Bases da convocatoria de subvencións destinadas a promoción e o fomento de deporte escolar no concello de Carballo para o curso 2017/18 - Boletín Oficial de A Coruña de 17-10-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 17/10/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno local en sesión ordinaria do 9 de outubro de 2017 aprobou as bases da convocatoria de subvención destinadas á promoción e o fomento do deporte escolar no concello de Carballo durante o curso 2017/2018.

Ordéase a publicación íntegra de ditas bases reguladoras, no Boletín Oficial da Provincia, para xeral coñecemento.

Bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas á promoción e o fomento do deporte escolar no Concello de Carballo durante o curso 2017/2018: Financiamento de proxectos de escolas deportivas de base en horario extraescolar nos centros de ensino dirixidas a nenos e nenas que cursan educación infantil e primaria (EDBEIP).

1. LIÑAS XERAIS

O Concello de Carballo recoñece as funcións do deporte como elemento fundamental na formación integral e mellora da calidade de vida do cidadán e como favorecedor da cohesión social, considerando de interese a actividade deportiva efectuada no ámbito do deporte escolar.

Consecuentemente é necesario destinar recursos económicos á actividade de fomento, para a concesión de axudas económicas destinadas á promoción da actividade deportiva no ámbito do deporte escolar polas entidades privadas sen ánimo de lucro, que lles faciliten a consecución dos seus obxectivos, e indirectamente os do Concello de Carballo no ámbito deportivo.

2. NORMATIVA APLICABLE

En conformidade cas competencias atribuidas a este Concello polo artigo 25.2 apartado I) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e en aplicación do artigo 23 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e o artigo 8 da Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, convócanse subvencións destinadas á promoción e o fomento do deporte escolar no Concello de Carballo durante o curso 2017/2018.

A presente convocatoria rexerase pola Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Carballo.

3. FINALIDADE E OBXECTO

3.1. A presente convocatoria de subvencións ten por obxecto a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas a ANPAs, seccións deportivas de ANPAs e agrupacións deportivas escolares de centros educativos sostidos con fondos públicos para facilitar a práctica deportiva en idade escolar mediante o financiamento de proxectos de Escolas Deportivas en horario extraescolar nos centros de ensino e dirixidas aos nenos e nenas que cursan educación infantil e primaria, durante o curso escolar 2017/18 (de outubro de 2017 a maio de 2018 incluídos).

3.2. Únicamente se financiarán actividades de Deporte Escolar , definido como unha práctica que garanta o coñecemento básico de diversas modalidades deportivas, co fin de favorecer o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, en contraposición á consecución de resultados deportivos e ó Deporte Federado .

4. CRÉDITO ORZAMENTARIO

O importe total destinado á concesion destas subvencións é de TRINTA MIL EUROS (30.000,00 € ) gasto imputable á aplicación 3410/4890000 Subvencións fomento deporte non nominativas do Orzamento Municipal, coa seguinte distribución por anualidades: 2017: 10.000,00 euros(Nº RC 201700028184 de 5/10/17, ref, intervención 17.17.RC00261) e 2018: 20.000,00 euros. O Concello de Carballo comprométese a consignar o crédito suficiente no orzamento municipal do 2018.

5. IMPORTE DA SUBVENCIÓN.

5.1. Debido ó interese das actividades a subvencionar, o importe da subvención solicitada poderá acadar o 100% do orzamento de gastos, se ben en ningún caso a suma do autofinanciamento co financiamento obtido a través das presentes subvencións do Concello de Carballo e outros financiamentos públicos e privados se os houbera, poderá superar o custo total da actividade, en cuio caso poderá dar lugar ó prorrateo da subvención concedida. PROVINCIA DA E A CORUÑA

5.2. En ningún caso, o importe da subvención concedida dividido polo nº de sesións de actividade a celebrarse poderá exceder de 12 euros, e de producirse tal feito diminuirase o importe concedido ata axustalo a esta condición en base ó número de sesións proxectadas, ou no seu caso, unha vez comprobado o número de sesións realizadas, á vista da documentación xustificativa.

5.3. Do mesmo xeito, en ningún caso un único solicitante poderá obter unha subvención superior ó trinta por cento do importe do crédito orzamentario total da convocatoria.

