Bases de convocatoria pública de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro 2016 - Boletín Oficial de A Coruña de 06-10-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 06/10/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Administraciones públicas, Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A Corporación municipal en Pleno, en sesión ordinaria de data 28/09/2016, aprobou as bases da convocatoria pública de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro 2016.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, a través da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

A continuación, transcríbese integramente o texto das citadas bases, así como os modelos normalizados de solicitude, xustificación e cartel demostrativo da difusión da contribución do concello ás actividades:

'BASES CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS A ENTIDADES SEN FIN DE LUCRO 2016

Disposición xeral

Estas bases teñen por obxecto establecer os criterios e o procedemento para a concesión de subvencións municipais, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade para contribuir ao fomento de servizos e actividades que complementen ou suplan aos atribuídos á competencia municipal ou que, en xeral, contribúan ao fomento dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños do municipio.

A.-Obxecto da subvención

O obxecto da presente convocatoria é apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento de actividades culturais, deportivas, educativas, e festivas, así como na dotación de equipamentos que lles resultan necesarios, mediante a concesión de axudas económicas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do orzamento de 2016.

1. 326 48901 'ANPAS Centros Escolares'.-Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para realizar actividades de promoción educativa, culturais e deportivas nos centros de educación do Concello. Consignación 8.000,00 €

2. 334 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. promoción cultural'.-Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para realizar actividades culturais. Consignación 25.000,00 €.

3. 341 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. promoción Deporte'.-Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para realizar actividades deportivas. Consignación 22.000,00 €.

4. 341 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. promoción Deporte'.-Transferencias correntes a entidades deportivas para realizar transportes a competicións ou torneos de carácter deportivo fóra da comunidade autónoma de Galicia. Consignación 6.000,00 €.

5. 334 78000 'Subv. capital promoción cultural'.-Transferencia de capital a entidades culturais sen fin de lucro para investimentos en equipamento e/ou infraestrutura. Consignación 4.000,00 €.

6. 341 78000 'Subv. capital fomento Deporte'.-Transferencia de capital a entidades deportivas sen fin de lucro para investimentos en equipamento e/ou infraestrutura deportiva. Consignación 7.000,00 €.

7. 338 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. festejos populares'.-Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para a organización de festas parroquiais e outras actividades de interese xeral ou sectorial. Consignación 50.000,00 €.

Con esta convocatoria o Concello de Cambre apoia a realización de actividades de distinta índole, deportivas, culturais, lúdicas... que contribúan a un maior benestar xeral, fomenten a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación e cuxos destinatarios sexan maioritariamente de ámbito municipal. En ningún caso serán subvencionables as actividades que se organicen conxuntamente co Concello ou nos que colabore de forma económica.

B.-Beneficiarios

Poderán optar a estas subvencións as entidades ou asociacións xuridicamente constituídas e inscritas no rexistro municipal de entidades veciñais do Concello, os comités veciñais e as ANPAS e centros educativos do Concello de Cambre, que cumpran os seguintes requisitos:

1.-Carecer de fins de lucro.

2.-Desenvolver a súa actividade dentro do termo municipal de Cambre.

3.-Non ter pendente de xustificar a subvención municipal concedida no exercicio anterior, e no caso de que así fose, ter concedida unha prórroga ou ter desistido de forma motivada e por escrito.

4.-Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

5.-Ter un mínimo de 15 socios (agás as entidades que pola súa natureza non lles sexa de aplicación).

6.-Ter actualizados os datos no antedito Rexistro municipal, tendo en conta que toda modificación deberá comunicarse no mes seguinte ao seu acontecemento; e o orzamento e o programa anual de actividades comunicaranse no mes de xaneiro de cada ano, ou realizado no prazo de presentación da solicitude de subvención.

7.-Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para obter a condición de beneficiario de subvencións (artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

C.-Documentación

As solicitudes de subvención presentaranse no rexistro de entrada do Concello, no modelo normalizado que se facilitará neste mesmo rexistro ou nas seccións de Cultura e Deportes, e no que constará:

1.-Memoria explicativa de cada actividade ou investimento a realizar no exercicio 2016, e para a que se solicita a subvención e no que se fará constar, de forma cuantificada os obxectivos que se han de acadar con estas actividades, con mención especial ao número de beneficiarios/participantes, número de actividades, días e horario nos que se desenvolverán.

