Bases convocatoria do III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego - Boletín Oficial de A Coruña de 19-03-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 19/03/2015 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A Xunta de Goberno da cidade de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 27 de febreiro de 2015 adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

'17.- PROPOSTA DA CONCELLEIRA DELEGADA DE CULTURA E PATRIMONIO RELATIVA Á CONVOCATORIA DO III CONCURSO DE PROXECTOS DE PUBLICIDADE COMERCIAL EN GALEGO.

.../

PROPOSTA DE BASES

O Concello de Santiago convoca o III CONCURSO DE PROXECTOS DE PUBLICIDADE COMERCIAL EN GALEGO co fin de promover o uso do galego na comunicación do sector socioeconómico compostelán e engadir valor e rendemento ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais do deseño e da aplicación da creatividade e da innovación aos soportes e ao seu contido.

A convocatoria e a resolución deste concurso de concorrencia competitiva rexerase polas seguintes bases:

1. O obxectivo do concurso é aumentar a presenza do galego na comunicación publicitaria ao recompensar o proxecto de campaña que resulte gañador cunha contía económica destinada á súa implementación.

2. Para participar no concurso será necesario presentar un proxecto orixinal dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial, un grupo formal ou informal de establecementos ou unha asociación do sector que forme parte do tecido socioecomómico compostelán, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución.

A inscrición do proxecto en condición de titular da solicitude de participación no concurso poderá realizala a empresa encargada de deseñalo ou aquela que sexa obxecto da publicidade. En calquera dos casos, os participantes deberán xestionar pola súa conta a execución do proxecto premiado e obter, para iso, os acordos necesarios entre ambas as partes.

Corre pola súa conta, asemade, garantir que se respectan as obrigas derivadas dos dereitos de autor de canto material poidan utilizar nos seus proxectos.

3. A participación no concurso formalizarase ao presentar no Rexistro Xeral do Concello antes do 30 de maio 2015 a seguinte documentación:

a) Folla de inscrición cos datos da persoa física ou xurídica titular da inscrición no concurso.

b) Documentación acreditativa e descritiva do establecemento ou grupo deles para os que se formula a proposta de campaña: titular, razón social, número ou código de identificación fiscal, enderezo, teléfono, correo electrónico e descrición breve sobre a actividade a que se dedica e/ou o tipo de produtos ou servizos que ofrece así como do(s) establecemento(s) situados en Compostela .

c) Documentación acreditativa e descritiva da persoa, física ou xurídica, que realiza a proposta técnica do deseño de campaña (deseñador, empresa de comunicación etc,). Deberá incluír os datos de identificación (nome, razón social, CIF ou NIF, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono) e un breve currículo no que dea conta da súa experiencia en traballos publicitarios, nomeadamente no ámbito comercial.

c) Proxecto que se presenta ao concurso. Deberá especificar os obxectivos que se pretenden conseguir, as accións que se realizarán para logralos e os recursos que se empregarán. O grao de detalle, os soportes empregados ou o tipo de mostras que se acheguen quedará a xuízo dos concursantes, que deben facilitar que xurado poida avaliar a calidade dos proxectos en todos os seus aspectos (deseño, produción, distribución...).

4. O xurado terá en conta, cando menos, os seguintes criterios avaliativos: calidade lingüística, aproveitamento de recursos idiomáticos, orixinalidade e innovación nos contidos e nos formatos, precisión na definición do target, viabilidade técnica e económica, adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos.

5. O xurado, entendido como órgano instrutor do procedemento de resolución do concurso, estará formado pola Concelleira de Normalización Lingüística, que o presidirá, un representante da Concellaría de Promoción Económica, tres profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación e un lingüista.

6. O ditame do xurado será elevado á Xunta de Goberno Local como órgano competente para resolver o concurso dentro do prazo dun mes contado desde a data en que remata o prazo de presentación dos traballos.

O acordo de resolución farase público polo procedemento que corresponde aos acordos que adopta a Xunta de Goberno Local e, así mesmo, notificarase aos interesados.

7. A dotación do premio será de 5.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 020 33402 48901 dos orzamentos municipais para o exercicio 2015.

A contía do premio estará sometida ao réxime fiscal que lle corresponde para os efectos da súa tributación, de acordo co disposto no artigo 75.2 apartado c) do Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O pagamento do premio farase en dúas partes.

A primeira, por importe dunha quinta parte, entregarase ao concursante gañador unha vez resolta a convocatoria sempre que o/a beneficiario/a acredite estar ao corrente nas súas obrigas tributarías e coa seguridade social e declare non estar incurso en ningún dos supostos de incompatibilidade ou incapacidade para percibir subvencións ou axudas públicas.

Do resto do premio farase entrega unha vez xustificada a execución da campaña. A xustificación deberá incluír a demostración das accións realizadas (memoria explicativa de todo o desenvolvemento do proxecto, incluída a avaliación do cumprimento dos obxectivos marcados, exemplares dos ítems editados, fotografías, vídeos, dossier de prensa etc.) e as certificacións que acrediten que o/a beneficiario/a se mantén ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social. Esta xustificación deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago antes do 30 de novembro de 2015.

8. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases en todo o seu contido.'

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2015

O ALCALDE,

ASDO/AGUSTÍN HERNÁNDEZ FERNÁNDEZ DE ROJAS

2015/2985

Comercio
Comercio y marketing
Innovación
Empresa
Cultura
Desarrollo económico
Normalización lingüística
Prensa