Bases da convocatoria do XII Premio Internacional 'Jesús Núñez' de Arte Gráfica - Boletín Oficial de A Coruña de 22-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 22/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

XII Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica

Na liña de apoio á creación artística que leva a cabo a Deputación da Coruña e, en concreto, ao desenvolvemento da arte gráfica, así como, en recoñecemento ao labor realizado pola Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos e á ampla traxectoria do artista Jesús Núñez, o seu fundador, a Deputación da Coruña convoca o XII Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira

Poderán optar ao premio todas as persoas maiores de idade, que non obtivesen o premio nos cinco anos anteriores a este, e que presenten obras coas que non participasen anteriormente en ningún outro concurso ou certame.

Segunda

Establécense os seguintes premios:

* Primeiro premio dotado con 6.500 € e unha exposición na Fundación CIEC.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan de aplicación.

* Dous accésits consistentes cada un deles nunha bolsa de matrícula dun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.

O premio poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo. Neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

Os traballos premiados quedarán en propiedade da Deputación da Coruña; así mesmo, as autoras ou autores das obras entregarán outro exemplar, igual aos premiados, á Fundación CIEC, con destino aos fondos da súa colección.

A Deputación poderá publicar ou expoñer os traballos premiados e, previo acordo coas súas autoras ou autores, poderá publicar ou expoñer, tamén, aqueles traballos que non fosen premiados e que o xurado considere de calidade.

As persoas cuxas obras sexan incluídas na exposición recibirán tres exemplares do catálogo.

Terceira

Cada artista poderá presentar un máximo dunha obra, en calquera das disciplinas das técnicas gráficas: gravado calcográfico, litografía, serigrafía, xilografía e as súas derivacións.

As obras presentaranse asinadas, sen enmarcar e ao dorso deberá figurar o nome e apelidos do/a autor/a, e o ano da súa realización.

As medidas do papel non excederán de 76 x 112 cm e o tamaño da mancha impresa será, como mínimo, de 28 x 28 cm. O grosor das obras non poderá superar 1 cm

A obra presentada virá acompañada da seguinte documentación:

* Datos do/a autor/a: nome e apelidos, NIF (ou documento que o substitúa, para artistas estranxeiros), lugar e data de nacemento, teléfono, correo electrónico.

* Currículo que non exceda dun tamaño DIN A4, por unha cara.

* Ficha técnica: título, técnica, data, tipo de papel, medida do papel (altura x base), medida da mancha (altura x base), número de matrices, número de tintas, tirada e taller de estampaxe.

Os datos persoais requiridos son considerados necesarios para o procesamento da participación no premio, e serán tratados de acordo coas medidas de seguridade establecidas pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Ademais pasarán a formar parte da base de datos da Área de Cultura da Deputación que será o único organismo que os poida utilizar.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán ser exercitados mediante o envío da correspondente comunicación, por correo postal ou electrónico á Deputación da Coruña, despois da decisión do premio.

Cuarta

O prazo de presentación de obras iniciará o día 1 de xuño de 2017 e finalizará o día 30 de xullo de 2017.

As obras enviaranse á Fundación CIEC, rúa do Castro 2, 15300 Betanzos, A Coruña, no sobre indicarase: XII Premio internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica.

Quinta

O xurado estará presidido pola deputada-presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística, e formarán parte del: don Jesús Núñez, e catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte gráfica, nomeadas por aquela.

As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou funcionaria ou funcionario en quen delegar

A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpoñer os recursos legais pertinentes.

Sexta

As persoas participantes teñen a obriga de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza; esta circunstancia dará lugar á súa exclusión deste concurso.

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 de la Ley 40/2015, de 1 de octubre, de Régimen Jurídico del Sector Público.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.

A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2017 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación.

O xurado poderá realizar unha selección (que será de 30 obras como máximo) entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición, que será inaugurada na Fundación CIEC e que, posteriormente, itinerará por municipios da provincia.

Sétima

As obras non seleccionadas, enviadas desde territorio nacional, devolveranse ás súas autoras ou autores, por mensaxería a portes debidos; os envíos procedentes do estranxeiro deberán vir achegados de cupóns resposta internacional de correos , que cubran a totalidade dos gastos de envío no seu envoltorio orixinal.

No caso de que algunha obra non se envíe cos cupóns sinalados no parágrafo anterior, entenderase que a súa autora ou autor renuncia á súa propiedade, debendo achegar, neste caso, un escrito asinado, por medio do que fará renuncia expresa á propiedade da obra e á súa cesión á Deputación

As obras que resulten seleccionadas para a exposición serán devoltas, nas condicións establecidas no parágrafo anterior, ao finalizar a súa itinerancia.

Oitava

A Deputación da Coruña correrá cos gastos dos seguros das obras durante o tempo no que permanezan no seu poder, e sempre que este non supere os prazos sinalados para a súa retirada.

A Deputación da Coruña e a Fundación CIEC non se fan responsables da deterioración, extravío, roubo, etc. que poidan sufrir no transporte as obras enviadas ao premio.

Novena

A participación nesta convocatoria supón, tanto a total aceptación destas bases como a autorización á Deputación para a inclusión das obras seleccionadas no catálogo da exposición.

A Coruña, 14 de marzo de 2017.

O Presidente da Deputación

Valentín González Formoso

2017/2275

Artes
Exposiciones
Tercera edad
Cultura
Normalización lingüística
Transporte