No suposto de que a actividade para a que se solicite a subvención se realice conxuntamente con outras entidades, deberá facerse mención expresa de isto na memoria.

Acreditación da publicidade e difusión dada á actividade para a que se solicita a subvención no municipio.

2.-No suposto de investimento en inmobles deberá acreditar calquera destas condicións:

- A titularidade do inmoble se a entidade é a propietaria.

- A autorización e cesión do uso do inmoble, por parte dos propietarios a prol da entidade sen fin de lucro, cunha duración mínima de cinco anos a contar dende o ano 2016.

- Ou a autorización para facer o investimento, cando os propietarios sexan entidades de carácter social ou relixioso, ou no caso de inmoble municipal do órgano municipal competente.

3.-Orzamento de gastos e forma de financiamento previsto, na que se fará mención especifica ao importe da subvención solicitada ao Concello, e as solicitudes ou concesións doutras subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas para o mesmo fin.

4.-Os comités veciñais presentarán, ademais, a acta fundacional coa relación dos seus compoñentes, unha fotocopia do CIF solicitado para o efecto e certificación da conta bancaria aberta para a finalidade.

5.-Autorización para recadar datos da Axencia Tributaria de estar ao corrente das súas obrigas tributarias.

6.-Declaración de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

O departamento correspondente revisará os expedientes de solicitude e verificará que conteñan a documentación esixida. Se resultase que a documentación está incompleta ou defectuosa, requiriráselle ao solicitante para que no prazo de DEZ días a partir do día seguinte á data de notificación, achegue a documentación necesaria ou corrixa os defectos observados, facéndolle saber que, no caso de incumprimento, entenderase que desiste da súa solicitude.

D.-Prazo de solicitude

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto da convocatoria.

E.-Importe

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal cantidade que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, e dos ingresos propios para o mesmo obxecto supere o custo total da actividade que vai ser realizada polo beneficiario.

Con carácter xeral, o importe da subvención municipal a conceder será como máximo do 80% do custo total da actividade, sen prexuízo de que o Concello poida variar esta porcentaxe en función do interese da actividade subvencionada, xustificándoo debidamente no expediente, polo órgano xestor da subvención.

En todo caso, o importe máximo a subvencionar por solicitante será:

1. De 6.000,00 € para o obxecto relacionado co epígrafe 338 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. festejos populares', Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para a organización de festas parroquiais e outras actividades de interese xeral ou sectorial.

2. De 1.500,00 € para o obxecto relacionado co epígrafe 341 48900 'Subv. sin fin lucro libre conc. promoción Deporte'.-Transferencias correntes a entidades deportivas para realizar transportes a competicións ou torneos de carácter deportivo fóra da comunidade autónoma de Galicia.

3. De 3.000,00 € para os demais obxectos da convocatoria.

Establécese un coeficiente de financiamento do 80%, e así, o importe que se ha de xustificar para poder cobrar a totalidade da subvención concedida será o resultado de dividir o importe desta subvención por 0,80.

F.-Concesión das subvencións

1.-Previamente á concesión, comprobarase de oficio que as entidades solicitantes non teñen débedas tributarias pendentes.

2.-Tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, e resolverá o outorgamento das subvencións o Alcalde ou, en caso de delegación, os concelleiros das áreas correspondentes, logo da proposta da Comisión de Avaliación.

A Comisión de Avaliación estará formada por:

Presidente: Alcalde ou persoa en quen delegue

Secretaria: Secretaria xeral ou funcionario en quen delegue

Vogais:

Interventor ou funcionario en quen delegue

Concelleira delegada da Área de Igualdade, Terceira Idade, Voluntariado e Educación

Concelleiro delegado da Área de Cultura, Tradicións Populares e Deportes

Persoal da área de Cultura, Educación e Deportes

G.-Criterios de avaliación

Os criterios para a concesión das axudas serán os seguintes:

1.-Representatividade no municipio, gozando de especial preferencia aquelas entidades que colaboraron, durante o 2016, en actos/actividades organizadas polo Concello de Cambre. (30 puntos).

2.-Número de actividades/competicións, participantes/ beneficiarios empadroados no Concello e horas de actividade, así como o interese xeral ou sectorial da actividade. (25 puntos).