6. EXCLUSIÓNS.

Quedan excluídas da presente convocatoria as seguintes actividades e investimentos:

6.1. As actividades que aínda sendo de carácter deportivo non están vinculadas a un centro de ensino mediante a obtención do acordo do centro de ensino ao cal a ANPA, sección deportiva da ANPA ou a agrupación deportiva escolar están vinculados, a través da aprobación final no Consello Escolar do proxecto e inclusión no PXA ou no seu defecto compromiso de someter dito acordo ó consello escolar máis próximo á presentación da solicitude, asinado polo director do centro.

6.2. As actividades deportivas enfocadas e/ou vinculadas á participación e consecución de obxectivos e resultados deportivos en competicións de carácter federado.

7. GASTOS SUBVENCIONABLES

7.1. Son gastos subvencionables os que de maneira indubidable respondan à natureza da actividade subvencionada, se realicen no período de realización das actividades, e sexan efectivamente pagados con anterioridade ó remate do prazo de xustificación.

7.2. As axudas económicas concedidas poderán destinarse ós conceptos ou gastos correntes que se especificaron na solicitude, directamente vencellados coa realizacion da actividade e que poden ser, entre outros:

a. Retribucións e gastos de persoal afecto à actividade.

b. Gastos de material non inventariable específico da actividade.

c. Seguros de accidentes ou responsabilidade civil afectos à actividade.

d. Gastos de funcionamento, que se especifiquen motivadamente no orzamento e cun límite do 20% dos gastos directos da actividade a desenvolver.

7.3. Os seguines gastos, cando se motiven nos proxectos a subvencionar e o Servizo de Deportes do Concello de Carballo considere que gardan vinculación directa ca actividade, e son necesarios para a realización da mesma:

a. Gastos derivados de atencións protocolarias.

b. Os gastos de transporte e de desprazamentos en vehículo propio, e os de aloxamento e manutención que esten directamente vinculados á realización das actividades subvencionadas.

c. Os gastos de material inventariable se o Servizo de Deportes do Concello considera que son imprescindibles para a realización dos proxectos de actividades subvencionados.

7.4. Non serán obxecto de subvención: Os gastos e pagos realizados fóra dos prazos de execución do proxecto e de xustificación, respectivamente; e con carácter xeral, os gastos de inversión.

8. ENTIDADES SOLICITANTES

8.1. Poderán concorrer á presente convocatoria de subvencións as ANPAs, seccións deportivas das ANPAs e agrupacións deportivas escolares vinculadas ós centros de ensino de educación infantil e primaria sostidos con fondos públicos, e que cumpran cos requisitos e obrigas establecidas nas presentes bases.

8.2. Admitirase un único proxecto conxunto por centro, precisando do requisito definido na cláusula 10. 1, entre outros. No caso de solicitarse axudas para maior número de proxectos que cumpran os requisitos esixidos para un centro de ensino, tan só obterá axuda un deles, que será o que na concurrencia segundo os criterios de valoración definidos na cláusula 13 obteña a maior puntuación.

9. OBRIGAS DAS ENTIDADES

9.1. Obrigas das entidades solicitantes:

a. Carecer de fins de lucro

b. Ter a sede social e o domicilio fiscal no Concello de Carballo.

c. Desenvolver a súa actividade dentro do ámbito municipal.

d. Estar viculadas ós centros de ensino de educación infantil e primaria sostidos con fondos públicos do termo municipal ou no seu defecto cunha porcentaxe maioritaria do alumnado do centro empadroado no Concello de Carballo. Nestes casos entenderase que a actividade é desenvolta no ámbito municipal.

e. Non ter pendente de xustificar ningunha subvención ou axuda económica co Concello.

f. Estar inscritas no rexistro municipal de asociacións.

g. Estar ao corrente das súas obrigas coa facenda pública, co Concello de Carballo e coa Tesourería da Seguridade Social.

h. Non estar incursas nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública previstas no art. 13 da Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro.

