Bases da convocatoria do XXIX Premio 'Torrente Ballester' de Narrativa en Lingua Galega - Boletín Oficial de A Coruña de 22-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 22/03/2017 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

XXIX Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega

Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas escritoras e escritores, e coa vontade de homenaxear o ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación Provincial da Coruña, convoca o XXIX Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira

Poderán optar ao premio todas aquelas persoas, que non o obtiveron nos cinco anos anteriores a este e que presenten obras inéditas, escritas en lingua galega, e non premiadas con anterioridade.

Segunda

Será outorgado un premio único, dotado con 25.000 € , que poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo. Neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

A Deputación publicará a/s obra/s premiada/s directamente, ou a través doutra editorial, reservándose durante un prazo de dezaoito meses, que se contarán dende a data da concesión do premio, os dereitos de editala/s. Ademais entregará á/s persoa/s gañadora/s trinta exemplares.

Terceira

As obras serán de tema e extensión libres, poderanse presentar novelas, relatos e conxuntos de relatos.

As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que incluirá na cuberta: XXIX Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega, título da obra e un lema ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; nun arquivo de tratamento de texto Word, OpenOffice ou PDF.

No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais serán enviados por duplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, polas dúas caras, numerados, grampados ou encadernados.

As obras presentaranse baixo o sistema de plica polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: XXIX Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega , o título da obra e un lema ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, breve relación de méritos e unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.

Ademais deberá achegar un escrito no que dea a súa conformidade á cesión dos dereitos de edición da obra (incluídos os de publicación, distribución e explotación) por un prazo de dezaoito meses desde a data de concesión do premio.

Cuarta

O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 10 de xuño de 2017.

Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre: XXIX Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega.

Quinta

Para a lectura da totalidade das obras presentadas, será nomeada unha comisión de preselección, que estará composta por persoas expertas no campo da literatura en lingua galega; esta comisión seleccionará as obras que, segundo o seu criterio, reúnan a calidade suficiente para que sexan valoradas polo xurado do premio.

A relación das obras seleccionadas será dada a coñecer a través da páxina web da Deputación www.dacoruna.gal.

Sexta

O xurado estará presidido pola deputada-presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística, e formarán parte del cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da narrativa en lingua galega, nomeadas por ela.

As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou funcionaria ou funcionario en quen delegar.

A composición do xurado será dada a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor os recursos legais pertinentes.

Sétima

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 de la Ley 40/2015, de 1 de octubre, de Régimen Jurídico del Sector Público.

As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta á Presidencia da Deputación, que é o órgano competente para conceder o premio.

A decisión do xurado terá lugar no último cuadrimestre de 2017 e será comunicada a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación www.dacoruna.gal.

Se hai unha obra finalista, a plica correspondente poderá ser aberta pola persoa que exerza a secretaría do xurado co fin de que, se o seu autor ou autora o permite, poida darse a coñecer o seu nome.

Oitava

Non se devolverán as obras presentadas non premiadas e a partir do día seguinte ao da decisión do xurado serán destruídas.

A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte das persoas que participen na convocatoria, que ademais teñen a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso.

A Coruña, 14 de marzo de 2017.

O Presidente da Deputación

Valentín González Formoso

2017/2277

Gallego
Lectura
Literatura
Normalización lingüística
Cultura