desprazamentos: Achega Federación:

Outros: Bolsa Concello:

Outras bolsas:

Patrocinadores:

TOTAL: TOTAL:

Sada, de de 2018.

Asdo:

DECLARACIÓN RESPONSABLE (ANEXO IV)

BOLSAS PARA DEPORTISTAS DE NIVEL DO CONCELLO DE SADA 2018

Don/dona , con DNI

De conformidade con establecido nas bases para a convocatoria pública de bolsas de deportistas, durante o ano 2018, do Concello de Sada,

DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE

5. Estar ao corrente das miñas obrigas tributarias e coa seguridade social.

6. Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade para obter a condición de beneficiario de subvención (artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións)

Sada, de de 2018.

Asdo:

FORMULARIO DE XUSTIFICACIÓN (ANEXO V)

BOLSAS PARA DEPORTISTAS DE NIVEL DO CONCELLO DE SADA 2018

DATOS PERSOAIS:

Nome:

NIF:

Enderezo: CP:

Tlf. móbil: Tlf. fixo:

Correo-electrónico:

Achégolle a documentación xustificaba que acredita o cumprimento da finalidade para que se me concede a axuda, segundo establecido no apartado G.-das bases da presente convocatoria (BOP núm. ,

do de de 2018).

Sada, ___ de _____________ de 2018.

Asinado:

Sr. alcalde do Concello de Sada

2018/6667

Deporte
Deporte
Deportistas y técnicos
Promoción deportiva
Federaciones deportivas
Eventos
Prensa
Actividades deportivas