9.2. Obrigas das entidades beneficiarias:

a. Realizar o proxecto deportivo subvencionado e acreditar o seu cumprimento mediante a presentación da documentacion xustificativa prevista no punto 13.

b. Facer constar a colaboración do Concello de Carballo en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se fixera das actividades subvencionados, e na súa páxina web, do xeito seguinte: Utilización do anagrama Carballo Deporte e Concello de Carballo .

c. As publicacións, carteis, a publicidade e toda a producción das actividades deberán estar en lingua galega, conforme ó estabelecido na Ordenanza para o impulso social da língua galega do Concello de Carballo.

d. Someterse ás actuacións de comprobación do Concello e ás de control financeiro que corresponde á Intervención municipal.

e. Cumplir con calquera outra obriga reflectida no artigo 14 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

10. REQUISITOS TÉCNICOS DOS PROXECTOS A SUBVENCIONAR.

Os proxectos a subvencionar deben cumprir as seguintes condicións con carácter de requisitos:

10.1. Obter o acordo do centro de ensino ao cal a ANPA, sección deportiva da ANPA ou a agrupación deportiva escolar están vinculados, segundo o definido na cláusula 6.1.

10.2. Lugar de celebración: As actividades desenvólvense nas propias instalacións do centro educativo vinculado ao que se adscriben a ANPA ou a entidade organizadores, para o cal o centro educativo comprometerá o uso do espazo deportivo necesario ás mesmas, e nas instalacións municpais que o Concello de Carballo poida ceder no seu caso para a execución do proxecto.

No caso de actividades que polas súas especiais características requiran de instalación específica ou de realización no medio natural, poderá sera autorizada polo Concello de Carballo a súa realización nas mesmas, visto o informe do Servizo de Deportes, e previa solicitude motivada.

10.3. Sempre se levarán a cabo en horario non lectivo dos días lectivos do período que abrangue de outubro a maio.

10.4. Os grupos estarán conformados por un nº mínimo de 12 alumnos e un máximo de 25 do centro educativo vinculado, a oferta será organizada por grupos de alumnos/as correspondentes unicamente a un mesmo ciclo educativo de educación primaria, ou á educación infantil.

10.5. Celebraranse un máximo de dúas sesións semanais de entre cuarentaecinco e sesenta minutos de duración, por escola deportiva.

10.6. Os organizadores poderán cobrar ao usuario un prezo, ca condición de que a suma do autofinanciamento co financiamento obtido a través das presentes subvencións do Concello de Carballo e outros financiamentos públicos e privados se os houbera, non supere o custe total da actividade.

10.7. Os servizos e/ou monitores da EDBEIP, serán remunerados pola ANPA ou entidade organizadora, na forma que legalmente está establecida, de quen dependerán.

10.8. Os monitores deberán atoparse na posesión dalgunha das seguintes titulacións: Técnico Deportivo Nivel I ou equivalente, Técnico Deportivo Nivel II, Técnico Deportivo Superior, TSAAFD, Diplomado Mestre especialista en EF, Licenciado ou Grao en CC da Actividade Física e do Deporte ou relacionada ca familia das titulacións de carácter deportivo, de ocupación do tempo libre ou do ensino.

10.9. Farase constar a colabora do Concello de Carballo de xeito visible en todo aquelo relacionado ca actividade: información, formularios, equipacións deportivas, etc.

10.10. Por causas debidamente motivadas (que sen excluir outras posibles, fundamentalmente responderán ás características específicas do centro de ensino en canto ó número de alumnos, liñas, e programas deportivos que veñan realizando de xeito tradicional entendidos estos cunha permanencia estable superior a cinco cursos escolares consecutivos), o Concello de Carballo poderá autorizar a modificación dos criterios de creación e composición dos grupos de actividade, duración das sesións, datas de inicio e fin das actividades e a execución das mesmas en instalacións públicas anexas diferentes á do propio centro educativo.

11. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

11.1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Carballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11.2. O prazo de presentación será de 15 días naturais, iniciándose o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, a través da BDNS.

11.3. No caso de que a documentación fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa emenda. Pasado o dito prazo sen que o interesado atenda o requirimento, entenderase que desiste da súa petición.

