Bases da convocatoria do XIII Premio 'Luís Ksado' de Creación Fotográfica - Boletín Oficial de A Coruña de 22-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 22/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

XIII Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica

Tendo en conta a significación especial que, para a difusión das artes da imaxe e, especialmente da fotografía, posúe, dende hai tempo a nosa provincia e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativas neste campo como foi Luis Ksado, a Deputación da Coruña convoca o XIII Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, interesadas no campo da fotografía, que non fosen premiadas con este premio nos cinco anos anteriores e que presenten obras inéditas e non premiadas en ningún outro premio ou certame.

Segunda

Establécese un premio único dotado con 6.500 € , que poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo. Neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

A Deputación poderá publicar ou expoñer o/s traballo/s premiado/s, que quedará/n da súa propiedade; da mesma maneira e, despois do acordo co/s seus autores/as, poderá publicar ou expoñer aqueles traballos non premiados que sexan considerados de calidade.

Terceira

As fotografías deberán compoñer unha serie de un mínimo de seis e un máximo de doce, en formato de 30 x 40 cm. As copias deberán entregarse sen tipo ningún de montaxe ou enmarcado, en color ou branco e negro e inscribiranse no campo do fotodocumentalismo, fotoperiodismo ou reportaxe en xeral.

Non serán admitidas imaxes de montaxes, nin de manipulación dixital.

Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que se enviará un sobre á parte, en cuxo exterior conste: XIII Premio Luis Ksado, de Creación Fotográfica, o título da obra ou o seu lema, así como o pseudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída unha copia do documento de identidade, o enderezo, un teléfono de contacto, un correo electrónico, un breve currículo e unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio. Ademais conterá un escrito no que declare que ten a propiedade intelectual das imaxes presentadas e que autoriza á incorporación dos datos sinalados na base de datos da Área de Cultura da Deputación.

As fotografías deberán levar no dorso o título da serie, ou un lema, e o número de orde que teña cada unha delas dentro da serie.

Os datos persoais requiridos son considerados necesarios para o procesamento da participación no premio, e serán tratados de acordo coas medidas de seguridade establecidas pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Ademais pasarán a formar parte da base de datos da Área de Cultura da Deputación que será o único organismo que os poida utilizar.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán ser exercitados mediante o envío da correspondente comunicación, por correo postal ou electrónico á Deputación da Coruña, despois da decisión do premio.

Cuarta

O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 31 de xullo de 2017.

As obras enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre XII Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado .

Quinta

O xurado estará presidido pola deputada-presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística e formarán parte del cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da fotografía, nomeadas por ela.

As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou a funcionaria ou funcionario en quen delegar.

A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

Sexta

O/as participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 Lei 40/2015, de 1 de octubre, de Régimen Jurídico del Sector Público.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta á Presidencia da Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.

A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2017 e será dada a coñecer a través do taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación: www.dacoruna.gal.

O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición, que será itinerada por municipios da provincia; para esta exposición será editado o correspondente catálogo, do que se entregarán cinco exemplares a cada un dos autores presentes na exposición.

Neste caso, os autores ou autoras que resulten seleccionados recibirán (cada un deles ou delas) unha cantidade única de 300 € , en concepto de indemnización pola cesión temporal das coleccións.

Sétima

As obras non premiadas serán devoltas aos seus autores ou autoras, despois da decisión do premio. Para estes efectos ao día seguinte ao da publicación da decisión do xurado abriranse todas as plicas e devolveranse as coleccións non seleccionadas.

Oitava

A participación nesta convocatoria supón, tanto a total aceptación destas bases, como a autorización á Deputación para a inclusión das obras seleccionadas no catálogo da exposición.

A Coruña, 14 de marzo de 2017.

O Presidente da Deputación

Valentín González Formoso

2017/2271

Cultura
Artes
Tercera edad
Exposiciones
Normalización lingüística