3.-Capacidade económica autónoma e no que se distinguirá (ata 20 puntos):

A porcentaxe do proxecto subvencionada por este concello durante o 2015.x

A porcentaxe que supón o importe solicitado ao Concello de Cambre para o proxecto do 2016.x

A porcentaxe que supoñen outros ingresos en concepto de achegas realizadas por patrocinadores privados e cotas de socios/participantes.x

4.-Carácter periódico ou permanente das actividades subvencionadas excepto que se trate de actos concretos e de carácter puntual que inciten á participación social, cultural ou deportiva (10 puntos).

5- Actividades nas que se acredite a participación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. (10 puntos).

6.-Organización de actividades, obxecto desta subvención, que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar (5 puntos).

H.-Obrigas do beneficiario

As entidades subvencionadas terán que:

1.-Realizar a actividade ou adquirir os equipamentos para o que se outorgou a subvención.

2.-Acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concede a subvención, coa presentación en prazo da documentación xustificativa prevista na base K.

3.-Someterse ás actuacións de comprobación do Concello e ás de control financeiro que corresponde á Intervención municipal.

4.-Comunicarlle ao Concello, tan pronto como teñan coñecemento, a concesión doutras subvencións concorrentes por parte doutras administracións ou entidades privadas para a mesma finalidade.

5.-Sinalar na difusión que se faga das actividades que contan co financiamento do Concello coa expresión 'subvenciona Concello de Cambre'. A lingua que se empregará nos distintos soportes de difusión da actividade será o galego. A publicidade de que a actividade da entidade conta coa subvención do Concello, deberá constar sempre nas sedes das entidades respectivas en lugar visible, durante un período dun ano contado dende o día seguinte ao de data de notificación da subvención concedida, e en todo caso no lugar onde se desenvolva a actividade subvencionada, segundo o modelo do cartel que se aproba xunto coas seguintes bases. En caso de que se subvencionen investimentos en bens inmobles o cartel deberá constar en lugar visible no inmoble respectivo durante un período dun ano. No caso de que a entidade teña web propia deberá facer constar na mesma a colaboración económica do Concello ao publicitar as actividades.

6.-Asumir todas as responsabilidades legais e civís das actividades que se realizan.

7.-Cumprir con calquera outra obriga reflectida no artigo 14 da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O incumprimento dalgunha destas obrigas poderase resolver coa suspensión do pagamento da subvención ou coa apertura do expediente de reintegro da subvención indebidamente percibida.

I.-Notificación e publicidade da resolución

A resolución da concesión de subvencións será notificada a todos os solicitantes de forma fidedigna, nun prazo máximo de tres meses dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A relación de subvencións concedidas baixo esta convocatoria, publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na web oficial do Concello de Cambre (http://www.cambre.org) con expresión da convocatoria, beneficiarios e achegas percibidas, nun prazo máximo dun mes a partir da data de resolución do programa.

Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderanse formular os recursos que procedan.

K.-Xustificación

K.1. Documentación xustificativa

Os peticionarios deberán xustificar a realización da actividade ou proxecto subvencionado mediante a presentación no rexistro de entrada do Concello, do modelo normalizado de xustificación que conterá:

1.-A memoria xustificativa do programa realizado que avalíe os resultados, e que terá os seguintes contidos:

o Certificación da realización do programa/investimento

o Localización e influencia territorial das actividades

o Número de actividades realizadas, días da súa realización e usuarios das mesmas.

o Valoración dos obxectivos propostos e resultados obtidos.

o Desviacións respecto das previsións iniciais.

2.-Acreditación da publicidade da subvención concedida, mediante a presentación de:

o Fotografía do Cartel en modelo normalizado colocado en lugar visible na sede da entidade, ou lugar que se estableza no apartado H.-5 das bases, demostrativo de que se efectúa a difusión da subvención concedida, tal e como se esixe nas presentes Bases.

o Tríptico ou similar, no que se divulgue e promocione a actividade/ investimento e no que debe figurar o Concello de Cambre como entidade subvencionadora tal e como se refire o apartado H-5 das bases. En caso de non terse editado ningún material publicitario, deberá indicarse este extremo.

3.-Relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor, dos conceptos de gasto e dos tipos de documentos (número de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión e de pagamento).

Admitiranse xustificantes correspondentes a actividades ou investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016.

Dita relación deberá comprender todos os gastos realizados polo beneficiario para o desenvolvemento da actividade, ainda que o seu concepto non sexa subvencionado polo Concello, para os efectos de comprobar que o gasto realizado non é inferior aos ingresos percibidos e imputables ao obxecto a subvencionar.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións Públicas ou entidades privadas, cotas da actividade e demais ingreso propios imputables, supere o custo da actividade. En tal caso reducirase a aportación municipal de forma proporcional.