12. DOCUMENTACIÓN.

12.1. Documentación Xeral da Entidade:

a. Certificación acreditativa dos cargos representativos e domicilio social.

b. Código de identificación fiscal ou número de identificación fiscal (fotocopia compulsada)

c. Número do rexistro no Rexistro municipal de asociacións.

d. Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade solicitante.

e. Certificación orixinal acreditativa do acordo de solicitude e nomeamento do representante para as súas relacións co Concello de Carballo e fotocopia do NIF do mesmo.

f. Declaración de estar ao corrente das obrigas fiscais ca Axencia Tributaria, co Concello de Carballo e coa Seguridade Social.

g. Declaración de non estar incursa a persoa representante e a entidade nas causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da administración pública previstas no art. 13 da Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 novembro.

h. Autorización para que o Concello de Carballo poida obter as certificacións das administracións tributarias correspondentes e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que a entidade está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar os pagamentos das subvencións.

i. Correo electrónico para comunicacións de trámite e requirimento de documentación.

j. Declaración da insuficiencia financieira, se é o caso, para asumir os gastos que se deriven do proxecto subvencionado.

k. Comunicación e solicitude, de autorización ó Concello de Carballo, se é o caso, para contratar con persoas ou entidades vinculadas co solicitante.

l. A documentación xa obrante no poder do Concello de Carballo, e que non sufrira modificacións, poderá excluírse do deber de presentación se así se solicita.

12.2. Documentación específica da subvención:

a. Proxecto da actividade que se vai realizar, e que detallará cada unha das escolas deportivas con expresión do nome da mesma, contido, ciclo ou nivel educativo, prezo ou cota, data de inicio e finalización, nº de sesións totais, horario, lingua utilizada.

b. Orzamento estimado, desglosando os ingresos referentes a cotas propias da actividade, a subvencións, e a outros tipos de ingresos, así como os gastos referentes a persoal, profesionais, materiais e outros imputables directamente á actividade.

c. Importe da subvención solicitada.

d. Certificación da aprobación en Consello Escolar e inclusión no PXA do centro educativo ó que está vinculado o solicitante, ou no seu defecto compromiso de sometelo acordo ó consello escolar máis próximo á presentación da solicitude, asinado polo director do centro, e autorización de uso do espazo deportivo do centro educativo para a realización das escolas deportivas.

13. RESOLUCIÓN: VALORACIÓN DAS SOLICITUDES.

13.1. A selección das peticións e a contia das subvencións determinarase despois da consideración das actividades que se van realizar, resultando a puntuación total de cada proxecto da suma da puntuación obtida por cada unha das escolas deportivas proxectadas, segundo a aplicación dos seguintes criterios obxectivos:

a. Número de escolas deportivas: por cada proxecto de escola deportiva que cumpra os requisitos das presentes bases. (0.9 ptos.)

b. Escolas deportivas con enfoque á promoción da práctica deportiva feminina. (0.05 ptos.)

c. Diversificación da práctica deportiva: modalidades sen implantación no sistema deportivo local; e implantadas en Galicia. (0.05 ptos)

13.2. A suma dos apartados anteriores multiplicarase polo número de sesións programadas de actividade, resultando así a valoración total para cada escola deportiva.

14. RESOLUCIÓN: CONCESIÓN.

14.1. A concesión das subvencións realizarase, mediante un réxime de concorrencia competitiva, e resolverá a Xunta de Goberno Local, logo da proposta motivada da comisión avaliadora correspondente, requirindo informe do Sevizo de Fomento e Programas Deportivos.

14.2. A comisión será nomeada por resolución de Alcaldía, actuando como secretario/a, sen voto, un/unha funcionario/a do Concello de Carballo e estará composta polas seguintes persoas:

Presidencia: Alcalde ou Concelleiro en que delegue.

Vogais: 2 Concelleiros/as da Corporación Municipal.

14.3. A comisión avaliadora, formulará proposta de resolución de concesión, debidamente motivada, que deberá expresar a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía, así como as solicitudes desestimadas, as desistidas e as non admitidas a trámite.

14.4. A resolución do acordo de concesión das axudas farase pública Taboleiro de Anuncios do Concello de Carballo, sito na Casa do Concello, na Praza do Concello, s/n e na Páxina web municipal http://www.carballo.org/deporte/portada.php na data seguinte á da aprobación polo órgano competente.

14.5. O acto de resolución esgota a vía administrativa. De acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Alcalde deste Concello, no temo dun mes a contar dende o día seguinte ó de publicación do acto, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de A Coruña.

