Bases da convocatoria do XI Premio 'Manuel Murguía' de Ensaio - Boletín Oficial de A Coruña de 22-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 22/03/2017 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

XI Premio Manuel Murguía de Ensaio

Asumindo a relevancia decisiva e a especial significación que, no seu tempo, tivo a figura e a obra de Manuel Murguía como intelectual preocupado polo estudo, a dignificación e a difusión da cultura e da historia de Galicia, convócase XI Premio Manuel Murguía de Ensaio, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira

Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, que non fosen premiadas nos cinco anos anteriores a este, e que presenten ensaios en lingua galega sobre Galicia, ou relacionados con ela, inéditos e non premiados en ningún outro premio ou certame.

Segunda

Establécese un premio único dotado con 6.500 € , que poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo. Neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

A Deputación publicará a/s obra/s premiada/s, directamente ou a través doutra editorial, reservándose durante un prazo de dezaoito meses, que se contarán dende a data da concesión do premio, os dereitos de editala/s. Ademais entregará á persoa/s gañadora/s trinta exemplares.

Terceira

Os traballos farán referencia a calquera aspecto de Galicia (lingua, cultura, sociedade, economía, historia, pensamento...).

A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na portada a seguinte inscrición: XI Premio Manuel Murguía , de Ensaio, o título da obra, o lema ou pseudónimo.

O tratamento de texto será Word, OpenOffice, PDF.

No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras, ademais deberán estar numerados, grampados ou encadernados.

A obra presentarase baixo o sistema de plica polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: o título da obra e o lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.

Cuarta

O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 15 de xullo de 2017.

As obras enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre XI Premio Manuel Murguía de Ensaio.

Quinta

O xurado estará presidido pola deputada-presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística e formarán parte del cinco persoas de recoñecido prestixio no eido da investigación e o pensamento histórico galego.

As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou funcionaria ou funcionario en quen delegar.

A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

Sexta

Os/as participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 da Lei 40/2015, de 1 de octubre, de Régimen Jurídico del Sector Público.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta á Presidencia da Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.

A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2017 e será comunicada a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación.

Se hai unha obra finalista, a plica correspondente poderá ser aberta pola persoa que exerza a secretaría do xurado co fin de que, se o seu autor ou autora o permite, poida darse a coñecer o seu nome.

Sétima

Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.

Oitava

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 14 de marzo de 2017.

O Presidente da Deputación

Valentín González Formoso

2017/2273

Cultura
Gallego
Normalización lingüística
Investigación