4.-Facturas orixinais ou copias debidamente compulsadas, ou documentos validos para acreditar o gasto, acompañadas de certificado da entidade, acreditativa de que os documentos presentados son os orixinais dos que dispón a entidade.

As facturas deberán especificar de forma detallada, o número e características dos servizos prestados ou do material adquirido, os prezos unitarios así como calquera outra información que facilite a comprobación de que estes documentos se axustan ao obxecto da subvención. Non se admitirán como xustificante de gasto, as facturas nas que non se detallen os anteditos aspectos.

a) As subvencións que teñan por finalidade a realización de actividades de calquera natureza, que xeren gastos de persoal, xustificaranse mediante nóminas, e os demais gastos correntes coas correspondentes facturas ou, en ambos os dous casos, coas súas fotocopias debidamente compulsadas.

b) As subvencións que teñan por finalidade a realización de investimentos en bens de equipo xustificaranse coa factura orixinal ou fotocopia debidamente compulsada dos provedores.

c) As subvencións que teñan por finalidade a realización de obras xustificaranse, coas facturas orixinais ou fotocopias compulsadas que expida o contratista e coa certificación asinada por un técnico colexiado competente no caso de obras de importe superior a 30.000,00 €.

Deberá estenderse no orixinal da factura unha dilixencia na que se faga constar que a factura foi utilizada como xustificante de gasto para a obtención dunha subvención por parte do Concello de Cambre. No caso de presentar fotocopias, deberá estenderse a dilixencia antes de facer a copia.

5.-Declaración da totalidade das axudas públicas ou privadas solicitadas, e das concedidas durante o ano 2016 para o mesmo obxecto, así como dos ingresos propios afectados á actividade ou investimento subvencionado ou pola contra, declaración de non ter outras axudas para o mesmo obxecto.

6.-Declaración dos ingresos propios obtidos e afectados á actividade ou investimento subvencionado.

7.-Documento de datos fiscais da entidade actualizados, tales como denominación completa, CIF, domicilio social e número de conta para os efectos do pagamento da subvención, debidamente asinado polo presidente e o tesoureiro da entidade.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección. Pasado o dito prazo arquivarase a solicitude e non terá dereito a reclamación.

O Concello de Cambre poderá requirir da entidade beneficiaria a documentación que estime pertinente para os efectos de comprobar o cumprimento da finalidade da subvención.

K.2. Prazo de xustificación

O prazo de xustificación comeza a contar dende o día seguinte á comunicación da concesión da subvención, e rematará o 28 de febreiro de 2017. Este prazo poderá prorrogarse ata un máximo de quince días máis por pedimento do solicitante ou por proposta razoada da unidade xestora.

De non presentar a xustificación dentro do prazo establecido nestas bases ou na prórroga autorizada, ou non desistir de forma motivada e por escrito dentro do mesmo prazo, entenderase que renuncia á subvención concedida.

Estes prazos, así como o de presentación de solicitudes, entenderanse sen prexuízo do prazo de dez días, que se concederá no caso de presentación de documentación incompleta ou defectuosa para a súa rectificación.

K.3. Gastos subvencionables

1.-Considéranse gastos subvencionables aqueles que sen lugar a dúbidas respondan á natureza da actividade subvencionada, teñan relación directa co obxecto que se subvenciona, se axusten aos conceptos relacionados na solicitude, e se realicen dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2016.

En particular teranse en conta as seguintes regras:

a) Non se admitirán facturas de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outro produto considerado lesivo para a saúde.

b) Nas viaxes culturais, poderán xustificarse gastos de desprazamento e aloxamento, pero nunca de alimentación, debendo constar desagregados ditos conceptos nas facturas que se presenten como xustificante de gasto.

c) En xeral, non se admitirán como gastos as facturas relativas a alimentos e bebidas, agás os produtos típicos das celebracións tradicionais de Nadal, Entroido, Magosto, Primavera, San Xoán, e Romarías tradicionais históricas.

d) O importe que se xustifique en concepto de gastos correntes de administración xeral (alugueres, pólizas de seguros, luz, gas, auga, teléfono, consumibles de oficina, etc.) non poderá superar o 20% do importe total do presuposto a xustificar, e debe xustificarse a súa relación directa co obxecto subvencionado.