15. NOTIFICACIÓNS.

15.1. A resolución notificarase ós interesados propostos como beneficiarios na forma prevista na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

16. PAGAMENTO.

16.1. Debido ás características dos destinatarios e a natureza das iniciativas obxecto das subvencións o pago das mesmas será anticipado, supoñendo entrega de fondos con carácter previo e aboaranse do xeito seguinte: Unha vez publicada a resolución da concesión da subvención, realizarase, un anticipo por cuantía global de 10.000,00 € , correspondendo a cada beneficiario a porcentaxe que a súa subvención representa sobre o total concedido. Iniciado o período de actividades de 2018 os beneficiarios entregarán un informe de progresión da actividade no que se indique o número de participantes efectivamente inscritos, o número de sesións realizadas e declaración de gastos realizados. Ca validación do mesmo polo servizo correspondente, anticiparase a cada beneficiario a cuantía restante ata acadar o oitenta por cento (80%) da subvención concedida. Unha vez xustificada a subvención realizarase o pago do vinte por cento (20 %) restante.

16.2. En base ó previsto no artigo 42 do Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, por tratarse dun procedemento en concorrencia, e dada a natureza das actividades subvencionadas en canto ó seu especial interese social, poderase exonerar da constitución de garantía a aqueles beneficiarios que xustifiquen especiais características mediante declaración da insuficiencia financieira para asumir os gastos que se deriven do proxecto subvencionado.

16.3. O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada polo beneficiario.

17. XUSTIFICACIÓN.

17.1. Prazo de xustificación. O prazo para a xustificación das subvencións rematará o día 30 de xuño de 2018. A documentación xustificativa deberá presentarse no rexistro xeral do concello con destino ó servizo de fomento e programas deportivos, o cal deberá conformar dita xustificación.

Vencido o prazo de xustificación sinalado nestas bases, sen que a entidade presentara a documentación xustificativa, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de quince días dende a notificación.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a renuncia á subvención outorgada, sen prexuízo das responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

17.2. Consideracións xerais.

a. O orzamento subvencionado a xustificar será o importe da subvención concedida, ou no caso de ter outras subvencións ou ingresos propios para o mesmo obxecto que, en concorrencia coa subvención do Concello de Carballo, teñan un importe superior a ese importe, o orzamento subvencionado para xustificar será a suma das subvencións e ingresos.

b. O gasto xustificado documentalmente deberá acadar polo menos, o importe do orzamento subvencionado para xustificar.

c. O importe das subvencións concedidas, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entidades privadas, supere o custo da actividade ou investimento desenvolvido pola entidade beneficiaria.

d. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concurrente de subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

17.3. Documentación Xustificativa:

a. Memoria xustificativa da realización das actividades e investimentos realizados e grao de cumprimento dos obxectivos, que en todo caso incluirá desglosado por cada escola deportiva: nome da mesma, contido, ciclo ou nivel educativo, prezo ou cota, titulación do monitor, data de inicio e finalización, nº de sesións totais celebradas, horario, nº de usuarios inscritos, asistencia media. (O Concello de Carballo, poderá solicitar listados de inscritos, listas de asistencia, documento acreditativo da titulación do monitor, ou calquera outros que procedan ós efectos de comprobar a veracidade da mesma e o cumprimento das condicións esixidas.)

b. Relación clasificada de gastos realizados, asinada polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, e con identificación dos acredores (nome da entidade ou nome e apelidos e CIF ou NIF), dos conceptos de gasto e dos tipos de documentos (nº de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión).

c. Documentos orixinais acreditativos dos gastos realizados (facturas,etc.) debidamente cumprimentados ou fotocopias compulsadas, en cuio caso antes de facer a fotocopia deberá extenderse no orixinal da factura dilixencia de que foi utilizada como xustificante do gasto para a subvención percibida.

d. No caso de que existan gastos de persoal presentarase: Nóminas, boletíns de cotización á seguridade social (TC/1 e TC/2) ou os que os substitúan regulamentariamente e documentos de ingreso na Axencia Tributaria das retencións practicadas en concepto de IRPF.

e. Relación detallada de todos os ingresos de natureza pública ou privada obtidos, das subvencións doutras Administracións Públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto, con indicación do seu importe e procedencia, así como dos ingresos que xere a propia actividade subvencionada, ou, pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto.

f. Declaración do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración do Concello de Carballo en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se faga das actividades subvencionadas así como de utilización da lingua galega nos termos da presente convocatoria.

g. Declaración de non ter pendente de xustificación outra axuda do Concello de Carballo na que xa rematara o prazo para a presentación dos xustificantes.