e) Non se admitiran como gasto aqueles que correspondan a atencións protocolarias.

f) En ningún caso se admitirán como xustificante de gastos as cantidades satisfeitas ao Concello en concepto de tributos municipais, como é o caso das taxas por utilización das súas instalacións deportivas, nin en concepto de prezos públicos.

g) En ningún caso se admitirán como xustificante de gastos os relativos á celebración das festas de fin de curso nos centros escolares.

h) Os gastos que se xustifiquen mediante 'liquidación de indemnizacións en concepto de desprazamento' deberán axuntar documentación complementaria que acredite que as liquidacións se corresponden coa actividade subvencionada (trípticos, calendarios de actividades/ competicións, certificacións de asistencia...). Nas liquidacións deberán constar obrigatoriamente os seguintes datos: as datas do/s desprazamentos e os quilómetros percorridos, o lugar de inicio e destino de cada un dos desprazamentos, así como o motivo do desprazamento.

2.-Cando o importe do gasto subvencionable supere a cantidade de 12.000,00 € na subministración de bens de equipo ou servizos de asistencia técnica, ou 30.000,00 € en obras de infraestrutura e equipamento, a entidade deberá solicitar como mínimo tres orzamentos de diferentes provedores (salvo que polas características do gasto non exista mercado suficiente ou salvo que o gasto se realizase antes da solicitude de subvención), debendo xustificarse expresamente cando non recaia na empresa máis vantaxosa.

L.-Pagamento da subvención

Vista a documentación xustificativa presentada, logo do informe-proposta das Áreas de Cultura, Educación e Deportes e do informe de fiscalización da intervención municipal, o órgano competente valorará se se cumpríu a finalidade básica obxecto da subvención e, neste caso, aprobará os xustificantes presentados, correspondéndolle ao Alcalde, ou concelleiro competente en caso de delegación, o recoñecemento das obrigas correspondentes, así como a aprobación do pagamento mediante transferencia bancaria.

O importe que se ha de xustificar para poder cobrar a totalidade da subvención concedida será o resultado de dividir o importe desta subvención por 0,80.

1.-No suposto de presentar a totalidade da documentación xustificativa, que se certifique o cumprimento dos obxectivos con respecto ás previsións iniciais, e se xustifique o 100% do importe que se ha de xustificar, aboarase a totalidade da subvención.

2.-No caso de que se xustifique gasto inferior ao 100% e, polo menos do 45% do importe que se ha de xustificar, aboarase a parte proporcional da subvención.

3.-No caso de que se xustifique gasto inferior ao 45% do importe que se ha de xustificar, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa subsanación. Pasado o dito prazo arquivarase a solicitude e non terá dereito á reclamación.

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.

Excepcionalmente, e unha vez comunicada a concesión das subvencións, as entidades que sexan beneficiarias dunha subvención, poderán presentar unha solicitude razoada de anticipo do importe concedido, no Rexistro Xeral deste Concello. A aprobación dos anticipos realizarase por resolución de Alcaldía ou Concellería delegada, e estará condicionada a:

a) Informe xustificativo emitido polo responsable do servizo

b) Proposta do concelleiro delegado da área que corresponda

c) Constitución dunha garantía por importe do anticipo a favor do Concello de Cambre

M.-Incorporación ao Rexistro público de subvencións e publicación da subvencion concedida

En cumprimento do disposto no artigo 20.1 da Lei 38/2003 (LXS) e demais normativa de desenvolvemento, os datos da subvención concedida e a identificación da persoa beneficiaria, serán remitidas á Intervención Xeral do Estado, para que sexan incorporados á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), coa exclusiva finalidade prevista en dito precepto.

Disposición adicional primeira

Para o non previsto nesta convocatoria será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o R.D. 887/2006 polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e as bases para a execución do orzamento xeral do Concello de Cambre, e demais normativa aplicable.'

O alcalde

Óscar A. García Patiño

FORMULARIO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN MUNICIPAL 2016

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

2016/8191

Deporte
Educación
Fiestas Populares
Cultura
Clubes y entidades deportivas
Deporte
Actividad cultural
Promoción cultural
Ampas
Transporte
Transporte y vehículos
Actividades deportivas
Actividades de servicios sociales
Cultura e idiomas
Tercera edad
Voluntariado
Inclusión social
Realización de obras
Empresa
Escuelas