h. No caso de non lle ter dada a autorización correspondente ó Concello de Carballo, certificación acreditativa de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

i. Acreditación do pago efectivo de cada un dos gastos, meditante utilización, con carácter xeral, de formas de pago a terceiros que poidan ser acreditadas mediante un documento expedido por unha entidade financeira (transferencia bancaria, tarxeta de crédito, tarxeta de débito, cheque ou talón nominativo, etc) no que quede identificado o beneficiario, o importe e a data de pago e ca conformidade suficientemente acreditada do contratista ou proveedor na correspondente factura en caso de pagos en efectivo. Só se utilizará o pago en efectivo por importes ata 300,00 € .

17.4. Tramitación da xustificación

a. Nas facturas deixarase constancia de que foron utilizadas como xustificante da subvención percibida, especificando a súa utilización para a xustificación da subvención da convocatoria correspondente.

b. Unicamente se admitirán xustificantes correspondentes a proxectos de actividades realizados entre o 1 de outubro de 2017 e o 31 de maio de 2018, e as facturas estarán pagadas antes do remate do prazo de xustificación.

c. Para os efectos de xustificar os gastos e coa finalidade de exceptuar o art. 31.2 da Lei xeral de subvencións, entenderase que o gasto está realizado coa achega da documentación sinalada na base 17.3.

Á vista da documentación xustificativa presentada e logo dos informes previos do servizo de deporte e xuventude e despois da súa fiscalización, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades ou investimentos subvencionados e, se a documentación é correcta, procederase ó pagamento da cantidade de subvención pendente de percibir.

d. Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención terase en conta o seguinte:

- No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado para xustificar, aboarase a totalidade da subvención.

- No caso de que se xustifique gasto inferior ao 100% e, polo menos do 50% do orzamento subvencionado para xustificar, aboarase a parte proporcional da subvención. En caso de térselle abonado por anticipo cantidade superior á resultante final a percibir, dará lugar ó procedemento de reintegro correspondente.

- No caso de que se xustifique gasto inferior ao 50% do orzamento subvencionado para xustificar, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha. En caso de térselle abonado cantidades por anticipo, dará lugar ó procedemento de reintegro correspondente.

- No caso de que a documentación fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa enmenda. Pasado o dito prazo sen que o interesado atenda o requirimento, entenderase que desiste da súa petición, ditándose resolución que deberá ser notificada ao beneficiario.

- O Concello de Carballo poderá requirir da entidade beneficiaria a documentación que estime pertinente para os efectos de comprobar o cumprimento da finalidade da subvención.

- No caso de non atoparse ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e teña xustificado o cumprimento das condicións da subvención, advertirase ao beneficiario de que non se procederá ao seu pagamento, agás que xustifique ter regularizado a súa situación tributaria ou social.

18. INCORPORACIÓN Ó REXISTRO PÚBLICO DE SUBVENCIÓNS E PUBLICACIÓN DA SUBVENCIÓN CONCEDIDA.

No cumprimento do disposto no artigo 18.2 da Lei 38/2003, general de subvenciones, e demáis normativa de desarrollo, o Concello de Carballo remitirá a Base de Datos Nacional de Subvenciones información sobre a concesión das subvencións.

Disposición adicional primeira

Para os efectos da salvagarda do dereito das entidades participantes na presente convocatoria á protección dos seus datos de carácter persoal, nos termos dispostos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, faise constar que os datos das subvencións concedidas quedarán incorporados ao Rexistro Público de Subvención.

Disposición adicional segunda

En ningún caso a presente convocatoria xerará dereito ningún a favor das entidades solicitantes mentres tanto non se dean as condicións orzamentarias, procedementais e xurídicas de aplicación.

A participación na convocatoria supón a aceptación das súas bases reguladoras.

Carballo, 11 de outubro de 2017

O Alcalde

D. Evencio Ferrero Rodríguez

2017/8759

Deporte
Escuelas
Deporte
Deporte escolar
Educación
Promoción deportiva
Escuelas Infantiles
Ampas
Alumnado
Actividades extraescolares
Clubes y entidades deportivas
Deportistas y técnicos
Gallego
Formación
Federaciones deportivas
Vehículos
Actividades deportivas
Transporte
Familia